miércoles, 11 de diciembre de 2013

Cando os pirómanos andan soltos, nin os parques naturais se salvan

Dende logo Galicia ten un grave problema cos incendios forestais, agravados agora, como manifestei onte, a finais de outono e principios do inverno.
La Voz de Galicia: Duascentas hectáreas queimadas nun incendio no parque natural do Xurés

O lume está activo na parroquia de Prado de Limia, no concello ourensán de Muíños

Un incendio forestal que se iniciou onte á noite no Parque Natural do Xurés, en Ourense, mantén en albas ao concello de Muíños , na comarca da Baixa Limia, posto que o lume, que permanece activo, estivo moi próximo aos núcleos de Alvite e Reparade. Xa queimou 200 hectáreas, segundo as últimas estimacións de Medio Rural.

Carencia de medios

O responsable do Grupo de Urxencia Supramunicipal (GES) de Muíños, Julio Rivero, asegurou que a situación vivida esta noite foi «anómala».

«Nese momento, cando se orixinou, estaban os medios concentrados nun incendio forestal rexistrado na Boullosa, no municipio limítrofe de Baltar -ás 20:48 horas-, onde se achaban ameazadas varias explotacións gandeiras e, á mesma hora ou pouco despois, empezou o incendio en Muíños», en concreto na zona de Alvite, contou. Esta coincidencia -proseguiu Rivero- deixou practicamente sen medios aos efectivos que se achaban en Muíños «sen auga» e sen poder usar unha motobomba por mor de «deficiencias» técnicas. Así, nun primeiro momento, participaron nos labores de control dúas brigadas e tres motobombas.

O lume iniciado no lugar de Alvite propagouse a medida que avanzaba a noite monte arriba, onde se podían divisar varios quilómetros de fronte.

Os fortes refachos de aire rexistradas no municipio ourensán dificultaron aínda máis os traballos. «A causa do aire, caeron árbores e o tellado do campo de fútbol, practicamente novo».

Neste momento, o lume concéntrase na parte de Pazo e Reparade, unha área con «repoboacións de piñeiro novo» duns 14 anos, e a esta hora pódense ver «varios quilómetros de fronte», indicou Rivero.

O Parque Natural do Xurés, declarado Reserva da Biosfera, xa fora pasto das chamas no inverno de 2011 e naquel entón unha das zonas máis afectadas foi a Serra da Barxa.

Esta semana, outro incendio en Vilariño de Conso

Outro incendio, xa extinguido, calcinou esta mesma semana preto de vinte hectáreas de monte raso noutro municipio ourensán, o de Vilariño de Conso.

A pesar da súa proximidade ao Parque Natural do Invernadeiro, situado no macizo central ourensán, o alcalde da localidade, Ventura Sierra , confirmou a Efe que o lume non entrou no parque, como barallaban nun primeiro momento efectivos de extinción.

Nos traballos participaron tres axentes forestais, catro brigadas e unha motobomba.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.