viernes, 11 de mayo de 2012

Algunhas directivas e comuneiros si fan os deberes


Concordo plenamente coa opción que propón a mancomunidade de Monte Castrove para evitar que aquela xente que non se sinta identificada co monte e mesmo coa parroquia, non poidan adquirila categoría de comuneiro. En Nebra temos varios casos de "casas abertas" que xamais acudiron a unha asemblea e seguen dadas de alta no censo, dándose o paradoxo de que a min, por crítico, si me quixeron expulsar. E de directivo, expulsáronme dúas veces.

Tamén e certo e niso a Lei coido que é inflexible e os nosos Estatutos tamén, que para poder ser comuneiro é preciso residir nove meses na parroquia, vivir fora a maior parte do ano non lle da dereito a ningún veciño a ser considerado como tal. Por iso esta xente que fixou a súa residencia en Nebra, foi considerada por amizade dalgúns directivos coma comuneiros, mentres que comuneiros de "toda vida", como polo visto non foron falar con eles, déronnos de baixa.

Onde no teño tan claro é na porcentaxe que se debe reinvestir no monte, o 15% sempre me pareceu unha nimiedade e avoguei por reformalos estatutos e aumentar esa cantidade. De feito pódese facer, porque a lei marca ese 15% como mínimo, o que non poderíamos facer e rebaixalo. Mais no caso de que unha comunidade, por mor do lume, en 15 anos non puidese obter beneficios, supoño que sería factible que a lei nese caso fixera unha excepción. De feito faise en moitos outros eidos. Particularmente avogaría por aumentalo a un 50%, considerando que o monte "non falo de comunidades que teñan outro tipo de ingresos" é o que aporta o 100% dos beneficios, ben pode recibila metade. Con esa porcentaxe unha comunidade ben xestionada, pode manter varios postos de traballo entres os seus veciños, outra cousa é que se fagan as cousas ao tun-tun, como se fixeron aquí.

Futura lei de montes. Aí temos outros exemplo de transparencia e implicación dos comuneiros no monte e nesa futura lei. Ao contrario que alí, aquí nin pinchamos, nin cortamos, porque non se nos convocou para nada relacionado con ela e que polo que leo de ela, vai a supor un antes e un despois na relación comuneiro-monte.

No tema da caza outro tanto, onde se viu que os propietarios dun ben, neste caso lease monte, poderíanse poñer outros exemplos, non poidan ter poder de participación e decisión en algo tan transcendental no futuro da súa propiedade?
Propoñen retiralo status de comuneiro ao que non resida, aínda que teña "casa aberta"

A directiva da mancomunidade de Monte Castrove expón a necesidade de endurecer os requisitos que se esixen para ser membro dunha destas entidades de propiedade colectiva do monte, entre outras suprimir a referencia a "casa aberta" que recolle o Dereito galego. A directiva acordou na súa última reunión solicitar á Xunta a redacción dunha nova lei de montes veciñais en man común, pois a actual é de 1989 e entenden que se quedou obsoleta en moitos aspectos.

O presidente da Mancomunidade, Claudio Quintillán expón por exemplo a necesidade de mellorar a organización e xestión interna dos colectivos, cambiando desde as normas de asistencia mínima necesaria para celebrar unha asemblea, ata as condicións requiridas para ter a consideración de comuneiro. A lei de 1989 expón que o aspirante debe ter "casa aberta" na parroquia da comunidade "antigamente pedíase que botase fume, como proba irrefutable de que estaba habitada" e actividade relacionada co monte.

Pero a realidade social trocou moito nas últimas décadas, e Quintillán avoga por endurecelos requisitos para ser comuneiro. "Podemos atoparnos co caso de que unha persoa que vive fora da parroquia a maior parte do ano e que por tanto só interésalle obter un ingreso pola venda de madeira, poida frear co seu voto os proxectos de explotación gandeira ou agrícola a longo prazo da xente que si vive na parroquia".

Por iso, os comuneiros expoñen un articulado máis concreto, de modo que se garanta que o monte sirva para o desenvolvemento rural", apostila Quintillán.

Lei de montes
Na reunión da directiva falouse tamén da lei de montes na que está a traballar a Consellería do Medio Rural e do Mar e que se debateu hai uns días no Parlamento autonómico. A agrupación de comunidades de Castrove -que integra unha ducia de entidades do sur do Salnés e da zona de Pontevedra- presentará alegacións, aínda que serán sometidas ao parecer da asemblea xeral de comuneiros que terá hoxe ás 20,30 horas en Armenteira.

Quintillán avanza algúns dos aspectos do documento que na súa opinión deberían ser matizados. Así por exemplo, a Xunta prevé incrementar a porcentaxe dos beneficios que as comunidades están obrigadas a reinvestir no monte. Na actualidade esa porcentaxe é do 15 por cento, pero o departamento que dirixe Rosa Quintana quere subilo ao 40. O presidente dos comuneiros do Castrove asume que a formulación é boa, pero opina que "habería que ter en conta o plan de investimentos e de viabilidade de cada comunidade". Así, Quintillán expón o caso dunha comunidade que se quedou sen madeira por culpa dos incendios, o que implica que non disporía de beneficios até dentro duns 15 anos, cando se poidan talar as árbores plantadas tras a queima. Así as cousas, esa comunidade non podería investir durante un longo período de tempo. Como solución, suxire que a Xunta permita aos propietarios repartir entre varios anos o investimento dos beneficios.

Os conflitos de lindes quedan sen árbitro
Outro "problema" que aprecia o representante dos comuneiros do Castrove é que a Xunta pretende desligarse da resolución dos conflitos por lindes, nos que ata agora actuaba como árbitro. A normativa que está a debate no Parlamento autonómico sinala que o arranxo destas discrepancias debe correr de parte dos particulares e as comunidades, e Claudio Quintillán teme que ao non haber arbitraxe público dispárense os litixios e os gastos xudiciais para tentar resolvelos.

Así mesmo, a administración autonómica traballa no borrador dunha nova lei de caza, que tamén afecta os xestores do monte. Neste sentido, a directiva da Mancomunidade do Castrove apunta que o borrador contempla que os propietarios o único que terán que facer é cedelos terreos a un Tecor (sociedade de caza), pero que non participarán na xestión do recurso cinexético. Quintillán opina que é necesario cambiar este punto.

Na reunión desta semana da directiva da Mancomunidade de comunidades de montes en man común do Castrove tamén se aprobou urxir á Xunta a redacción do plan de ordenación do gando salvaxe, que a administración autonómica prometeu fai un ano e catro meses. E falouse da planta de biomasa prevista en San Lourenzo de Nogueira, que será un dos temas estrela da asemblea xeral desta tarde en Armenteira.

Hoxe falarase tamén dos cultivos enerxéticos e da redución da franxa de seguridade ás vivendas.

Fonte orixinal: Faro de Vigo

No hay comentarios: