Mostrando entradas con la etiqueta Curros. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Curros. Mostrar todas las entradas

viernes, 20 de julio de 2012

Máis "trabas" aos cabalos salvaxes

Pancartas de protesta contra o microchip no pasado curro de A Valga,
que non se celebrou. Marta G. Brea
Europa e a xunta igual o que buscan e acabar con esta ancestral figura do cabalo salvaxe. Aquí no Barbanza os gandeiros por culpa dos cruces xa case acabaron co Barbanzón, se é que xa queda algún pura raza. Iso pode ser a puntilla para todos.
Faro de Vigo: Gandeiros de A Groba néganse a retomar os seus curros a cambio de axudas ao microchip

Para os propietarios de cabalos salvaxes da Groba identificar ao gando con microchip é xa só un mal menor. De feito, os 40 euros que de media costa o dispositivo poderían ser subvencionados pola Xunta se prospera a proposta que realizará á Consellería de Medio Rural a deputada autonómica do PP Fátima Igrexas, que se reuniu hai uns días cos gandeiros en Torroña.

Igrexas, que acudiu acompañada de varios alcaldes da zona, chegou a proporlles, segundo relatan os propios afectados, un pacto polo cal se lles permitiría realizar en agosto, e ao modo tradicional, os curros cancelados este ano; a cambio deberían cumprir coa identificación electrónica a próxima tempada. A oferta, con todo, non convence aos gandeiros, decididos a non celebrar as tradicionais rapas como medida de protesta, agora contra o recentemente aprobado decreto equino da Xunta.

"O problema pasa con moito o asunto do microchip", asegura Javier Álvarez Blázquez, secretario da Asociación de Gandeiros de Cabalos de A Groba. Como portavoz do colectivo, expresa o seu malestar ante a decisión de que a cría de cabalos en liberdade pase a ser considerada para todos os efectos unha explotación gandeira.

"Tratan de pór trabas e liquidar a nosa actividade, que a partir de agora, por exemplo, deberá contar coa autorización expresa das comunidades de montes", explica Álvarez, quen sinala que esta premisa deixa en mans dos comuneiros a pervivencia dunha tradición milenaria en Galicia.

Ademais, o decreto impón o cumprimento doutros requisitos "dificilmente aplicables" á cría de cabalos salvaxes. "Obriga aos gandeiros a formalizar unha declaración censal das súas reses, inscribir no rexistro de explotacións equinas e no de explotacións gandeiras, dispor dun libro ou pasaporte para cada cabalo e realizar un programa de biodiversidade", enumera, entre outras condicións, o portavoz do colectivo de afectados.

Pola súa banda, o grupo parlamentario do PPdeG insiste en que a normativa comunitaria establece a obrigación xeral de identificación dos cabalos e advirte aos gandeiros da necesidade de acatala normativa "polas responsabilidades que podería xerarlles o seu incumprimento".

En todo caso, a deputada popular Fátima Igrexas anunciou onte que manterá unha reunión co director xeral de Produción Agropecuaria para abordar a posibilidade de habilitar este ano as axudas ao microchip.

lunes, 9 de julio de 2012

Curro das Canizadas 2012

Este ano por problemas físicos non puiden acudir á miña cita anual no curro das Canizadas, así que, non me queda máis remedio que partillala crónica de La Voz de Galicia, acompañada de tres fotos que tirei o ano pasado. Por sorte, ao final quedoulles unha boa xornada, porque a mañá non tiña boa pinta e no monte a borraxeira é moi traidora.

É bo saber tamén, que segundo o presidente do colectivo gandeiro, os animais xa dispoñen de chip, deste modo se son apresados, o seu destino xa non será a súa destrución forzosa.
De novo, o monte da Curota mostrou onte o seu lado máis salvaxe ao revivir, no tradicional Curro da Barbanza da Pobra, a ancestral loita entre homes e cabalos. Houbo que agardar ata que se levantase a néboa, cara ás once da mañá, para saír en busca dos animais. Sete homes encargáronse desta tarefa e, ao mediodía, uns 150 cabalos xa estaban encerrados no recinto no que, horas máis tarde, desenvolveríase a rapa.

Tódolos exemplares estaban marcados e co correspondente chip, afirma o presidente da Asociación de Gandeiros Monte de Posmarcos, Manuel Boo, promotora da cita. Este profesional sinalou que a boa organización permite que, en pouco tempo, logren xuntarse bastantes exemplares.

O día foi mellorando e o sol empezou a gañar a loita ás nubes, favorecendo a afluencia de persoas ao curro. No lugar da celebración non faltaba de nada, bebida e comida. Por seis euros podía degustarse unha ración de churrasco ou, se se prefería, unha de carne ao caldeiro. Quen o desexasen tamén tiñan polbo.

Ás cinco da tarde, unha ducia de aloitadores comezaron a botar o pulso aos equinos, inaugurando oficialmente a rapa. Dúas horas despois, a faena aínda continuaba.

Carreira de burros

Outro dos atractivos da xornada era unha carreira de burros. Finalmente compareceron dous á cita e Manuel Boo determinou que a proba, dotada cun premio de 50 euros e outro de 30, se levase a cabo.

No recinto houbo algunhas actividades para os nenos, que, ademais, tiveron ocasión de divertirse cun inchable instalado pola organización. Manuel Boo mostrábase satisfeito coa afluencia de público durante a tarde, algo que atribuía á melloría do tempo ao longo da xornada.

Ademais de público interesado na rapa, tampouco quixeron perderse esta cita o secretario xeral de Medio Rural, Tomás Fernández-Couto, que estivo acompañado polo alcalde, Isaac Maceiras, e polo deputado Santiago Freire. Os tres conversaron co presidente da entidade organizadora.

Fonte orixinal: La Voz de Galicia

sábado, 7 de julio de 2012

Matar por matar, non

Á vista da noticia que partillo hoxe, case me inclino pola solución que buscan algúns gandeiros, xa poucos, que lles colocan pexas nunha pata ao xefe da manada de cabalos para que non baixen aos vales a por comida, antes que os concellos, co visto e prace da Xunta, os manden ao matadoiro. Si xa sei que isto está penado, e matalos é legal, non?

Na noticia o periodista comete unha gralla, os curros non son para marcalos cabalos. Hoxe en día son puro espectáculo, pero antes facíanse para desparasitalos, e córtalle o pelo da crin e do rabo, que logo vendían para facer brochas e pinceis. A marcaxe xeralmente a ferro, facíase e supoño que seguen facéndoo, nos currais. Zona escollida tamén para amansar algún.

Os cabalos salvaxes capturados, non identificados con dispositivo electrónico e non reclamados polo seu propietario poderán ser enviados directamente ao matadoiro para a súa "destrución". Así o establece o decreto da Xunta, publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) de onte, no que se impón a obrigación de que todos os équidos leven o microchip. O sacrificar ou non aos que non o porten dependerá das autoridades municipais, que teñen como alternativas poxalos en poxas públicas ou entregalos a espazos de acollida "con capacidade de recepción".

A Consellería do Medio Rural e do Mar mantén, deste xeito, unha decisión que levantou aos propietarios dos cabalos salvaxes do sur da provincia de Pontevedra. Consideran que a norma ignora ás burras do monte, équidos de pura raza galega que viven en liberdade, e cren que os aboca á súa extinción. Neste sentido, Xilberte Manso, da plataforma SOS Groba, incide en que o sistema de identificación electrónico non mellora ao tradicional, e pon un exemplo práctico: "Se hai un accidente e o cabalo escapa, de que vale o microchip"?

A cría destes animais non reporta beneficios económicos, polo que o pago do transpondedor, con custo duns 40 euros, supón un "gravame que desanima" aos que aínda manteñen viva unha raza e unha tradición con orixes na prehistoria. No texto tamén se marcan unha serie de complexos trámites burocráticos para que os cabalos poidan asentarse en montes en man común.

Como medida de presión, por agora sen éxito, este ano suspendéronse os seis curros do Val Miñor, de forma que gran cantidade de animais quedarán sen identificar, nin co microchip nin da forma tradicional, coas marcas a ferro e a súa inclusión nun rexistro. "Crean un problema onde non o había", esgrime o representante de SOS Groba. Esta plataforma, xunto á asociación de propietarios, convocou para mañá unha marcha a cabalo polas rúas de Vigo, con final simbólico na Praza de España, en cuxo centro se alza unha estatua que reflicte a estes cabalos.

A Xunta, ademais dos argumentos sobre a seguridade viaria e os posibles danos en cultivos, sempre xustificou a implantación do microchip como imposición da Unión Europea. Con todo, a normativa comunitaria admite excepcións, e concédelle ás autoridades competentes (a propia consellería) a potestade de eximir da colocación do dispositivo. No decreto, a diferenza do borrador que se someteu a exposición pública, si que se recolle que Europa abre esa posibilidade, pero descártase en aras de "buscar un ordenamento equilibrado" entre o interese xeral de conservación dos cabalos e os "intereses particulares".

El País
O DOG publica o decreto sobre identificación e ordenación sanitaria dos cabalos e xestión dos équidos mostrencos

DECRETO 142/2012, do 14 de xuño, polo que se establecen as normas de identificación e ordenación zoosanitaria dos animais equinos en Galicia: Descargar PDF

jueves, 10 de mayo de 2012

Non se celebrarán curros este ano

ESTE DOMINGO NON HAI CURRO NA VALGA

Xa é oficial. Este ano non se vai celebrar no Val Miñor e Oia ningún curro de cabalos. Ante a negativa da Xunta de Galicia a negociar unha saída razoable para a identificación e control dos cabalos salvaxes, as asociacións de propietarios de cabalos do monte e os organizadores dos curros, decidiron non celebrar ningún curro este ano. O que xa víñamos comentando de que, de seguir cos plans da Xunta, a situación ía ir a peor, confírmase.

A non celebración dos curros de este ano supón, a máis dunha gran perda económica e patrimonial para moita xente, a perda dunha festa moi arraigada nas nosas xentes, que aínda en situacións peores, como as que se deron perante a guerra civil, foron quen de organizar os curros como sempre se fixera. Son moitos os que van botar de menos esta festa, mais lembremos que non só estamos a falar dunha festa, que como moitas outras da nosa terra, xurdiron do traballo colectivo dunha xente que aproveita para se divertir e para organizar tarefas necesarias para o colectivo que de outro xeito non se lograrían facer. As festas comunais, certas romarías ligadas aos ciclos das colleitas, vendimas, sementeiras etc, están aí dende hai centos de anos como o resultado dunha evolución progresiva no xeito de compartir tarefas e tamén alegrías, que necesitan de labor colectivo para se realizar. Agora, chegados a este punto do século XXI é unha administración que di velar polos intereses de todos, a que coa falla de diálogo e polo camiño da imposición, obriga aos organizadores dos curros e aos propietarios de cabalos, a tomar unha decisión moi dura para os intereses de todos, e máis para o patrimonio natural e cultural do noso país.

Non só van deixar de celebrarse os curros, van deixarse sen control, indefinidamente, tódolos animais que ata o de agora o tiñan, ; sen seguro e sen desparasitar. E, se seguimos así, en pouco tempo, tódolos animais que consigan sobrevivir, estarán sen marcas e sen ninguén que se responsabilice dos estragos e destrozos que poidan facer no monte e nos pobos limítrofes. Desaparecerá a Asociación de Propietarios de Cabalos do Monte da Groba, as organizacións dos curros de A Valga, Morgadáns e do Galiñeiro e ninguén se responsabilizará do que poida pasar.

Non estamos a perder unha festa, estamos a perder algo de nós, do noso patrimonio máis galego, que nos queren eliminar caladamente, dicindo que hai que identificar e organizar os cabalos do monte. Nós tamén o vimos dicindo dende hai moito tempo: hai que organizar e regular a vida dos cabalos do monte, pero protexéndoos, non extinguíndoos ou converténdoos en animais cativos de selección. Iso é outra cousa.

Este próximo domingo tocaríalle a quenda ao primeiro curro do ano, o curro de A Valga. Non se vai a celebrar. Xuntaranse no curro os propietarios dos cabalos, para manifestar a súa queixa e a súa protesta e denunciar publicamente a tódolos que se acheguen ata alí os por que de este paso tan pouco desexado, mais inevitábel.

Vía: SOSgroba

martes, 17 de mayo de 2011

Medio Rural abordará a situación das reses mostrencas na Lei de Montes e nun Decreto que se está redactando

  • A norma que regula estes animais é de natureza estatal, polo que lle corresponde ao Estado Central derrogala
  • A Xunta pon á disposición dos propietarios de cabalos unha liña de axudas para subvencionar o custo da implantación dos microchips
A Consellería do Medio Rural abordará a situación das reses mostrencas na Lei de Montes e nun Decreto que se está redactando.

O departamento que dirixe Samuel Juárez recorda que o ‘Reglamento para la Administración y Régimen de Reses Mostrencas’ é unha normativa de carácter estatal que data do ano 1905 e que, polo tanto, non lle corresponde a unha comunidade autónoma derrogala.

Non obstante, na regulamentación que se está a preparar, a Xunta prevé medidas de colaboración coas administracións locais que axuden a paliar e resolver a problemática suscitada, cando estes animais invaden propiedades alleas ou cultivos de distinto tipo. O propietario do animal ten a obriga de identificalo, pero é o propio concello quen ten a competencia directa de facerse cargo daqueles que non presenten identificación.

Entre tanto, Medio Rural puxo a disposición dos titulares de reses mostrencas, unha importante liña de axudas iniciada no 2010 que practicamente sufragan os custos da implantación dos microchips.

Prevención

O cabalo destaca por ser capar de colaborar no desbroce do monte e, polo tanto, na prevención de incendios forestais. Estas virtudes non están exentas dunhas obrigas por parte dos propietarios, en relación coa identificación. Por este motivo, véñense realizando inversións por parte da Xunta de Galicia nas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común para a execución de cercados, puntos de auga, accesos, pasos canadenses que permitan manter aos cabalos confinados en espazos onde poidan manifestar as súas potencialidades.

A necesidade de regular este sector animal conleva velar polas necesidades dos concellos e pola dos propietarios. Deste xeito, a Xunta tamén pretende manter ese carácter patrimonial e cultural que levan consigo a figura destes animais.

Fonte: Medio Rural

sábado, 14 de mayo de 2011

Nadando entre dúas augas en eleccións?


Estes días estamos asistindo a unha lea entre diversos colectivos (comunidades de montes, gandeiros e Medio Rural, á que se ven a sumar agora o BNG), no que ou moito me temo, ou os mal parados van se-los cabalos que viven ceibes e o monte. Hoxe en día é inimaxinable ter un monte medianamente limpo sen estes animais.

En resposta ás preguntas dos medios de comunicación sobre o anuncio da posible suspensión de varios curros na nosa Comunidade o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, explicou que: Medio Rural facilita a identificación dos cabalos no monte, obrigatoria por lei, con axudas para reducir os seus custes
  • En Galicia esta cuestión está regulada especificamente por un Decreto da Xunta do ano 2008, que o actual Goberno Galego herdou e está obrigado a cumprir
  • O conselleiro Samuel Juárez advertiu que o debido respecto a esta lexislación “non ten porque supoñer a suspensión” de curros na nosa Comunidade
Tres días despois os representantes dos gandeiros da Serra dá Groba e de Ou Galiñeiro, que reúnen a maior cabana de cabalos salvaxes de Galicia, auguraron que en dous anos desaparecerán a metade das reses se se obriga a colocar os microchips e publicaron este comunicado: Non ao microchip nas "burras" do monte.

A Organización Galega de Comunidades de Montes toma partido emitindo un duro comunicado, acusando a Medio Rural de premialos intereses dos propietarios dos cabalos (que non recoñecen como gandeiros) sobre as comunidades de montes e por non obrigalos a implantar dito elemento identificador: As comunidades de montes defenden a xestión de cabalos soltos no monte veciñal de xeito controlado e racional.pdf

A todo isto entra en escena o cuarto en discordia, que ven a botar máis leña ao lume e polo que se ve, tomando claramente partido: Dende o Val Miñor a Bruselas: o BNG xestiona unha exoneración para o chip nos cabalos ceibes.

E por se faltase algún ingrediente, o presidente da comunidade chamoulles en TeleBarbanza aos gandeiros "cuatreros": adj.-m. Díc. del ladrón que hurta caballerías, ganados, etc.
Un 15% dos cabalos do curro da Valga serán sacrificados

A tregua entre gandeiros de cabalos salvaxes e responsables da Xunta garantiu este ano a celebración dos curros. Con todo, hai prácticas sobre as que xa se están advertindo que non só pon en perigo este ancestral rito senón tamén á poboación de gando salvaxe, de seu en risco de extinción.

Segundo os datos que onte fixo público Xilberte Manso, da asociación SOS Groba, no transcurso dunha reunión celebrada no centro cultural de Baíña, «preto dun 15% dous aproximadamente 200 cabalos que entraron non curro dá Valla non que se abriu a tempada foron sacrificados».

O risco a exporse a posibles multas prevaleceu sobre o tempo de espera para revisar a lei europea e conseguir a posible vía de excepcional.

As cifras son alarmantes. A entidade explicou que, de antemán xa só se reuniron a metade dos equinos que de costume, os prezos non superaron os 40 e 50 euros por exemplar para os cabalos adultos e poldros respectivamente e, ao terminar o espectáculo, un quince por cento dos exemplares foron levado a matadoiros de Valencia e Portugal para ser sacrificados.

A situación causa gran preocupación na zona e onte foi un dos temas da reunión na que participaron representantes das asociacións gandeiras e as comunidades de montes da comarca do Val Miñor convocados por todos os representantes do BNG da zona. Ademais interveu a eurodeputada nacionalista Ana Miranda, que presentou unha iniciativa parlamentaria na que se reclama esa vía de excepcionalidade sobre a lei de colocación do microchip para os os propietarios de cabalos salvaxes.

Animais que, no caso dos de pura raza galega, están en perigo de extinción e concéntranse na zona.

O ordenamento e a regulación, consideran, ten que facerse en consenso entre as administracións, os propietarios e as comunidades de montes veciñais, facendo que as asociacións de propietarios sexan as responsables dos cabalos de cada zona, regularicen aqueles que non teñen marco e múltese ou penalice aos que non cumpran os requisitos».
Dende logo hai cousas que non entendo, a parte de que a obrigación de implantalo chip parte dunha normativa europea, que coma en moitos casos métenos a todos no mesmo saco, foi o bipartito quen aprobou o Decreto 268/2008, do 13 de novembro, polo que se establecen as normas que regulan o rexistro e identificación dos animais equinos (Vexase Artigo 9º.-Particularidades da identificación de équidos en explotacións extensivas en liberdade)- A que ven agora pedir unha excepcionalidade á citada norma aprobada por eles?

Con respecto a acusación do presidente só dúas cousas: sempre van falar os menos indicados e agardo que os cabalos deste peche (sen aprobación dos comuneiros) teñan o microchip, porque entón deixaría en moi mal lugar ao seu propietario.

martes, 26 de abril de 2011

Resposta da Xunta á polemica dos curros

Egua de Juan saudando en San Marcos,
despois de acadar un premio
É raro escoitar a un político desculparse de algo, a culpa sempre será da oposición ou dos administrados, aínda que neste caso todos teñen especial coidado en dicilo. Hoxe Medio Rural contesta á polémica xerada pola implantación dos microchips e a posible desaparición dalgúns curros na provincia de Pontevedra.

Efectivamente, foi a anterior Consellería do Medio Rural ante a "presión" das comunidades de montes e veciños a que implantou o sistema dos microchips, para poder ter esta cabana controlada e porque cando había atropelos de animais en liberdade, sempre lles desaparecía a "marca" de identificación coa que poder localizar ó propietario, evitando deste modo ter que facerse cargo dos danos ocasionados.

Como non teño animais non me afecta a medida, pero tirando de retranca, tamén o anterior bipartito aprobou un plan eólico e foi derogado nada máis tomar posición este goberno. Como dixen onte, é preciso que uns e outros se senten a falar dado a vital importancia que teñen estes animais no monte.

Medio Rural facilita a identificación dos cabalos no monte, obrigatoria por lei, con axudas para reducir os seus custes
En Galicia esta cuestión está regulada especificamente por un Decreto da Xunta do ano 2008, que o actual Goberno Galego herdou e está obrigado a cumprir.

O conselleiro Samuel Juárez advertiu que o debido respecto a esta lexislación “non ten porque supoñer a suspensión” de curros na nosa Comunidade.

A Xunta aprobou axudas para a identificación de gando equino co obxectivo de facilitar e reducir os custes desta tarefa, que é unha obriga legal establecida pola normativa comunitaria, estatal e galega (xa desde o ano 2008) herdada polo actual Goberno Galego.

Así o explicou hoxe o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, en resposta ás preguntas dos medios de comunicación sobre o anuncio da posible suspensión de varios curros na nosa Comunidade, a causa dos custes que representa a identificación dos cabalos. Advertiu que cumprir esta norma “non ten porque supoñer a suspensión” de rapas, unha decisión que en todo caso –precisou– corresponderá aos seus organizadores e engadiu que “imos manter contacto con estas asociacións e a seguir traballando para que tódolos donos de cabalos poidan cumprir coa lexislación”.

Regulación desde 2008
En Galicia esta cuestión está regulada especificamente polo Decreto 268/2008, do 13 de novembro, polo que se establecen as normas que regulan o rexistro e identificación dos animais equinos, as medidas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións equinas, as paradas de sementais equinos co servizo a terceiras persoas e se crea o Rexistro Galego de Explotacións Equinas.

No ámbito da Unión Europea, o Regulamento (CE) 504/2008 da Comisión prescribe a obrigatoriedade de identificar aos équidos con transpondedores electrónicos ou marcas alternativas. Por último, no contexto español o Real Decreto 1515/2009 establece tamén que os animais destinados a abasto nados en explotacións de produción e reprodución poderán identificarse con marcas electrónicas.

O conselleiro do Medio Rural explicou que as axudas da Xunta son unha “medida moi xenerosa” e cobren unha alta porcentaxe do custo da identificación, que acada o 90% do total no primeiro ano de xestión da subvención, decrecendo logo paulatinamente ao 75, 60 e 40% cada un dos exercicios seguintes, ata o remate da mesma.

O conselleiro precisou tamén, en relación cos custes da identificación, que non é correcto afirmar que chegan aos 40 euros por animal, senón que ese é o custe máximo estimado para a determinación das axudas, sendo normalmente inferior o custe total, especialmente cando se xuntan varios exemplares para a súa identificación. Medio Rural destina este ano un orzamento total de 100.000 euros para estas axudas, cuxa contía máxima poderá acadar os 10.000 euros por explotación ata o ano 2013.
Artigo 9º.-Particularidades da identificación de équidos en explotacións extensivas en liberdade.

1. Para a identificación dos équidos de crianza e rendemento, nados e mantidos en explotacións extensivas en liberdade en estado salvaxe ou semisalvaxe, non será exixible a expedición de Libro de identificación e sanidade equina; a aplicación do transpondedor (microchip)será obrigatoria antes de que cumpran os 18 meses de idade.

2. No caso de que abandonen a explotación antes de cumprir esa idade ou sexan domesticados, deberán ser identificados segundo o disposto no artigo 8º, agás se abandonan a explotación antes de cumprir os 12 meses de idade con destino ao sacrificio, caso en que non precisarán da expedición de libro de identificación e sanidade equina.

3. Ademais do transpondedor, os animais serán identificados cunha marca visual que poderá ser brinco auricular tipo botón ou unha pulseira colocada nas extremidades anteriores. A marca levará gravado de xeito indeleble o código asignado no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) á súa persoa propietaria, e axustarase ás características indicadas no anexo VI deste decreto.

4. No caso de incorporación de équidos a explotacións extensivas en liberdade, antes de proceder á súa solta deberán ser identificados coas marcas visuais indicadas no número 3 deste artigo.


lunes, 25 de abril de 2011

Gandeiros de Pontevedra suspenderán oito curros

Cabalo da Serra do Barbanza, na feira de San Marcos de Noia
Corren malos tempos para os curros e o que poder ser peor, para os cabalos salvaxes, se os políticos e os gandeiros non se sentan a falar para acadar un acordo digno para estes animais.
A celebración, entre maio e agosto, de oito curros en montes da provincia de Pontevedra está no aire. Se non hai marcha atrás, esas citas non se desenvolverán tras a negativa dos gandeiros a implantar o microchip aos cabalos salvaxes para a súa identificación, como esixe a Consellería do Medio Rural: ...

Sabucedo, á marxe do grupo
A suspensión de curros en Pontevedra -que se iniciará o 8 de maio na Valga (Oia)- non afectará a rapa de Sabucedo, na Estrada, a de maior repercusión. Os seus organizadores levan anos implantando o chip aos seus cabalos e ven rápaa como unha tradición.
Aquí sen embargo despois de "resucitalo" o ano pasado, o próximo fin de semana (sábado e domingo) volverase a celebralo Curro da Enxa no monte de Baroña.

Nesta imaxe amosando parte do que sabía facer