sábado, 9 de julio de 2011

O problema dos incendios e as súas causas


Artigo receso «9 de Xullo de 2004», pero que coa chegada do bo tempo, agora xa non fai falla que esteamos no verán, ollamos que moito se ten falado da problemática dos incendios, pero solucións reais a día de hoxe... ningunha.
Nun artigo publicado no xornal La Voz de Galicia o pasado 26 de xuño, o señor Romay Beccaría volve insistir na súa tese de que existe unha organización incendiaria que sería responsable de incendios como os acontecidos en xuño en todo o eixo de Fisterra a Ferrol. E ademais considera que detrás desta actividade incendiaria organizada estarían grupúsculos que usarían o lume para loitar contra unha política forestal que favorece os piñeiros e os eucaliptos*.

Consideramos que opinións tan simplistas como as do señor Romay non contribúen a esclarecer á opinión pública sobre o que segue a ser un dos principais problemas da sociedade galega. Mais ben parece que pretenden ocultar os fracasos da política autonómica de loita contra os lumes e xerar sospeitas sobre persoas ou organizacións críticas coa política forestal da Xunta.

Os estudosos do problema incendiario distinguen entre causas estruturais, isto é, causas que favorecen a aparición e extensión do lume nos montes, e causas inmediatas, é dicir, as múltiples e diversas motivacións directas das persoas que prenden lume aos montes. Actuar sobre unhas e outras é preciso para que deixemos de sufrir cada ano uns 11.000 lumes, aproximadamente a metade de todos os que acontecen en España.

Reducir o problema dos incendios fundamentalmente a un mero asunto de delincuencia e ignorar totalmente a relación entre a política forestal e os lumes pode ser útil politicamente para o goberno mais non nos vai axudar a resolver un problema certamente complexo e difícil que demanda análises rigorosas, unha visión a longo prazo e o recurso a un amplo abano de accións. Desde as organizacións ecoloxistas entendemos que hai causas estruturais dos lumes que a Xunta non trata de corrixir adecuadamente: reforestacións monótonas con especies altamente combustibles, escaseza de labores de prevención, ausencia de ordenamento de montes que compatibilice e planifique usos, etc. Da mesma forma que para reducir accidentes se modifican tramos de estradas, tamén se debe actuar nos montes para diminuír a probabilidade de incendios.

Un dos aspectos da política forestal autonómica criticado polas organizacións ecoloxistas é a promoción excesiva ou a non limitación da plantación de especies pirófitas como os eucaliptos, en detrimento das árbores autóctonas, máis resistentes ao lume. Ademais de ser en xeral ambientalmente preocupante (a propia Estratexia de Conservación e Uso Sostible da Biodiversidade da Consellería de Medio Ambiente sinala “os cultivos monoespecíficos” como un proceso negativo), desde logo non axuda á prevención dos lumes. E isto non só o sostemos os ecoloxistas. Por exemplo, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia vén de defender que “se deben evitar al máximo las especies susceptibles de incendio”.

A hipótese da conspiración incendiaria, moi querida por Romay Beccaría dende a súa etapa de conselleiro de Agricultura, é simplemente insostible. A coincidencia, no espazo e no tempo, de múltiples focos de lume en períodos con meteoroloxía favorable para a súa propagación repítese en Galicia dende que comezou a etapa virulenta dos incendios forestais en 1969, polo que de haber unha "organización incendiaria" habería que admitir a súa presenza dende hai máis de trinta anos.

Esta grande persistencia no tempo, o enorme número de lumes provocados cada ano e a súa distribución por todos os concellos e parroquias de Galicia implicarían a existencia dunha "organización" importante, con: 1) dirección, financiamento e "axentes" ben adestrados, capaces de pasaren desapercibidos no territorio español con maior dispersión da poboación no medio rural; 2) infraestrutura: medios técnicos e dependencias para reunirse, coordinarse, elaborar e distribuír os artefactos incendiarios; e 3) móbiles definidos e distintos segundo o terreo teña ou non interese urbanístico, árbores madeirables, mato ou cultivos, os móbiles, ademais, deberan ser secretos, pois nunca se fixeron públicos e os incendios nunca foron reivindicados por ningunha organización.

Semella incrible que unha "organización" desta categoría non deixase máis rastro en máis de trinta anos que uns poucos artefactos incendiarios, extremadamente rudimentarios, e que ningún dos seus "axentes" fose detido e/ou identificado. Ademais, a realidade desminte a "teoría da conspiración", pois todos os detidos e/ou denunciados son veciños do lugar ou das súas proximidades, e galegos de nacemento ou adopción, e todos os motivos manexados nos estudos sobre causalidade dos lumes son locais.

En lugar de se aventurar no terreo das elucubracións, parécenos máis útil esixir un esforzo moito maior na investigación das causas inmediatas dos incendios (moitas delas xa ben identificadas) e na persecución dos incendiarios. Isto, e unha política forestal sostible, máis educación ambiental, participación social,... é o que necesitamos para que os lumes deixen de ser un desastre, unha “marea negra” que ano tras ano tinxe de loito os montes galegos, sobre todo no interior.
Xosé Luís Castro Baleato.Coordenador Xeral da Federación Ecoloxista Galega (FEG)
Raquel Gómez Almaraz. Responsable do Programa Forestal de WWF/Adena
Serafín González Prieto. Presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)
Miguel Angel Soto Caba. Responsable da Campaña de Bosques de Greenpeace España
Xosé Veiras García Secretario Executivo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)

Fonte: orgaccmm

* O único certo e que se pode comprobar in situ nalgúns montes é que alí onde ardeu, xorden espontaneamente? eucaliptos, cando os máis próximos como mínimo están a varios centos de metros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.