martes, 15 de abril de 2014

«A flora de "Os eidos"»

La Voz de Galicia: Un percorrido polos bosques do Courel da man de Novoneyra

O libro «A flora de "Os eidos"», de Javier Guitián, sae esta semana á venda

Para hoxe está prevista a saída ao mercado do libro A flora de 'Os eidos', unha peculiar combinación de guía botánica e antoloxía poética preparada polo biólogo Javier Guitián Rivera que xira arredor dos poemas de Uxío Novoneyra e da sua estreita relación co patrimonio natural da Serra do Courel. A obra consiste basicamente nunha recopilación comentada dos textos do poeta nos que se mencionan especies e hábitats vexetais característicos da zona.

O libro contén referencias a medio centenar de especies de plantas e árbores da serra extraídas da obra máis coñecida de Novoneyra, que é tamén a máis directamente relacionadoa coas paisaxes do Courel. A nova publicación reproduce todos os poemas que mencionan a flora courelá, acompañados de imaxes fotográficas realizadas por José Luis Martínez Villar e descricións botánicas de cada unha das especies e dos hábitats mencionados polo escritor. Segundo explica Guitián, as fichas descritivas son máis numerosas que as referencias tiradas dos poemas de Novoneyra, xa que en diversos casos non se pode saber de que especie concreta se trata. «Por exemplo, hai poemas de falan de carballos, pero na Serra do Courel hai varias especies diferentes de carballo e o autor non aclarou a cal delas podía referirse», sinala o biólogo. Sucede o mesmo con outras variedades, como os salgueiros e as mapoulas. Neses casos, Guitián optou por ofrecer descricións das diferentes especies ás que poden aludir os poemas.

A obra indica ademais as paraxes da serra onde poden verse actualmente todas as especies que figuran nos textos poéticos de Novoneyra e inclúe unha introdución na que se describe dunha forma xeral o medio natural e as distintas comunidades vexetais da zona.

Coñecemento profundo

Guitián considera por outra parte que o seu libro é o primeiro estudo deste tipo que se dedica non só á obra de Uxío Novoneyra, senón tamén a calquera escritor galego. «Polo menos eu non coñezo ningún outro traballo que se dedique a analizar desde unha perspectiva a presenza da flora autóctona nas obras dun autor de lingua galega», apunta. A poesía de Novoneyra -agrega o biólogo- é particularmente interesante neste aspecto. «Que eu saiba, ningún outro autor galego mencionou tantas especies vexetais nin mostrou un coñecemento tan extenso e profundo da flora, e penso que esa é precisamente unha das grandes riquezas da obra de Novoneyra», comenta.

No hay comentarios: