Amosando publicacións coa etiqueta Cesión. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cesión. Amosar todas as publicacións

sábado, 19 de xullo de 2014

Nebra, se de esta non espertas, é cousa de pensar en facelas maletas!!!

Levamos ano e medio sen celebrar unha asemblea, sen aprobalo censo e sen presentarnos as contas, e por riba, atopámonos con que o presidente nunha reunión de taberna ás que está tan acostumado cedeu pola súa conta e risco, e sen darnos contas a día de hoxe, sobre unhas 80 Has., a un grupo de gandeiros aos que o xefe do Distrito, tendo coñecemento desta cacicada deulle o material (barras de ferro e malla) para facelo peche nesa zona, metendo no medio terreos doutra comunidade.

Xa con outra xunta reitora pasou algo parecido, que cedeu o monte de Cadeiras sen ser aprobado pola Asemblea Xeral a unha empresa para extraer pedra para o peirao de Portosín, e só despois de que uns comuneiros comezasen a removelo tema, en troques a citada empresa abriunos a pista da Igrexa á Perdigueira, cando en realidade iso era unha obriga do Concello. Cada vez quedamos menos que lembramos como rematou aquilo e os cartos que cobraron uns, a pesar de que xamais obtivesen unha sentenza condenatoria contra aquela xente. Para cobrar chegoulles coa súa palabra.

Pola contra no meu caso, obtendo unha sentenza condenatoria a favor da comunidade como foi a recuperación da leira onde construímos o local. A día de hoxe o presidente segue negándome eses cartos, algo que tamén fixeron os que nos precederon porque non era da súa corda, e este «elemento» trabucouse comigo pensando que lle ia permitir asoballarme e asoballarnos por ter un título. Hora que ollando como a xente lle cala, está claro que estao conseguindo.


Cando pos ao fronte dunha Comunidade a un «incompetente», que descoñece a nosa Historia pasan estas cousas. A zona que regalou tan alegremente, grazas a unha subvención foi cercada e labrada para facer un plantación, procedendo alguén de noite con premeditación e aleivosía a cortala con unha motoserra cando xa tiña os aramios tirados e destruíndo as miles de plantas de piñeiro que a empresa que ía executalo proxecto tiña apiñadas nos semilleiros. Vexase a desfeita e o panel.
Non obstante hai que recoñecer que soubo escoller aos "caladiños", porque se esta cacicada vez de facela el, que é do BNG, a fixera eu, ou calquera outro, quen os vería vir a defendernos deste roubo?

O problema é que logo de que A Xunta de Fraga acadase sentar na mesma mesa a tódolos gandeiros cos comuneiros e desde esa gozásemos dunha paz relativa, agora volven os enfrontamentos entre eles, con nós polo medio, porque esa xente sabendo que o monte é noso e que lle reclaman insistentemente ao presidente que convoque esa Asemblea Xeral de xeito urxente, segundo palabras do xefe do Distrito poden negarlle a entrada a outros, aínda que sexan comuneiros. De feito o presidente nos peches do Castrallón mentres permitiu aos seus amigos, un mesmo de Argalo, meter alí aos seus animais, a un comuneio de Resúa botáballos fora, mais dou con un máis testán que el.

Notase que o seu paso por aquí creou escola, porén para o mal. Magoa que tras estar metido na ORGACCMM e a presidir a Mancomunidade de Montes da Serra do Barbanza non aprendese o que é a Democracia e sobre todo respectar aos comuneiros e comuneiras, como fixeron nestas comunidades.


La Voz de Galicia: Comuneiros e Defensa enterran a machada de guerra tras 6 anos de disputa

Onte asinouse o convenio polo que o ministerio abonará un canon anual

Foi un acto sinxelo ao que non puideron asistir os medios de comunicación por expreso desexo de Defensa o que onte puxo fin ao pulso que, desde hai aproximadamente seis anos, manteñen os comuneiros co ministerio pola propiedade dos terreos da Brilat. Representantes de Defensa e das comunidades de Salcedo, Vilaboa e Figueirido -os de San Xulián espérase que o fagan hoxe ou mañá- asinaron o convenio polo que as autoridades militares comprometen un canon anual polo uso da parcela que ocupan as instalacións da brigada.

«É un día histórico, como o foi o da derogación do decreto da franxa de seguridade -o seu implementación en outubro do 2008 deu lugar ás reclamacións veciñais da titularidade dos terreos da base- ou como foi o da sentenza na que se recoñece a propiedade do monte», subliñou Fernando Pintos, presidente de Salcedo. «Espero que a partir de hoxe quede isto zanxado por un período o máis longo posible. Agora quédanos facer un seguimento estrito do que é o convenio. Unha paz durareira nese sentido, que nos facía falta», engadiu.

Unha das cuestións que supervisarán os veciños de Salcedo ao longo dos próximos meses atópase na demolición da aldea afgá e do campo de tiro, que se desprazarán a outras áreas da superficie cedida aos militares. No propio convenio recóllese que, unha vez asinado este documento, a Brilat dispón dun ano e medio para acondicionar esas novas zonas. Durante estes dezaoito meses, a brigada poderá seguir utilizando estas áreas de adestramento.

«Penso que este convenio e esta resolución favorece aos veciños fundamentalmente, pero tamén aos militares e a os cidadáns de Pontevedra que se van ver beneficiados dunhas cantidades económicas que veñen para a cidade. Polo feito de ter que contratar empresas son cartos que quedan aquí», remarcou Pintos.

Pola súa banda, José Luis López, da comunidade de Vilaboa, recoñeceu que, sendo un «paso importante» o que se viviu onte, a súa comunidade está aínda pendente do recurso que interpuxo Defensa contra a sentenza que lles recoñeceu titulares dos terreos. Dos encontros que mantiveron con representantes de Defensa, interpreta que existe a disposición de que, en setembro, retiren o recurso: «Esperemos que haxa boa disposición por parte deles. Entón si que sería un paso grande e definitivo».

Similar valoración realizou o presidente da outra comunidade de montes que aínda non liquidou os seus litixios, Figueirido. O seu presidente, Constantino Lamoso, asegura que «estamos pendentes deles. Estamos esperando que o retiren -o recurso- para poder cobrar os cartos. Si imos ter que esperar cinco anos, cando cheguen xa non farán falta para nada. Temos esa esperanza», conclúe.


sábado, 27 de outubro de 2012

Non entenden ren

Faro de Vigo: Vilaboa xustifica a vertedura de terra en Reboreda porque "sempre se fixo así"

O concelleiro de Vías e Obras de Redondela, Cándido Vilaboa, afirmou onte no pleno que o conflito por unha vertedura de terras e broza nunha parcela da Comunidade de Montes de Reboreda débese ao "capricho" da presidenta da entidade comunal, Rosa Fernández, e recoñeceu que é unha práctica habitual por parte do seu departamento o depositar nas zonas de monte dos restos da limpeza de camiños. "Sempre se fixo así, en todas as parroquias hai vertedoiros", xustificou.

O responsable de Vías e Obras, que compareceu na sesión plenaria a petición da Agrupación de Electores (AER), asegurou que a vertedura de vinte camións de terra e broza procedentes da limpeza da Senda da Auga contaba co permiso "verbal" da presidenta dos comuneiros, "aínda que despois cambiou de opinión porque alguén lle quentou a cabeza", apuntou.

Vilaboa destacou que a vertedura non supón "ningún dano" para o monte, posto que se trata de terra e restos de material vexetal que fan de "abono". "Mesmo se pode plantar árbores encima se queren", e sinalou que as terras foron trasladadas despois a unha leira particular da mesma parroquia.

Pola súa banda, o concelleiro de AER, Jorge Varela, acusou ao responsable de Vías e Obras de actuar de maneira neglixente posto que debía saber que para realizar este tipo de verteduras debe cursar unha "solicitude por escrito" á comunidade de montes, algo que non fixo, e culpouno por non asesorarse cos servizos técnicos municipais, polo que agora o Concello enfróntase a unha multa do Seprona por contía de até 80.000 euros.

O pleno de Redondela aprobou por unanimidade unha ordenanza fiscal que obriga a pagar 385 euros ao ano aos bancos pola instalación de caixeiros automáticos en edificios nos que a súa utilización implique un aproveitamento especial da vía pública. A ordenanza tamén establece taxas para as empresas que instalen a canalización de augas ou gas, tendidos eléctricos ou máquinas de venda automática nas rúas.

domingo, 30 de setembro de 2012

A presidenta da Comunidade de Montes de Reboreda contesta ao concelleiro Vilaboa

Mentres estaba escribindo a anterior entrada, chegoume un novo correo electrónico da ORGACCMM, onde sae este comunicado da presidenta da Comunidade de Montes de Reboreda. Polo que paso tamén a darlle a maior difusión posible, para que non se sigan vulnerando os dereitos dos comuneiros.

Que copie o noso presidente e algún directivo de como se deben celebralas asembleas e dirixila comunidade!!!
Falo de Redondela: A presidenta da Comunidade de Montes de Reboreda contesta ao concelleiro Vilaboa

Coma sempre, o de sempre. Nós non poñemos nin quitamos absolutamente nada. Velaí a contestación da presidenta da Comunidade Montes de Reboreda:

Ante as manifestacións feitas polo Concelleiro de Vías e Obras de Redondela, D. Cándido Vilaboa, e mailo vogal da Xunta Reitora da Comunidade de Montes de Reboreda, D. Antonio Monteagudo Otero, publicadas o día 26/9/2012, nas que se me acusa de ter autorizado os vertidos de terra e broza no monte de Reboreda, eu, Rosa Fernández Santos, Presidenta da Comunidade de Montes de Reboreda, quero manifestar o seguinte:
  1. Existe un acordo asembleario no cal se esixe a previa presentación por escrito da solicitude para o vertido de terras, e que esta petición sexa tratada na Asemblea.
  2. É totalmente falso que eu dera autorización para facer o vertido da terra e broza procedentes da limpeza da Senda da Auga, porque descoñecía tales obras que nin se me comunicaron nin se me solicitou dito permiso, nin verbal nin escrito.
  3.  Nego rotundamente tal acordo. Facer constar que as afirmacións publicadas de D. Cándido Vilaboa e D. Antonio Monteagudo son totalmente falsas, feito que se demostrará ante as autoridades pertinentes de ser necesario.
  4. Chama poderosamente a atención a coincidencia de manifestacións entre o Concelleiro e o membro desta Xunta Reitora o que fai sospeitar un acordo entre eles ao marxe da Xunta Reitora da Comunidade de Montes.
  5. Independentemente da actitude adoptada por cada directivo, a título persoal, esta non pode ir en contra dos acordos da Asemblea de Comuneiros.
  6. Resulta incomprensible que non se necesite tramitación por escrito neste tema en concreto. Se o Concelleiro de Vías e Obras, ademais de presidente da Comunidade de Montes de Vilar de Infesta, descoñece a lexislación en materia de montes e xestión de residuos non debe facer responsables aos demais da súa propia incompetencia.
  7. Desde que formo parte da Xunta Reitora desta Comunidade, o meu único obxectivo é a defensa do monte, sen ningún tipo de servidumes nin dependencias, nin intereses partidistas. O meu traballo, que se realiza con total honradez e honestidade, consiste en defender o monte, tal como consta nos nosos Estatutos, e cumprir e facer cumprir os acordos tomados democraticamente nas Asembleas Xerais da Comunidade de Montes, este é o Órgano supremo de decisión da Comunidade e é o único a quen eu, coma presidenta desta entidade, obedezo.
Reboreda, 27 de setembro de 2012
Asdo. Rosa Fernández Santos

A presidenta de Reboreda dá a cara

Aínda que a presidenta de Reboreda manifeste en referencia á polémica xurdida a raíz de que o Concello de Redondela depositou terra no monte da comunidade que dirixe, que lle resulta incomprensible que non se necesite tramitación por escrito neste tema concreto, vindo dunha administración pública esa presunta ilegalidade non me estraña nada, dado algunha que teño denunciado aquí por activa e pasiva cometida pola Xunta e o noso presidente.
Faro de Vigo: A presidenta dos comuneiros de Reboreda asegura que non autorizou a vertedura de terra

A polémica xurdida pola acumulación de terra e broza nun terreo da comunidade de montes de Reboreda continúa sen resolverse.

A presidenta da entidade comunal, Rosa Fernández, asegura que é "totalmente falso" que autorizase ao Concello de Redondela a realizar esta vertedura dos restos da limpeza da "Senda da Auga" nunha propiedade dos comuneiros, como xustificou o concelleiro de Vías e Obras, Cándido Vilaboa, e un dos vogais da xunta reitora, Antonio Monteagudo.

"Nego rotundamente que existise tal acordo. É totalmente falso que dese autorización para a vertedura de terra e broza porque descoñecía tales obras," e afirma que "nin me comunicaron nin me solicitaron permiso nin verbal nin escrito".

A dirixente dos comuneiros lembra que existe un acordo asembleario "polo que se esixe a previa presentación por escrito da solicitude para realizar unha vertedura de terras e que esta petición sexa tratada en asemblea", uns trámites que non se cumpriron. "Independentemente da actitude adoptada por cada directivo, a título persoal, esta non pode ir en contra dos acordos da asemblea dos comuneiros", explica.

"Resulta incomprensible que non se necesite tramitación por escrito neste tema concreto. Se o concelleiro de Vías e Obras, ademais de presidente da Comunidade de Montes de Vilar, descoñece a lexislación en materia de montes e xestión de residuos non debe facer responsables aos demais da súa propia incompetencia", conclúe.
A foto que acompaña á entrada foi rescatada de aquí, máis neste Comunicado de prensa Comunidade da Montes de Reboreda, teñen todos os detalles.

xoves, 27 de setembro de 2012

Onde hai papeis calan barbas

Descoñezo quen nestas dúas noticias non conta toda verdade, pero ollando o que pasou na nosa comunidade cando fixemos unha cesión moi idéntica, está claro que, a raíz dos trámites burocráticos que nos esixiu Medio Rural, independentemente de se esa cesión fose só autorizada pola reitora que se menciona, aprobada pola xunta reitora ou pola asemblea xeral, que os acordos verbais non serven como escusa.

Como ben di o refrán: onde hai papeis calan barbas.
Faro de Vigo: Vilaboa asegura que solicitou permiso para verter terras nunha zona de monte de Reboreda

O concelleiro de Vías e Obras de Redondela, Cándido Vilaboa, desmentiu onte que o persoal do seu departamento realizase sen autorización as verteduras de terra e broza nun terreo da Comunidade de Montes de Reboreda.

Vilaboa asegura que se chegou a un acordo verbal coa presidenta dos comuneiros, Rosa Fernández, para que se fixesen cargo dos residuos resultantes da limpeza de cunetas e rozas da "Senda dá Auga", concretando tanto coa responsable da comunidade de montes e co presidente da asociación de veciños de Reboreda, Antonio Monteagudo, o lugar exacto onde se depositarían.

O edil de Vías e Obras mostrou a súa incomprensión coa actitude da presidenta da entidade comunal, "xa que non se incumpriu en ningún momento o acordado", apunta.

Algo que tamén corrobora Antonio Monteagudo, tamén membro da directiva da comunidade de montes. "Foi ela [en referencia a Rosa Fernández] a que concretou o punto no que debía depositarse a terra, polo que non entendo que agora denuncie publicamente que carecía de permiso. Había un acordo de palabra que debe cumprir", indica Monteagudo, que solicitou unha reunión da xunta directiva para tratar este asunto.

Desde o goberno local sinalan que a vertedura soa contiña terra e broza, polo que aclaran que non causa contaminación nin dano ao monte.

Faro de Vigo: Os comuneiros de Reboreda denuncian ao Concello por verter terra na súa propiedade

A Comunidade de Montes de Reboreda denuncia ao Concello de Redondela por realizar sen autorización unha vertedura de vinte camións de terra e broza procedente dos labores de limpeza da Senda dá Auga nun terreo de propiedade comunal.

A directiva dos comuneiros acusan ao concelleiro de Vías e Obras, Cándido Vilaboa, de actuar con "prepotencia" e "desprezo" como responsable da vertedura "sen informar nin solicitar permiso previamente á comunidade de montes".

A xunta reitora da Comunidade de Montes de Reboreda, cumprindo o acordo tomado na súa última asemblea de non permitir ningún tipo de vertedura nos seus montes, esixe aos responsables municipais que retiren toda a terra e broza depositada e deixen o terreo como estaba. Desde este colectivo entenden que "a Administración debería ser a primeira en dar exemplo de boa conduta en lugar de facer gala de prepotencia e abuso con total falta de respecto cara aos comuneiros e os seus representantes legais", e puntualizan que "ser concelleiro non dá dereito a actuar como lle da gana en terreos que non son da súa propiedade".

xoves, 12 de xaneiro de 2012

Sempre haberá quen poña trabas no camiño

Dous traballadores da comunidade de montes reparaban onte un dos portais do peche roto. // N.P.
Digo eu, a quen pode molestar que unha comunidade de montes e uns gandeiros, cumprindo tódolos requisitos legais, se poñan de acordo en explotar do mellor xeito o monte e a súa gandería?

Desta noticia ademais de repudiar estes feitos, quedome con un dato que descoñecía e que aporta o presidente da comunidade de montes de Viladesuso: Lomba insiste en que os comuneiros son os responsables últimos dos danos que poidan causar os animais, no caso de que non aparezan os seus donos ou non se atopen debidamente identificados, porque habitan nos seus terreos.
Viladesuso expulsa aos cabalos de seu monte. A decisión responde á "falta de seguridade" tras aparecer roto o peche que acouta a 100 equinos e a 50 vacas en 130 hectáreas.

Os gandeiros da comarca miñorana que dispoñan de cabalos nas 500 hectáreas de monte da parroquia de Viladesuso, en Oia, terán que levar as súas reses a outra parte antes de que termine esta semana. Así llo esixe a comunidade de montes da zona por razóns de "seguridade". O recinto habilitado polos comuneiros para o desenvolvemento dun proxecto de explotación de carne ecolóxica sufriu o pasado fin de semana un novo atentado e o peche metálico quedou esnaquizado en varios tramos, polo que o gando que pastaba no seu interior pode saír da zona acoutada e causar accidentes de tráfico ou desfeitas en leiras particulares.

Un centenar de equinos criados en liberdade e unhas cincuenta vacas pastan no recinto, pero son os cabalos -tamén denominados "burricanas"- os que comportan máis riscos, segundo explica o presidente da comunidade de montes de Viladesuso, Rafael Lomba, quen comunicou o luns aos gandeiros que debían desaloxar ás reses dos montes da parroquia. "Lamentámolo moito, pero temos que pedirlles que os retiren porque se trata dunha cuestión de seguridade pública. Nós temos que velar polos intereses da comunidade e sen un peche en condicións non podemos garantir a seguridade dos veciños, as súas propiedades e as persoas que pasen por aquí cos seus vehículos", explica.

Microchip necesario

Lomba insiste en que os comuneiros son os responsables últimos dos danos que poidan causar os animais, no caso de que non aparezan os seus donos ou non se atopen debidamente identificados, porque habitan nos seus terreos. O asunto lembra a polémica do microchip que a Xunta pretende implantar nos animais para asegurar a súa identificación, un dispositivo que os comuneiros consideran "necesario" para dirimir responsabilidades en caso de incidencias.

En calquera caso, sinala Lomba, a expulsión dos cabalos é provisional. En canto se repare o peche, as investigacións permitan dar cos responsables da súa ruptura e póidase garantir que as "burricanas" volvan ao monte de forma segura, regresarán.

As vacas poderán quedar porque a súa mobilidade é menor. O presidente da asociación de gandeiros de vacún da zona, Eugenio Portela, asegura que os donos das reses acoden cada día á zona para controlalas.

Mentres tanto, os propietarios prepáranse para conducir este sábado aos cabalos a outros lugares. O difícil será lograr que non regresen aos seus pastos de orixe, segundo explican gandeiros da contorna, dispostos a cumprir coas esixencias da comunidade de montes de Viladesuso, aínda que non as compartan. O presidente da asociación de gandeiros de cabalos da Groba, Modesto Domínguez, espera que a situación non se estenda a outras sociedades mancomunadas, xa que "podería provocar unha auténtica guerra entre comuneiros e propietarios de cabalos".
Fonte: Faro de Vigo

mércores, 11 de maio de 2011

Algo máis que unha simple cesión

Lodazal asqueroso en Frontón
Fai algo máis dun ano publicara Revolta comuneira en Frontón e hoxe rescato esta outra noticia que ten moito que ver, por dúas cuestións, porque non entendo as contas que tiña feita a xunta reitora e máis, como Medio Rural presuntamente permitiu esta desfeita e aberración: Desastre sen dimensións no corazón da Ribeira Sacra. Na ligazón están o resto de fotos e non ten desperdicio o artigo.
Así está quedando el monte comunal
En Nebra non chegamos a tanto, pero insisto na pregunta sen resposta hasta o momento, se os comuneiros non fixemos ningunha cesión, quen é o que autoriza os aproveitamentos nos peches a gandeiros? Polo que podemos ver, en Frontón parece que alo menos convocaron unha asemblea para debátelo tema, que non fosen tódolos comuneiros e logo que protestasen non son xeitos, pero é que aquí, nin iso.
A xunta reitora da comunidade de montes de Frontón, en Pantón, defendeu o proxecto gandeiro que desenvolve en terreos comunais a empresa SAT Frontón fronte ás críticas dalgúns veciños que o denunciaron ante as consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente. Segundo afirman, o acordo que permitiu iniciar este proxecto foi aprobado no seu momento por 26 dos 49 comuneiros da parroquia nunha asemblea á que acudiron 32 persoas, na que houbo quince abstencións e unha soa votou en contra. Así mesmo, aseguran que a roza dos terreos que se destinarán a uso gandeiro conta coa aprobación de Medio Rural. «Está claro que os que non están de acordo con este proxecto poden expresar as súas discrepancias canto queiran, pero o que non pódese dicir é que isto se fixo sen coñecemento dos veciños e que non se actuou conforme á legalidade», engaden desde a xunta reitora.

O presidente da xunta reitora, Gerardo González Piñeiro, considera que os traballos emprendidos pola SAT Frontón no monte comunal non están a causar ningún dano ambiental, en contra do que din os veciños que critican esta iniciativa. «Ou que se fixo foi acondicionar unha zona que estaba abandonada e cuberta de maleza para poder darlle un uso produtivo», afirma. «Eses terreos non estaban servindo para nada e agora que os alugamos á SAT Frontón producirán á parroquia un beneficio anual de preto de 12.000 euros», agrega.

Asemblea

A comunidade de montes celebrará a última hora de hoxe unha asemblea na que se debaterá a polémica cesión de terreos comunais á SAT Frontón. Na reunión tamén se votará a renovación da xunta xestora. «Nós fixemos algo que consideramos que é beneficioso para a parroquia, pero se na asemblea os veciños deciden que o que fixemos está mal feito, teremos que acatar ou que decida a maioría», apunta a este respecto Gerardo González.

Os veciños contrarios á cesión din que o acordo se tomou sen o coñecemento de moitos comuneiros e opinan que o proxecto carrexa danos ambientais e risco de contaminación das augas.
Fonte: La Voz de Galicia

Frontón, á espera dunha saída ao conflito do monte comunal
O proxecto gandeiro de Frontón continúa enfrontando aos veciños

xoves, 5 de agosto de 2010

Quecendo motores... con dobre sentido

Despois dun paréntese de oito anos e tras un acordo coa comunidade de montes de Baroña  «propietaria dos terreos e das instalacións», Porto do Son volverá celebrar o curro dá Enxa esta fin de semana.

Será a novena rapa das bestas que cada verán volverá a renovalas tradicións ancestrais no monte dá Enxa, en Porto do Son. O curro interrompeuse fai oito anos polos enfrontamentos que se viviron por aquel entón entre a comunidade de monte e a asociación de gandeiros.

O sábado adicarase, pola mañá, a celebrar un concurso morfolóxico de estampa e beleza, rematando cunha monta salvaxe. O domingo, dende primeiras horas da mañá, baixaranse os cabalos ao curro, onde ás dez marcaranse e cortaráselle o pelo da crin e do rabo. Despois volverá a haber concursos e a partir das catro do serán, carreiras de cabalos e outros xogos.

Unha pequena mostra do que nos atoparemos, pódese ver estes días no peche que hai a carón do curro, onde unha manada de cabalos cos seus poldros trata de controla o mato.

Ao igual que para poder celebrarse de novo o curro, os gandeiros tiveron que chegar a un acordo coa comunidade de montes de Baroña, non creo que erre se afirmo que o aproveitamento neste peche foi aprobado pola asemblea xeral, e non como pasa na nosa, que volveron a meter animais nos peches sen que os comuneiros saibamos de quen son, quen o permitiu e que nos reporta.

Despois criticase por aí e no poño en dúbida, que a Xunta quere privatizalos montes, en Nebra fan e desfán ao seu antollo catro comuneiros, cedendo o uso das nosas instalación a xente que nin sequera é comuneira e isto non é a primeira vez que acontece: Favores na comunidade.

No caso de Baroña, tamén pode ser que os comprasen, tiñano en estudo, de aí a dobre marca. Pero sexan propios ou dun gandeiro, estou seguro que os comuneiros deron a súa aprobación, no suposto primeiro caso seria para compralos e no segundo, cesión dos terreos, tal e como reflicten os estatutos das comunidades de montes que estean adaptados á vixente Lei de Montes.
Cabalos nun peche de Baroña

xoves, 11 de marzo de 2010

Revolta comuneira en Frontón

Toca falar da Comunidade de Montes de Frontón (Pantón), na que presuntamente os directivos tamén pretendían facelo que-lles petase, aínda que alí os comuneiros optaron por pararlles os pes.

O conflito creouse ao asinar os directivos, agora cesados, unha cesión para un centro de recría, aínda que a noticia non di se pasou pola asemblea xeral ou non. Se non foi aprobada polos comuneiros, seria ilegal, xa que tiña que ser remitida á Xunta de Galicia, axuntando copia autentica da acta onde tomaran o acordo.

Os integrantes da xunta reitora cesada en ningún momento din que o sometesen, só falan de que están convencidos de que o proxecto está ben asentado, non corre perigo e que os veciños que se opoñen non terían nada que facer fronte a un contrato asinado con todas as da lei e con vinte anos de vixencia.

Así tamén dicían aquí un exdirectivos cando descubrimos que asinaran un documento ante notario onde se poñían como titulares do solar onde temos o local e despois de haber retirado das contas comunais 851.000 ptas para compralo, 200.000 para Rexistralo no seu nome, 9.000 en gastos de notario e máis de 25.000 para en dietas. Para nós os gastos, para eles o ben.

Retomando a noticia, a presidenta cree poder chegar a un acordo coa empresa aceptable para as dúas partes, aínda que di que lles terían que reabrilos camiños que lles pecharon. Agardo que teñan máis sorte que a que correron aquí uns comuneiros que viron como a directiva lles cortou a entrada  as súas propiedades, para facer un peche gandeiro, e así seguen.

Podo entender que calen ante o que está pasando ou que non queiran loitar polos bens comunais, pero que cedan ante ese atropelo, non o entendo. Lémbrolles que quen denunciou iso, incluso foi un comuneiro non afectado.

Toda información nestas ligazóns:
O Xulgado decidirá quen controla a xunta de Frontón
Un acordo a cambio de reabrir camiños que foron pechados

mércores, 13 de maio de 2009

Comuneiros de Boiro ceden terreos

Hoxe sae esta gran noticia para os veciños e veciñas de Boiro, agardemos que non sexa unha promesa mais dos políticos: Os comuneiros de Boiro ceden terreos cerca do centro urbano para unha residencia de maiores

Da noticia interésame facer unhas reflexións en voz alta, que me interesan debullar moi polo miúdo:
«Onte, o propio alcalde recordou que o bipartito autonómico, no seu día, comprometeuse a apoiar a creación deste edificio, sen que se acabase concretando esa promesa sequera sobre o papel».
É curioso, catro anos calados mirando para outro lado, agora largan todo e quedan tan panchos. Sinto dicilo, pero o cinismo dos políticos alcanza cotas inimaxinables. En fin, os votantes sempre teñen a tixola polo man 1 día, e 1459 para arrepentirse.
«Los comuneros de Boiro cedieron al Concello los terrenos necesarios para levantar el inmueble...».
A noticia dío ben claro, "os comuneiros cederon", para nada se di "o presidente cedeu".

O domingo, o noso presidente tamén foi ben claro, el solo foi quen cedeu ou puxo o local da comunidade ao servizo do seu partido para dar un mitin. Iso si, se isto chegan a facelo outros, el e os seus compañeiros porían o grito no ceo.
Pero bueno, escoitarlle a algunha comuneira dicir que gracias a el se construíu o local apaga e vamos. Ata onde sei, pagouse gracias aos pinos do monte e o presidente non puxo ren do seu peto.
Esa señora, ao igual que o presidente, que non son nativos de Nebra, seguramente non sabe que cando se plantaron, os nosos avós derramaron moitas bagoas porque de ter unha economía de subsistencia gracias a súa pequena cabana de cabras e ovellas, tiveron que malvendelas cando lles roubaron o monte. Pero que pode entender disto xente que non viviu esas calamidades?.
Se temos o local non é mérito nin deste presidente, nin de calquera outro, nin tan sequera meu, que ao fin e ao cabo, fun o único que loitou para que o solar fose única e exclusivamente da comunidade e non de seis ex-directivos. Remito, para min todo mérito e dos nosos avós e pais que participaron na repoboación.
«Para que a cesión non quede no aire, onte mesmo asinouse un convenio entre as partes, e esta mesma semana o asunto levará a pleno. Ademais, os comuneiros, cuxa directiva estivo representada na firma do acordo por varios membros, co presidente Manuel Sieira á cabeza, sinalaron que non están dispostos a que a construción da residencia demórese eternamente...».
Mais claridade imposible. Son testemuñas da sinatura varios membros da directiva co seu presidente á cabeza, o goberno local de Boiro e a prensa. Non podo dicir o mesmo das cesións que se fixeron en Nebra ás nosas costas, como foi permitir que gandeiros alleos á comunidade fixesen uso das nosas instalacións. No enlace poden ver os cabalos que ao final resultaron ser dun veciño de Noia: Favoritismos na nosa comunidade

E falando de favoritismos, que dereitos aplicarían algúns directivos que fixeron queimas nas súas propiedades, para ter ao seu dispor o coche da comunidade coa motobomba?. Non se dan de conta que Nebra, aínda sendo a parroquia máis grande do Concello, máis tarde ou máis cedo sábese todo.

sábado, 4 de abril de 2009

Abandono de responsabilidades

Na asemblea xeral celebrada o 29 de xaneiro de 2006, aprobamos o séguente:
«Terceiro punto: Autorización para depositar na antiga canteira, pedra do desmonte de Portosín, e aprobación, se procede.
O presidente da conta da solicitude presentada por escavacións Benito S.L., encargado do desmonte.
J.P.S. comenta que, se é negocio, que a leven os de Portosín, que os de Nebra non queremos escombro. J.Q.G e varios comuneiros secundan as súas palabras...».
Curioso o de J.P.S., como vocal de 1991 a 1995 aprobou sen chistar (segundo se recolleu en acta e incluso os vocais non pediron nada en troco), que na mesma zona se depositasen escombros* procedentes da ampliación da Comarcal 550 e se extraese barro. A raíz destas actuacións, as zonas convertéronse en vertedeiros incontrolados. Por iso unha das contra-prestacións que habíamos pedido, consistía en rexenerala zona.

* Aquí depositáranse os escombros
«...O secretario toma palabra e, despois de aclarar que nunca se falou de escombro, se non de pedra, explica en que consisten as contrapartidas ofrecidas polo empresario. A empresa pechará o perímetro da canteira polo seu perigo, aplanara a zona do desmonte de Padín para rehabilitala e presta tres días unha pala, para obras da comunidade, que se executaran onde se vexan máis necesidades. Ademais, esa pedra queda a disposición dos comuneiros ou para súa venda.

Tamén informa de que, saia este acordo adiante ou non, a Xunta Reitora procederá a pechala, xa que en caso dunha desgraza a comunidade será a responsable civil subsidiaria.
Por último indica que, despois de que varios comuneiros preguntarlle onde poderían depositar as pedras que saen dos muros da parcelaria, sería unha boa opción levalas alí: só pedras, nada de terra ou escombros.

Sometese á aprobación pola única forma que debería imperar na comunidade, isto é, votación por papeletas. O resultado foi: sesenta e tres votos a favor, trinta e cinco en contra, un nulo, un branco e o resto abstivéronse ou non estaban presentes».
Antes de que dito acordo se levase a asemblea, o tesoureiro xa se había encargado de dar autorización ao empresario para que tirase a pedra. Ante a chamada do garda forestal ordenándome a paralización, téñome que desprazar a Portosín para falar con Benito, cominándoo a que non siga facendo as descargas.

Unha vez que xa se aprobou a autorización na asemblea, outra vez o tesoureiro anticipándose aos tramites burocráticos fai o mesmo, e chámame de novo o garda e posteriormente o xefe do Distrito, cominándome de novo a que paralizara todo se non queríamos ser sancionados. A comunidade tiña dous móbiles, pero como presidente tiña o seu sempre apagado, os "rapapolvos" levábaos eu todos. A toda presa e tendo que esperar un par de horas para que o señor presidente tivese a ben asinarme as certificacións, entrego todo no Distrito, e aínda así tivemos que esperar un par de semanas para que desen o visto bo e a empresa poder, agora si, coas descargas.

E aquí é onde entra a distinta vara de medir do Distrito, como foi posible que solo coa palabra dun directivo, ou varios, abrisen ilegalmente a pista de Iroite atravesando o agro de meu pai, sen acordo previo da xunta reitora, da asemblea xeral e certificacións ou autorizacións dos propietarios?

Perante as riadas do 2006, algúns comuneiros cos seus tractores, fixeron riscos cos arados nas cunetas das pistas, polo cal creo que se lles pagou. Ademais disto, cooperaron voluntarios aos cales lles pagamos a comida. A pregunta é, e así llo lembrei ao presidente un día que cooperei nestes traballos, por que non se lle esixía á empresa que cumprise o contrato asinado e que fixese eses traballos coa cesión prevista dos tres días da pa, podendo aforrarnos todos eses gastos?

No transcribo o que me dixo, por educación e respecto.

Outro acordo non esixido foi o peche. Aínda que nas fotos se ven tubos, o certo é que presuntamente se roubaron antes de rematalo traballo, polo que non chegaron a colocalos en todo o perímetro. Dixen que se debía presentar denuncia na Garda Civil, pero o tesoureiro comunicoume que a empresa habíalle dito que non facía falta, que reporían todo de novo. Nunca o fixo.


Abaixo a zona que se comprometeu aplanar. Despois tiñamos previsto plantar castaños e outros arbores autóctonos e facer unha area de lecer. Incluso nunha visita do persoal do Distrito estaban de acordo coa idea. De aquí foi onde se sacou o barro.

A empresa aproveitou a decidía e marchouse de rosetas, nos quedamos con varias toneladas de pedra e menos mal, que non votou máis ao prohibirlle Patrimonio continualos traballos do desmonte.

Esta canteira debeuse pechar cando se clausurou, pero ademais de non haber recibido a comunidade presuntamente nada en troco, e miren que saíron miles de toneladas, as autoridades miraron para outro lado e leva así dende 1986.

De nada valeu tampouco que lle dixese aos comuneiros que dunha forma ou doutra isto tíñase que pechar polo perigo que representa.