Amosando publicacións coa etiqueta Oia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Oia. Amosar todas as publicacións

xoves, 10 de maio de 2012

Non se celebrarán curros este ano

ESTE DOMINGO NON HAI CURRO NA VALGA

Xa é oficial. Este ano non se vai celebrar no Val Miñor e Oia ningún curro de cabalos. Ante a negativa da Xunta de Galicia a negociar unha saída razoable para a identificación e control dos cabalos salvaxes, as asociacións de propietarios de cabalos do monte e os organizadores dos curros, decidiron non celebrar ningún curro este ano. O que xa víñamos comentando de que, de seguir cos plans da Xunta, a situación ía ir a peor, confírmase.

A non celebración dos curros de este ano supón, a máis dunha gran perda económica e patrimonial para moita xente, a perda dunha festa moi arraigada nas nosas xentes, que aínda en situacións peores, como as que se deron perante a guerra civil, foron quen de organizar os curros como sempre se fixera. Son moitos os que van botar de menos esta festa, mais lembremos que non só estamos a falar dunha festa, que como moitas outras da nosa terra, xurdiron do traballo colectivo dunha xente que aproveita para se divertir e para organizar tarefas necesarias para o colectivo que de outro xeito non se lograrían facer. As festas comunais, certas romarías ligadas aos ciclos das colleitas, vendimas, sementeiras etc, están aí dende hai centos de anos como o resultado dunha evolución progresiva no xeito de compartir tarefas e tamén alegrías, que necesitan de labor colectivo para se realizar. Agora, chegados a este punto do século XXI é unha administración que di velar polos intereses de todos, a que coa falla de diálogo e polo camiño da imposición, obriga aos organizadores dos curros e aos propietarios de cabalos, a tomar unha decisión moi dura para os intereses de todos, e máis para o patrimonio natural e cultural do noso país.

Non só van deixar de celebrarse os curros, van deixarse sen control, indefinidamente, tódolos animais que ata o de agora o tiñan, ; sen seguro e sen desparasitar. E, se seguimos así, en pouco tempo, tódolos animais que consigan sobrevivir, estarán sen marcas e sen ninguén que se responsabilice dos estragos e destrozos que poidan facer no monte e nos pobos limítrofes. Desaparecerá a Asociación de Propietarios de Cabalos do Monte da Groba, as organizacións dos curros de A Valga, Morgadáns e do Galiñeiro e ninguén se responsabilizará do que poida pasar.

Non estamos a perder unha festa, estamos a perder algo de nós, do noso patrimonio máis galego, que nos queren eliminar caladamente, dicindo que hai que identificar e organizar os cabalos do monte. Nós tamén o vimos dicindo dende hai moito tempo: hai que organizar e regular a vida dos cabalos do monte, pero protexéndoos, non extinguíndoos ou converténdoos en animais cativos de selección. Iso é outra cousa.

Este próximo domingo tocaríalle a quenda ao primeiro curro do ano, o curro de A Valga. Non se vai a celebrar. Xuntaranse no curro os propietarios dos cabalos, para manifestar a súa queixa e a súa protesta e denunciar publicamente a tódolos que se acheguen ata alí os por que de este paso tan pouco desexado, mais inevitábel.

Vía: SOSgroba

luns, 25 de abril de 2011

Gandeiros de Pontevedra suspenderán oito curros

Cabalo da Serra do Barbanza, na feira de San Marcos de Noia
Corren malos tempos para os curros e o que poder ser peor, para os cabalos salvaxes, se os políticos e os gandeiros non se sentan a falar para acadar un acordo digno para estes animais.
A celebración, entre maio e agosto, de oito curros en montes da provincia de Pontevedra está no aire. Se non hai marcha atrás, esas citas non se desenvolverán tras a negativa dos gandeiros a implantar o microchip aos cabalos salvaxes para a súa identificación, como esixe a Consellería do Medio Rural: ...

Sabucedo, á marxe do grupo
A suspensión de curros en Pontevedra -que se iniciará o 8 de maio na Valga (Oia)- non afectará a rapa de Sabucedo, na Estrada, a de maior repercusión. Os seus organizadores levan anos implantando o chip aos seus cabalos e ven rápaa como unha tradición.
Aquí sen embargo despois de "resucitalo" o ano pasado, o próximo fin de semana (sábado e domingo) volverase a celebralo Curro da Enxa no monte de Baroña.

Nesta imaxe amosando parte do que sabía facer

xoves, 13 de xaneiro de 2011

Petroglifos en Oia

O petróglifo do Campo de Sobreiro
Foto: Xilberte (Instituto de Estudos Miñoranos)
Á vista das imaxes do antes e despois deste petroglifo, comprendese a carraxe dun veciño da zona contra quen consentiu e avalou a súa destrución. De aí que cada vez sexamos máis os que nos preguntamos, en mans de quen está o noso Patrimonio Cultural?

Fai máis de tres anos nos Chans do Barbanza case fan o mesmo, Oia non se salvou, a quen lle tocará mañá?

Carta ao Director de Xabier Garrido Carrera, en Faro de Vigo.

O fiscal de Ordenación do Territorio e Medio Ambiente non observa como delito a destrución dun BIC (Ben de Interese Cultural), un petroglifo que se achaba na parroquia de Burgueira, en Oia. A escusa que achega para chegar a esta conclusión é que tanto o Concello como a empresa que realizaba a obra descoñecían que esta xoia arqueolóxica atopásese alí.

Para comezar, a plantación de kiwis que se estaba realizando carecía de permiso municipal. Aínda que o presidente da comunidade de montes de Burgueira (quen debe asinar o aluguer do terreo) é tamén tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo. Non sabería este paisano que se estaban realizando movementos de terras no seu monte? Víanse a quilómetros. Ademais, se o Concello carece de información sobre os seus bens de interese cultural, non debería solicitar o catálogo a Patrimonio? Se quere conceder licenzas ha de estar seguro de que non afectan aos devanditos bens.

Ao momento de saltala noticia, o alcalde de Oia, en declaracións á prensa, dixo que "unha pedra non vai frear o futuro de Oia". Por que non arremete contra unha empresa que carece de licenza e que ademais destrúe o noso patrimonio? O futuro de Oia é que uns paguen licenzas e outro non.

Levamos en Oia dous atentados contra petroglifos, ata cantos han de destruírse para que a Xunta, Concello e comunidades de montes decátense de que son as mostras de arte máis antigas que se conservan en Galiza? Catro mil anos máis ou menos e nesta última década desaparecen.

Os técnicos de Patrimonio teñen que deixar de quentar cadeiras nas oficinas e de investir en macroproyectos como o centro de interpretación da arte rupestre de Campo Lameiro e con ese diñeiro sinalizaríanse centos de estacións arqueolóxicas e instruiríase a alcaldes incultos para que soubesen o que teñen no seu territorio.

Sr. Fiscal se eu atopo un petroglifo polo monte pódomo levar para casa? Asegúrolle que en Oia estaría máis seguro que no seu emprazamento actual. Deixémonos de milongas, destruíuse un BIC e alguén ten que ser o responsable. Oia existe.
Texto orixinal aquí.