domingo, 3 de junio de 2012

Perigo: castro á vista

Muíño de man esnaquizado no Castro Castelo de Celeiro
Se onte grazas á excelente labor que desenrola a web da Organización Galega de comunidades de Montes, tiraba das hemerotecas para criticala desidia das administracións en canto a protección e conservación do noso patrimonio, hoxe toca rescatar novas denuncias. Neste caso foron nin máis nin menos que tres castros os arrasados pola incompetencia destes políticos, que mellor estarían picando pedra para facer "murrillo" que pegándose a gran vida á conta dos nosos impostos. Xa o dicía Roberto Vilar no seu programa Land Rober: "a cabeza non -lles- para".

Artigo critico de Manuel Gago: Terra sobre o castro de Sumoas

Sinceramente coido que está máis que demostrado que os políticos teñen unha especie de alerxia contra os castros e todo o que lles resuma antigüidade, se non, non se entende a súa forma de actuar. Un xa perdeu a lista dos desaparecidos tan só na Democracia, o  último tiñámolo ben preto: en Taramancos

Igual que aconteceu co monumento aos mártires de Sobredo, levantado por Camilo Nogueira, pai, e destruído polos fascistas durante a Guerra Civil, os veciños vamos ter que facer coma os de Sobredo, que decidiran agochar nos seus muros os restos do monumento esnaquizado, grazas ao cal anos despois se puido recompoñer a medias. Digo isto, por se algún día xurde unha nova saiba de políticos máis preocupada polo patrimonio de todos. Da actual, no goberno ou na oposición, non fai falla máis que miralas hemerotecas.
A organización ecoloxista Adega e o colectivo MariñaPatrimonio denunciaron ante o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil e o departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia as agresións que supostamente sufriron outros tres castros na comarca lucense da Mariña.

Esta denuncia prodúcese apenas uns días despois de que os ecoloxistas avisasen á Xunta e á Garda Civil da vertedura de "toneladas" de terra no Castro de Sumoas, no municipio lucense de Xove, un suceso que motivou a apertura dunha investigación por parte de Patrimonio, dado que o xacemento foi inventariado.

Segundo ambas as organizacións, nesta ocasión os castros danados son os de Castelo de Celeiro, en Viveiro, Coto da Vea e Pereiraboa, ambos no municipio de Xove. Ambos colectivos comprobaron que nos citados xacementos arqueolóxicos fixéronse movementos de terra con escavadoras mecánicas para abrir novos camiños que facilitasen a plantación de eucaliptos nunha leira que anteriormente fora talada.

De feito, nun comunicado, subliñan que as escavadoras chegaron a cortar os parapetos de defensa dun dos castros e mesmo deixaron á vista restos arqueolóxicos de cerámica. Por iso, Adega e MariñaPatrimonio volveron queixarse de que nin a Xunta de Galicia nin os respectivos concellos sexan capaces de velar polo patrimonio arqueolóxico.

De feito, criticaron que sexa precisamente a Xunta, que ten a obrigación de protexer o patrimonio arqueolóxico galego, a que autoriza "as talas con maquinaria pesada en xacementos arqueolóxicos", con "o impacto que iso supón para os bens inventariados".

Fonte orixinal: La Región

No hay comentarios: