martes, 19 de junio de 2012

Convén incrementar a participación dos comuneiros e comuneiras no monte veciñal e na súa xestión


Totalmente de acordo, pero están dispostas certas xuntas reitoras e reitores díscolos, en incrementala participación dos comuneiros e que as asembleas sexan iso, asembleas onde decidilo presente e futuro da súa comunidade. Duns anos para acá na nosa isto non sucede.
O comuneiro ou comuneira é a figura que lle da sentido á existencia dos montes veciñais. Sen esta presenza a propiedade veciñal tería os días contados. Cómpren potenciar a intervención dos comuneiros no monte e na súa xestión. Pero a realidade do monte veciñal é variada en Galicia. Son distintos os problemas máis urxentes dos montes costeiros cos do interior ou dos periurbanos. E tamén distintas as actitudes de moitos comuneiros «e reitores» en cada caso.

Nos montes veciñais da costa a presión urbanista provoca que non sexan poucos os comuneiros que, sendo propietarios de parcelas particulares de monte, son partidarios de cesións de montes comunal para estradas, campos de golf e mesmo vivendas, nun intento de revalorizar as súas propiedades privadas. Parece que queren desfacerse do monte veciñal o antes posible. Aquí as xuntas reitoras «e os comuneiros» das comunidades terán que traballar moito na concienciación dos comuneiros «e reitores» facéndolles ver os beneficios do monte veciñal. Para tentar acabar con el xa están os grupos de presión e a administración.

No caso da Galicia interior, preséntanse moi diversas circunstancias: Montes veciñais extensos, ás veces abandonados, outros produtivos (canteiras, muíños eólicos, madeira, gando, etc)... Pero a miúdos con escasos comuneiros, por mor do despoboamento. A escaseza de veciños fai que moitas xuntas reitoras estean compostas por tres persoas, o mínimo que permite a Lei de Montes Veciñais. O tema é delicado, porque sobre tres veciños recae o peso de coidar moitas hectáreas de monte e con varios usos.

A complexidade das tarefas fai que, en ocasións, as xuntas reitoras prescindan de facer a súa tarefa, deixándoa en mans de empresas e técnicos. Estes son os que gobernan ao seu antollo as comunidades, levando todo tipo de libros, mesmo o de actas, e o control e orientación da Asemblea. A obtención de beneficios económicos convertese na prioridade da comunidade, para asegurar os honorarios destes técnicos e empresas, nunha xestión a curto prazo que pon en perigo a continuidade do monte veciñal. Neste caso os que teñen que concienciarse son as xuntas reitoras, pois as empresas e técnicos están para asesorar e facer traballos (remunerados, desde logo), pero nunca controlar os libros da comunidade nin suplantar á xunta reitora. «E cando é a xunta reitora a que suplanta aos comuneiros?».

No terceiro caso están os montes periurbanos, isto é, montes próximos a zonas urbanas e habilitados para unha utilización socio-recreativa con accesos, infraestruturas e dotacións para realizar actividades sociais. Son montes sometidos a unha forte presión expropiatoria polo Concello, a Xunta de Galicia e as empresas privadas, pois a pesar dos grandes beneficios que reporta a miles de persoas, non impide que o goberno galego os declare "de utilidade publica" e os usurpe para un uso "máis importante" que produza beneficios para outros. Aquí a participación dos comuneiros/as na loita pola defensa do monte é máis activa, e cando hai unión dos veciños da parroquia, en moitas ocasións dáse paso a unha negociación que pode minimizar as afeccións. Pero en todo caso os políticos sempre son a maior ameaza. Onde está a tutela que a administración galega deber exercer para protexer o monte comunal? «Como xa teño denunciado, no caso da pista de Iroite a uns políticos non lle fixo falla facer unha declaración de utilidade pública se non que, usurparon literalmente os dereitos duns veciños».

No hay comentarios: