martes, 21 de agosto de 2012

Cando unha axuda se converte nun vacile

Area rehabilitada pola comunidade de Nebra en total abandono
Aínda que a noticia sexa de fai dous anos, a verdade é que da a risa. Despois extrañamonos que o monte arda polos catro costados.
La Voz de Galicia: A Xunta dá unha axuda de 440 euros a Salceda para prevención de incendios

«Os 440 euros que nos dá Medio Rural non nos chegan nin para pagar os gastos de papelorio que supuxo facer a solicitude», di rotundo o presidente da Mancomunidade de Montes Veciñais de Salceda, Darío Vila. Con esa cantidade téñense que apañar sete parroquias de Salceda para facer actividades de desbrozamento que axuden á prevención de incendios durante o verán.

A asociación presentou en maio a solicitude para recibir a subvención destinada a tal fin e que cobre un 80% dos custos totais. A continuación, Medio Rural avaliou en preto de 29.000 euros o orzamento de investimento para traballos de limpeza de pistas e montes arborados. Xa a mediados de agosto a resolución chegou aprobada pero só cobre un 1,5% do custo dos traballos. «Parece unha burla, apenas son 60 euros por parroquia», di Darío Vila.

Á Mancomunidade non só lle molestou a cifra, que cualifican como irrisoria, senón que se queixan da tardanza da resolución. O enxeñeiro da Asociación Forestal de Galicia Julio Ruíz está de acordo en que as solicitudes se aprobaron demasiado tarde. «Suponse que están destinadas a labores de prevención e a estas alturas xa é tarde», afirma. Segundo o presidente da Mancomunidade de Salceda, en anos anteriores as peticións saían aprobadas a finais de xuño ou como moi tarde en xullo. Precisamente o ano pasado Salceda recibiu preto de 10.500 euros.

Ante esta situación, a Mancomunidade de Salceda rexeitará a achega e asumirá «algunhas tarefas de limpeza pola nosa conta», di Vila. Das seis hectáreas que tiñan previsto limpar agora intentarán abarcar catro valéndose achegas económicas que fagan as propias parroquias. Interesa limpar aquelas zonas próximas a áreas recreativas.

Nada para outros concellos

Salceda non foi un caso illado. Segundo o enxeñeiro da Asociación Forestal de Galicia, Julio Ruíz, este ano tramitaron trece solicitudes na zona do sur de Pontevedra que agrupan a máis de 30 comunidades de montes e só recibiron unha axuda total a de Santa Mariña do Rosal, a de Xinzo en Ponteareas, a de Filgueira en Crecente e a Mancomunidade de Vigo. A outras apenas se lles deu entre 100 e 400 euros. No caso de Atios (O Porriño) e Mos non se recibiu ningunha contía.

Segundo Ruíz, a razón destas baixas cifras pódense deber á gran cantidade de solicitudes presentadas xa que este ano publicouse por primeira vez a convocatoria no Diario Oficial de Galicia, feito unido ao recorte orzamentario da Xunta.

No hay comentarios: