sábado, 21 de abril de 2012

Cando a barba do teu veciño vexas afeitar

Plantacion de paulownias
Nota de prensa, 20 de abril de 2012

A XUNTA DE GALICIA ESTÁ A PREPARAR UNHA ORDE, QUE NON ESTÁ EN INFORMACIÓN PÚBLICA PERO Á QUE ADENCO TIVO ACCESO, QUE PERMITE O USO DE GRANDES PLANTACIÓNS DE CULTIVOS ENERXÉTICOS PARA QUEIMAR NAS PLANTAS DE BIOMASA

ADENCO advirte dunha nova ameaza para os montes do Condado: os cultivos enerxéticos para as plantas de biomasa

Continúa a incerteza con respecto á planta de biomasa

Xa hai un ano e tres meses desde a publicación no Diario Oficial de Galicia da información pública do proxecto de planta de biomasa en Ponteareas. Este proxecto, que conta coa oposición social e veciñal e sobre o que existe un acordo plenario unánime de todos os grupos presentes no concello de Ponteareas contra a localización elixida, recibiu múltiples alegacións durante o período de exposición pública. A situación segue sen resolverse por parte da Xunta e o perigo de que a instalación sexa finalmente autorizada segue existindo.

Unha nova ameaza para os montes do Condado: os cultivos enerxéticos

O Grupo Ecoloxista ADENCO considera que a nova regulación que está a deseñar a Xunta de Galicia con respecto aos cultivos enerxéticos é unha gran ameaza para os montes do Condado.

Os cultivos enerxéticos son aqueles cultivos forestais intensivos que teñen como destino final a súa queima para obter enerxía. O borrador da Orde que prepara a Xunta de Galicia permite realizar plantacións intensivas de alta densidade con extensións de ate 100 hectáreas de especies alóctonas e invasoras como paulownias, liquidambar, liodendron ou eucalipto.

Os cultivos enerxéticos precisan de grandes cantidades de abonos, auga e pesticidas, contando tamén con densidades moi elevadas. Esta clase de cultivos resulta moi agresiva co medio debido aos ciclos de corta reducidos de 3 ou 4 anos, degradando o solo e eliminando a súa fertilidade. Por outra banda, os cultivos enerxéticos constitúen un paso máis na perda de biodiversidade dos montes e na desaparición das masas forestais autóctonas.

O Grupo Ecoloxista ADENCO, que ten desenvolvido ao longo destes dous anos múltiples accións informativas sobre o proxecto de planta de biomasa, oporase a calquera intento de realizar plantacións de cultivos enerxéticos na Comarca.

Asinado, Anxo F. Saborido
Presidente do Grupo Ecoloxista ADENCO
Teléfono 666.893.879
Vía Grupo Ecoloxista Adenco

E no blogue da comunidade, pode ver a entrevista de Faro de Vigo a Xosé Alfredo Pereira, o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes.

No hay comentarios: