martes, 17 de julio de 2012

Pulso entre consellerías

El Pais: Hernández veta unha mina que tramita Industria na futura Rede Natura

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas declarou "non ambientalmente viable" a canteira que o departamento de Industria e Economía da Xunta tramita no corazón da Serra do Suído. A mina enclavaríase dentro dunha das zonas elixidas polo propio Goberno autonómico para a ampliación da Rede Natura, actualmente en fase de participación pública.

Aínda que a decisión final recae en Industria, departamento que dirixe Javier Guerra, o informe desfavorable de Medio Ambiente resulta determinante para que se free a explotación, que comezou o seu periplo administrativo na época Fraga. Como publicou EL PAÍS o pasado 1 de febreiro, o gabinete de Guerra está a tramitar esta canteira, promovida pola empresa David Fernández Investroc SL, no interior do futuro Lugar de Interese Comunitario (LIC) Serra do Suído. O Plan Director da Rede Natura, tamén en exposición pública, veta de maneira tallante, xunto cos parques eólicos, as minas ao descuberto nestes espazos de máxima protección. Considera que teñen un "impacto paisaxístico crítico" e que levan "mínimas posibilidades de restauración a curto ou medio prazo". O proxecto desatou as críticas de veciños e ecoloxistas.

O ditame desfavorable elaborado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, datado o 11 de xuño, remítese ao Plan Director, e lembra que este exclúe os aproveitamentos mineiros no interior da rede.

A única excepción é que a actividade sexa anterior á declaración do espazo como Lugar de Interese Comunitario, polo que, dado que esta aínda non se fixo efectiva, cabería esa posibilidade. Con todo, Medio Ambiente optou por ter en conta que a Serra do Suído podería ser Rede Natura en cuestión de semanas. Iso si, deixa aberta unha vía no caso de que, finalmente, a zona non entre na ampliación. "Esta medida cautelar sería revogada no suposto de non materializarse a incorporación do citado espazo na Rede Natura 2000", finaliza o informe.

Así, Conservación da Natureza non entra nos valores ecolóxicos que poría en risco a canteira, simplemente remítese á directiva europea sobre hábitats na que se establecen as pautas xerais de conservación. Neste sentido, lembra que os plans e proxectos que afecten a Rede Natura, en caso de non estar relacionados coa seguridade pública ou coa protección do medio ambiente, só poden executarse se comparecen "razóns imperioso de interese público de primeira orde". Enténdese que, neste caso, a consellería non aprecia tal relevancia.

No entanto, a Cámara Oficial Mineira de Galicia, habitual nas alegacións aos proxectos das distintas administracións, incide en que a normativa europea é contraria aos vetos xenéricos, como o que a Xunta impón ás canteiras ao descuberto. Apóianse nunha guía da propia Comisión Europea na que se afirma que a Rede Natura "non establece ningunha exclusión automática de actividades extractivas enerxéticas". Deste xeito, a Cámara, en sintonía con ese texto emanado da Comisión Europea, avoga por que se estude caso por caso para determinar cando a actividade mineira é compatible coa contorna.

A mina vetada é a explotación granitera Longo, impulsada por David Fernández Grande Investroc SL e situada no límite entre os municipios pontevedreses de Fornelos de Montes e Covelo. Comezou o seu percorrido administrativo en 2003, cando solicitou o permiso de investigación.

O plácet para realizar as catas e as probas que determinen se a actividade é viable chegoulle xa coa Xunta bipartita, en abril de 2006. Con todo, nada máis se soubo dela ata que, a través dunha orde do 4 de agosto de 2011, sacouse a información pública o proxecto, a correspondente declaración de impacto ambiental e o plan de restauración.

Esta empresa, con sede en Vigo, durante os meses finais do Goberno Fraga solicitou até 13 permisos de investigación nesta zona de Pontevedra lindeira con Ourense. Doce deles están datados o mesmo día, 22 de febreiro de 2005. Co Executivo en funcións autorizáronse catro desas peticións, unha delas tamén acaba de ser rexeitada pola Xunta

Patrimonio bloquea outra explotación da mesma firma

Xunto coa canteira entre Fornelos e Covelo que afectaría á ampliación prevista da Rede Natura, o Goberno galego tamén tombou, tres días despois, outra explotación na mesma Serra do Suido promovida pola mesma empresa, David Fernández Grande Investroc. Neste caso a canteira situaríase algo máis ao norte, no municipio de Cotobade, fóra de espazos xa protexidos ou que o vaian a estar no futuro. Pero aquí é o departamento Patrimonio o que emitiu un informe "desfavorable" pola existencia dun xacemento arqueolóxico.

Na zona, denominada Coto da Torre, consérvanse os restos derruídos dunha fortificación medieval, que contan con protección nas normas urbanísticas municipais e foron catalogados pola Universidade de Santiago. A empresa promotora variou o seu proxecto cando tivo coñecemento da existencia dese xacemento. Pero aínda así a súa proposta contempla que a zona de explotación da canteira invadiría en 100 metros o ámbito de protección do xacemento que se estende 200 metros ao seu ao redor. Por iso Patrimonio considera que tería un impacto "severo" e rexéitao.

Do mesmo xeito que pasou coa canteira entre Fornelos e Covelo, este proxecto tamén cultivou unha importante oposición veciñal. No proceso de avaliación do seu impacto ambiental e patrimonial presentaron alegacións o propio alcalde de Cotobade, a mancomunidade de montes do municipio e catro comunidades de montes particulares, dúas comunidades de augas, dúas asociacións de veciños, dúas asociacións de cazadores, unha asociación cultural e unha empresa eólica. A pesar do seu rexeitamento e ao informe negativo de Patrimonio, que por agora bloquea o proxecto, a Xunta deixa aberta a porta a volver estudalo "no caso de que se produza algunha modificación substantiva".
No tema de canteiras estamos máis que vendidos por uns e por outros. Pouca diferenza, por non dicir ningunha, atopo entre eles.
Querían e queren acabar con este paraíso
A Xunta xustifica as canteiras de O Courel denunciadas por Bruxelas

No hay comentarios: