domingo, 2 de marzo de 2014

Circular 2/2014

ORGACCMM: Estimado/a Presidente/a da comunidade de montes:

Logo da Asemblea Xeral Ordinaria da ORGACCMM celebrada o día 8 de febreiro de 2014 en Lugo, enviámosvos a seguinte información:

Reinvestimento obrigado en montes veciñais:

Ao igual que o ano pasado, as xefaturas territoriais da Consellaría do Medio Rural e do Mar, enviaron ás comunidades de montes unha comunicación indicándolle que, antes de finalizar o primeiro semestre do ano se lle comunique o investimento do 40% en melloras no monte. E, coma o ano pasado, esta comunicación é errónea e arbitraria, porque o mesmo artigo da Lei de Montes de Galicia que fala do tema, di que o procedemento e a verificación terá que desenvolverse mediante Orde da Consellaría, e esta Orde non está promulgada. Esta comunicación das xefaturas territoriais non ten outro obxectivo que sacarlle axudas ás comunidades de montes para darllas ás asociacións amigas e as empresas forestais.

Acompañamos a esta circular unha carta que podedes enviar ás xefaturas territoriais antes do 30 de xuño, ou despois de ter aprobado o balance das vosas contas en asemblea xeral.

Montes consorciados e/ou conveniados.

As contestacións que ven dando a Consellaría de Medio Rural e do Mar ás comunidades de montes que solicitaron información acerca dos consorcios e convenios, veñen a demostrar que as contas dos mesmos non son reais, e que se incumpriron moitas cláusulas dos convenios e /ou consorcios. Por tal motivo, acordouse solicitar unha reunión coa Consellaría de Medio Rural e do Mar para que a Xunta de Galicia habilite nos orzamentos do 2015 unha partida destinada á condonación da chamada “débeda” dos montes veciñais.

Mentres tanto, compre que as comunidades de montes con consorcio e/ou convenio, sigan solicitando da Consellaría de Medio Rural e do Mar a documentación dos mesmos.

Cota para o ano 2014.

Na Asemblea Xeral da ORGACCMM tomouse o acordo de que a cota anual para o 2014 sexa de 150 euros. Este pagamento podedes domicilialo ou ingresalo na conta da ORGACCMM (ES64 2080 5072 70 6430 4000 6296). O ingreso hai que facelo nos 3 próximos meses.

Elección da nova Xunta Reitora da ORGACCMM.

Acordouse convocar Asemblea Xeral Extraordinaria da ORGACCMM para a elección da nova Xunta Reitora, para o sábado día 10 de maio de 2014 ás 19:00 horas no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo.

O prazo para a presentación de candidaturas remata o día 8 de abril de 2014.

Para a formalización das candidaturas, hai que envialas dirixidas á secretaria da Mesa Electoral, ao seguinte enderezo postal: ORGACCMM, Estrada Xeral de Valadares nº 261-36315 (Vigo) Pontevedra

Actividades sociais, recreativas e/ou culturais das Comunidades de montes para dar a coñecer o monte veciñal.

Diversas comunidades de montes enviaron á nosa organización un listado das actividades de carácter social, recreativo, lúdico, cultural, etcétera, que levan a cabo para dar a coñecer os seus montes veciñais á sociedade.

Se queredes unha copia das mesmas, non tedes máis que solicitárnola.

Recibide un afectuoso saúdo.

O PRESIDENTE

D. XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTINEZ

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.