Mostrando entradas con la etiqueta Mancomunidade de Montes Serra do Barbanza. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Mancomunidade de Montes Serra do Barbanza. Mostrar todas las entradas

lunes, 26 de marzo de 2018

A Mancomunidade "secuestrada" polo ex-presidente


O 21 de marzo daba conta a hemeroteca de La Voz de Galicia de que hai 19 anos se constituíu a Mancomunidade de Montes da Serra do Barbanza. Destacan no último parágrafo: «incluso tuvo que ser reflotada en el 2007, pero a día de hoy mantiene su actividad». Poño en dúbida o de "actividade" xa que, a tenor dos feitos, está secuestrada por alguén que considera a política por riba do interese comunal, seguindo os pasos de quen a antecedeu no cargo.

O domingo 11 de marzo ás 11 da mañá no local da Comunidade de Xuño, citouse a tódalas comunidades membros da Mancomunidade á Asemblea Xeral Ordinaria, coa premisa de ser elixida unha nova xunta reitora dado que a presidenta en funcións (a vicepresidenta electa), non podía cubrir o compromiso e dedicación que, na súa opinión, o cargo require. A Asemblea non prosperou polas queixas dunha persoa que non debería estar presente ao non ser membro de ningunha directiva, ou, en todo caso, non ter nin voz nin voto.

Esa persoa era o ex-presidente, tanto da Comunidade de Nebra como da Mancomunidade, Santiago Suárez. Cando lle preguntei ao secretario de Nebra que facía nesa reunión, díxome que á súa chegada, xa estaba sentado á mesa e inquíreselle se tiña algún problema coa presenza de Santi na reunión, ao que alegou, que, como representante de Nebra non vai estar, se o queren eles alí é cousa deles.

Como xa comentei varias veces, dende que entrou a nova directiva de Nebra, en setembro do 2015, esta persoa non é máis ca un comuneiro "raso" e debería nese momento renunciar ao cargo que ostentaba, como pasou antes cos que deixaron de pertencer á directiva da súa Comunidade. Non quixeron o resto de reitores da Mancomunidade e permitíronlle facer o que quixese. Para eles era o representante de Nebra malia que, primeiro, ao momento de ser elixido en marzo de 2015 estaba coa cota 2014 sen pagar (indo en contra do que ditan os estatutos), e despois continuou sen pagar, deixando tamén a cota 2015. Estas débedas poñíanas agora ao cargo da nova directiva, que sempre mantivo que, se eles consideran a Santiago o seu "presidente", esas cotas son cousa del, pois beneficiouse do cargo sen cumprir coas esixencias legais. Para os seus compañeiros isto só era un tema persoal do secretario, sendo este o único que mantivo dende o primeiro momento que, facendo as cousas ben, a Mancomunidade é unha boa axuda para as Comunidades. E falo como asistente a unha desas reunións, que por min, tal como foi, estabamos fóra xa (e polo visto non fun o único en pensar así).

A parálise da Mancomunidade continuou varios meses, co susodito mantendo o cargo e facendo publicidade no xornal dos idearios do BNG en nome da Mancomunidade. Non sería ata marzo do 2017 cando, nunha reunión da Mancomunidade se di expresamente que Santiago (ausente) renuncia ao cargo a favor da vicepresidenta, e foi reflectido na acta, tal e como se dou conta na súa lectura en setembro do 2017. Nesa reunión de setembro déronse unha serie de prazos xa para a presentación de candidaturas e para as eleccións, que ían ser en xaneiro.

Non quero deixar de remarcar que, entre estas datas, denegóusenos unha subvención por débeda de cotas, cando en decembro 2016 se nos di que, pagando a cota 2016 podiamos optar a ela. Na reunión de marzo 2017, négasenos por non estar ao día (cotas 2014 e 2015), aplicándonos os estatutos á letra. E aí estamos coas contradicións cos estatutos, ata aquel momento seguían considerando presidente a un simple comuneiro e, por riba, unha Comunidade que aínda non era membro favorécese da subvención. Agora estamos coas cotas ao día e non queren tocar o tema.

Volvendo á reunión do 11 de marzo, o comunicado aos vogais de Nebra polo secretario foi:
«O ex-presidente Santiago Suárez alegou que vai impugnar a acta onde se dixo que renunciou á presidencia (..) e había mirar de impugnar a de hoxe por que non o convocaron debidamente, e que se segue considerando presidente, polo tanto, único que pode convocar e firmar actas.»
Na nosa Comunidade, mentres eu fun secretario, tampouco me asinaba as actas e tiña que andar encima del. Daquela o máis importante para el era corrixir as grallas ortográficas, non consideraba que fose necesario firmar, agora úsao de argumento para manter secuestrada a Mancomunidade.

O secretario non entrou en máis detalles do ocorrido. Comentoume á parte que a reunión transcorreu sen problemas e habendo boa sintonía entre as Comunidades presentes; pero pasados uns 20 minutos, chegando á hora da elección da directiva foi onde tomou palabra Santi para non considerar aos que se presentaban válidos para os cargos (case todos compañeiros da súa directiva) e aí comezou unha sarta de acusacións a todos os asistentes que lle dicían algo, levándose o resto das 2 horas que durou a Asemblea, e respondendo aos que o advertían do seu erro co habitual «porque o digas ti».

Remataba o secretario o informe da reunión así:
«A súa opinión non foi nin compartida nin ratificada polos asistentes, pero, para evitar problemas maiores, as eleccións faranse de acordo aos estatutos (orde do día, días de antelación, etc), considerando xa á vicepresidenta como responsable de dita convocatoria.»
Quen foi a toupa que lle avisou da Asemblea e fomentou que continúe esta parálise? El non usa WhatsApp (por onde se dan os avisos), a pesar de que o móbil co que se quedou e que collera a través da permanencia de liña da Comunidade si é compatible. Que pasaría se o secretario de Nebra dixera que non o quería alí cando llo preguntaron? Dirían que son temas persoais e asistiría igualmente? Marcharía para casa e hoxe estaría funcionando a Mancomunidade?

Cuscuta, ectoparásito do toxo

sábado, 13 de mayo de 2017

De que irá a experiencia para o monte do noso ex-presidente?

12:15h Mesa de experiencias. Intervencións de representantes de
CMVMC do Barbanza: Santiago Suárez
CMVMC de Santa Cristina da Ramallosa (Baiona) Xosé Alfredo Pereira
CMVMC de Xinzo (Ponteareas): Carmen Boente
Ante a presenza do comuneiro de Nebra Santiago Suárez neste cartel da xornada informativa, como unha voz da experiencia, teño varias dúbidas que poñer na mesa:
 
- Supoño que non ha falar de como foi quen de poñer xente a traballar na Comunidade sen contrato e sen seguro... sorte houbo que non ocorresen desgrazas, se non pobre da Comunidade.

- Tamén supoño que non explicará como fixo para que desde a Consellería do Medio Rural abrisen esta pista forestal atravesando propiedades privadas sen aprobación da Asemblea Xeral (sumado a que nunca respectou este órgano de goberno).

- Haberá que estar expectantes para ver como explica o feito de que amigos seus, sen ser comuneiros, obtivesen máis privilexios que os propios comuneiros. Neses comuneiros tamén me inclúo ao non devolverme o que me corresponde (igual a como fixeron antes ca el xente do PP) polos gastos por recuperar para a Comunidade o solar onde se erixe o local.


lunes, 6 de junio de 2016

En boca pechada non entran moscas nin saen estupideces!!!

La Voz de Galicia: O decreto sobre montes comunais reabre a pugna histórica polos lindes

O presidente da mancomunidade de montes Serra do Barbanza, Santiago Suárez [sic], quita importancia ás disputas por lindes, pero coincide en que existe «unha débeda histórica» por parte da Administración cara aos montes veciñais. «Unha das cousas que incumpriu foi deslindar cada unha das comunidades», subliña, e deu lugar nos últimos anos a «situacións insólitas», como a venda de propiedades comunais por parte de entidades que non eran donas.

Neste sentido, Suárez considera positiva toda norma que arroxe algún tipo de garantía extra sobre as propiedades e que sirva para que os beneficios do monte revertan sobre o mesmo.

Sufragar verbenas

Unha das principais novidades do novo decreto é que senta unhas regras de xogo moi específicas á hora de xestionar os recursos económicos derivados da explotación dos montes. «O de dirixir cartos para pagar verbenas é algo frecuente, a ninguén se lle escapa», recoñece Suárez. Este novo marco normativo, máis restritivo, porá unha serie de límites para evitar que se sigan levando a cabo este tipo de prácticas.
O refrán que da título á entrada é antigo mais hainos que non se o aplican, como o ex-presidente da comunidade, que a estas alturas tamén tiña que selo da Mancomunidade en base aos estatutos, que polo que se veu aquí e alí para el son papeis mollados.

Tirala pedra e agochala man, ou pola boca morre o peixe son outros cos que tamén patinou.

Acusar a comunidades de sufragar verbenas, cando el fixo algo parecido aquí, non coas festas, se non sufragando o festival do Entroido, do que non deu conta e se se soubo foi de casualidade, porque cando este ano llo falaron ao secretario, como non estaba ao tanto, non puideron facelo mesmo, sen contar coa aprobación, como ten que ser da Asemblea Xeral.

miércoles, 4 de marzo de 2015

Asemblea Xeral Ordinaria da Mancomunidade de MVMC Serra do Barbanza

Parece que presidila Mancomunidade de Montes Serra do Barbanza, non é o mesmo que presidir (ilegalmente) a de Nebra, que levamos dous anos sen celebrar unha asemblea; sen actualizalo censo; sen darnos as contas e curiosamente o mesmo tempo que leva ilegalmente no cargo. Parece que unha cousa é vacilar aos veciños e veciñas de Nebra e outra moi distinta aos que están á súa altura.

Tanto que até fai a convocatoria con semanas de antelación, cando aquí as fai fora de prazo e algúns comuneiros e comuneiras nin a reciben, o que podería dar lugar a impugnalas asembleas e acordos.

1 Lectura e aprobación da acta anterior
2 Actualización do censo de socios
3 Convocatoria de eleccións
4 Suxestións e preguntas

jueves, 30 de octubre de 2014

Reunión das Comunidades de Montes en Boiro

Peche gandeiro visto desde o Alto do Garamelo

O sábado día 18 celebrouse esta reunión, na que os conferenciantes acusaron á Consellería do Medio Rural e do Mar, de querer ROUBARNOS o monte. Entre eles estaba o señor Santiago Suárez en calidade de directivo da ORGACCMM e presidente da Mancomunidade de Montes Serra do Barbanza.

Resulta chocante que sexa precisamente tamén el o que usase tamén esta verba, cando no 2006 coa complicidade do seu curmán o Conselleiro de Medio Rural, nos roubasen unha parte dun monte para chantarnos polo seu ego persoal esta pista, que a día de hoxe ténnola así.

E por se iso non fose suficiente, coa complicidade do Distrito cedeulle pola súa conta, 80 Has., a varios gandeiros, parte dos cales non son comuneiros. Fotos arriba. Como lle chamará a isto?

Que semellante "artista" ocupe un cargo na directiva da ORGACCMM, amosa claramente que non o gañou precisamente por bo xestor, se non pola súa afiliación política... doutro xeito non o entendo.
La Voz de Galicia: A Xunta nega a privatización do monte e augura máis poder aos comuneiros coa nova lei

O Goberno galego defende a legalidade das débedas que se reclaman ás entidades por traballos realizados nos seus terreos

Unha mesma Lei de Montes e dúas formas de entendela radicalmente opostas. A Xunta, que redactou o texto, asegura que os comuneiros disporán de máis poder para xestionar o chan veciñal e xerar maiores beneficios. Iso si, antes terán que pagar o diñeiro que a Administración lles reclama por traballos realizados nos seus dominios. As comunidades, mentres, interpretan que as cantidades esixidas non son legais, ademais de inasumibles, e que a Xunta atopou con estas demandas a desculpa perfecta para pór en mans de empresas privadas os terreos.

O Secretario Xeral de Medio Rural, Tomás Fernández Couto, é o encargado de, primeiro, mostrar a súa sorpresa pola situación de «histerismo» que se está xestando. O segundo, desmente calquera intención de privatización, e o terceiro, aclara, é que a lei «está negro sobre branco para lela e interpretala, por iso non entendo as acusacións».

Fernández Couto detalla que as débedas están xustificadas, pero que, en ningún caso, levarán a expropiación do chan se as comunidades non poden asumilas. «As que poidan pasarán a ser independentes, e non como ata agora, que contaban coa axuda da Administración para realizar diferentes traballos. Os casos que non poidan abonar o diñeiro reclamado serán estudados un a un. Pero a lei di moi claramente que seguirán, cun novo convenio, baixo tutela da consellería para explorar novas vías de ingresos e continuar crecendo ata que poidan independizarse».

Afectados por incendios

O alto cargo da Xunta de Galicia detalla que hai entidades que son improductivas por mor dos incendios. «Non podemos pedir a certas comunidades que levan anos sufrindo as consecuencias do lume que teñen que pagar.

Eses son os casos que temos que estudar», explica Fernández Couto, que tamén rexeita as denuncias realizadas por comuneiros de Barbanza que aseguran que a súa consellería lles interveu o 30% das ganancias obtidas en poxas de madeira: «Esa porcentaxe está recollido no convenio que será destinado á Administración, é así desde hai tempo e non entendo as protestas que xorden agora».

Para concluír, Fernández Couto asegurou que se reunirá coa Organización Galega de Montes Veciñais cando o faga co resto de entidades que ven afectadas pola nova Lei de Montes de Galicia.

«Non entendo este histerismo, a lei busca que os veciños teñan máis capacidade para xestionar»
«As entidades que non paguen seguirán sendo donas do chan, igual que ata agora»
Tomás Fernández Couto













sábado, 25 de octubre de 2014

Santiago Suárez, presidentiño de Nebra, por se o sábado non escoitastes ben

Intervención con graves acusacións de Claudio Quinquillan secretario da ORGACCMM, a presidentes que tomaron o monte común como se fose deles, como fixo aquí o noso, aínda que o seguen mantendo como compañeiro na directiva. Quero pensar que ao escoitalo fíxose o xordo, porque eu se me sentise aludido, levantaríame da mesa e presentaría a miña dimisión con carácter irrebocable.
1:23.- (...). Hai moitas inversións no monte. Primeiro que si lle pides tu como comunidade de montes onde está a autorización que lle dá a Comunidade de Montes para facer ese, por exemplo, proxecto: Arranxo de pistas, oia... no ano non sei que. Oia onde está a sinatura do presidente e do secretario?

Tamén te atopas con sorpresas. Nós temos estado con directivas novas e atoparnos de que o presidente ou alguén asinoulles, non sabedes, incluso de que a directiva non sabía nada... (...).
Xunto co teu partido moito acusar á Xunta de inxusta coas comunidades, mais esqueceute no pleno dicir que parte dos cartos que nos reclama a Consellería foron causados pola túa incompetencia autorizando sen aínda constituiremos a Xunta Reitora (vogais), abrila pista que baixa pola barriga de Iroite e logo darlle remate atravesando propiedades privadas sen coñecemento de varios propietarios, entre eles meu pai, sen aprobarse en ningún caso pola Asemblea Xeral, pola Xunta Reitora e por último sen que eu como secretario soubese nada e como é obvio, sen a miña sinatura, algo indispensable tal e como reflicte Claudio, unha voz autorizada na ORGACCMM.

O que me estraña é que sabendo, porque a ORGACCMM fíxose eco da miña denuncia nesta bitácora, como te seguen mantendo na directiva, porque a día de hoxe seguimos sen saber como lles agasallastes a eses gandeiros, algúns dos cales non son comuneiros, varias Has. do NOSO monte, porque aínda non celebrastes a Asemblea Ordinaria, porque non nos destes as contas anuais e porque seguimos co censo do ano pasado, como non se mollaron un pouco máis, como fixeron coa Consellería, acusándoa varias veces de ladróns. Como se chama a iso? Corporativismo? Amiguismo?

Seguramente algúns deses presidentes non estaban en Boiro para poder defenderse, mais ti, que si estabas, podíaste explicar e convencer ao auditorio de que actuastes legalmente, como convencestes a algúns comuneiros, motivo polo cal e por segunda vez puxéstelos de novo na miña contra, simplemente porque tes un título e eu ao teu lado son un analfabeto. Mais non se te esqueza xamais, que hai analfabetos honrados e ladróns titulados.
Xa para rematar ten graza que alguén que coma comuneiro XAMAIS acudíu a unha manifestación das varias que houbo a favor do monte e coma directivo, descoñezo porque estaba fora, se no 2006, cando Nebra ardeu polos catro costados acudiu á que se fixo ese ano contra a Consellería do Medio Rural, pola nefasta actuación. Ah e que coma presidente da Mancomunidade de Montes Serra do Barbanza, non saiba precisar cantas comunidades a forman, xa todos podemos intuír porque está aí.

sábado, 19 de julio de 2014

Nebra, se de esta non espertas, é cousa de pensar en facelas maletas!!!

Levamos ano e medio sen celebrar unha asemblea, sen aprobalo censo e sen presentarnos as contas, e por riba, atopámonos con que o presidente nunha reunión de taberna ás que está tan acostumado cedeu pola súa conta e risco, e sen darnos contas a día de hoxe, sobre unhas 80 Has., a un grupo de gandeiros aos que o xefe do Distrito, tendo coñecemento desta cacicada deulle o material (barras de ferro e malla) para facelo peche nesa zona, metendo no medio terreos doutra comunidade.

Xa con outra xunta reitora pasou algo parecido, que cedeu o monte de Cadeiras sen ser aprobado pola Asemblea Xeral a unha empresa para extraer pedra para o peirao de Portosín, e só despois de que uns comuneiros comezasen a removelo tema, en troques a citada empresa abriunos a pista da Igrexa á Perdigueira, cando en realidade iso era unha obriga do Concello. Cada vez quedamos menos que lembramos como rematou aquilo e os cartos que cobraron uns, a pesar de que xamais obtivesen unha sentenza condenatoria contra aquela xente. Para cobrar chegoulles coa súa palabra.

Pola contra no meu caso, obtendo unha sentenza condenatoria a favor da comunidade como foi a recuperación da leira onde construímos o local. A día de hoxe o presidente segue negándome eses cartos, algo que tamén fixeron os que nos precederon porque non era da súa corda, e este «elemento» trabucouse comigo pensando que lle ia permitir asoballarme e asoballarnos por ter un título. Hora que ollando como a xente lle cala, está claro que estao conseguindo.


Cando pos ao fronte dunha Comunidade a un «incompetente», que descoñece a nosa Historia pasan estas cousas. A zona que regalou tan alegremente, grazas a unha subvención foi cercada e labrada para facer un plantación, procedendo alguén de noite con premeditación e aleivosía a cortala con unha motoserra cando xa tiña os aramios tirados e destruíndo as miles de plantas de piñeiro que a empresa que ía executalo proxecto tiña apiñadas nos semilleiros. Vexase a desfeita e o panel.
Non obstante hai que recoñecer que soubo escoller aos "caladiños", porque se esta cacicada vez de facela el, que é do BNG, a fixera eu, ou calquera outro, quen os vería vir a defendernos deste roubo?

O problema é que logo de que A Xunta de Fraga acadase sentar na mesma mesa a tódolos gandeiros cos comuneiros e desde esa gozásemos dunha paz relativa, agora volven os enfrontamentos entre eles, con nós polo medio, porque esa xente sabendo que o monte é noso e que lle reclaman insistentemente ao presidente que convoque esa Asemblea Xeral de xeito urxente, segundo palabras do xefe do Distrito poden negarlle a entrada a outros, aínda que sexan comuneiros. De feito o presidente nos peches do Castrallón mentres permitiu aos seus amigos, un mesmo de Argalo, meter alí aos seus animais, a un comuneio de Resúa botáballos fora, mais dou con un máis testán que el.

Notase que o seu paso por aquí creou escola, porén para o mal. Magoa que tras estar metido na ORGACCMM e a presidir a Mancomunidade de Montes da Serra do Barbanza non aprendese o que é a Democracia e sobre todo respectar aos comuneiros e comuneiras, como fixeron nestas comunidades.


La Voz de Galicia: Comuneiros e Defensa enterran a machada de guerra tras 6 anos de disputa

Onte asinouse o convenio polo que o ministerio abonará un canon anual

Foi un acto sinxelo ao que non puideron asistir os medios de comunicación por expreso desexo de Defensa o que onte puxo fin ao pulso que, desde hai aproximadamente seis anos, manteñen os comuneiros co ministerio pola propiedade dos terreos da Brilat. Representantes de Defensa e das comunidades de Salcedo, Vilaboa e Figueirido -os de San Xulián espérase que o fagan hoxe ou mañá- asinaron o convenio polo que as autoridades militares comprometen un canon anual polo uso da parcela que ocupan as instalacións da brigada.

«É un día histórico, como o foi o da derogación do decreto da franxa de seguridade -o seu implementación en outubro do 2008 deu lugar ás reclamacións veciñais da titularidade dos terreos da base- ou como foi o da sentenza na que se recoñece a propiedade do monte», subliñou Fernando Pintos, presidente de Salcedo. «Espero que a partir de hoxe quede isto zanxado por un período o máis longo posible. Agora quédanos facer un seguimento estrito do que é o convenio. Unha paz durareira nese sentido, que nos facía falta», engadiu.

Unha das cuestións que supervisarán os veciños de Salcedo ao longo dos próximos meses atópase na demolición da aldea afgá e do campo de tiro, que se desprazarán a outras áreas da superficie cedida aos militares. No propio convenio recóllese que, unha vez asinado este documento, a Brilat dispón dun ano e medio para acondicionar esas novas zonas. Durante estes dezaoito meses, a brigada poderá seguir utilizando estas áreas de adestramento.

«Penso que este convenio e esta resolución favorece aos veciños fundamentalmente, pero tamén aos militares e a os cidadáns de Pontevedra que se van ver beneficiados dunhas cantidades económicas que veñen para a cidade. Polo feito de ter que contratar empresas son cartos que quedan aquí», remarcou Pintos.

Pola súa banda, José Luis López, da comunidade de Vilaboa, recoñeceu que, sendo un «paso importante» o que se viviu onte, a súa comunidade está aínda pendente do recurso que interpuxo Defensa contra a sentenza que lles recoñeceu titulares dos terreos. Dos encontros que mantiveron con representantes de Defensa, interpreta que existe a disposición de que, en setembro, retiren o recurso: «Esperemos que haxa boa disposición por parte deles. Entón si que sería un paso grande e definitivo».

Similar valoración realizou o presidente da outra comunidade de montes que aínda non liquidou os seus litixios, Figueirido. O seu presidente, Constantino Lamoso, asegura que «estamos pendentes deles. Estamos esperando que o retiren -o recurso- para poder cobrar os cartos. Si imos ter que esperar cinco anos, cando cheguen xa non farán falta para nada. Temos esa esperanza», conclúe.


miércoles, 8 de mayo de 2013

A unión fai a forza

©. La Voz de Galicia
Con todo iso algo está pasando na Mancomunidade de Montes Serra do Barbanza, xa que ante a desbandada das Comunidades de Baroña, Miñortos, Camboño e San Pedro, no seu día, a de Oleiros tamén formaba parte.
La Voz de Galicia: Comuneiros de Artes, Olveira e Oleiros deciden unirse nunha mancomunidade

Tamén esperase que en breve se sume ao grupo a entidade de Carreira

Aconsellados polos profesionais da sociedade cooperativa Xesforesta, entidades de montes do municipio de Ribeira decidiron concentrar esforzos e constituír unha mancomunidade baixo o nome de Barbanza Sur. Polo momento, deron luz verde á unión os comuneiros de Artes, Olveira e Oleiros, pero esperase que nun prazo breve de tempo tamén se incorporen os de Carreira.

Ao agruparse suman preto de setecentos comuneiros e máis de mil hectáreas de terreo. A xunta xestora está presidida por Joaquín Gómez Casais, a persoa que está á fronte da entidade de Oleiros.
Gómez dirixe a xestora. Queijeiro
Unha vez recibido o visto e prace por parte dos socios, o seguinte paso será a reunión da directiva para a constitución formal da mancomunidade, cuxos estatutos redactou o equipo de Xesforesta. Joaquín Gómez sinalou que, posiblemente, a reunión celebrarase sen agardar a que Carreira convoque a asemblea decisoria pero contando coa súa próxima inclusión.

Mellor aproveitamento

Á hora de mancomunarse tivo un peso decisivo o feito de que é máis factible conseguir subvencións de forma agrupada que de xeito individual. Joaquín Gómez explica que, en moitas convocatorias que se realizan desde a Administración, esíxense un mínimo de metros cadrados de terreo forestal ou de comuneiros.

En canto á actividade que desenvolverían de forma conxunta, todos coinciden en sinalar a realización de traballos de limpeza para previr incendios, o arranxo de pistas forestais e a repoboación con especies autóctonas.

Ademais, Joaquín Gómez indica que, ao actuar de xeito unido, será máis fácil acometer proxectos de ordenación do monte que permitan obter un mellor aproveitamento dos terreos comunais.

Neste sentido, o asesoramento dos técnicos de Xesforesta resulta determinante. De feito, Joaquín Gómez comentou que foron eles quen se encargaron da realización de todo o papelorio.

Con todo, que a mancomunidade Barbanza Sur vaia materializarse foi un longo proceso. De feito, a primeira comunidade en dar a súa visto e prace ao proxecto foi a de Artes, que o fixo o pasado ano. Foi a principios do 2013 cando se ratificaron as de Olveira e Oleiros.

Joaquín Gómez Casais indica que tamén será posible, desde a mancomunidade, atender demandas que poidan existir en determinados ámbitos. Hai que sinalar que estas entidades teñen terreos afectados polo parque natural de Corrubedo ou a comuneiros con leiras no espazo protexido e que hai outros aspectos conxuntos.

Esta é a segunda asociación destas características que se constitúe na comarca. A primeira foi a Mancomunidade de Montes Serra do Barbanza, que agrupa a comuneiros pertencentes a diversos concellos, aínda que un bo número deles son do municipio de Porto do Son.

martes, 2 de abril de 2013

Desbandada?

Luces e sombras na Mancomunidade

Dende que deixei de formar parte da Xunta Reitora da Comunidade, descoñezo que pasa na Mancomunidade, mais xa había cousas e feitos que non gustaban a algunhas comunidades e iso que, daquela fora cando a levantaramos de novo.
Estas catro baixas son un claro síntoma que algo non funciona ben, aínda que ninguén se quere "mollar".  Só o máximo representante como acontece aquí, prefire botar balóns fora.
La Voz de Galicia: Catro comunidades de montes abandonaron Serra do Barbanza

A mancomunidade de montes comarcal Serra do Barbanza, que naceu no seu día como un ilusiónante proxecto para ordenar a masa forestal, acaba de cumprir o seu décimo cuarto aniversario. E non o fixo con moi boa saúde. Son distintos os motivos que levan a facer esa afirmación. Entre eles, o feito de que nos últimos anos perdese catro das trece entidades que chegaron a conformala. Primeiro marcháronse os comuneiros de Baroña, Camboño e Miñortos. E os últimos en pedir a baixa foron os de San Pedro de Muro.

Que pasou para chegar a esta situación? A pregunta non ten unha resposta doada. Non parece que as catro comunidades marcharan polos mesmos motivos. Pero coinciden en certas cousas. Por exemplo, desde as entidades de Baroña ou San Pedro de Muro sinalaban onte que son escasos os proxectos que se lograron sacar adiante e que, por tanto, non merecía demasiado a pena seguir dentro. A maiores, indicaban que moitas comunidades, a pesar de continuar estando en Serra do Barbanza, levaban tempo sen acudir ás reunións nin interesarse por nada e, por tanto, dificultaban a saída adiante de calquera plan.

Onte, ninguén parecía demasiado interesado en lembrar que a mancomunidade foise rachando tamén por desavinzas. Pero nalgúns casos si as houbo. O presidente de Serra do Barbanza, Santiago Suárez, sinalou que esta especie de decepción existente coa mancomunidade ten bastante que ver co feito de que a Xunta non apoie este tipo de entidades nin os proxectos que abandeiran. Tanto el como o secretario de Serra do Barbanza indicaron que, aínda que estas catro fóronse, hai outras comunidades interesadas en entrar na entidade comarcal.
CMVMC San Pedro de Muro: Resumo Asemblea do 15/11/2012

miércoles, 24 de noviembre de 2010

Aconteceu fai cinco anos

Crónica de Sara Ares corresponsal de La Voz de Galicia en O Son, dunha das tantas reunións ás que me tocou acudir en calidade de secretario da comunidade á Consellería do Medio Rural.

Como acontece a maioría de veces cos políticos, boas palabras pero moi poucas solucións. Como se foi vendo ao longo do tempo, o gando seguiu campando ás súas anchas nas nosas plantacións e iso que tiñamos un garda privado, que non daba feito porque levaba máis comunidades.
Varias veces tiven que chamalo para que procedese a expulsalos e aínda que tomaba datos dos animais para denunciar aos gandeiros, xamais vimos unha resolución desas multas. Denuncias que xa viña cursando no goberno do PP, pero debía ser tan grande o caixón, que as emitidas na etapa do bipartito tiveron o mesmo destino.

Meses despois da reunión, como ben saben, o Barbanza foi pasto do lume e nos meus paseos polo monte teño visto igualmente animais pastando en zona queimadas, e tampouco escoitei de que se impuxesen sancións, polo menos nos montes de Nebra.

A día de hoxe tamén descoñezo se fixeron o censo prometido da cabana cabalar, se os sanearon, ou se-lle implantaron os microchip, para o cal coido que rematou fai uns días a subvención.
A Xunta planea destinar unha unidade policial a vixiar a serra de Barbanza

Unha das misións consistirá en velar polo cumprimento da lei en materia de pastoreo
As cercas instaladas para o gando sufriron reiterados desfeitas nos últimos meses

A Consellería do Medio Rural estuda a posibilidade de pór en marcha unha policía forestal destinada especificamente aos montes que conforman a serra de Barbanza, que se encargaría de velar polo cumprimento da lei en materia de pastoreo, plantacións e prohibición de usos en zonas queimadas, entre outras funcións. Esa é, polo menos, a idea que lle trasladaron recentemente algúns responsables do departamento que dirixe Suárez Canal a colectivos de comuneiros da zona.

O certo é que a medida, en caso de prosperar, podería supor o punto final a moitos dos problemas que arrastran os bosques da comarca desde hai tempo. Un dos que máis preocupa é o que ten que ver co libre pastoreo de reses mostrencas.

A Xunta habilitou no seu día na parte máis alta da serra barbancesa uns peches para que puidesen pastar dentro deles as cabezas de gando e evitar así que causasen desfeitas nas plantacións dos comuneiros. Con todo, nos últimos meses, estas cercas foron branco de reiterados actos vandálicos, desfeitas consistentes en postes derrubados e aramados cortados, que están a ser reparados agora.

Reunión en Montes

Sobre o tema do gando, os incendios do verán e outras moitas cuestións falaron representantes da mancomunidade forestal Serra do Barbanza co director xeral de Montes, Alberte Branco, co que se reuniron hai días. A próxima semana sentarán co titular de Medio Rural.

O presidente en funcións de Serra do Barbanza, Carlos Peón, mostrouse satisfeito pola disposición que, ao seu xuízo, está a mostrar a Xunta con vistas a volver xuntar a comuneiros e gandeiros para tratar de chegar a acordos que satisfagan a todos. En opinión do directivo, o Goberno está polo labor de retomar as negociacións en torno ao plan de pastoreo e a ordenación dos usos forestais.

Peón cre que a política que pretende desenvolver Medio Rural vai resultar efectiva para acabar cos problemas que xera o gando en liberdade: «A Administración vai impoñer sancións aos gandeiros que non respecten as zonas vedadas ao pastoreo e vailles esixir que xustifiquen hectáreas para poder cobrar axudas dá UE».
As fotos de hoxe amosan dúas zonas que eran escombreiras e foran rexeneradas por Medio Rural na etapa do bipartito, en virtude do acordo que asinaramos algunhas comunidades cos gandeiros perante o goberno do PP. Por falta de vixilancia e por culpa do incivismo da xente e dalgúns empresarios sen escrúpulos, leva o camiño de antano. O malo é que hai máis zonas.