sábado, 9 de noviembre de 2013

En Nebra seguimos coa xunta reitora constituida ilegalmente

Así levamos dende maio e non se ollan perspectivas de que o señor presidente teña a ben restituíla legalidade. Parece que os Estatutos e a Lei de Montes para el son papel mollado.
Faro de Vigo: Moción de censura comuneira en Camos

Un troco de goberno podería por fin mañá ao conflito da comunidade de montes de Camos. Tras meses de loita para anular os resultados das últimas eleccións por consideralas irregulares, un grupo de comuneiros planta cara ao presidente, Rafael Costas, e á súa xunta reitora e convoca unha asemblea avalada pola maioría. Os asistentes decidirán se retiran o apoio ou non á actual directiva. Se o fan, elixirán xa unha nova.

Un goberno cuestionado, acusado de supostas irregularidades para perpetuarse no poder e unha maioría desconforme coa súa xestión e farta das súas manobras. Os ingredientes básicos para unha moción de censura cocíñanse" na comunidade de montes de Camos a lume lento desde hai meses. A receita estará lista mañá domingo. Agora só cabe esperar se resultará do agrado da maioría ou non. A xunta reitora presidida polo madeireiro Rafael Costas, pai da concelleira de Educación e Persoal de Nigrán, desde fai polo menos oito anos enfróntase a unha remoción que podería desaloxalo do goberno. Un total de 95 comuneiros, preto da metade, convocan a asemblea para derrocar á directiva, prevista ás 11.00 no centro cultural da parroquia nigranense.

O conflito orixinouse o pasado febreiro, durante o último proceso electoral. Un grupo de comuneiros constituíu unha candidatura alternativa á de Costas, encabezada por Juan Manuel Vázquez Estévez. Presentaron as súas credenciais ante a mesa electoral o último día do prazo establecido. O presidente da mesa cotexou os datos e asinou a documentación, polo que os aspirantes deron por realizada a xestión "en tempo e forma".

As eleccións estaban previstas o 17 de marzo. Trece días antes, os novos candidatos solicitaron documentos á comunidade para fiscalizar as votacións e garantir a legalidade do proceso. Pero a única resposta que recibiron foi un burofax da avogada da sociedade, que lles negaba os papeis porque a súa candidatura non podía concorrer á cita electoral. A letrada alegaba que a lista non estaba asinada por todos os seus integrantes.

Obstáculos

Contrariados polas "trabas" que se lles interpuñan, os aspirantes trataron de impugnar sen éxito a asemblea das votacións. A única lista que se presentaba era a de Rafael Costas e nin sequera foi votada naquela reunión, na que si se designaron por parte dos comuneiros os vogais por barrios.

A seguinte asemblea, o 27 de xuño, foi tensa. Un dos puntos a debater eran "as incidencias" da anterior convocatoria. Todo acabou nun enfrontamento verbal entre as partes, con denuncias por desorde pública e falsidade documental por parte de Costas cara a membros da lista de Vázquez, aínda que sen resolver o asunto.

Así que os opositores reuniron 95 firmas e solicitaron de novo ao presidente, que consideran "non electo", outro encontro de comuneiros no prazo de dous meses co fin de celebrar unhas eleccións axustadas á legalidade e resolver o problema.

Ante a falta de resposta do máximo responsable da comunidade, os mesmos asinantes convocan agora a asemblea de mañá domingo. Os asistentes deberán decidir se revogan ou non o mandato da actual directiva. No caso de que a proposta saia adiante, elixirán unha nova xunta reitora. Os comuneiros poden presentar candidaturas até o comezo da reunión. Polo momento, só existe unha. A de Juan Manuel Vázquez, que aspira a ser presidente, con Luís Méndez como vicepresidente, Rogelio Igrexas como secretario e Claudio Suárez como tesoureiro.

Este diario tratou de solicitar infructuosamente a versión de Rafael Costas acerca da situación.

No hay comentarios: