Amosando publicacións coa etiqueta Peche Gandeiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Peche Gandeiro. Amosar todas as publicacións

xoves, 2 de febreiro de 2017

De como se engana aos amigos por interese particular

Se no seu día estes ou outros cabalos ocupaban de xeito irregular este peche na nosa Comunidade, cando o seu propietario residía na parroquia, non habería problema se se aprobase nunha Asemblea Xeral.

Neste momento que non o é, non pode telos aí por moito que presente unha autorización que lle asignou o ex-presidente e ex-secretario. Sinaturas que non está referendadas nin pola Xunta Reitora e moito menos pola Asemblea Xeral tal e como sinalo no primeiro paragrafo.

Como se pode ver no primeiro enlace, o ex-presidente non era a primeira vez que á conta dos comuneiros e comuneiras facía favores ás nosas costas como se fose o cacique da parroquia.

"O descoñecemento da lei non exime do seu cumprimento".


Luns, 8 de decembro de 2008: Favores na comunidade

Unha gandeira de Baiona, obrigada a sacrificar 120 vacas polo rexeitamento dos comuneiros



martes, 13 de outubro de 2015

Como xestionar o gando no monte nun sistema silvopastoral?

Peche gandeiro non aprobado pola Asemblea Xeral
Campo Galego: Resumo do relatorio “Xestión de sistemas silvopastorais con cabalos, cabras e ovellas” do doutor da USC Antonio Rigueiro Rodríguez durante a “Xornada técnica sobre sistemas silvopastorais nos montes atlánticos”, organizada polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán e celebrada en Porto do Son.

O uso do gando no monte para consumir o pasto natural que medra baixo do arbolado ou nas matogueiras, cando se elixe adecuadamente e se manexa axeitadamente, non só pode supor un incremento da rendibilidade económica, senón que tamén pode significar unha redución importante do risco de incendios forestais.

Como punto de partida debemos facer un inventario das plantas coas que contamos na superficie a transformar nun sistema silvopastoral, para a partir de aí elixir ben o tipo de gando máis axeitada e a carga gandeira. Se acertamos na elección podemos transformar de xeito natural matogueiras de especies leñosas como toxo, xesta ou queiruga e substituílas por comunidades herbáceas naturais, sobre todo gramíneas, transformando o monte en pradeira.

Como primeiro paso, se a altura do mato é importante, debemos realizar un desbroce mecánico e logo meter os animais.

Cal é o mellor tipo de gando para pastar cada planta?

O cabalo e a cabra son bos ramoneadores de matogueira. En concreto, o cabalo controla moi ben o toxo, relativamente ben as queirugas e non controla ben as uces, as silvas e os fentos. É recomendable utilizar razas rústicas, sendo o cabalo galego unha das máis resistentes e adaptadas ao monte galego. Ademais de ser de doado manexo, o cabalo non come os piñeiros nin os eucaliptos, aínda que si as árbores frondosas.

A cabra é un bo ramoneador que controla moi ben o toxo e a silva. Controla ben as gramínea, ao igual que o cabalo, e tamén as queirugas e as uces pero non os fentos. É compatible co eucalipto pero non co piñeiro nin coas frondosas. Incluso cando non lles pode chegar á copa pode danalos seriamente ou matalos por mordisqueo da codia ou por roces cos cornos. A cabra ten un manexo máis difícil e presenta máis problemas sanitarios que o cabalo. Ademais, precisa dun cortello para recollelas pola noite e ter as femias coas crías as primeiras semanas.

A cabra anana de África Occidental é un bo ramoneador. Fíxose unha experiencia con ela para controlar o toxo con bos resultados. Outra vantaxe desta raza é que non dana o tronco das árbores.

En canto á ovella e a vaca, son animais máis herbívoros que lignívorso, aínda que as razas rústicas do país tamén controlan os gromos tenros dos arbustos.

Como calculamos a carga gandeira?

En primeiro lugar temos que facer un inventario das especies do sotobosque e da súa abundancia. Partimos de dous casos. Un no que nunha hectárea de sotobosque o 80% sexa toxo e o 20% silva, e outro no que sexa á inversa.

En segundo lugar, temos que estimar a biomasa total do sotobosque para calcular as toneladas por hectárea de materia seca. Hai distintos modelos matemáticos para calculalo, en función da altura e da abundancia de cada especie (cobertura medida a través de transectos). Pero os animais non consumen toda esa materia seca, senón que só a parte máis tenra: no caso do toxo o 72% é folla e o 28% talo e no caso da silva o 41% é folla e o 59% talo. Isto fai que o total de materia seca consumible diminúa.

Tamén temos que ter en conta as necesidades nutricionais de cada animal: no caso do cabalo de raza galega podemos estimalas en 5 kg de materia seca por día, polo que ao ano consume 1,7 toneladas de MS. E tamén debemos lembrar que os animais non van consumir toda a materia seca dispoñible e aproveitable, senón que arredor do 50%.

Isto leva a que a carga gandeira recomendada para un sotobosque de piñeiral ou eucaliptal se sitúe entre 1 a 4 cabras/ovellas por ha é de 0,25 a 0,5 cabalos/vacas por ha. Nunha pradeira o normal poder ser unha carga gandeira de 16 e de 2 animais, respectivamente.

Variación da carga gandeira co tempo

Nunha primeira fase recoméndase meter animais lignívoros, como cabras e cabalos e, a medida que se vaia empradizando o solo, facer rabaños mixtos con herbívoros (ovella e vaca), para acabar nunha última fase na que no rabaño predominan as vacas e as ovellas, pero mantendo algún lignívoro para evitar que o mato volva a recuperarse.

Variación da carga gandeira por hectárea co tempo nunha experiencia nun piñeiral no Marco da Curra (Monfero-A Coruña):



Carga xeral por hectárea
Comezo da experiencia 2 cabras
Ao cabo dun ano 2 cabras e 1 ovella
Ao cabo de dous anos 1 cabra e 2 ovellas
A partir do terceiro ano 1 cabra e 3 ovellas.

Esta produción gandeira pode compatibilizarse co aproveitamento madeireirol, aforra en desbroces, reduce o risco de lumes forestais e proporciona un ingreso suplementario pola venda de carne que mesmo pode chegar a superar os rendementos da madeira.

En canto ao efecto do pastoreo sobre a altura e biomasa do sotobosque, no caso do piñeiral de Monfero, antes do pastoreo o sotobosque tiña unha altura de 2 metros, cunha biomasa de entre 40 e 50 toneladas de materia verde por hectárea. Despois de tres anos de pastoreo a altura media do sotobosque foi de entre 10 e 15 centímetros e entre 0,5 a 2 tn de MS/ha (1-4 tn de materia verde por ha).

Distintas experiencias de pastoreo en plantacións forestais
Experiencia no monte de San Breixo, en Parga (Guitiriz-Lugo)


Partiuse dun piñeiral de piñeiro insigne no que se estableceron catro parcelas de 6 hectáreas con toxo, silvas e fentos. Introduciuse cabalo de pura raza galega e comparouse un sistema de pastoreo continuo, cun rotacional. Dúas parcelas de 6 ha sometéronse a pastoreo continuo e outras dúas a pastoreo rotacional, dividíndose cada unha destas últimas en 4 subparcelas de 1,5 hectáreas. O tempo de ocupación de cada subparcela foi de 1 mes e o tempo de repouso de 3 meses. O gando ía rotando sucesivamente por tódalas parcelas. Partiuse dunha carga Bandeira xeral de unha besta cada 3 ha. A carga puntual ou instantánea no pastoreo rotacional foi de 1,3 animais por hectárea.

Partimos dunha biomasa inicial de toxo no sotobosque de 6 tn de materia seca por hectárea. O gráfico seguinte amosa como foi diminuíndo a biomasa de toxo co tempo nos dous tipos de pastoreo (cada rotación son 4 meses). Chamamos pasto residual á biomasa que queda en cada subparcela de pastoreo rotacional cando o gando sae dela, e no pastoreo continuo a biomasa media no mesmo momento para poder comparar o efecto dos dous tipos de pastoreo.


Tal e como se observa no gráfico, o pastoreo rotacional resultou ser máis efectivo inicialmente, cunha tonelada menos de MS que o contínuo na primeira rotación. Sen embargo, 20 meses despois, na quinta rotación, a cantidade de MS é só lixeiramente inferior no rotacional, o que non compensa a facilidade de manexo e os menores custos do pastoreo contínuo.

Experiencia con pastoreo de eucaliptal no monte Coto do Muíño. Zas (A Coruña):

Partiuse dun pastoreo mixto de cabras e cabalos nun eucaliptal. Tras unha tala fíxose unha queima controlada dos restos da corta e do mato e despois volveron agromar tanto os eucaliptos como o mato, e permitiuse a entrada do gando nunha zona pero non noutra. No caso da parte sobre a que non se fixo pastoreo, tres anos despois o sotobosque tiña unha altura media de 1,5 metros e había unha media de 45 toneladas de materia verde por hectárea.

Pola contra, na que se realizou pastoreo, a altura do sotobosque rebaixouse a 20 centímetros e había 10 toneladas de materia verde por hectárea. Ademais, os gromos dos eucaliptos saíron mellor dando lugar a árbores de maior grosor.

Antonio Rigueiro concluíu a súa ponencia facendo unha defensa do control biológico mediante pastoreo do sotobosque, máis rendible económica e ambientalmente e que contribúe a reducir notablemente o risco de lumes forestais, xa que, no caso de se produciren, acadan menos virulencia e afectación ás árbores ao haber moito menos combustible vexetal.

“Dende a administración deberíase favorecer o pastoreo controlado nos montes, para mantelos limpos e sen risco de incendios, con acordos entre os propietarios dos montes e os gandeiros e promover as escolas de pastores”, concluíu o profesor da USC.




xoves, 30 de outubro de 2014

Reunión das Comunidades de Montes en Boiro

Peche gandeiro visto desde o Alto do Garamelo

O sábado día 18 celebrouse esta reunión, na que os conferenciantes acusaron á Consellería do Medio Rural e do Mar, de querer ROUBARNOS o monte. Entre eles estaba o señor Santiago Suárez en calidade de directivo da ORGACCMM e presidente da Mancomunidade de Montes Serra do Barbanza.

Resulta chocante que sexa precisamente tamén el o que usase tamén esta verba, cando no 2006 coa complicidade do seu curmán o Conselleiro de Medio Rural, nos roubasen unha parte dun monte para chantarnos polo seu ego persoal esta pista, que a día de hoxe ténnola así.

E por se iso non fose suficiente, coa complicidade do Distrito cedeulle pola súa conta, 80 Has., a varios gandeiros, parte dos cales non son comuneiros. Fotos arriba. Como lle chamará a isto?

Que semellante "artista" ocupe un cargo na directiva da ORGACCMM, amosa claramente que non o gañou precisamente por bo xestor, se non pola súa afiliación política... doutro xeito non o entendo.
La Voz de Galicia: A Xunta nega a privatización do monte e augura máis poder aos comuneiros coa nova lei

O Goberno galego defende a legalidade das débedas que se reclaman ás entidades por traballos realizados nos seus terreos

Unha mesma Lei de Montes e dúas formas de entendela radicalmente opostas. A Xunta, que redactou o texto, asegura que os comuneiros disporán de máis poder para xestionar o chan veciñal e xerar maiores beneficios. Iso si, antes terán que pagar o diñeiro que a Administración lles reclama por traballos realizados nos seus dominios. As comunidades, mentres, interpretan que as cantidades esixidas non son legais, ademais de inasumibles, e que a Xunta atopou con estas demandas a desculpa perfecta para pór en mans de empresas privadas os terreos.

O Secretario Xeral de Medio Rural, Tomás Fernández Couto, é o encargado de, primeiro, mostrar a súa sorpresa pola situación de «histerismo» que se está xestando. O segundo, desmente calquera intención de privatización, e o terceiro, aclara, é que a lei «está negro sobre branco para lela e interpretala, por iso non entendo as acusacións».

Fernández Couto detalla que as débedas están xustificadas, pero que, en ningún caso, levarán a expropiación do chan se as comunidades non poden asumilas. «As que poidan pasarán a ser independentes, e non como ata agora, que contaban coa axuda da Administración para realizar diferentes traballos. Os casos que non poidan abonar o diñeiro reclamado serán estudados un a un. Pero a lei di moi claramente que seguirán, cun novo convenio, baixo tutela da consellería para explorar novas vías de ingresos e continuar crecendo ata que poidan independizarse».

Afectados por incendios

O alto cargo da Xunta de Galicia detalla que hai entidades que son improductivas por mor dos incendios. «Non podemos pedir a certas comunidades que levan anos sufrindo as consecuencias do lume que teñen que pagar.

Eses son os casos que temos que estudar», explica Fernández Couto, que tamén rexeita as denuncias realizadas por comuneiros de Barbanza que aseguran que a súa consellería lles interveu o 30% das ganancias obtidas en poxas de madeira: «Esa porcentaxe está recollido no convenio que será destinado á Administración, é así desde hai tempo e non entendo as protestas que xorden agora».

Para concluír, Fernández Couto asegurou que se reunirá coa Organización Galega de Montes Veciñais cando o faga co resto de entidades que ven afectadas pola nova Lei de Montes de Galicia.

«Non entendo este histerismo, a lei busca que os veciños teñan máis capacidade para xestionar»
«As entidades que non paguen seguirán sendo donas do chan, igual que ata agora»
Tomás Fernández Couto













domingo, 12 de maio de 2013

Verbas orfas de contido do presidente da Mancomunidade do Barbanza


Como dixen noutras entradas, a nosa Comunidade comproulle uns equinos a un gandeiro-comuneiro, os cales parece ser que desapareceron un aciago día. Dado que non teño constancia de que aparecesen «de feito, o señor presidente co seu escaso sentido do humor», parece ser que comentou con algúns reitores e comuneiros que, xa se converteran en chourizos.

Salvo que escapasen a escabecheina e fosen estes, aínda que non o parecen «ollar as dúas últimas fotos», pido as oportunas desculpas. Mais se é como prognóstico, e o seu propietario é un comuneiro ou un gandeiro alleo á comunidade, o señor presidente debería explicarnos, non só aos comuneiros de Nebra, se non a tódalas comunidades agrupadas na Organización Galega de Comunidades de Montes, porque aquí non aplica o que escribiu en...

O Común dos Veciños. Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes. Ano 15. Número 12 Xaneiro 2013

Barbanza: O silvopastoreo é a solución


Santiago Suárez
Presidente da Mancomunidade de Montes do Barbanza.. e da Comunidade de Montes de Nebra:

...Mais cómpre que non se dubide o indiscutible: a comunidade é a propietaria dos montes e quen toma as decisións, aprobadas pola asemblea soberana....
A día de hoxe non teño constancia que a Comunidade aprobase esta cesión, salvo que o «soberano» sexa o presidente e nós os seus «vasalos». De ser así, para min isto ten outra connotación ben diferente a ser Demócrata, moi de moda en políticos pouco escrupulosos.

Por último aclarar que se os animais son dun gandeiro alleo á Comunidade a gravidade é incuestionable, non obstante dáme igual que poidan ser dun gandeiro-comuneiro, xa que ningún de nós podemos desfrutar destes privilexios, salvo que sexa aprobado pola Asemblea soberana, debendo quedar clara a súa cesión, convenio e as contraprestacións económicas.

Por último deixar constancia que, non critico a labor que fan os animais, se non o feito en si.



luns, 7 de maio de 2012

Cando a lóxica é para outros

Calzada camiño de A Graña
Preguntáronme se seria romana. Descoñézoo
Non sei de que me estraño ler estas cousas, se nós tamén as sufrimos. A primeira vez denuncieino aquí: Favores na comunidade.

Se seguen o fío da noticia e todo o que fun criticando neste blogue baixo a etiqueta "Peche gandeiro", sobre os usos indebidos que se fixeron deles na nosa comunidade, en realidade só viña pedindo isto: «o normal é poñer de acordo ás partes e logo discutir as condicións».

Poñerse de acordo uns directivos con algúns gandeiros de costas aos comuneiros, e nin tan sequera dar a coñecer as condicións, dependendo da afiliación política de quen practica este tipo de ilegalidades, para uns é fascismo ou ditadura e para os outros...?
Alfonso Fernández, portavoz da asociación de servizos forestais Braña e presidente da Asociación de Viveiros de Galicia, estima que o monte e o gando son compatibles nos montes, igual en Ourense como ocorre en calquera outro lugar, pero é necesario arbitrar e regular a explotación: «e, por unha vez, unha ferramenta, en forma de decreto, que ordena ou monte e merece un aplauso».

Que un monte, propiedade dunha comunidade, sexa explotado por un gandeiro sen o permiso dos seus titulares, como ocorre en non poucos casos, é algo que, para Fernández, «cae fora de toda lóxica: o normal é poñer de acordo ás partes e logo discutir as condicións».

«O Neolítico queda moi atrás, a cultura do lume para facer pastos ten que superarse, o gando e o monte ten que estar controlado. As árbores non se moven de sitio, pero se o fan os animais, polo que os seus donos terán que controlalos para evitar outros males», afirma o representante das empresas de viveiros, responsables de moitas explotacións forestais da provincia.

Vía: La Voz de Galicia

xoves, 12 de xaneiro de 2012

Sempre haberá quen poña trabas no camiño

Dous traballadores da comunidade de montes reparaban onte un dos portais do peche roto. // N.P.
Digo eu, a quen pode molestar que unha comunidade de montes e uns gandeiros, cumprindo tódolos requisitos legais, se poñan de acordo en explotar do mellor xeito o monte e a súa gandería?

Desta noticia ademais de repudiar estes feitos, quedome con un dato que descoñecía e que aporta o presidente da comunidade de montes de Viladesuso: Lomba insiste en que os comuneiros son os responsables últimos dos danos que poidan causar os animais, no caso de que non aparezan os seus donos ou non se atopen debidamente identificados, porque habitan nos seus terreos.
Viladesuso expulsa aos cabalos de seu monte. A decisión responde á "falta de seguridade" tras aparecer roto o peche que acouta a 100 equinos e a 50 vacas en 130 hectáreas.

Os gandeiros da comarca miñorana que dispoñan de cabalos nas 500 hectáreas de monte da parroquia de Viladesuso, en Oia, terán que levar as súas reses a outra parte antes de que termine esta semana. Así llo esixe a comunidade de montes da zona por razóns de "seguridade". O recinto habilitado polos comuneiros para o desenvolvemento dun proxecto de explotación de carne ecolóxica sufriu o pasado fin de semana un novo atentado e o peche metálico quedou esnaquizado en varios tramos, polo que o gando que pastaba no seu interior pode saír da zona acoutada e causar accidentes de tráfico ou desfeitas en leiras particulares.

Un centenar de equinos criados en liberdade e unhas cincuenta vacas pastan no recinto, pero son os cabalos -tamén denominados "burricanas"- os que comportan máis riscos, segundo explica o presidente da comunidade de montes de Viladesuso, Rafael Lomba, quen comunicou o luns aos gandeiros que debían desaloxar ás reses dos montes da parroquia. "Lamentámolo moito, pero temos que pedirlles que os retiren porque se trata dunha cuestión de seguridade pública. Nós temos que velar polos intereses da comunidade e sen un peche en condicións non podemos garantir a seguridade dos veciños, as súas propiedades e as persoas que pasen por aquí cos seus vehículos", explica.

Microchip necesario

Lomba insiste en que os comuneiros son os responsables últimos dos danos que poidan causar os animais, no caso de que non aparezan os seus donos ou non se atopen debidamente identificados, porque habitan nos seus terreos. O asunto lembra a polémica do microchip que a Xunta pretende implantar nos animais para asegurar a súa identificación, un dispositivo que os comuneiros consideran "necesario" para dirimir responsabilidades en caso de incidencias.

En calquera caso, sinala Lomba, a expulsión dos cabalos é provisional. En canto se repare o peche, as investigacións permitan dar cos responsables da súa ruptura e póidase garantir que as "burricanas" volvan ao monte de forma segura, regresarán.

As vacas poderán quedar porque a súa mobilidade é menor. O presidente da asociación de gandeiros de vacún da zona, Eugenio Portela, asegura que os donos das reses acoden cada día á zona para controlalas.

Mentres tanto, os propietarios prepáranse para conducir este sábado aos cabalos a outros lugares. O difícil será lograr que non regresen aos seus pastos de orixe, segundo explican gandeiros da contorna, dispostos a cumprir coas esixencias da comunidade de montes de Viladesuso, aínda que non as compartan. O presidente da asociación de gandeiros de cabalos da Groba, Modesto Domínguez, espera que a situación non se estenda a outras sociedades mancomunadas, xa que "podería provocar unha auténtica guerra entre comuneiros e propietarios de cabalos".
Fonte: Faro de Vigo

martes, 11 de outubro de 2011

Que gañan con isto?


Demasiadas veces a prensa achéganos cousas sen sentido coma esta. Se hai algunha discrepancia no seo desta ou doutra a comunidade, non é mellor loitar de fronte que de costas?. Con esta actitude o único que conseguen os que causaron esta desfeita, é que se tiñan algo de razón, pérdena toda e o que é peor, ao final perden todos.
Sabotean o proxecto de produción de carne ecolóxica dos comuneiros de Viladesuso.
Uns descoñecidos esnaquizan de madrugada o valado do recinto de 130 hectáreas, onde se controlaban 50 vacas de monte.

O proxecto de produción de carne ecolóxica de tenreira e poldro baixo a marca "Sobreiras do Faro" que a comunidade de montes de Viladesuso e a asociación de gandeiros da zona puxeron en marcha nos últimos meses sufriu este fin de semana un grave contratempo. Uns descoñecidos esnaquizaron o peche perimetral do recinto onde os promotores da iniciativa gardaban xa 50 vacas. O presidente da sociedade mancomunada desta parroquia do municipio de Oia, Rafael Lomba, que denunciou onte mesmo os feitos ante a Garda Civil, calcula as perdas económicas dos danos en 50.000 euros.

Todo ocorreu a madrugada do domingo no alto do monte Areeiro, onde comuneiros e gandeiros habilitaron un recinto de 130 hectáreas pechado con estacas de madeira e cable metálico. Os autores dos danos actuaron entre o nove da noite do sábado e o nove da mañá do domingo, segundo testemuñan gandeiros que visitaron o lugar para controlar as cabezas de gando, e romperon o cabreado ao longo de algo máis de 1.500 metros de peche. En total, inutilizaron 9.000 metros de arame e esnaquizaron varias cancelas que dan acceso ao espazo.

A comunidade de montes investira 60.000 euros no valado cunha subvención de 30.000 da Consellería de Medio Rural, segundo sinala Rafael Lomba. Agora veranse obrigados a repolo con fondos propios e deberán atrasar o desenvolvemento doutros proxectos como o Espazo Privado de Interese Natural (EPIN) Sobreiras do Faro, recentemente aberto ao público.

O peche danado non só daba servizo ao gando destinado á súa comercialización, senón que tamén servía para manter as reses baixo control e evitar o seu acceso a zonas poboadas causando danos en leiras particulares ou accidentes de tráfico.
Fonte orixinal: Faro de Vigo

xoves, 8 de setembro de 2011

Outra mentalidade

Curro da Enxa, nos montes de Baroña
Os que me coñecen, saben, porque gustaba de comentalo, que sempre tiven especial simpatía pola labor emprendida pola Comunidade de Montes de Baroña dende que estivo ao seu fronte o malogrado Manuel Tarrío Calo e Carlos Peón, e por como foron quen de facela rexurdir das súas cinzas, falando metaforicamente. Anos despois certas desavinzas entre directivos e comuneiros deron ao traste coa cordialidade que había, pero como ese é un problema interno non é aquí o lugar axeitado para comentalo, aínda si, coido que dun xeito ou outro, cada un á súa maneira loitaba polo ben da comunidade.

A pesar dos vínculos familiares a penas sigo o seu día a día, salvo cando sae algo publicado na prensa ou no taboleiro de anuncios do Concello. Así foi por exemplo, como vin unha oferta que tiñan de traballo para peóns, cando na miña propia comunidade e sendo o secretario, crearanse dous postos ás miñas costas e como xa teño comentado, sen contrato, nin seguridade social. Non contentos con isto, posteriormente volveron a crear máis, esta vez si, por si acaso con todas da Lei, que dou perdas, pero que pagamos tódolos comuneiros e comuneiras, a pesares de ser aprobados só por varios directivos.

O mesmo que acontece cos peches gandeiros, que se ceden presuntamente altruistamente a xente que nin tan sequera é comuneira. É hasta aquí quería chegar, pensa algún comuneiro de Nebra e doutra comunidade, que os directivos da Comunidade de Montes de Baroña van a ceder estes terreos sen debatelo antes nunha asemblea xeral?. Non sei o que sairá de aí, pero polo menos teñen nas súas mans a oportunidade de decidilo seu futuro, nós, incluídos os vogais da xunta reitora, somos un cero á esquerda para estes directivos e cando nos informan de algo, se nos informan, xa non hai posibilidades de dar marcha atrás.
Avanzan as xestións para producir en Baroña caldos da indicación Viños da Terra.

Aínda quedan algúns flocos por pechar pero parece que as xestións dunha cooperativa formada por viticultores da zona para incorporar novos terreos á produción dos caldos da Indicación Xeográfica Protexida Viños da Terra de Barbanza e Iria chegará a bo porto. A comunidade de montes de Baroña era unha das interesadas en ceder un espazo para este fin e parece que o acordo está próximo.

Francisco Crusat, un dos tres adegueiros que envasan os viños da indicación xeográfica, explicaba antes do inicio da vendima deste ano que confían en pechar o acordo cos comuneiros de Baroña o próximo mes de outubro, data na que os produtores consideran que deberían ter unha resposta definitiva co obxectivo de planificar as próximas campañas produtivas.

Trinta hectáreas

A finalidade de aumentar a superficie destinada ao cultivo de vides non é outra que incrementar a produción de Viños dá Terra para mellorar a comercialización duns caldos que, segundo os adegueiros, teñen gran aceptación.

Neste sentido, Crusat indicou que entre trinta ou corenta hectáreas máis de terreo serían suficientes para lograr o obxectivo que perseguen. A idea é alugar aos comuneiros esta superficie para o cultivo dos viñedos, aínda que ese aumento da produción tamén tería que ir acompañado dun incremento no número de viticultores asociados á cooperativa.
Fonte: La Voz de Galicia

xoves, 28 de xullo de 2011

Douscentos euros Ha


Os peches feitos no monte baixo de Nebra en conxunto poden chegar a 20 Has., ou algo máis, pero mentres na Mezquita lles cobran aos gandeiros 200 euros por Ha. ano e ademais comprometesen a facer melloras na zona. Aquí oficialmente saíulles totalmente gratis, sen ter que poñen ren. Sempre o dixen, non hai nada como dispor do que non é dun, para facer amigos. O peor de todo non é isto, é que como haxa alguén que diga ás cousas claras, xa queda "fichado".

Sentíndoo moito xa non poderei darlles tanto a "paliza ou tabarra" con este tema, porque nun estraño concubinato a partires de agora o presidente vai por a disposición da comunidade os "polvos" dun cabalo da súa propiedade nas eguas dun vogal, para que o froito dese "amor" pase a ser propiedade da comunidade un poldro. Non me pregunten cantos votos houbo aprol ou en contra da proposta, porque como teño dito xa fai tempo que non se vota nas asembleas, pero agora xa poden facer un uso "alegal" de desfrute dos peches, algo que por outra parte xa facían antes de "paripé". A foto dío todo, os animais xa estaban ali moito antes de presuntamente aprobarse isto.

Descoñezo se algún directivo, vogal ou comuneiro terá moita máis información que a transmitida na asemblea, eu dende logo descoñezo como vai funcionar esta "sociedade". Un bo exemplo pode ser saber, á conta de quen van ir agora as alpacas que de vez en cando se carrexan?, entre outras dúbidas que teño. Polo ben da comunidade agardo que isto saia mellor que cos porcos.
A comunidade de montes da Mezquita acaba de adxudicar a unha empresa gandeira denominada Fabani un total de 20 hectáreas de terreos da paraxe coñecida como "A Devesa" por valor de 4.000 euros ao ano. A adxudicataria comprométese ademais a realizar melloras nas plantacións de castiñeiros que conteñen así como un cortalumes. A presidenta dos comuneiros, Anxos Crespo, manifestou que "as 20 hectáreas foron acondicionadas e repoboadas dentro dun proxecto desenvolvido ou ano pasado. Agora, para darlle utilidade, que poida ser explotado, decidimos adxudicalo".

Trátase dunha iniciativa para a dinamización do medio rural posto que "o monte non pode estar sen producir, é unha boa forma de facelo rendible e de que se poida aproveitar", engade Anxos Crespo.
Fonte orixinal: La Región

sábado, 14 de maio de 2011

Nadando entre dúas augas en eleccións?


Estes días estamos asistindo a unha lea entre diversos colectivos (comunidades de montes, gandeiros e Medio Rural, á que se ven a sumar agora o BNG), no que ou moito me temo, ou os mal parados van se-los cabalos que viven ceibes e o monte. Hoxe en día é inimaxinable ter un monte medianamente limpo sen estes animais.

En resposta ás preguntas dos medios de comunicación sobre o anuncio da posible suspensión de varios curros na nosa Comunidade o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, explicou que: Medio Rural facilita a identificación dos cabalos no monte, obrigatoria por lei, con axudas para reducir os seus custes
  • En Galicia esta cuestión está regulada especificamente por un Decreto da Xunta do ano 2008, que o actual Goberno Galego herdou e está obrigado a cumprir
  • O conselleiro Samuel Juárez advertiu que o debido respecto a esta lexislación “non ten porque supoñer a suspensión” de curros na nosa Comunidade
Tres días despois os representantes dos gandeiros da Serra dá Groba e de Ou Galiñeiro, que reúnen a maior cabana de cabalos salvaxes de Galicia, auguraron que en dous anos desaparecerán a metade das reses se se obriga a colocar os microchips e publicaron este comunicado: Non ao microchip nas "burras" do monte.

A Organización Galega de Comunidades de Montes toma partido emitindo un duro comunicado, acusando a Medio Rural de premialos intereses dos propietarios dos cabalos (que non recoñecen como gandeiros) sobre as comunidades de montes e por non obrigalos a implantar dito elemento identificador: As comunidades de montes defenden a xestión de cabalos soltos no monte veciñal de xeito controlado e racional.pdf

A todo isto entra en escena o cuarto en discordia, que ven a botar máis leña ao lume e polo que se ve, tomando claramente partido: Dende o Val Miñor a Bruselas: o BNG xestiona unha exoneración para o chip nos cabalos ceibes.

E por se faltase algún ingrediente, o presidente da comunidade chamoulles en TeleBarbanza aos gandeiros "cuatreros": adj.-m. Díc. del ladrón que hurta caballerías, ganados, etc.
Un 15% dos cabalos do curro da Valga serán sacrificados

A tregua entre gandeiros de cabalos salvaxes e responsables da Xunta garantiu este ano a celebración dos curros. Con todo, hai prácticas sobre as que xa se están advertindo que non só pon en perigo este ancestral rito senón tamén á poboación de gando salvaxe, de seu en risco de extinción.

Segundo os datos que onte fixo público Xilberte Manso, da asociación SOS Groba, no transcurso dunha reunión celebrada no centro cultural de Baíña, «preto dun 15% dous aproximadamente 200 cabalos que entraron non curro dá Valla non que se abriu a tempada foron sacrificados».

O risco a exporse a posibles multas prevaleceu sobre o tempo de espera para revisar a lei europea e conseguir a posible vía de excepcional.

As cifras son alarmantes. A entidade explicou que, de antemán xa só se reuniron a metade dos equinos que de costume, os prezos non superaron os 40 e 50 euros por exemplar para os cabalos adultos e poldros respectivamente e, ao terminar o espectáculo, un quince por cento dos exemplares foron levado a matadoiros de Valencia e Portugal para ser sacrificados.

A situación causa gran preocupación na zona e onte foi un dos temas da reunión na que participaron representantes das asociacións gandeiras e as comunidades de montes da comarca do Val Miñor convocados por todos os representantes do BNG da zona. Ademais interveu a eurodeputada nacionalista Ana Miranda, que presentou unha iniciativa parlamentaria na que se reclama esa vía de excepcionalidade sobre a lei de colocación do microchip para os os propietarios de cabalos salvaxes.

Animais que, no caso dos de pura raza galega, están en perigo de extinción e concéntranse na zona.

O ordenamento e a regulación, consideran, ten que facerse en consenso entre as administracións, os propietarios e as comunidades de montes veciñais, facendo que as asociacións de propietarios sexan as responsables dos cabalos de cada zona, regularicen aqueles que non teñen marco e múltese ou penalice aos que non cumpran os requisitos».
Dende logo hai cousas que non entendo, a parte de que a obrigación de implantalo chip parte dunha normativa europea, que coma en moitos casos métenos a todos no mesmo saco, foi o bipartito quen aprobou o Decreto 268/2008, do 13 de novembro, polo que se establecen as normas que regulan o rexistro e identificación dos animais equinos (Vexase Artigo 9º.-Particularidades da identificación de équidos en explotacións extensivas en liberdade)- A que ven agora pedir unha excepcionalidade á citada norma aprobada por eles?

Con respecto a acusación do presidente só dúas cousas: sempre van falar os menos indicados e agardo que os cabalos deste peche (sen aprobación dos comuneiros) teñan o microchip, porque entón deixaría en moi mal lugar ao seu propietario.

xoves, 5 de maio de 2011

Non estou tan solo

As comunidades de montes defenden a xestión de cabalos soltos no monte veciñal de xeito controlado e racional.

Agardo que cando rematen coa lectura desta nota de prensa, algunha xente se decate que a miña persistencia ante as críticas contra o uso ilegal dos peches, non é nada persoal contra os directivos ou os gandeiros. Só veño reclamando, iso si, con meses de antelación, o mesmo que fixeron onte os representantes de tantas comunidades de montes de Pontevedra: que se respecten os dereitos dos comuneiros coma propietarios do monte. Eles reclámanllo como debe ser, á Consellería do Medio Rural, eu, á Xunta Reitora.
A Organización Galega de Comunidades de Montes e as Mancomunidades de Montes de Pontevedra, Ponte Caldelas, Monte Castrove, Morrazo, Redondela e Val Miñor, reunidas en Pontevedra a día de hoxe, mércores 4 de maio, en relación coa polémica xurdida en días pasados sobre a negativa dos propietarios de cabalos soltos de dotalos dun chip de identificación, segundo a lexislación vixente, emiten o seguinte comunicado:

1- Tanto a ORGACCMM como as Mancomunidades da provincia de Pontevedra defenden a presenza de gando equino nos montes veciñais, por considerala beneficiosa para o control do mato e a prevención de incendios forestais. Esta presenza debe cumprir todas as condicións ás que obriga a lexislación actual e aconsella a xestión racional: debe contar co correspondente plan de explotación no que se especifiquen as parcelas dedicadas a este recurso, a carga gandeira de cada unha, o establecemento de pastos de tempada e outras características. Este plan de explotación debe estar visado pola administración pública, formará parte do Plan de Ordenación dos Montes e ten que ser aprobado polas Asembleas Xerais das comunidades de montes afectadas.

2- Tanto a ORGACCMM como as Mancomunidades da provincia de Pontevedra apoian as iniciativas de explotación silvo-pastoril (combinación integrada de usos forestais e gandeiros) ou outros modelos de explotación do gando no monte que signifiquen un avance na súa xestión económica, social e ecolóxica, a posta en valor dos terreos veciñais e unha mellora na calidade de vida dos veciños. Nos últimos anos foron aparecendo por toda Galicia iniciativas promovidas por comunidades de montes, asociación de propietarios de cabalos e particulares, que están desenvolvendo proxectos como a xestión do gando cabalar con fins turísticos, terapéuticos, educativos, recreativos, de producción cárnica, de mellora xenética, de investigación científica, etc. O agrupamento dos gandeiros en asociacións, os acordos coas comunidades de montes e a elaboración dos plans de explotación son pasos indispensables cara a unha xestión racional deste recurso.

3- A provisión dun chip electrónico a cada animal, ou calquera outro medio que realice esta función, é un paso indispensable para esa xestión racional e sustentable, pois permite ter o gando identificado, controlado e saneado. O uso deste chip ven regulado polo Decreto 268/2008, do 13 de Novembro, polo que se establecen as normas, o rexistro e a identificación dos animais equinos.

4- O comunicado difundido polas asociacións de propietarios de cabalos A Groba, Serra do Suído, O Castrove, Monte Acival, A Valga, Monte Galiñeiro e Morgadáns, reunidos o pasado 22 de abril, no que ameazaban con non celebrar os curros se a Xunta de Galicia lles obriga a implantar o chip nos seus cabalos causou decepción, malestar e mesmo indignación nas comunidades de montes afectadas. Non entenden que as citadas asociacións de propietarios de cabalos, que deberían promover entre os seus asociados a realización de proxectos que modernicen ao sector e que deberían encabezar iniciativas de entendemento coas comunidades de montes para a mellora da explotación dos recursos do monte e a obtención de subvencións das administracións públicas, dean cobertura e protección a propietarios de gando cabalar (que non se poden chamar gandeiros) que se distinguen xustamente polo contrario: ausencia case total de xestión do gando, abandono dos animais, maltrato animal, etc; co conseguinte descontrol da cabana que provoca danos moitas veces cuantiosos en montes e cultivos, e accidentes de tráfico.

5- A información aparecida na prensa sobre a reunión do Conselleiro de Medio Rural con estas asociacións de propietarios de cabalos tamén é decepciónante. Unha vez mais, a Xunta de Galicia volve a permitir o movemento ilegal de gando, o incumprimento da lei e a impunidade dos causantes de danos importantes nos montes. Unha vez máis o Conselleiro de Medio Rural trata cos propietarios dos cabalos soltos da súa problemática sen requirir a presenza das comunidades de montes, propietarias dos terreos onde se crían os animais, por máis que sexa sabedor de que non pode haber gando no monte sen autorización dos comuneiros e de que son eles os únicos propietarios dos recursos gandeiros dos montes veciñais. Unha vez máis a Consellería de Medio Rural amosa o seu desprezo e a súa incompetencia cara o monte veciñal e as comunidades de montes.

6- Proba do anterior é que o Conselleiro de Medio Rural chega a acordos cos propietarios do gando ilegal e non trata o tema cos propietarios do recurso (os pastos), que son as comunidades de montes. Aínda máis negativo e absurdo é que as axudas para a prevención de incendios subvencionan a limpeza de monte raso, favorecendo a este gando, e non o desbroce de masas arboradas. Parece clara a política de desordenar os usos do monte que favoreza o seu abandono, paso previo á súa privatización.
Aquí, como máximo responsable da comunidade, é o presidente o que presuntamente trata e chegou a acordos cos propietarios dos cabalos sen contar coa presenza «nunha asemblea xeral» dos comuneiros propietarios dos terreos e dos peches. É tan difícil de entender isto?
Teño que supoñer tamén que ningún outro directivo ou vogal é sabedor que non pode haber gando neses peches sen autorización dos comuneiros?. A min tamén me leva a pensar que a Xunta Reitora amosa o seu desprezo cara ó monte e comuneiros.
7- Non é certo que o problema principal para a protesta destas asociacións sexa o prezo do chip, que en ningún caso custaría 40 €, como din. O anterior goberno bipartito ofreceu subvencións do 90 % (co cal o chip custaría 4 €), que mantivo o goberno actual ata o pasado ano, cunha acollida moi minoritaria dos propietarios dos cabalos. Este ano a subvención é do 75 % e a acollida segue sendo minoritaria. Xa que logo, o prezo do chip non é a causa real da protesta.

8- A verdadeira causa da negativa a implantar o chip nos cabalos que teñen no monte é o control que se podería establecer sobre esta cabana que está na súa maior parte ilegal e somerxida, que moitas veces está abandonada e que provoca anualmente danos superiores ao do seu valor económico.

9- Esta cabana está ilegal porque a día de hoxe hai un importante corpus lexislativo que establece a obriga de contar coa autorización dos propietarios do terreo para ter gando no monte. Especificamente a Lei 3/2007, de prevención e defensa dos incendios forestais, establece no seu artigo 41 que: «a persoa física ou xurídica titular do monte é a propietaria dos aproveitamentos forestais producidos nel, nos que se inclúen os pastos» A explotación destes pastos deberá estar expresamente incluída no plan de ordenación do monte. Actualmente, soamente unha mínima parte do gando solto no monte conta co necesario acordo coa comunidade de montes propietaria dos terreos e aínda máis pequena é a parte do gando solto que conta con plan de explotación. Xa que logo, a gran maioría dos cabalos soltos no monte é gando ilegal.
Mentres non se revogue o único acordo legalmente aprobado nunha asemblea, asinado pola comunidade cos gandeiros e auspiciado pola Xunta de Galicia, a única zona autorizada para o pastoreo é o monte alto.
O problema é cando se antepón o carros aos bois ou comprobamos que hai xente que pasa as normas, os estatutos e as leis por onde lle peta. Así foi como antes de someterse ao ditame da asemblea xeral para solicitalo aproveitamento do pasto no monte baixo, se puxeron a facer peches con e sen permiso dos comuneiros.
10- O argumento esgrimido polos propietarios de cabalos para manter esta situación ilegal de que é un aproveitamento tradicional dos montes de Galicia e que sempre se fixo así, é un argumento falso. A situación actual nunca se deu tradicionalmente en Galicia. Nalgunhas comarcas era tradicional o pasto con gando solto nos montes, pero sempre identificado e controlado, pois o proceso de identificación facíase precisamente nos curros. Hoxe dáse o caso paradoxal de que os cabalos marcados nos curros, cando provocan danos en cultivos, non son recoñecidos polos propietarios, malia a teren claras as marcas. ¿Como se chama aquel que di ignorar as marcas dos cabalos que causan danos para encubrirse ou encubrir a outro propietario?

11- Tampouco tradicionalmente se producían os danos actuais, que son cuantiosos en montes e cultivos de particulares. Soamente nos últimos anos, nas comarcas onde pastan os cabalos ceibes das anteriores asociacións, causaron danos por valor de varios millóns de euros nas plantacións forestais realizadas polas comunidades de montes con fondos propios e subvencións, ademais dos danos nos cultivos de particulares. Deste danos, soamente foi restituída unha pequena parte dos causados aos particulares, quedando os demais impunes. A ORGACCMM e as Mancomunidades de Montes da Provincia de Pontevedra consideran que as asociacións de propietarios de cabalos queren manter esta situación coas súas ameazas e protestas, pois a implantación do chip permitirá a identificación dos propietarios dos cabalos causantes dos danos por parte da Garda Civil e dos fiscais na colocación de pexas e trancas.

12- Estes propietarios pretenden continuar con esta situación ilegal, inxusta e insustentable. Pretenden que os cabalos sigan vivindo do que haxa no monte, sen proxecto nin investimento ningún, mentres comuneiros e particulares teñen que apandar cos importantes danos que periodicamente provoca a súa falta de xestión. Pretenden tamén que as comunidades de montes, que son as que poñen os recursos e case nunca obteñen ningún beneficio, corran cos gastos dos accidentes de tráfico provocados pola mala xestión destes cabalos soltos. Son eles, coas súas posturas irracionais, os que están a provocar a desaparición dos gando solto no monte.
Aquí xa non é que o pretendan, é a comunidade a que por deixamento de responsabilidade dos comuneiros, apanda con tódolos gastos. Así é como pagamos integramente por facelos peches e mantelos, por dotalos de auga corrente, etc. Ante a falta de calquera información por parte dos directivos, os diversos propietarios que nalgún intre tiveron alí animais, fixeron un aproveitamento dos nosos "pastos" e tivéronos en todo momento controlados, sen gastar ren.
13- A súa negativa a identificar os seus cabalos levounos a desprezar as xenerosas subvencións que a Xunta de Galicia ofreceu no 2008 para a colocación dos chips electrónicos, a produción cárnica, actividades de lecer, turísticas, terapéuticas, educativas e de investigación científica. Todo para non facerse responsables dos danos que causan os seus cabalos por culpa da súa falta de xestión. Mesmo actualmente non queren aproveitar as axudas que teñen accesibles a través do programa Leader 2007/2013 da Unión Europea.

14- A ORGACCMM e as Mancomunidades de Montes da Provincia de Pontevedra seguirán perseguindo este gando ilegal que lles causa tantos danos e lles impide a xestión integrada e a posta en valor dos montes veciñais, e denunciando aos propietarios destes cabalos (non son gandeiros, son outra cousa) ante as forzas de seguridade e os tribunais por prácticas depredadoras que saquean os recursos do monte dun xeito contrario a calquera xestión sustentable. Ao mesmo tempo, declaran seguir abertos a establecer o diálogo a todos aquelas asociacións cabalares que queiran regularizar e legalizar a situación dos seus animais e establecer plans de explotación beneficiosas para todas as partes.

15- A Xunta de Galicia ten as competencias na ordenación dos usos do monte e debe esixir a identificación do gando solto. Vista a postura contraditoria da Consellería de Medio Rural sobre a implantación do chip, solicitarase unha entrevista urxente co Conselleiro para coñecer a posición da Xunta de Galicia sobre o tema e as medidas a tomar para o cumprimento da legalidade vixente.

16- A ORGACCMM e as Mancomunidades de Montes da provincia de Pontevedra promoverán, na reforma lexislativa dos montes que prepara a Xunta de Galicia, a inclusión da obriga de que todo o gando solto que estea no monte veciñal debe estar identificado e saneado, ademais de autorizado pola comunidade titular das terras. Ademais debe especificarse que o gando que non estea regularizado, previa denuncia dos propietarios das terras, deben ser retirado do monte pola Consellería de Medio Rural.


Fonte orixinal: Monte Pituco
Coido que sería bo que fixesen súa esta proposta moitas máis Mancomunidades e Comunidades de Montes. Nebra ademais de ser estar na Organización Galega de Comunidades de Montes, tamén o esta na Mancomunidade de Montes da Serra do Barbanza, pero a pesar de que están aí para asesorarnos, ollase que vamos demasiado por libres. Eu dende logo subscribo integramente este comunicado e considero que xestionado con sentido, todos sairiamos gañando: comuneiros, gandeiros, montes e animais.

luns, 2 de maio de 2011

Mi cortijo

"A muller do César non só ten que ser honrada senón parecelo".

Novamente exercendo os dereitos que me asisten coma comuneiro de pleno dereito na comunidade, véxome na obriga de criticalo uso particular deste peche gandeiro por parte doutro gandeiro, a pesar de que a día de hoxe nunca se someteu nunha asemblea a súa cesión, e xamais se nos dou conta. Igual que aconteceu antes con outros gandeiros alleos á comunidade.

Nesta ocasión comentáronme varios veciños que, estes animais -presuntamente- pertencen a un vogal e nalgún intre, polo visto o presidente tamén chegou a facer uso del. É verdade que os peches constrúense para darlle utilidade, pero non é menos certo que para iso hai que cumprilas regras do xogo ou o que é o mesmo, acatar e cumprilos estatutos vixentes. Estou seguro que este gandeiro-comuneiro non actuou de "motu proprio", pero como vogal ten a obrigación de coñecela forma de proceder.

As comunidades de montes rexidas por xente "legal", xestionasen democraticamente a través das asembleas veciñais e cada comuneiro, é un voto. Ninguén, nin o comuneiro más antigo, nin o presidente ou calquera outro membro da Xunta Reitora asístelle o dereito a facer un uso privativo dun ben común. Alguén cree que se cando estiven de secretario permitise a meus curmáns meter nels ós seus animais, algúns ían a estar tan calados? Dende logo nin remotamente pola idea se me pasaría facelo.


Eses veciños comentáronme tamén que, ollaron como o coche da comunidade atravesaba Nebra cara ao peche cargado con unha alpaca de palla e amarrado a defensa, levaba un cabalo. Obviamente non tiven o privilexio de ver esa "película". O certo é, que enriba deste asador atopeime esta alpaca, curiosamente idéntica á que me describiron as testemuñas e xa sería moita casualidade que, coincidiran na súa descrición, porque como ben saben, aquí só se empacan as de forma rectangular.


O asunto do coche ten "guasa". Cando a anterior xunta reitora propuxo ao pouco de tomar posesión nunha asemblea a súa compra -tódolos anos alugabamos un para o lume-, os comuneiros votaron en contra aducíndolles que só o querían para "pasear". Cando o compramos nós, en virtude dunha subvención que deixaran xestionada, para evitar esas suspicacias comuniquei nunha asemblea e coido que consta en acta, que tódalas saídas quedarían rexistradas nun diario e que sempre estaría a dispor de todos. Así se fixo mentres exercín coma secretario. Agora non sei como xustificaran esta de ser verdade, ou aquelas outras de cando lles levaban auga aos primeiros animais que houbo no peche, hasta que con fondos comunitarios conectaron 200 metros de mangueira dende o río, para que tivesen auga fresca.


Tamén puiden comprobar como con pinos verdes, coma se non houbese eucaliptos, fixeron este cercado. Agora só falta, que algo máis centrado e no mesmo peche, fagan un alpendre e o doten dun teito... todo ilo, por suposto, pagado con fondos comunais.


Obsérvese a diferencia coa que actúan outras comunidades e gandeiros: Os comuneiros de Vincios habilitarán recintos para o gando salvaxe coa fin de evitar accidentes.
El plan, desarrollado con la colaboración de la Mancomunidade de Montes do Val Miñor, contará con fondos europeos del plan Leader, según relataron ayer el presidente de la comunidad de montes de Vincios, Alberto Covelo, y su homólogo en la agrupación miñorana de sociedades mancomunadas, Xosé Alfredo Pereira. Dos ganaderos del entorno –Rocío González y Manuel Figueroa– participarán en esta experiencia novedosa que "servirá de exemplo a todas as comunidades da comarca"...
Insisto, a Organización Galega de Comunidade de Montes pon a dispor das comunidades de montes asociadas, persoal cualificado para que os comuneiros e comuneiras saiban exercelos seus dereitos e os directivos, xestionar e dirixila comunidade que representan.

Isto nada ten que ver co exposto, pero... Que méritos ten? É amigo do presidente. E punto


domingo, 30 de maio de 2010

Non aprende o que non quere


"A carroucha" é o nome da folla informativa que a Comunidade de Montes de Xuño pon a disposición dos seus comuneiros e comuneiras pola parroquia, pero iso non é todo, ao mesmo tempo edítana nun blogue. As súas intencións son ben claras: pretenden que todos e todas vaian sabendo da vida e traballos da Comunidade.

Notase ao contrario que en Nebra, segundo palabras textuais da xunta reitora, que alí a ninguén lle molesta a súa publicación e que a colguen na rede.

Foi así como atopei esta información de vital importancia para o que tanto crítico dende este blogue:
«Xa vai bastante avanzada a obra do peche da parcela I (Trabes e Cernadas). Nesta parcela meterase o gando e completará así a obra xa iniciada cos peches de Picoutos e Vistipoi. Lembramos que o uso destas parcelas está regulado por un acordo que xa foi aprobado pola asemblea de comuneiros».
Quédense co último paragrafo: «Lembramos que o uso destas parcelas está regulado por un acordo que xa foi aprobado pola asemblea de comuneiros». Aquí non só non houbo acordo, os primeiros fixéronse enganando aos comuneiros dicíndolles que era para metelo gando requisado, cando non era verdade, faciámolos para mediante acordos mantelo mato con eles. Esta afirmación podo mantela, non só porque o fixen constar en acta cando era o secretario, se non, e o que é máis importante, quedou gravado. De non ser así, igual que me pasou cos veciños de Resúa, mesmo poderían acusarme de aportar información falsa.

A vista da información, non creo que se dean casos de favores na comunidade como se deron aquí. Pero é que hai máis, o 5 de outubro de 2005, aos poucos meses de tomar posición dos nosos cargos, o presidente e máis eu foramos alí ver un peche e o gando co que contaban uns socios, todo elo para recabar información, de aí que poida achegalas fotos que acompañan á entrada.

Noutra, por non alargar esta, publicarei os anhelos que tiñamos varios comuneiros, entre os que se encontra o presidente, para facer cousas coma esas aprol da comunidade.

domingo, 16 de maio de 2010

Ten futuro o noso monte?

Hoxe as oito do serán teremos unha nova asemblea e se fosen minimamente democráticas, estaría preparando as miñas preguntas, rogos ou propostas, pero como nada diso se da, paso de romperme os miolos. Xa teño dabondo aquí.
Xa obviando moitas outras preguntas, que nin sequera se recolleron en acta a pesar de ser feitas por escrito, a día de hoxe non recibín resposta a única pregunta que fixen en Novembro, sobre o nomeamento dun vogal e por descontado do resto, xa que ao contrario que nas anteriores lexislaturas, esta vez non foron elixidos democraticamente nunha asemblea xeral. E xa obvio que legalmente só pode haber un vocal por aldea e que cada aldea debería contar con un. Bola que xa me meteron sendo secretario.

A pesar de que é unha asemblea ordinaria, a máis importante do ano, aquí non se estuda buscar formas de xestións viables para o monte, e todos sabemos que as subvencións pouco a pouco iran tocando fondo e xa o di o refrán: Hasta a folliña d'o millo sabe tamén picardía, garda o orvallo d'a noite, para beber po-l-o día.

Todo o contrario do que intentou nos dous anos que estivo ao fronte da Comunidade José Olveira Calo (q.e.p.d) que nos deixou este Souto na aldea de A Belga, a pesar de tódolos atrancos que-lle puxeron os seus propios compañeiro e un grupo de comuneiros. Pero todo isto non vale de nada se non se fai un seguimento, como seria podalos mentres non estean totalmente formados.

Nel, nunha pequena carballeira e na plantación de pinos que poden ver na reportaxe, gastáronse fondos comunitarios cos peches gandeiros dos que non se está facendo un aproveitamento, como sería cedelos nunha asemblea a algún gandeiro ou a comunidade estudala forma de facerse con animais como están facendo outras. Deste modo manteríamos o mato á raía e quizais se puidesen crear postos de traballo. Non sei, todo sería cousa de ir a comprobar como funcionan, copialos ou tratar de melloralo sistema.

Os charlatáns tiveron o seu apoxeo no Oeste, pero hoxe cumpre algo máis que verbas máis ou menos bonitas, e mandar escritos sen vir a conto aos comuneiros e comuneiras. Nebra ten preto de 1000 Has. e onde non hai presenza de animais o mato "come" aos arbores  e como non se faga algo así, vamos de cu, pero iso si, o que non se pode facer son peches para facerlle favores a amigos como xa sucedeu e denunciei. E supoño que aquí pasou algo parecido, porque detectei restos da presenza de cabalos e agora, entendo porque un día un comuneiro me informou que hasta alí se achegaba o coche da Comunidade co deposito cargado de auga. Aquí non hai bebedeiros naturais.

Exemplos para tratar de copiar doutras comunidades temos abondos, todo é querer implicarse ou mirar como pasan os días e os nosos fondos van tocando fondo, sen habernos preparado para o futuro.
O Monte Cabalar da Estrada convértese en granxa
Gando contra o lume
Vacas cachenas no monte de Lira
Comuneiros de alma ecoloxista
Souto de A Belga

luns, 5 de abril de 2010

Para que gastamos fondos nos peches?

A día de hoxe que eu saiba fixemos tres peches gandeiros e salvo que algún amigo dos directivos teña de novo animais neles, alí estarán sen darlle o uso para o que foron feitos e polo que fixemos unha importante inversión. Digo amigos dos directivos, porque iso mesmo fora o que acontecera cando denunciei no seu día
favores na comunidade.

Hai algo que algúns directivos, de Nebra sobre todo, que aínda non se deron de conta que as comunidades de montes de momento e mentres unha nova Lei non diga o contrario, rexesen por asembleas, iso significa que cada comuneiro ou directivo é un voto, nin máis nin menos. Aínda que dende a miña saída da xunta reitora máis que asemblearismo isto funciona coma un congreso político, ao aprobarse todo presuntamente polos directivos e vocais. Isto quere dicir que o voto de vinte-tantos comuneiros, teñen máis valor que o dos restantes douscentos e pico que conformamos a nosa comunidade.

Retomando o tema do aproveitamento dos peches gandeiros, hoxe traio outro exemplo para que se decaten que hai outras formas moitos máis democráticas de levar unha comunidade, para decidir como se autoriza o libre pastoreo nun monte comunal, outra cousa é o que cada un queira facer na súa propiedade.

De novo pregunto, con que dereito un directivo puido autorizar a un amigo ou familiar facer uso dun ben comunal, sen tan sequera ser comuneiro?

Que faría a directiva se un comuneiro fixese o mesmo e autorizase a un amigo, ou no meu caso a un familiar, a meter cabalos nos peches e te-los alí moito mellor controlados?

A muller do César non só ha de ser honrada, tamén ten que parecelo.

xoves, 30 de xullo de 2009

Os comuneiros de A Mezquita adxudican monte a gandeiros

Unha vez máis traio á miña bitácora a toma dun acordo asembleario exemplar onde os comuneiros de A Mezquita adxudican montes a gandeiros.

Na noticia vemos como estes comuneiros adxudicaron a unha empresa gandeira 20 hectáreas de monte por 4.000 euros ao ano e por outro lado, a súa presidente explica que:
"...as 20 hectáreas foron acondicionadas y repoboadas dentro dun proxecto desenvolvido o ano pasado. Agora, para darlle utilidade, que poida ser explotado, decidimos adxudicalo".
Algo parecido a iso era o que planeaba eu dende a directiva, en dúas zonas, pero tralo desastre do 2006 truncouse todo.

Posteriormente fixéronse noutra zona tres peches máis pequenos sen que fosen aprobados pola asemblea xeral e que saiba, fixeron uso deles como mínimo dúas persoas non comunitarias e unha comunitaria. Dado que esas cesións tampouco foron aprobadas pola asemblea xeral, descoñezo en que termos se fixeron.

Como os peches non tiña auga, os directivos abasteceron aos animais co coche da comunidade ata que posteriormente, conectaron dende o río unha mangueira de máis de 200 metros.

Resumindo, salvo que alguén manifeste o contrario, a parte da subvención que recibimos para os peches, a comunidade correu co resto de gastos: coche a disposición desa xente; comprou a mangueira e supoño que alguén tivo que colocala, ben altruistamente ou mediante pago.

E que recibimos en troques? nada. Isto si que é unha xestión eficaz.

domingo, 7 de xuño de 2009

Parabéns aos comuneiros de Darbo

A Comunidade de Montes de Darbo (Cangas) ben de inaugurar as obras realizadas nos últimos anos, mentres en Nebra seguimos agardando para levar a cabo algunhas aprobadas fai máis de 3 anos.

Comuneiros de Darbo culminan a conversión do antigo vertedoiro de Varalonga nun "pulmón verde"

Lendo a nota de prensa só coincidimos nunha cousa: o verán do 2006 foi nefasto para as dúas comunidades, pero mentres Darbo quixo renacer das súas cinzas, aquí coido que primaron outros intereses.

Estas son as 3 diferenzas.
Darbo:
Culminaron a conversión do antigo vertedoiro de Varalonga nun "pulmón verde".
Recuperaron o lavadoiro de Gorgollón, con máis de cen anos de antigüidade.
Fixeron desbroces e plantaron frondosas.

Nebra:
Non culminamos a conversión do antigo vertedoiro de Padín-Cadeiras nun soto ou carballeira e un merendeiro. Iso a pesar de que tiñamos asinado un contrato coa empresa que depositou pedra na antiga canteira polo cal se comprometía a aplanarnos a zona, pero os nosos xestores deixárona marcharse de rositas.
Non rehabilitamos o único lavadoiro e as tres fontes que tiñamos previsto e que aprobamos na xunta reitora.
Plantaron piñeiros en zonas que por si sola se rexeneraron e non me parecería un gasto superfluo, se se plantasen arbores máis autóctonas e frondosas aproveitando que por culpa do lume non quedou nada.
Din que unha imaxe vale máis que mil palabras. Nas fotos que aporto tomadas un día despois de rareala zona, poden comprobalo que digo: en marco azul os piñeiros plantados e en verde, os ventureiros. Saquen as súas conclusións.

Resulta curioso que a recuperación do lavadoiro a tivesen que sufragar integramente con fondos da Comunidade ao serlle denegadas, por falta de presuposto, as subvencións solicitadas á Xunta e á Deputación. Do Concello di o seu presidente que seguen esperando resposta.

Digo que resulta curioso en canto a que a nós a Xunta "agasallounos" cunha subvención ao 100% para que directivos sen escrúpulos e sen autorización da asemblea xeral, cruzasen varias propiedades privadas cunha pista tal e como denunciei en anteriores entradas.

Como non hai 2 sen 3, a Deputación "claudicou con outras subvencións que non procedían" para facelos peches gandeiros que tampouco aprobamos en asemblea e dos que se benefician persoas alleas á Comunidade.

Unha cousa pola que tanto loitei e non conseguín, era contar cunha cuadrilla profesional como teñen algunhas comunidades do entorno. Vese que Darbo tamén conta con unha que colaborou para que os proxectos visen a luz.

Aquí xa se sabe, os traballos "organízaos" unha empresa allea á Comunidade e cando non é así, contratase a dedo ao persoal "amigo" sexa xubilado ou non e pagáselle relixiosamente, aínda que digan que non é un pago, se non que é unha contra-prestación polos "servizos prestados".
Iso si, por si acaso non existe un contrato vinculante e todo se fai de común acordo para non pillarse os dedos uns e outros.

Pensan que tódolos comuneiros seguimos chupándonos o dedo?

Os comuneiros de Darbo restauran un pilón centenario que aflorou con lume