|
Foto: La Voz de Galicia |
Con esta xa son tres entradas facéndome eco das matanzas de cabalos que viven en liberdade nos nosos montes. Ante este tipo de xente sen máis argumentos que morte e destrución, pouco máis se pode dicir.
Coido que a Xunta de Galicia neste espiñoso asunto ten moito que dicir e facer, como é investigar quenes son os culpables e aceleralos trámites para a colocación do tan ansiado microchip. Así esta cabana podería estar mellor controlada e saberíase no momento quen é o propietario, algo que xa fixeron na Comunidade de Montes de Baroña, segundo informaron
aquí.
|
Foto: Certo |
INVESTIGACIÓN: A matanza salvaxe de cabalos
Represalias polos danos que os equinos causan nas leiras agrícolas poden estar detrás das reses abatidas a tiros e brutalmente acoiteladas en montes de Pontevedra.
Febreiro do 2008. Oito cabalos aparecen brutalmente acoitelados nun monte de Couso, en Campo Lameiro. Marzo do 2009. A matanza doutras oito reses repítese neste municipio pontevedrés, agora en Cimadevila. Outubro do 2009. Tres eguas son localizadas con feridas de escopeta no monte Xiabre, en Caldas de Reis. Novembro do 2010. Atopan dúas eguas abatidas a tiros en Cuntis e investígase a morte duns 25 cabalos, tamén tiroteados, en montes de Cotobade. Son só cinco exemplos recentes de sucesos relacionados con equinos salvaxes en montes da comarca de Pontevedra. Pero, ¿que motivacións hai detrás destes actos salvaxes e quen os protagoniza?
Fontes consultadas por La Voz decántanse sen apenas dúbidas polo móbil económico. Veciños que teñen leiras agrícolas e animais e que están fartos de que os cabalos entren nas súas propiedades privadas en busca de comida e arrasen con todo. «Salvo que reteñan aos animais, como pasou en Caldas ou en Poio, é moi raro que os donos recoñezan que os cabalos son seus e se fagan cargo das desfeitas», explicou onte un axente da Garda Civil que tamén incide no grave problema para a seguridade viaria que supoñen estes equinos.
O que adoita suceder é que, a pesar das denuncias e as investigacións abertas, case nunca se acha aos responsables das mortes a tiros ou a coiteladas. Especialmente rechamante foi o caso de Campo Lameiro do 2009, onde os cabalos foron primeiro acurralados nun camiño e logo acoitelados. A pesar da brutal escena, ninguén viu nin oíu nada. «Falouse con moitos veciños, pero foi como Fuenteovejuna-todos-a-unha», recoñece un garda civil que participou naquelas indagacións.
No caso máis recente, o de Cotobade, en que morreron 25 exemplares, a asociación cabalar Monte Castelo confía en que as pescudas que ten en marcha o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) do instituto armado dean resultados «porque esta vez foron moitos animais, e xa están ben, alguén ten que dar a cara por isto». Santiago Souto tamén é partidario da tese da motivación económica, descartando outras causas como vinganzas veciñais ou a acción de cazadores: «Ten que ser xente que ten animais, ao mellor vacas, e que o fai porque os cabalos lle comen ou pasto». O colectivo que cada verán organiza a rapa das bestas de Cuspedriños (San Xurxo de Sacos) pediu onte que antes de que alguén se tome a xustiza pola súa man diríxase á asociación: «Os animais non teñen culpa e ademais fan moita falta non monte».
A primeira denuncia ante a Garda Civil polo caso de Cotobade presentouse o 27 de outubro. Un veciño, José Amoedo Troitiño, perdeu quince equinos. «Case outros tantos apareceron mortos tamén, e as bestas seguen faltando, entre elas, poldros de seis ou sete meses -explicou Souto-. Todos os anos por estas datas pasan estas cousas, pero nunca tantos».
Se os animais teñen dono, é este quen ten que facerse cargo da retirada dos cadáveres do monte para evitar un problema de saúde pública. Se non é así, corresponde ao concello a tarefa, que debe realizar unha empresa autorizada. En Cotobade, o concello procedeu á retirada de varios cabalos, aínda que a asociación cabalar Monte Acibal indicou que teñen un seguro.
Fontes da Comandancia de Pontevedra sinalaron onte que o Seprona está a investigar o suceso, pero de momento non hai avances destacables. Tampouco deu resultado a denuncia interposta pola asociación estradense Rapa dás Bestas de Sabucedo polas dúas eguas que apareceron abatidas a tiros na aldea de Vilar de Mato, en Cuntis. Para este colectivo, foi un «asasinato en toda regra».
No hay comentarios:
Publicar un comentario