Amosando publicacións coa etiqueta Mártires de Sobredo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mártires de Sobredo. Amosar todas as publicacións

luns, 27 de novembro de 2017

95 anos dos Sucesos de Sobredo ~ Mesa Redonda: A Voz das Familias

O Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo –IEAMSo- organiza este martes día 28 unha Mesa Redonda baixo o título “A voz das familias”, na que interveñen representantes das familias dos Mártires de Sobredo; terá lugar na Sala Félix Rodríguez, con acceso na parte traseira da Área Panorámica de TUI, a partir das 20:00 Hs, (oito da tarde).

A actividade prográmase no día 28 de novembro, data do 95 aniversario dos sucesos de Sobredo; nos que perderon a vida: Cándida Rodríguez de Pazos de Reis, Venancio González de Budiño, e Xaquín Estévez de Soutelo, ao ser reprimida a tiros unha concentración opóndose ao embargo de bens dun veciño por non pagar o foro; un imposto medieval que permanecía sobre as terras en pleno século XX.

Coa Mesa Redonda, dentro do ciclo de actividades tituladas “Sobredo, 95 anos despois”, dáselle a palabra ás e aos descendentes das persoas falecidas nos tráxicos sucesos; para así poder contar coa súa testemuña e memoria que se transmite de xeración en xeración.

O IEAMSo pecha con esta Mesa os actos de conmemoración anual dos feitos; o domingo 26 de novembro desenvolveuse ao pe do Monumento aos Mártires un acto cívico, coas intervencións de Xosé Alfredo Pereira da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais, e Alba Nogueira profesora na Universidade de Santiago e neta do escultor Camilo
Nogueira, autor do monumento.

Nesta liña de traballo, co obxectivo de manter vivos na memoria os sucesos acontecidos en Sobredo o 28 de novembro de 1922, enmarcados na loita agraria e que remataría coa redención dos foros, o IEAMSo que traer Sobredo á actualidade e reivindicarmonos os valores solidarios e construtivos na procura dunha vida máis xusta, inspirándose nos principios que moveron á sociedade daquela época.

Agardamos contar coa vosa presenza no acto; e, de antemán, agradecemos a súa difusión.

Recibide un saúdo.
En nome do IEAMSo

Marga do Val
Tfno: 626 37 37 38

sábado, 18 de novembro de 2017

Actos de conmemoración dos sucesos de Sobredo

Convite - 95 Aniversario

Achegamos información dos actos de conmemoración dos sucesos de Sobredo, no seu 95 Aniversario, que se desenvolverán en Sobredo (Guillarei - Tui) o domingo 26 de novembro do 2017, a partir das 11:00 horas da mañá, aténdose ao programa que tamén se achega.

Convidámolos a participar; ao tempo agradecemos a difusión aos seus contactos.

Reciban un saúdo.

EAMSO

Páxina do INSTITUTO DE ESTUDOS AGRARIOS "MÁRTIRES DE SOBREDO", en homenaxe ao Movemento Agrario,á loita antiforal e aos tres Mártires de Sobredo.

martes, 30 de novembro de 2010

Mártires de Sobredo


Este domingo acudín por primeira vez á homenaxe que varias asociacións organizan conxuntamente en lembranza de Cándida Rodríguez, Joaquín Estevez Besada e Venancio González Romero, asasinados pola Garda Civil o 27 de novembro de 1922, por se-los abandeirados das revoltas antiforais en Galicia e polo seu empeño en que os labregos puidesen acceder á propiedade plena das terras que traballaban. Uns ideais que lle custaron a vida no lugar de Sobredo (Guillarei) fai 88 anos.

Cando rematou a longa noite negra e puiden comezar a facerme con unha importante biblioteca de libros na miña lingua nai e sobre todo históricos, foi cando comecei a darme conta realmente destas calamidades e viles asasinatos que sufriran os nosos antergos por defendelos seus dereitos. As historias que se contaban do acaecido en Cans, naquel fatídico 12 de outubro de 1916, en nada se parecían co que realmente acontecera e por iso comecei a indagar para saber o que realmente acontecer pero ninguén ousaba contala verdade. Mesmo as tumbas onde están soterradas tres das vítimas, denominábanas como "as dos fusilados", cando realmente aquilo non fora un fusilamento, se non un vil asasinato a sangue fría. Outra cousa foi o que a prensa, máis do lado do poder, escribiu. A miña afirmación é táxante porque co tempo lograra falar abertamente con unha testemuña directa dos feitos, como foi a señora María de Olveira de Cans, que nese intre tiña 16 anos.

Fai uns anos despraceime a Oseira e non houbo forma de sacarlle nada aos seus veciños, todo o contrario do que ese mesmo ano me acontecera en Sofán, que a providencia fixo que cando parei a falar con un paisano maior, non tivo inconveniente en pórme ao tanto do que alí acontecera.

En Sobredo, comentáronme algúns dos asistentes ao acto que, esa autocensura tamén se dera alí, xa que se atoparan co mesmo problema e poucos eran os que querían falar. No meu caso incluso hai xente á que non lle gusta o que fixen e fago en Nebra polo nosos mártires. Podería entender que na Ditadura acontecera todo isto, mais agora que xa levamos máis de 30 anos de Democracia, coido que é un legado que deberíamos transmitir ás novas xeracións.

A boa nova política deste ano deuse cando Xosé Alfredo Pereira Martínez, ao principio do acto, anunciou que o alcalde de Salceda de Caselas por fin cumprira a súa palabra dada facía uns anos noutro acto, poñéndolle a unha rúa do Concello: Mártires de Sobredo. No noso Concello fai uns meses que bautizaron varias, pero o equipo de goberno e a oposición, se tivo oportunidade de propoñer nomes, esqueceron unha vez máis aos Mártires de Cans. Digo unha vez máis, porque fai anos que xa se fixera outro nomeamento e hai algunha que leva incluso o curioso nome de rúa Das Escamas, será pola fame que nos sacaron?

Pola miña parte envieille un correo ao Concello, do que non me lembro obter resposta. Nel facía dúas propostas: Na primeira propoñía renomear a antiga AC-550 que cruza Cans, como Travesía dos Mártires de Cans ou poñerlle o nome de cada unha das vítimas a cinco das novas rúas.

Os Foros
A meirande parte das terras cultivadas de Galiza, máis das tres cuartas partes, estaban sometidas a contratos de "Foro" desde a idade media. O foro era o contrato establecido sobre unha terra que se pagaba anualmente en especie (millo, viño, animais...) ou en diñeiro, condenando ao campesiñado a unha agricultura de subsistencia.

Xa a sociedade do século XIX era consciente de que esa "carga" grazas a cal nacera e medrara a fidalguía, impedía a modernización do agro galego, e para eliminala, a I República aprobara unha lei en 1873, derrogada no ano seguinte por mor da presión dos arrendadores. A definitiva lei que lles permitiu ás persoas labregas seren donas das terras que traballaban (previo pago dunha indemnización) foi o decreto-lei de 25 de xuño de 1926.

As Sociedades Agrarias
Para eliminar os Foros xurdiron as Sociedades Agrarias; en 1912 xa había 117 sociedades na provincia de Pontevedra. Nas Asembleas e Congresos agrarios coma os de Monforte, Ribadavia, Redondela, Tui... establecíanse as liñas de actuación deste movemento (mitins, propaganda, boicot aos pagos, mobilizacións...).

- Na provincia de A Coruña tamén había este tipo de Sociedades como era a Liga Agraria de Nebra, que despois dos tristes feitos acaecidos o 12 de outubro de 1916, as autoridades incautáronse de toda súa documentación e a día de hoxe aínda non foi de volta ao pobo.

-O 27 de novembro incautáronse os libros e chaves das sociedades de Areas, Randufe, Malvas, Pazos de Reis, Rebordáns, Paramos, Baldráns e Caldelas.

Sobredo
-O 27 de novembro de 1922 preséntanse en Sobredo (Guillarei), xuíz e garda civil para embargar os bens dun veciño que non pagaba o Foro. A toque de campás, xuntáronse unhas dúas mil persoas da bisbarra. Ao disolver a forza pública a manifestación a tiros, houbo varias persoas feridas e resultaron mortas: Cándida Rodríguez, de Pazos; Joaquín Estevez Besada, de Soutelo; e Venancio González Romero, de Budiño.

Os feitos tiveron moita sona na prensa, parlamento, literatura, conferencias... O goberno decatouse entón da necesidade de darlle unha solución ao conflito agrario, o que levou á redención dos Foros. Foi entón, grazas á actitude loitadora e comprometida destas mulleres e homes do agro, que se conseguiu abolir un dos residuos da sociedade estamental e que condenaba en vida o campesiñado deste pais.

O Monumento aos Mártires foi feito por iniciativa popular e esculpido por Camilo Nogueira -pai- nos tempos da II República, e os fascistas dinamitárono durante a guerra. Nos anos 80 outra vez por subscrición popular recuperouse parte do monumento que os veciños agocharan nos muros ou enterraran nas leiras, e encargouse o resto a un escultor.