Amosando publicacións coa etiqueta Mártires de Nebra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mártires de Nebra. Amosar todas as publicacións

domingo, 7 de outubro de 2018

Lembrando aquel 12 de outubro

Un ano máis temos a ben convidalo ao recordo deste masacre na nosa aldea no ano 1916.

- Ás 7 da tarde faremos a tradicional ofrenda floral na ponte de Cans, onde se erixe o monólito que foi posible colocar grazas á achega económica particular e de veciños e visitantes interesados nos feitos, Talleres Loreto e o BNG de Porto do Son.

- Ás 5 da tarde no local da Comunidade de Montes de Nebra presentarase un libro que recolle historias das revoltas populares en diferentes lugares de Galicia, e que ten un capítulo sobre Nebra, da man de Eliseo Fernández Fernández. Intervirán na presentación Patricia Torrado Queiruga, que nos presentará un ensaio sobre as "Mulleres en loita a comezos do s.XX", onde se destaca un tema que se repite moito no monográfico, o destacado papel da muller nesas revoltas. Tamén falará Roberto Vilameá Ponte, do consello de administración de Sermos Galiza, editora do volume; e rematará a presentación Francisco Rodríguez Sánchez, histórico político do BNG, ex-deputado e co-autor da publicación. - Ás 7:30 haberá unha misa polas vítimas na igrexa de Santa María de Nebra, a petición de familiares e coñecidos das mesmas.


Van alá 102 anos dos feitos. Unha historia que por anos foi ocultada e mesmo deturpada, chegando a considerar as súas sepulturas como as dos fusilados. Dende que vimos lembrando as vítimas estes 19 anos de xeito ininterrompido, a súa historia xa é coñecido alén de Porto do Son, e foi posible documentar, con novas informacións, a versión que lle deron algunhas testemuñas directas do acontecido a Paco do Martelo, fundador desta lembranza. As mentiras da administración fixeron caer no esquecemento estes feitos durante anos, pero a verdade sempre sae á luz.

O acontecido foi consecuencia dun abuso dos administradores do Concello, cargando nos veciños de toda a vila as débedas da súa mala xestión. A liga agraria de Nebra negouse a pagar o que non lles correspondía, e así, chegouse á idea de impedirlle o paso ao axente recadador na ponte de Cans. Quedouse o día 12, como se falou nas reunións, e por vontade propia, as mulleres decidiron ir á cabeza da manifestación, e ao berro de "non se paga o defís", xuntáronse a unha beira da ponte. Do outro lado, un destacamento considerable da Garda Civíl, chamados expresamente para protexer ao axente e que este puidese acometer o roubo aos veciños. Nun momento, no que o tenente ao mando xustificou antes os seus superiores coa orde de dúas descargas ao aire, os feridos foron caendo na ponte, e aí os deixaron mentres fuxiron protexer ao alcalde a Portosin. 

Se desexa máis información, pode pórse en contacto no correo contacto@enfeitizador.es.

Saúdos cordiais.
Familia do Martelo
Organizadores do acto de lembranza

luns, 27 de novembro de 2017

95 anos dos Sucesos de Sobredo ~ Mesa Redonda: A Voz das Familias

O Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo –IEAMSo- organiza este martes día 28 unha Mesa Redonda baixo o título “A voz das familias”, na que interveñen representantes das familias dos Mártires de Sobredo; terá lugar na Sala Félix Rodríguez, con acceso na parte traseira da Área Panorámica de TUI, a partir das 20:00 Hs, (oito da tarde).

A actividade prográmase no día 28 de novembro, data do 95 aniversario dos sucesos de Sobredo; nos que perderon a vida: Cándida Rodríguez de Pazos de Reis, Venancio González de Budiño, e Xaquín Estévez de Soutelo, ao ser reprimida a tiros unha concentración opóndose ao embargo de bens dun veciño por non pagar o foro; un imposto medieval que permanecía sobre as terras en pleno século XX.

Coa Mesa Redonda, dentro do ciclo de actividades tituladas “Sobredo, 95 anos despois”, dáselle a palabra ás e aos descendentes das persoas falecidas nos tráxicos sucesos; para así poder contar coa súa testemuña e memoria que se transmite de xeración en xeración.

O IEAMSo pecha con esta Mesa os actos de conmemoración anual dos feitos; o domingo 26 de novembro desenvolveuse ao pe do Monumento aos Mártires un acto cívico, coas intervencións de Xosé Alfredo Pereira da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais, e Alba Nogueira profesora na Universidade de Santiago e neta do escultor Camilo
Nogueira, autor do monumento.

Nesta liña de traballo, co obxectivo de manter vivos na memoria os sucesos acontecidos en Sobredo o 28 de novembro de 1922, enmarcados na loita agraria e que remataría coa redención dos foros, o IEAMSo que traer Sobredo á actualidade e reivindicarmonos os valores solidarios e construtivos na procura dunha vida máis xusta, inspirándose nos principios que moveron á sociedade daquela época.

Agardamos contar coa vosa presenza no acto; e, de antemán, agradecemos a súa difusión.

Recibide un saúdo.
En nome do IEAMSo

Marga do Val
Tfno: 626 37 37 38

sábado, 18 de novembro de 2017

Actos de conmemoración dos sucesos de Sobredo

Convite - 95 Aniversario

Achegamos información dos actos de conmemoración dos sucesos de Sobredo, no seu 95 Aniversario, que se desenvolverán en Sobredo (Guillarei - Tui) o domingo 26 de novembro do 2017, a partir das 11:00 horas da mañá, aténdose ao programa que tamén se achega.

Convidámolos a participar; ao tempo agradecemos a difusión aos seus contactos.

Reciban un saúdo.

EAMSO

Páxina do INSTITUTO DE ESTUDOS AGRARIOS "MÁRTIRES DE SOBREDO", en homenaxe ao Movemento Agrario,á loita antiforal e aos tres Mártires de Sobredo.

mércores, 31 de decembro de 2014

Canto tempo vamos a seguir aturando isto?

Ano e medio sen celebrar unha Asemblea, sen darnos contas de onde e como se gastaron os NOSOS CARTOS, e seguimos sen aprobalo censo.

O cargo de presidente expira aos catro anos e este vai camiño dos cinco.

A Xunta Reitora ten que xuntarse cada 2 meses e por riba algúns vogais xa non lembran cando foi á última vez que os convocaron.

Cada aldea ten dereito a ter un vogal, e de pasar a ter dous ou tres algunhas, agora son varias as que non teñen ningún.

O asunto dos porcos parecese ao conto da leiteira.

Danlle 80 Has., a uns gandeiros e non sabemos a cambio de que. O que si se sabe é que os volveron a enfrontar entre eles, en prexuízo da comunidade.

Oxalá o equivocado fose eu, mais son moitos os que pensan igual, o que pasa é que non queren ser sinalados polo dedo, por criticalo que pasa abertamente.

Estatisticamente sen local celebramos máis asembleas á intemperie, con choiva e vento que agora con el.

Alguén lembra que nos tomasen o pelo desta maneira?

noventa e nove anos despois, onde vai o espírito daquela xente da Liga Agraria de Nebra que non só loitou por defendelo seu, se non o de moitos veciños da parroquia e do Concello, que o presidente e o seu partido veñen a aldraxar?
Feliz Aninovo e oxalá houbese xente con máis sentido común que puxese un pouco máis de cordura neste 2015, porque somos a chota entre o resto de comunidades e non só do Barbanza, se non de Galicia enteira.

martes, 30 de novembro de 2010

Mártires de Sobredo


Este domingo acudín por primeira vez á homenaxe que varias asociacións organizan conxuntamente en lembranza de Cándida Rodríguez, Joaquín Estevez Besada e Venancio González Romero, asasinados pola Garda Civil o 27 de novembro de 1922, por se-los abandeirados das revoltas antiforais en Galicia e polo seu empeño en que os labregos puidesen acceder á propiedade plena das terras que traballaban. Uns ideais que lle custaron a vida no lugar de Sobredo (Guillarei) fai 88 anos.

Cando rematou a longa noite negra e puiden comezar a facerme con unha importante biblioteca de libros na miña lingua nai e sobre todo históricos, foi cando comecei a darme conta realmente destas calamidades e viles asasinatos que sufriran os nosos antergos por defendelos seus dereitos. As historias que se contaban do acaecido en Cans, naquel fatídico 12 de outubro de 1916, en nada se parecían co que realmente acontecera e por iso comecei a indagar para saber o que realmente acontecer pero ninguén ousaba contala verdade. Mesmo as tumbas onde están soterradas tres das vítimas, denominábanas como "as dos fusilados", cando realmente aquilo non fora un fusilamento, se non un vil asasinato a sangue fría. Outra cousa foi o que a prensa, máis do lado do poder, escribiu. A miña afirmación é táxante porque co tempo lograra falar abertamente con unha testemuña directa dos feitos, como foi a señora María de Olveira de Cans, que nese intre tiña 16 anos.

Fai uns anos despraceime a Oseira e non houbo forma de sacarlle nada aos seus veciños, todo o contrario do que ese mesmo ano me acontecera en Sofán, que a providencia fixo que cando parei a falar con un paisano maior, non tivo inconveniente en pórme ao tanto do que alí acontecera.

En Sobredo, comentáronme algúns dos asistentes ao acto que, esa autocensura tamén se dera alí, xa que se atoparan co mesmo problema e poucos eran os que querían falar. No meu caso incluso hai xente á que non lle gusta o que fixen e fago en Nebra polo nosos mártires. Podería entender que na Ditadura acontecera todo isto, mais agora que xa levamos máis de 30 anos de Democracia, coido que é un legado que deberíamos transmitir ás novas xeracións.

A boa nova política deste ano deuse cando Xosé Alfredo Pereira Martínez, ao principio do acto, anunciou que o alcalde de Salceda de Caselas por fin cumprira a súa palabra dada facía uns anos noutro acto, poñéndolle a unha rúa do Concello: Mártires de Sobredo. No noso Concello fai uns meses que bautizaron varias, pero o equipo de goberno e a oposición, se tivo oportunidade de propoñer nomes, esqueceron unha vez máis aos Mártires de Cans. Digo unha vez máis, porque fai anos que xa se fixera outro nomeamento e hai algunha que leva incluso o curioso nome de rúa Das Escamas, será pola fame que nos sacaron?

Pola miña parte envieille un correo ao Concello, do que non me lembro obter resposta. Nel facía dúas propostas: Na primeira propoñía renomear a antiga AC-550 que cruza Cans, como Travesía dos Mártires de Cans ou poñerlle o nome de cada unha das vítimas a cinco das novas rúas.

Os Foros
A meirande parte das terras cultivadas de Galiza, máis das tres cuartas partes, estaban sometidas a contratos de "Foro" desde a idade media. O foro era o contrato establecido sobre unha terra que se pagaba anualmente en especie (millo, viño, animais...) ou en diñeiro, condenando ao campesiñado a unha agricultura de subsistencia.

Xa a sociedade do século XIX era consciente de que esa "carga" grazas a cal nacera e medrara a fidalguía, impedía a modernización do agro galego, e para eliminala, a I República aprobara unha lei en 1873, derrogada no ano seguinte por mor da presión dos arrendadores. A definitiva lei que lles permitiu ás persoas labregas seren donas das terras que traballaban (previo pago dunha indemnización) foi o decreto-lei de 25 de xuño de 1926.

As Sociedades Agrarias
Para eliminar os Foros xurdiron as Sociedades Agrarias; en 1912 xa había 117 sociedades na provincia de Pontevedra. Nas Asembleas e Congresos agrarios coma os de Monforte, Ribadavia, Redondela, Tui... establecíanse as liñas de actuación deste movemento (mitins, propaganda, boicot aos pagos, mobilizacións...).

- Na provincia de A Coruña tamén había este tipo de Sociedades como era a Liga Agraria de Nebra, que despois dos tristes feitos acaecidos o 12 de outubro de 1916, as autoridades incautáronse de toda súa documentación e a día de hoxe aínda non foi de volta ao pobo.

-O 27 de novembro incautáronse os libros e chaves das sociedades de Areas, Randufe, Malvas, Pazos de Reis, Rebordáns, Paramos, Baldráns e Caldelas.

Sobredo
-O 27 de novembro de 1922 preséntanse en Sobredo (Guillarei), xuíz e garda civil para embargar os bens dun veciño que non pagaba o Foro. A toque de campás, xuntáronse unhas dúas mil persoas da bisbarra. Ao disolver a forza pública a manifestación a tiros, houbo varias persoas feridas e resultaron mortas: Cándida Rodríguez, de Pazos; Joaquín Estevez Besada, de Soutelo; e Venancio González Romero, de Budiño.

Os feitos tiveron moita sona na prensa, parlamento, literatura, conferencias... O goberno decatouse entón da necesidade de darlle unha solución ao conflito agrario, o que levou á redención dos Foros. Foi entón, grazas á actitude loitadora e comprometida destas mulleres e homes do agro, que se conseguiu abolir un dos residuos da sociedade estamental e que condenaba en vida o campesiñado deste pais.

O Monumento aos Mártires foi feito por iniciativa popular e esculpido por Camilo Nogueira -pai- nos tempos da II República, e os fascistas dinamitárono durante a guerra. Nos anos 80 outra vez por subscrición popular recuperouse parte do monumento que os veciños agocharan nos muros ou enterraran nas leiras, e encargouse o resto a un escultor.








luns, 12 de outubro de 2009

Aclarando a homenaxe

Un ano máis, e xa van 3, a homenaxe aos mortos de Cans acaba sendo noticia polo motivo equivocado. Polo tanto, déixenme recapitular para saber o que ocorre.

Dende hai 10 anos, e por iniciativa propia, veño organizando este acto coa mellor das intencións, aberto á colaboración das persoas interesadas no feito. Naquel tempo, militaba no BNG, pero nunca busquei converter este acto nun evento político ou privado; os descendentes das vítimas merecen un respecto e eu, consecuente del, non empreguei ningún elemento nacionalista no mesmo, como se pode observar na foto que encabeza a crónica de prensa de La Voz de Galicia da primeira homenaxe, Veciños de Nebra renden tributo as vítimas dunha carga policial en 1916, a bandeira galega colocada na ponte de Cans, só ten un crespón negro, ningún elemento nacionalista.

Para o segundo ano, sendo consciente xa dende que comecei con isto que anos atrás houbera un  intento de facerlles un monolito, pedra que desapareceu, decidín recadar fondos mediante a venda de camisetas e lotaría (financiada por Autos Loreto), para erixir un monumento na súa lembranza. O resto, veu dunha doazón dun neto de Antonio Sobrado Luaces, do BNG e da miña parte, sen contalo traballo.

Nebra Cans 2001
Foi ese segundo ano, grazas á miña militancia no partido, cando me pediron autorización para imprimilo cartaz anunciando a inauguración do monolito, de aí que o logotipo do BNG apareza nel, aínda que o primeiro imprimino eu, e logo eles fixeron unha versión alternativa con fotocopias da prensa da época. A partires do terceiro paso a contar con creacións orixinais do meu fillo o que xa non debeu de gustarlles, pois pola súa man e aproveitando que estou emigrado en Palma de Mallorca, engádenlle a posterior o anagrama. Será a partires do cuarto cando se deixara de contar coa "colaboración" do BNG en forma de logotipo (inda que imprimen os carteis ata o 2006), pois, nun primeiro momento aceptara baixo a premisa de que tiñamos obxectivos comúns (a lembranza destas persoas), pero co paso dos anos, era evidente que perseguían outros obxectivos.

Neste punto convén deixar claro que a colaboración non pasou máis que da impresión dos carteis, polo demais, ningún ano puxeron ou aportaron ren para o ramo de flores (sempre os paguei eu). Nos seguintes anos, non se lles impediu a súa presenza, faltaría máis, os carteis anunciaban un acto aberto, sen ningún selo, e as crónicas dos xornais establecían a presenza de militantes, non que fose organizado por eles. Polo demais, se asistían estas persoas ao acto, sempre seria baixo a súa idea, non se obrigou a ninguén.

Por que agora teiman en poñer por diante o anagrama político? Cabe lembrar as verbas do militante Santiago Suárez, no 2003 (3ª homenaxe) nunha entrevista de La Voz de Galicia: Queremos lembrar unha parte da historia sonense
«a idea foi dun veciño de Nebra, coñecido como Paco de Martelo» «Paco empezou a recadar fondos entre os veciños. Acadáronse máis de 120 euros para a financiación do monumento, no que tamén colaborou o BNG».
Velaí está a confirmación, en boca desta persoa, o actual presidente da Comunidade de Montes, afirmando quen foi o impulsor da homenaxe, renegará agora das súas verbas?

Non poño en dúbida que toda esta contra-homenaxe dende o 2007 está orquestrada por esta persoa, co visto e prace do BNG de O Son. Para ese ano 2007, a súa convocatoria unha hora despois da miña creou confusión na xente que ao final non asistiu a ningunha (só había militantes). Neste ano lémbranse de poñer flores pola súa conta, máis non esquecen de poñerlle o logotipo por canto lado teñan as fitas que o engalanan.

O ano pasado, 2008, aproveitando as obras de saneamento e colocación de beirarrúas en Cans, solicítolle ao concello unha pequena modificación sobre a marcha, para destacar o entorno do monolito. Así, aceptase facer esa modificación e, adicionalmente, o señor alcalde, Manuel Tomé, comprometese a poñer unha placa na que contar, de xeito resumido, os feitos. Con estas, ese ano acordo facer no cartel a mención á colaboración do concello, aparte de agradecerlle a impresión dos carteis, tanto ese ano coma o anterior.

Con motivo da inauguración da placa, convocase ao alcalde, como debe ser, e, xa días antes a militancia do BNG de O Son faime saber o seu descontento por esta presenza. Quen son eles para decidir quen pode ou non asistir a un acto aberto? Para dar a nota, ese ano fixeron acto de presenza cunha bandeira nacionalista, e, para darse importancia, no discurso de Ánxela Franco (outra cousa que tampouco se lles prohibiu, adicar unhas verbas no acto), entre palabras sen sentido co acto en si, escápaselle que levan «6 anos organizando isto». Mágoa que esa era a 9ª edición da homenaxe.

Logo do acto tentei aclararlles a fin desta homenaxe, e a gran equivocación que cometen afirmando que sempre o fixeron eles. Dando por suposto que entenderon a situación, este ano non me preocupei de que volvese ocorrer o mesmo. Visto o relatado, quen estaría no seu dereito a convocala homenaxe?

Pois non se renden, de novo unha contra-homenaxe, e de novo "súalla" o que diga eu. Estando o meu acto anunciado no Concello e en Cultura (isto non obriga a nada, pero faino un pouco máis oficial), sendo eu a persoa responsable do mesmo (se alguén se interesa polo acto no concello vanlles remitir ao meu teléfono), o único que argumentan é que tiña que ter contactado con eles para facer o acto conxunto... sen contar que o encargado de realizar a contra-homenaxe négase a falar comigo, e ninguén lle pode impedir facer o acto, porque o di el.

Por certo, destacar que, ante a presunta desaparición dun cartel da "súa" homenaxe, esta persoa non dubidou en chamar por teléfono para acusarnos. E sospeitosamente, agora está o seu nese sitio e desapareceu o meu. A min non se me ocorreu chamarlle cando vin que, o que eu puxera na igrexa ao mediodía, non estaba á tarde e si o seu.

Cal é a realidade desta teima? Pois hai anos o BNG de O Son encargábase da homenaxe a Ramón Sampedro, pero por desinterese, "escapóuselles" o acto en mans doutra xente, e, en palabras textuais da propia xente do BNG, «non queren que o de Cans tamén se lles escape». A alguén lle parecen argumentos? Eu agardo (sen mala fe) a que fagan unha contra-homenaxe no acto de Sampedro, xa que ninguén llo pode impedir como din no caso de Cans.

Pouco queda que dicir dunha xente que entende un acto de homenaxe como unha maneira de recadar votos, e como mostra, unha réplica que fixeron no Chuza, a onde remitiron a anterior entrada: Homenaxe os caidos en Nebra:
«nos últimos anos esta homenaxe estase tinxindo de polémica, a raíz de que un partido político tenta facer "política barata" con esta homenaxe. Dende logo, o que hai que lamentar é que por culpa deses impresentables, esta homenaxe colla mala fama en Nebra.»