Amosando publicacións coa etiqueta San Sadurniño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta San Sadurniño. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de outubro de 2015

Curso Agricultura Ecolóxica

Ecotenda78: No Concello de San Sadurniño impártese un interesante e moi completo Curso de Agricultura Ecolóxica, de 180 horas de duración.

O curso non conleva achega económica para as persoas participantes. Horario: Comezará o 30 de outubro e finalizará o 15 de decembro, en horario de 8.30 a 14.00h. de luns a venres.

Destinatarios
Ofertaranse 15 prazas e dirixidas a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos.

Contidos
O groso do programa ocuparase das técnicas empregadas na produción de alimentos ecolóxicos e, nomeadamente, na agricultura, na fructicultura, na apicultura e na avicultura.

Tamén vanse abordar outros temas: A prevención de riscos laborais na agricultura; a comercialización e venda electrónica; a transformación e obtención de maior valor engadido; e varios módulos transversais, como son o de busca de emprego, o de emprendemento e o de igualdade.

Inscrición
O prazo de inscrición permanecerá aberto do 13 ao 27 de outubro -ambos incluídos- e deberá facerse enchendo o formulario dispoñible ao pé desta nova que despois se deberá remitir cuberto a orientacion.laboral@sansadurnino.gal. Outra opción é pasar polo Concello e apuntarse de forma presencial, tanto na Oficina de Emprego e Desenvolvemento Local como na de Orientación Laboral. Hai máis información chamando ao 981 490 027 (ext. 2).

Outras informacións de interese
A prioridade de acceso establecerase atendendo a perfís con baixa ou nula cualificación, persoas demandantes do primeiro emprego e pola antigüidade como demandantes, dándolle prioridade no caso de empate ás mulleres.

Este curso forma parte da iniciativa “Sansa xove: o novo rural”. Lévase a cabo coa colabora da Asociación Agroecolóxica A Cortiña, e conta co financiamento da Federación Española de Municipios e Provincias e do INJUVE, dentro dunha convocatoria de subvencións para proxectos que fomenten a capacitación e a inserción da xente nova no mercado laboral. A esta convocatoria concorreron 424 propostas de todo o Estado entre as que, finalmente, foron elixidas 30. San Sadurniño é o único municipio galego que forma parte dos elixidos.


martes, 8 de febreiro de 2011

Estamos adormecidos?

Un dos gravados rupestres de Amoedo
afectado polo vertedeiro das obras da A-59. // FdV

Unha vez máis se as institucións que deben de velar polo noso Patrimonio non fan ren por salvar este xacemento, as vindeiras xeracións só poderán ve-lo en fotos. É xusto?
Faro de Vigo: Faro de Vigo

A asociación de veciños San Sadurniño de Amoedo denuncia a intención do Ministerio de Fomento de situar na parroquia un vertedoiro para dar servizo ás obras da futura autovía A-59 (Pontevedra-Vigo) que afectará a un conxunto arqueolóxico con varios petróglifos e dolmens.

Desde o colectivo veciñal aseguran que, segundo consta no proxecto, esta zona de servizo ocupa unha parcela de 300 metros de lonxitude por uns 100 de anchura nun lugar de monte comunal de Amoedo onde se sitúa un importante xacemento arqueolóxico. "Este vertedoiro enterraría, cos danos inherentes que ocasiona unha actuación deste tipo, a todo este conxunto patrimonial, entre o que se atopan petróglifos e mámoas, chegando a pór en situación delicada un ´foxo do lobo´ que linda perigosamente con esta zona", explica Jorge Álvarez, portavoz do colectivo veciñal.

Desde a asociación de veciños consideran que a proposta destes terreos como vertedoiro non se debe ao descoñecemento da existencia dese patrimonio cultural, senón "á desidia e menosprezo da Administración con respecto á nosa historia e territorio", indica Álvarez, que argumenta que a Consellería de Cultura (Patrimonio) "ten datos máis que suficientes que corroboran a localización dos restos arqueolóxicos nos terreos afectados".

Ademais, critican a elección desta zona para o vertedoiro pola proximidade do río Alvedosa, cunha pendente pronunciada, "co que a posibilidade de que o material que se deposite no lugar vaia a parar á canle é bastante elevada", e advirten de que este lugar se cataloga como Protección de Espazos Naturais (PEN) no Plan Xeral de Pazos de Borbén.