jueves, 19 de julio de 2012

Construír pendellos no monte?

A verdade é que cando estes políticos se poñen a lexislar é para tremerlles, e non, non falo dos recortes que estamos a sufrir nos nosos dereitos ou na suba do IVE que nos vai caer, aprobada por quen estando na oposición puxo o grito no ceo cando outros o subiron antes. Madrid quédanos moi lonxe e aínda que isto nos afecte a todos, aquí falo dos da Xunta.

 Poida que pouco a pouco os gandeiros teñánse que ir adaptando á implantación do chip nos cabalos, malo que a maioría non o faga porque entón apaga e vamos. Particularmente non concibo o Barbanza sen eles. Como xa manifestei por boca dalgúns gandeiros, que senso ten implantalo en animais que o seu destino final será o matadoiro? Dende logo ningún, pero vindo dos apoltronados nun despacho, que se pode agardar? Non debemos esquecer, eu dende logo non o fago, que a súa implantación xa fora aprobada polo bipartito.

No tocante aos peches é verdade que aínda que non nos gusten, temos que acostumarnos a eles, non tanto porque os animais malogren uns arbores, se non que, pola súa irrupción na estrada e á proliferación de coches, son un perigo. Antes non había peches e as repoboacións da forestal foron avante, obrigando iso si, aos veciños a desfacerse de ovellas e cabras.

Pero o que me parece, asumindo tamén as teses dos gandeiros, un despropósito que os obriguen a enchelo monte de pendellos, esquecéndose que os cabalos do monte son iso, animais salvaxes, aínda que igual o sexan menos que os que buscan a súa desaparición.
Faro de Vigo: O decreto sobre reses mostrencas da Xunta provoca a suspensión dos primeiros curros

Os gandeiros que crían reses mostrencas en réxime de semilibertad nos montes da comarca meditaban desde hai meses se celebrar ou non os tradicionais curros ou "rapas das bestas" ante as esixencias da Xunta para manter este gando, entre elas a de identificalo cun microchip. O pasado 6 de xullo o DOG publicaba o decreto que regulaba a identificación e ordenación sanitaria destas reses e a norma de Medio Rural non foi ben acollida entre moitos dos gandeiros. De feito, o decreto provocou xa a suspensión dun dos tradicionais curros que se celebran na comarca, o de Cuspedriños, en Cotobade, e ameaza con facer o mesmo co de Monte Castrove, na Escusa, Poio. O terceiro dos curros da comarca, e un dos de maior tirón na provincia, o de Amil, si que se celebrará este próximo fin de semana no pasteiro das Brañas a pesar desta medida.

O de Cuspedriños non é o primeiro curro que se suspende ante as condicións que se pretende impor aos gandeiros que practican esta modalidade de cría extensiva. No curro da Valga, na serra da Groba (Oia), os gandeiros xa se plantaron o pasado mes de maio en protesta contra a normativa aprobada por Medio Rural.

Daniel Fraguas, membro da Asociación Cabalar Monte Castelo, en Cotobade, explica que a suspensión do curro obedece principalmente a dúas razóns. A primeira, do mesmo xeito que en Oia, escenificar unha protesta contra o decreto aprobado pola Xunta. A segunda, e quizais a principal, é que esta modalidade de gandaría que practican non tería sentido de aplicarse a normativa que acaba de aprobar o executivo autonómico. "Non só se nos obriga a implantar o microchip, senón que temos que pechar o monte e esíxesenos construír un pendello no monte para gardar as reses, ademais dun seguro a terceiros e chegar a un acordo coas comunidades de montes para que autoricen os terreos como de pastoreo". Demasiadas esixencias para unha actividade que "apenas xera beneficios" e que se conserva máis como unha tradición que como un negocio. Fraguas explica que cuestións como a identificación dos animais mediante chip ou o peche dalgúns terreos mesmo poden ser asumibles e factibles se se lles apoiase economicamente, pero que esixencias "como a construción dun pendello para os cabalos no medio do monte non ten sentido, sería unha estupidez xa que deixaría de ser unha gandaría extensiva en réxime de semiliberdade para converterse nunha explotación como outra calquera".

Fraguas adianta que isto levará a moitos gandeiros a abandonar esta práctica ao ser insustentable. "Estamos de acordo en que é necesario afrontar os danos que provocan os animais e en identificalos co microchip, pero sería necesario que nos desen facilidades". Sen ir máis lonxe explica que "chipear" unha res mostrenca ten un custo de 35 euros cando o valor de venda dun poldro é duns 100 euros. Por contra, identificar a un tenreiro custa 3 euros e o seu valor en venda é duns 500 euros.

A Asociación Cabalar Monte Acibal comparte esta oposición ao decreto pero os gandeiros decidiron celebrar igualmente este fin de semana a tradicional "baixada das bestas" en Amil. Será o sábado e o domingo, cando reúnan a preto de 300 reses no pasteiro das Brañas. Este colectivo tamén meditou suspender o curro, pero finalmente decidiuse celebralo ante a gran tradición que ten este curro. Con todo, o seu presidente, Luís Calvo, explicou que se as esixencias aos gandeiros seguen sendo cada vez maiores "ao final haberá moita xente que acabe por abandonar todo". O sábado celébrase o primeiro dos curros desta "rapa", entre as 19.30 e as 21.30; e o domingo terá lugar o segundo, entre as 17 e as 20 horas.

Na comarca hai un terceiro curro cuxa celebración tamén pende dun fío que é o da Escusa, en Poio. E é que a asociación de Criadores de Cabalos do Monte Castrove anunciou que se a Xunta non relaxa a presión sobre os gandeiros a festa que se celebra o primeiro domingo despois do 15 de agosto podería non ter lugar este ano. Alí reuníanse 300 reses que se crían nos concellos de Poio, Meis, Ribadumia e Pontevedra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.