Monte de Nebra ocupado polo Ministerio de Defensa |
La Voz de Galicia: Carlos Morgade da Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM): O monte veciñal non é público
As terras veciñais son unhas posesións ao servizo dos seus titulares, os veciños da parroquia. Teñen vocación de permanencia, polo que a tradición -e despois as leis- os deixou libres do mercado dos bens. Por iso son imprescritibles, inembargables e non se poden allear. A devolución destes montes foi un acto de xustiza e lexitimidade, reparando a usurpación sufrida 40 anos atrás. Os cedidos irregularmente polos concellos a outras administracións quedaron fóra do proceso, mantendo a usurpación e condenando aos veciños a acudir aos tribunais. Porque estes montes nunca foron públicos, senón dos seus titulares.
Defensa obtivo cuantiosos recursos vendendo terreos que non precisaba, a pesar de que moitos deles foron cedidos polos concellos e deberían reverter nos mesmos. Así pasou aquí co cuartel da Maestranza, hoxe Belas Artes, que o Concello recuperou tras pagar unha gran suma. Por iso, cando os terreos da Brilat non foran útiles ao Exército, serían tamén vendidos. Algúns lamentan a devolución dos montes aos veciños e quere equiparalos cos terreos públicos, a pesar de que a lei os cataloga dentro dos privados. Os maiores defensores da propiedade privada aproban arreo textos legais con obrigas e condicións para eles, que non impoñen aos montes particulares.
Os mesmos que antes negaban os dereitos dos veciños, agora pídenlle que sexan razoables. ¿Quen paga por todos os anos que os veciños de Salcedo non puideron aproveitar os seus montes? As manifestacións de Louzán, Rueda e Juárez son impertinentes e torpes, porque como cargos públicos desprezan o dereito dos veciños e porque non fan máis que reafirmalos no que xa saben: que o Exército ten moito interese nos terreos de Salcedo e que ademais quere todos os terreos.
Agora o Estado tenta acadar en Madrid o que lle negan os tribunais en Galicia. Se o consegue, volverá a darlle aos veciños coa porta na cara. Se non, volverán a pedirlle que sexan razoables. Curiosa posición.
Relacionada: Compensación e estabilidade
No hay comentarios:
Publicar un comentario