jueves, 11 de noviembre de 2010

Cinco anos despois...

Foto: La Voz de Galicia
Hoxe toca facerse eco dun ambicioso proxecto que se nos presentou en Boiro ás comunidades de montes, pero que tamén amosaba moitas dúbidas. A raíz do gran incendio que afectou este ano a Boiro, alguén volveu a lembrarse desa idea, como cando trona, acordámonos de Santa Bárbara.

Cinco anos despois o único certo é que os montes do Barbanza arderon cada ano polas catro esquinas, especialmente no nefasto 2006, levando por diante miles de arbores, moito traballo, diñeiro e os soños de moitos comuneiros e comuneiras que toda vida estivemos aí dando o callo. Mentres Europa siga mandándonos fondos, agora parece que máis aló do 2013, parece que isto non trocará e aí estaremos enterrándoos no monte, para que máis tarde ou cedo, todo sexa pasto do lume, porque as medidas preventivas ou ben nonas hai ou son nulas.
Técnicos da empresa Siemens desprazáronse onte a Boiro para dar a coñecer os resultados do estudo que elaboraron co fin determinar a viabilidade de pór en marcha un central de biomasa en Barbanza. Os representantes da multinacional confirmaron que o volume de masa forestal existente na comarca e a súa calidade fan factible instalar a planta. Iso si, recoñeceron que para que o proxecto sexa unha realidade é necesario contar antes cun informe financeiro, posto que o investimento a realizar sitúase ao redor dos dez millóns de euros.

Siemens elaborou o estudo de viabilidade tomando como referencia os datos relativos aos municipios de Boiro e Lousame, únicos concellos que, segundo os técnicos, facilitáronlles a información solicitada. Os representantes da empresa confirmaron que os montes destes dous termos poden producir unhas setenta mil toneladas de biomasa anuais, o que permitirá pór en funcionamento unha central que xere uns cinco megawatts de enerxía eléctrica.

O responsable de enerxías renovables da división de industria de Siemens, José Luis Morente, comentou que esta produción aumentará notablemente cando se inclúan no informe os datos relativos ao resto de municipios de Barbanza. O obxectivo é incluír no proxecto aos termos de Porto do Son, A Pobra, Noia, Ribeira e Rianxo.

Durante a reunión, á que acudiron representantes de diversas comunidades de montes, os técnicos da multinacional deron a coñecer algúns datos relativos aos postos de traballo que pode xerar a instalación da central. Así, explicaron que sería necesario contratar entre 15 e 20 persoas para o transporte, a manipulación e o almacenamento da biomasa. Tamén comentaron que poderían xerarse outros tantos empregos indirectos.

En canto á localización da planta, os técnicos de Siemens sinalaron que, segundo os datos que teñen na actualidade, a mellor localización é entre o norte e o oeste do municipio de Boiro. A pesar diso, manifestaron que para elixir o emprazamento definitivo será necesario ter en conta datos como a existencia de boas comunicacións, de servizo de abastecemento de auga e de liñas de alta e media tensión.

A pesar de que o estudo realizado revela que a posta en marcha da central de biomasa é viable, os técnicos de Siemens destacaron que a execución deste proxecto dependerá da implicación dos comuneiros e das Administracións.

De momento, o Concello de Boiro xa se mostrou disposto a apoiar a iniciativa. Concedeu unha subvención para a realización do estudo de viabilidade e onte os seus responsables confirmaron que están dispostos a seguir colaborando. O rexedor, Xosé Deira, manifestou que a rendibilidade da central de biomasa é un feito: «Independentemente dous cartos que xenere, contribuirá a coidar ou medio ambiente, a crear postos de traballo e a diversificar as fontes de enerxía».

O concelleiro Juan Jesús Ares coincidiu con estas afirmacións e destacou que o importante deste tipo de instalacións é que garanten a limpeza dos montes, o que axuda a previr incendios.
Fonte: La Voz de Galicia

Ramón Calo - Foto: La Voz de Galicia
«A nosa ganancia é que vos montes estean limpos»

A idea de instalar unha central de biomasa en Barbanza xurdiu do presidente da comunidade de montes de Insuachán, Ramón Calo. Hai 14 anos viu como quedaban calcinadas máis de oitenta hectáreas de monte e decidiu que había que tomar cartas no asunto.

El cre que, para os comuneiros, a rendibilidade deste proxecto está garantida: «Non podemos achegar cartos, pero tampouco buscamos beneficios. A nosa ganancia é que os montes estean limpos, xa que así reducirase ou número de incendios».
Aprenderemos algún días dos erros cometidos?.

Fonte: La Voz de Galicia

No hay comentarios: