6 de enero de 2010

Cousas de Castelao e da Comunidade

Como digo na bitácora persoal, Castelao foi un firme defensor de Galiza, dos problemas da súa xente e un incansable loitador contra o caciquismo imperante na época. Por desgraza ese caciquismo segue estando latente e presente en demasiados estamentos, iso si, agora agochase baixo outros nomes.

Esta é unha pequena mostra da súa obra artística que amosan a Galiza que a el lle tocou vivir, plasmando dun xeito absolutamente esclarecedor o espírito do pobo galego, o caciquismo, a inxustiza, o horror da guerra civil,... nunha actitude comprometida con Galiza que serviu de guía para os seus contemporáneos e máis para as vindeiras xeracións de Galegas e Galegos.

Deixounos fai 60 anos, pero ollando o que pasa na comunidade, algúns comuneiros vémonos reflectidos no dialogo deste cacique co labrego.


-Vostede terá moito dereito; pero eu teño moita razón.

Na asemblea celebrada o 3 de maio de 2009, os comuneiros fomos claros e precisos na votación do cuarto punto da Orde do Día, votando abaixo a proposta de elixir a dedo aos traballadores da Comunidade.
Agora atopámonos que sen a publicidade preceptiva e sen que se aprobe en asemblea, a directiva "elixida legalmente" e os vocais "postos a dedo", decidiron obviar ese acordo e crearon tres postos de traballo, escollendo á xente a dedo, que non digo que non estea ben, pero non estamos nunha Ditadura... ou si?


O noso monte non é noso, comuneiros



O letrado: -É que non sabedes ser cidadáns. 
O labrego: -Non se pode ser cidadán onde non hai xustiza.



-Fixemos unha rogativa para que San Roque nos librase da peste... ¿e sabes quen levou o estandarte?.
-Foi o cacique.

Algo parecido ao médico pasoume a min cando uns comuneiros me pediron por favor, formar unha candidatura para sacala comunidade do impas que sufría. Coa súa "febre" prometéronme respectar aos comuneiros, acatar unha sentencia que logrei a prol da comunidade e abonarme os gastos que iso me supuxo. Logrado o obxectivo,  fixeron coma o paisano.



O MÉDICO: ¿Non dixeches que sacharías de balde na miña horta se te curaba?.
O PAISANO: Diría, si, señor; como tiña tanta febre...



-O caciquismo nácelle aos povos como che nace a barba. ¡Aféitate, home, aféitate!.



-Se vostede non cre en nada, ¿Por que foi de vela na procesión?.
-Porque levaba o estandarte don Fulano.

Arriba pregúntome se estamos nunha Ditadura, coma que despoxou dos seus dereitos a Castealo por loitar só coa súa palabra, unha pluma e un lapis...



Con esta data o Excmo. Sr. Ministro de este Departamento, comunícame o seguinte:

"Iltmo. Sr.- Este Ministerio, de acordo coa proposta formulada polo Sr. Instrutor de expedientes e o Sr. Xefe do Servizo Nacional de Estadísticas, depuxo sexa separado do servizo e cause baixa na escala á que pertence, sen necesidade de expediente de depuración nin audiencia ao mesmo, como comprendido nos artigos noveno e decimo terceiro da Lei do 10 de febreiro último, D. ALFONSO RODRÍGUEZ CASTELAO, Xefe de Negociado de segunda clase do corpo nacional de estadística".
O que lle traslado a V. para o seu coñecemento e efectos.
Por Deus por España e a súa Revolución Nacional Sindicalista.

Santader 18 de abril de 1939
Ano da Vitoria
...porque vendo o que me pasou con dúas directivas tan antagónicas coma partidos nos que militan, non dubidaron en usalas mesmas artimañas para desfacerse de quen foi elixido polos comuneiros e comuneiras, XAMAIS imposto a dedo como fixeron eles, por defendelos meus dereitos e os de todos.

24 de diciembre de 2009

BO NADAL... dende Nebra!




Boas festas e un Venturoso Ano 2010 para tódolos comuneiros e comuneiras de Nebra, é de Galicia en xeral. A Todos e todas grazas pola visita ao longo do ano a esta bitácora.

Son consciente que moita xente o pasa mal, pero neste momento ben a miña memoria Maria Jose Carrascosa: Liberdade, Xustiza, para ela e a súa familia todo o meu apoio. Esta visto que non só se dan casos parecidos en países moito menos democráticos.

Nova ligazón. Solidaridade con María José Carrascosa. Apoia coa túa sinatura

20 de diciembre de 2009

A Defensa do Monte Comunal en Darbo

A Defensa do Monte Comunal obxectivo prioritario da Xunta Reitora da Comunidade de Montes de Darbo de cara á vindeira Asemblea Extraordinaria

Unha vez máis teño que facerme eco da exemplar xestión desta comunidade de montes, xa que mentres os seus comuneiros parece que están debidamente informados por parte da xunta reitora, na nosa comunidade adoecemos de información básica e incumpren totalmente un apartado do artigo 8º dos nosos Estatutos.

Artigo 8ª.- Corresponde a Asemblea Xeral.
- Aprobar o outorgamento de cesións, arrendamento, plans de aproveitamento e toda clase de contratos con terceiros, así como a distribución de aproveitamentos, beneficios e cargas e a cantidade que dos rendementos económicos da comunidade debe reservarse para inversións en melloras e servizos do monte, que en ningún caso poderá ser inferior ao 15% de aqueles, en virtude do disposto no art. 23 da Lei 13/1989.

A día de hoxe os comuneiros e comuneiras descoñecemos quen autorizou a un gandeiro foráneo a facer uso dos peches comunitarios; cando e como se asinou o contrato co construtor do local; cando e como se asinou o contrato co Concello pola cesión para o Punto Limpo, etc.

Falta o primeiro contrato que se asinase antes de pasar pola asemblea xeral, requisito imprescindible e legal para que teñan validez. Isto amosa a falta total de transparencia e máis ben parece, coma se os comuneiros e comuneiras sexamos meras comparsas.

No novo deseño da bitácora, poden visualizar os estatutos vixentes na comunidade e por moito que digan os directivos que non valen para nada, mentres non os derroguen son os que lle marcan o camiño, por moito que se queiran desviar del.

13 de diciembre de 2009

Carta aberta ao secretario

"Homines amplius oculis quam auribus credunt"

Señor secretario, desculpe por dirixirme a vostede por este medio pero é que se isto llo dixera na pasada asemblea, ao igual que vén sucedendo dende que tomou posición do cargo, non ía constar en acta. Vou obviar tódalas intervencións que fixen na asemblea do 17 de maio que non fixo constar en acta, salvo cando dei lectura ao parágrafo que remarco aquí en verde.

Dita lectura fíxena obrigado polas circunstancias e porque descoñecían a que artigo me refería cando protestei o 3 de maio por non actualizalo censo de comuneiros en xaneiro. Censurarme totalmente esa intervención obedece única e exclusivamente a que os comuneiros non saiban a verdade e porque vostedes xogan con que seis meses despois de celebrarse as asembleas, ninguén se lembra do que alí se falou.

Aí temos unha explicación do porque agora non expoñen as actas como facía eu, non interesa que os que comuneiros se dean conta do doado que é falsificalas. Pola miña parte non vou recorrer ao "teatro" que fan algúns edís nacionalistas presentándose nos nos plenos cunha mordaza, simplemente non volverei a intervir nas asembleas mentres os comuneiros nos teñamos voz, voto e sexamos os que dirixamos o destino da comunidade, tal e como acontece en Darbo.

Por certo, non quedaron de volver a expolas despois da intervención do comuneiro J.M.? Porque motivo aínda non esta? Non só se deben expor, se non que, ademais na primeira asemblea que se celebra débese dar conta dos acordos adoptados pola Xunta Reitora aos comuneiros, algo que tampouco se fai. Vese que o señor presidente despois de chamar a moitas portas e recibir negativas, dou con alguén coas "suficientes barbas" para levarlle a secretaría.

Xa afastándome do tema, o que me máis me sorprendeu na súa primeira asemblea coma secretario, foi dicirme que non estaba de acordo que se gravasen as asembleas para redactalas actas. Estrañoume, e moito, porque nos dous anos que estiven de secretario e vostede de vogal, nunca dixo nada. Auga pasada non move muíños, pero tamén podería dicir que mentres uns comuneiros tentaban defendela comunidade nas asembleas, outros só acudían a elas cando ían para pillar unha axuda.

Mire a diferenza que hai entre redactalas gravándoas ou non, e expolas. Grazas a esas gravacións que tanto parece que lle molestan agora, puiden amosarlle aos comuneiros de Resúa quenes foran os que trataron de enganalos. Como ben sabe, a raíz dunhas infortunadas intervencións do presidente na súa contra nunha reunión da xunta reitora, que fixen constar en acta, pedíronlle as oportunas explicacións ao lela.

Lembra como seguiu o conto? Para negalos feitos achegouse á taberna da aldea na compaña do vicepresidente, tesoureiro e o garda forestal coma testemuñas (non sei que pintaba, xa que non é comuneiro nin estivera na asemblea).

Poñer verbas en boca dos comuneiros que non se dixeron aconteceu noutra lexislatura, eu xamais o fixen, aínda que si se me pediu non reflexar algunhas intervencións. Como nese caso tiña a conciencia tranquila e xa por Resúa corrían algunhas críticas na miña contra (antes de escoitarme), vinme na obriga de amosarlle as probas. Os alí presentes escoitaron o que dixera o presidente e máis o tesoureiro, respecto a outro comentario que fixera contra os anteriores párrocos.

Ao final e como lembrará, víronse obrigados a pedirlles perdón aos veciños, iso si, aducindo que non quixeron dicir o que dixeron, pero, que acontecería se non dispuxese desa gravación?

Só me queda dicirlle que o noso coeficiente intelectual non da para escribir o que aparentemente redactou na acta. Coma veciño e compañeiro de escola, non esperaba iso de vostede e lembre, o cargo non significan que un teña máis dereitos que o resto de comuneiros.

PD. "Os homes dan maior creto ao que ven que ao que escoitan" (Lucio Anneo Séneca).

7 de diciembre de 2009

Aclarando pequenos detalles


Por motivos laborais non puiden actualizala bitácora, polo que esta entrada vai con algo de atraso e xa coa asemblea pasada.

Tal e como dixen na anterior, o presidente non di toda verdade no canto ao financiamento do local, pero hai máis, esquece aposta dicir que grazas ao único comuneiro que loitou cos seus "medios" por recuperalo solar (presuntamente un notario obrigoulle a uns ex directivos a inscribilo no seu nome) púidose construír. Repito, ningún dos preto de trescentos comuneiros fixo ren para recuperalo, iso si, a anterior directiva e esta néganse a aboarme os gastos que iso me supuxo.

Aquí pagáronse antes e agora chamadas privadas cun móbil da comunidade, comidas á esgalla con bebidas etiqueta negra de alta gradación (no caso dos voluntarios algúns ganáronas ben, mentres outros paseaban no coche), agasallouse a persoas que colaboraron contra o lume cos seus tractores, etc., pero o único que non pode cobrar é quen loitou porque ese ben fose propiedade de tódolos comuneiros e comuneiras. Xa non digamos nada das máis de 16 horas que botei no monte  loitando contra o lume coa cuadrilla, porque os "señoritos" tiñan os móbiles da comunidade apagados e o servizo de contra incendios da Xunta tívose que poñer en contacto comigo por medio do meu fillo que estaba no seu día libre.

So me resta dicir que se fun quen de coidar e darlle de comer a uns cochos, tamén o son de quedarme cos gastos as miñas costas. O tempo porá a cada un no seu lugar.

Proseguindo co segundo paragrafo engadido na convocatoria:
...que o monte poida ir dando traballo a algunhas persoas da parroquia, mentres Nebra se beneficia dese traballo e progresa.
Esta foi unha das miñas teimas e quería copialo modelo exemplar da Comunidade de Montes de Baroña, pero como non lles gustaba, decidiron contratar ilegalmente a dous comuneiros para cortar eucaliptos, cando ata entón cada comuneiro facía un aproveitamento sen cargas para a comunidade. Neste caso a "broma" saíunos máis cara, aínda que non podo precisar canto. Sendo o secretario xamais vin o recibo do pago e na Xestoría non teñen constancia.

Porque daquela non había interese e agora si? Teño unha explicación, pero por respecto ás persoas prefiro calar.
...será preciso mellorarmos as posicións da parroquia con menos eucalipto "asalvaxado" e máis gando, que debe estar sempre identificado e baixo control da Comunidade.
Gando: Outra teima. Neste caso gustábame o modelo dunha comunidade de Montes de Carnota, pero o lume impediu que fosen avante dous peches gandeiros preto de Resúa, aínda que despois desviaron a subvención para outra zona.

O meu "modelo" era facer un convenio entre os gandeiros coa Comunidade, nunca un "cambaléache" dun directivo cun amigo non comunitario sen dar contas a Asemblea Xeral.

Identificado: Salvo os cabalos, eterna promesa dos gobernos que pasaron pola Xunta de Galicia,  o resto da cabana gandeira está identificada.

Asalvaxado?: Non entendo. Están facendo "carreiros" de limpeza en zonas exclusivas de pinos e van  deixando algúns eucaliptos que naceron cousa curiosa, despois do lume. Nunca no noso monte houbo tantos onde antes nunca os houbo.

O terceiro paragrafo de verdade que non o entendo, salvo o de implicalas mulleres na dirección da comunidade. Alégrome que agora os directivos non diga aquilo de: Paco, moito che gusta invitar ás vocais as reunións.

Por último supoño que todo mundo coñece perfectamente o que é un parque biodasaludable.
geads