sábado, 30 de marzo de 2013

Baroña: de novo como exemplo

É digna de analizar unha vez máis a actuación dos directivos desta comunidade veciña na que, para poder levar a cabo estes dous grandes proxectos solicitaron a autorización dos seus comuneiros para poder ampliar unhas pistas e logo, a cesión os comuneiros de Soanes da metade do caudal dun manancial para poder dotar de auga este novo pozo de contraincendios. Afirmo que é digna porque como ben se sabe, algúns anos compartimos inquedanzas na Mancomunidade, pero aquí houbo directivos que non aprenderon ren se non que, preferiron pisalos dereitos dos comuneiros que dicían representar. Esta expropiación ilegal foi bo exemplo. Así agora podemos ollar que mentres alí pediron permiso até para amplialas pistas existentes, aquí non dubidaron en abrir novas, cruzando ilegalmente as propiedades dos veciños.
La Voz de Galicia: A serra barbanzana mellora as súas infraestruturas para a loita contra os incendios

Varios quilómetros de pistas foron ampliados para facilitar o acceso das motobombas ao novo punto de captación.

Un terreo tan basto e cheo de vexetación como a serra da Barbanza require unha atención constante durante os doce meses do ano para previr incendios. Trátase dunha actividade que realizan de maneira conxunta o distrito forestal cuarto, con sede en Noia, e as diferentes entidades comuneiras que se reparten pola comarca. Despois de varios meses de traballo, que se atrasaron por mor da choiva, a serra xa conta con máis medios que servirán para facer fronte ao lume cando apareza. Trátase dun pozo novo de auga de grandes dimensións que se levantou na parroquia sonense de Baroña e que ten un vaso de gran capacidade que dará servizo a unha zona especialmente frondosa na que até agora non había nada semellante preto.

É certo que son moitos os pozos que se reparten polos montes da comarca. Estímase que chegan á trintena. Pero nesta parte do municipio sonense, e segundo explica un portavoz da Xunta -Administración que financiou a actuación-, non había ningún á distancia mínima recomendable: «O perfecto sería ter un tempo de resposta de dez minutos como máximo para cargar, pero aquí, antes de facer este punto de captación, o tempo alargábase. Agora, con esta obra, nun cinco minutos ou menos, podemos chegar a espazos para os que antes necesitabamos máis tempo».

Aldea de Soanes

Hai que dicir que esta actuación non sería posible sen a axuda dos veciños de Soanes, que cederon a metade do caudal do seu manancial para dotar con auga a este novo servizo da Consellería de Medio Rural. O proxecto, que contou coa colaboración activa dos comuneiros de Baroña, inclúe a ampliación de varios quilómetros de pistas. Trátase de dúas áreas de acceso ao pozo, que antes tiñan uns dous metros de ancho e agora chegan ao cinco: «Isto permitirá acceder por terra ás motobombas, que servirán de complemento aos helicópteros cando teñan que sufocar algún foco».

O certo, é que estes traballos son unha pequena parte dos que se levaron a cabo na serra barbancesa desde hai meses e que seguirán durante a primavera.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.