Amosando publicacións coa etiqueta Curro da Enxa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Curro da Enxa. Amosar todas as publicacións

luns, 22 de xuño de 2015

Rapa das Bestas en Baroña


A Comunidad de Montes de Baroña invita a tod@s a participar na Rapa das Bestas que se celebrará o luns 22 e martes 23 ao longo do día dende as 9 da maña.

Ubicación: Curro na ladeira do monte Enxa.

A desfrutar.

luns, 25 de abril de 2011

Gandeiros de Pontevedra suspenderán oito curros

Cabalo da Serra do Barbanza, na feira de San Marcos de Noia
Corren malos tempos para os curros e o que poder ser peor, para os cabalos salvaxes, se os políticos e os gandeiros non se sentan a falar para acadar un acordo digno para estes animais.
A celebración, entre maio e agosto, de oito curros en montes da provincia de Pontevedra está no aire. Se non hai marcha atrás, esas citas non se desenvolverán tras a negativa dos gandeiros a implantar o microchip aos cabalos salvaxes para a súa identificación, como esixe a Consellería do Medio Rural: ...

Sabucedo, á marxe do grupo
A suspensión de curros en Pontevedra -que se iniciará o 8 de maio na Valga (Oia)- non afectará a rapa de Sabucedo, na Estrada, a de maior repercusión. Os seus organizadores levan anos implantando o chip aos seus cabalos e ven rápaa como unha tradición.
Aquí sen embargo despois de "resucitalo" o ano pasado, o próximo fin de semana (sábado e domingo) volverase a celebralo Curro da Enxa no monte de Baroña.

Nesta imaxe amosando parte do que sabía facer

xoves, 5 de agosto de 2010

Quecendo motores... con dobre sentido

Despois dun paréntese de oito anos e tras un acordo coa comunidade de montes de Baroña  «propietaria dos terreos e das instalacións», Porto do Son volverá celebrar o curro dá Enxa esta fin de semana.

Será a novena rapa das bestas que cada verán volverá a renovalas tradicións ancestrais no monte dá Enxa, en Porto do Son. O curro interrompeuse fai oito anos polos enfrontamentos que se viviron por aquel entón entre a comunidade de monte e a asociación de gandeiros.

O sábado adicarase, pola mañá, a celebrar un concurso morfolóxico de estampa e beleza, rematando cunha monta salvaxe. O domingo, dende primeiras horas da mañá, baixaranse os cabalos ao curro, onde ás dez marcaranse e cortaráselle o pelo da crin e do rabo. Despois volverá a haber concursos e a partir das catro do serán, carreiras de cabalos e outros xogos.

Unha pequena mostra do que nos atoparemos, pódese ver estes días no peche que hai a carón do curro, onde unha manada de cabalos cos seus poldros trata de controla o mato.

Ao igual que para poder celebrarse de novo o curro, os gandeiros tiveron que chegar a un acordo coa comunidade de montes de Baroña, non creo que erre se afirmo que o aproveitamento neste peche foi aprobado pola asemblea xeral, e non como pasa na nosa, que volveron a meter animais nos peches sen que os comuneiros saibamos de quen son, quen o permitiu e que nos reporta.

Despois criticase por aí e no poño en dúbida, que a Xunta quere privatizalos montes, en Nebra fan e desfán ao seu antollo catro comuneiros, cedendo o uso das nosas instalación a xente que nin sequera é comuneira e isto non é a primeira vez que acontece: Favores na comunidade.

No caso de Baroña, tamén pode ser que os comprasen, tiñano en estudo, de aí a dobre marca. Pero sexan propios ou dun gandeiro, estou seguro que os comuneiros deron a súa aprobación, no suposto primeiro caso seria para compralos e no segundo, cesión dos terreos, tal e como reflicten os estatutos das comunidades de montes que estean adaptados á vixente Lei de Montes.
Cabalos nun peche de Baroña

domingo, 2 de maio de 2010

Seis anos sen Curro

O 14 de febreiro publicaba fotos na lembranza, onde facía un percorrido sobre o que fora o Curro da Enxa, do que o pasado 29 de abril cumpríronse seis anos dende a súa desaparición: O goberno sonense revoga o permiso para a celebración da feira cabalar.

Vexan a gran diferenza que houbo entre o presidente da Comunidade de Montes de Baroña e o alcalde do Concello, que respectaron ás decisións dos comuneiros, e uns directivos, os de Nebra que sen ser aprobado pola asemblea xeral e moito menos sen o consentimento dos seus lexítimos propietarios, polo que pagan os seus impostos, lles expropiasen ilegalmente os seus agros, contando coa vil colaboración da anterior Consellería do Medio Rural e o seu covarde silencio administrativo. Ese foi o tema máis sangrante, pero houbo máis como lembrei noutras entradas: autorizalo pastoreo nos peches comunitarios; contratar peóns ilegalmente e sen seguro, é así un largo etc.

O señor Manuel (q.e.p.d.) podería te-los seus erros coma calquera ser humano, pero foi un presidente exemplar e de aí que baixo a súa presidencia e a colaboración especial da xente que o acompañou, lograse un gran recoñecemento pola súa labor aprol do monte e acadando algún premio. Foi máis que un presidente, porque aínda que nada tivese que ver coa labor que desempeñaba, sempre estaba disposto a colaborar con tódolos eventos que se celebraban na súa parroquia.
Logo de ler o informe xurídico emitido polo secretario municipal e de intentar, sen éxito, que as partes en conflito chegasen a un acordo, o alcalde de Porto do Son, Ramón Quintáns, viuse onte obrigado a revogar a licenza que autorizaba á asociación Curro dá Enxa a efectuar, mañá, unha feira cabalar nos terreos de Chans dá Raña, propiedade da comunidade de Baroña.
Quintáns Vila explicou que, segundo o ditame do secretario, o Concello non pode dar permiso para realizar a mostra equina, de carácter público, nun terreo privado se os seus donos, neste caso os comuneiros de Baroña, prohiben a utilización das súas leiras.
O alcalde considera que a exhibición cabalar de Chans de Raña é un acto cultural moi arraigado na comarca, pero recoñece que foi imposible chegar a un acordo e que prefire evitar que se produzan incidentes. Durante a reunión, o presidente dos comuneiros de Baroña explicoulle que a decisión de prohibir a festa tomouse en asemblea e que só este órgano pode cambiar o acordo.

Reunión
Sobre a posibilidade de que a exhibición poida realizarse máis adiante, o presidente dos comuneiros de Baroña, Manuel Tarrío, deixou a porta aberta. A directiva mantivo onte unha reunión extraordinaria na que expresou a súa disposición ao diálogo a condición de que exista un compromiso firme por parte dos gandeiros de cumprir os acordos.
Así mesmo, Manuel Tarrío expresou o seu agradecemento á Subdelegación do Goberno e ao executivo municipal por facer cumprir a lei.
Pola súa banda, o representante xurídico da entidade Curro dá Enxa, organizadora da feira, indicou que a asociación presentará unha denuncia contra a comunidade de Baroña por danos e prexuízos.
Os promotores da exhibición gastaran máis de doce mil euros na adquisición de comida e de trofeos para os gañadores das carreiras.

domingo, 14 de febreiro de 2010

Fotos na lembranza

A finais do século e principios deste, celebrábase no incomparable marco dos Chans de Raña (Baroña-Porto do Son), o Curro da Enxa. Veciños e forasteiros achegabámonos para ver como dende o alto da Serra do Barbanza baixaban as manadas de cabalos que pastan ceibes na serra, guiadas polos xinetes para encerralos no curro e ver como os loitadores, os collían para raparlles a crin e o rabo.

Aínda que a desculpa era o espectáculo, o certo era que moitas familias da bisbarra aproveitabamos ese día para xuntarnos e dar boa conta da comida a esgalla que carrexabamos. Para os menos precavidos, a organización instalaba unha carpa onde servía pratos típicos: coma o polbo a feira, churrasco e carne ao caldeiro, todo regado con bo viño, café e para os que tiñan bo estómago, unha copa de caña (augardente).

Lamentablemente un desencontro dos propietarios do monte, a comunidade de montes de Baroña e os gandeiros, dou ao traste con este evento, que se non lembro mal ía camiño de acadar un recoñecemento turístico a nivel galego.

A calidade das fotos non é a desexable (o formato dixital non chegara aquí), danos unha pequena mostra do evento.