martes, 15 de enero de 2013

Titularidade comunitaria


Titularidade veciñal ou comunitaria


Os montes veciñais son unha titularidade especial con características de indivisibles, inalienables, imprescritibles e inembargables. Non son unha titularidade pública, nin unha titularidade privada, senón unha titularidade veciñal e colectiva denominada titularidade comunitaria, tal e como a definen os nosos veciños portugueses.

A diferenza entre titularidade veciñal ou comunitaria e a titularidade privada semella clara. Definimos como titularidade veciñal aquela na que a propiedade e o aproveitamento pertencen a unha comunidade veciñal, á veciñanza, entendendo esta como un grupo social sedentario que habita un espazo. Así, as comunidades de montes son a estructura organizativa pola cal ese grupo so­cial xestiona o aproveitamento dos recursos dos que son titulares.

Independentemente das orixes desta titularidade singular, definida polos nosos veciños portugueses como de titularidade comunitaria, identificamos o monte veciñal como soporte do complexo agro-gandeiro de Galicia durante moitos de anos. Moitas actividades de ambos modos de produción historicamente estiveron fortemente marcados polo comunitarismo.

A titularidade colectiva como modelo de xestión da ORGACCMM
A premio Nobel de economía do ano 2009, Elinor Ostrom, manifesta que a titularidade colectiva garante unha mellor xestión dos seus recursos, de cumprírense as seguintes premisas:

1- O recurso debe estar claramente delimitado.

2- A comunidade que o xestiona debe establecer uns criterios de obrigado cumprimento, de xeito que non haxa posibilidades de que ninguén rache as regras, e se as incumpre debe ser criticado.

3- A comunidade debe ser estable con fortes vencellos entre os seus membros.

Este modelo de xestión vén sendo defendido por un grupo de comunidades de montes que se xuntaron no ano 1997 no “I Congre­so Galego de Comunidades de Montes”, dando orixe ao nacemento da ORGACCMM, que desde aquela está loitando de xeito organizado por:

1- Defender a titularidade veciñal.

2- Considerar como aproveitamentos todos aqueles que se dan no monte.

3- Fortalecer a relación monte-veciñanza e o orgullo de ser veciño/a comuneiro/a.


No hay comentarios: