Rescatando un vello artigo de Xosé Manuel Beiras, encol sobre o lume, esa lacra que ningún goberno, independentemente da súa cor, é quen de por couto. Non falo en exclusividade da Galiza, se non de España en xeral.
Galicia Hoxe: (O) lume e (a) política
Galicia Hoxe: (O) lume e (a) política
Teño á vista, encol da miña mesa de traballo, varios documentos do Parlamento de Galiza, referentes a montes e lumes, que datan de hai case vinte anos. Nada menos. Vou botarlles unha ollada e escolmar algúns poucos.
Vexamos iste, o primeiro en data. Foi aprobado polo pleno da cámara no outono do 1987, ao pouco de tomar posesión o goberno tripartito da Xunta presidida por Fernando G. Laxe. Trátase do dictame emitido pola "Comisión non permanente para o estudio da problemática dos incendios forestais", que o rematara no mes de xuño anterior. Por certo: leva a sinatura, como secretario de aquela comisión de oito membros, de Xosé Henrique Rodríguez Peña, o meu benquerido compañeiro de combate nacionalista, infortunadamente finado hai poucas semanas, mentras os montes galegos volvían arder - volvían queimalos a mantenta. Brindo por ti, Pepe. O documento faime relembrar aquil proceso. A iniciativa de criar a comisión tomáramola, o inverno anterior, na oposición de entón, conxuntamente. O partido daquela gobernante -aínda non se chamaba PP, a dereita era un mosaico- aceitara a proposta, e presidira o grupo de traballo Aurelio Miras Portugal. Tamén, compre dicilo, votara a favor da aprobación no outono seguinte, cando eu tomara a iniciativa, como membro da comisión, de levar o dictame ao pleno da cámara. E votara así mália terse producido entremedias, en setembro, a censura parlamentar que elevara a Laxe á presidencia da Xunta.
Traballárase arreo. Tivéramos a feliz idea de criar unha comisión científica asesora -que boa falla nos facía aos deputados indoctos na materia- da que lembro formaren parte o biólogo Carlos Vales -daquela, coido, presidente de ADEGA- e Francisco Diaz-Fierros, inda hoxe catedrático de edafoloxía en activo. Non satisfeitos con ese aval científico, os proprios asesores suxerírannos organizar unhas Xornadas técnicas sobre o problema. Celebráronse en San Caetano, cando xa estaba elaborado o borrador do dictame. Foi, para min, unha experiencia inesquecíbel de democracia participativa e rigor analítico. Participara activamente unha pléiade de xentes galegas do común implicadas naquela temática: representantes do tecido asociativo paisano, das diversas actividades económicas relacionadas co problema, profesores universitarios, de ensino medio, enxeñeiros agrónomos e de montes, membros de centros de investigación, dos servizos de extensión agraria. Viñeran mesmo especialistas dos catro pontos cardinais, dende canadianos a escandinavos, de portugueses a alemáns, de italiáns a franceses. Só despois de todo ese proceso, dérase cabo á redacción do dictame que estou a reler agora.
Veleiquí o seu contido. Primeiro, a xeito de "exposición de motivos", unha extensa e rigurosa análise e diagnose do problema que, aínda hoxe, ben merecería difundirse como folleto didáctico polo país adiante: habería que actualizar algúns dados, o resto vale tal cal, pesia teren transcorridos case dous decenios -poisque a pandemia continua. Logo, o enunciado de "obxectivos básicos". Cito: "Convencidos de que a situación actual é debida, en grande medida, ao mantemento de actuacións baseadas en obxectivos excesivamente simplificados, (...) non parece oportuno, a pesar da gravidade dos feitos, incluír a erradicación dos incendios como obxectivo exclusivo". E pregunto : ¿non está literalmente vixente esa aseveración? ¿non resulta literalmente aplicábel ao estado de cousas actual? Prosigo. Sinala o dictame que "os obxectivos básicos dunha política forestal galega -política forestal, non "economía do lume" contra incendios- teñen que desenvolverse no marco da Política Forestal Comunitaria" -daquela CEE- para "ter acceso aos recursos financeiros" europeus -en descárrego dos orzamentos autonómicos, que veñen gastando anualmente un bó cacho da renda forestal do país ... para nada. Volvo ao texto. Sinala como obxectivos imediatos : "1. Unha máis axeitada organización, coordenación, asignación e distribución dos recursos, que fagan máis eficaces as accións de institucións e asociacións implicadas (...)". "2. Conseguir que as accións preventivas teñan progresivamente máis importancia dentro dos plans xerais de loita contra os incendios forestais."3. Asumir "que os efectos dos incendios forestais afectan a todo o ecosistema, con repercusións que trascenden "as áreas afectadas e que se poden manter durante longos períodos de tempo".
A seguida enúncianse as "resolucións", é dicir, as directrices para a acción. Pois reparade ben. Son nada menos que 47 directrices, agrupadas en catro seccións: A. Economía e Política Forestal (as 22 primeiras); B. Prevención e extinción (da 23 á 37): C. Impactos ecolóxicos (da 38 á 45); e D. Lexislación (46 a 47). Non podo "embutir" o seu contido neste artigo, nen sequer resumido. Se tedes interés, o dictame íntegro está publicado no B.O. do Parlamento de Galiza, nº 164 (13/07/1987). Mais sinalarei algunhas das directrices alí enunciadas, e vós xulgaredes se foron cumplidas. Así, en Política Forestal: "a prioridade absoluta no incremento do Patrimonio Forestal Público", "conformado prioritariamente por masas boscosas de especies autóctonas": "acadar que a maior parte dos montes galegos estean sometidos a un plan de ordenación"; que "a diversidade de especies" sexa condición "determinante" para a concesión de axudas á forestación; "atender ao aproveitamento máis diversificado posíbel das producións do monte"; "garantir a conservación das fragas actualmente existentes"; que "a conservación dos recursos biolóxicos e xenéticos" sexa un obxectivo incluído "na xestión dos recursos do monte"; institucionalizar a "vinculación" da "investigación do sector forestal" co proprio sector, e establecer "programas de investigación cooperativa" con il; "apoio institucional" ás iniciativas asociativas de "protección do medio ambiente natural". E esta xoia: "Os Servicios Forestais da Administración deberán ser comarcalizados". Dedícollela aos alcaldes que hoxe protestan, pois que os gobernos da Xunta dos "dazaseis anos trunfais" negáronse a levar ao Parlamento a lei de comarcalización administrativa que mandara facer o Estatuto. Ao cabo, tomou esa iniciativa o grupo parlamentar do BNG -e botárona abaixo sen contemplacións nen alternativa, naturalmente.
Transcribo, agora, algunhas das directrices na "Prevención e extinción". Empezo por ésta: "Creación e fomento de Xuntas Locais de defensa contra incendios forestais, con actividades de carácter permanente, nas que estean representadas as comunidades veciñais e tódolos sectores implicados na área forestal"; no labor desas Xuntas será "prioritaria a elaboración de plans locais de defensa". Outra: "fomentar o asociacionismo veciñal e as agrupacións de propietarios forestais", con incentivos ás "medidas de defensa que afecten a áreas axeitadas". O actual goberno do concello de Rois abriu este ano á participación dos viciños das diversas parroquias e aldeas a formación das brigadas: os "anónimos reunidos", que disque non son trama, queimaron os montes a esgalla en todo o concello -seica perderan o monopolio do choio. E aínda outra: "Proceder axiñamente na investigación" das causas nos casos dos incendios "presuntamente intencionados, mediante a creación dun grupo especializado da Garda Civil". De terse cumplido esa directriz, non habería que traguer de Madrid especialistas no "crime organizado" este mes pasado, dezanove anos despois de aprobado este dictame na cámara lexislativa galega.
Das directrices sobre "Impactos ecolóxicos" só transcribirei duas. Unha: "Ante a imposibilidade de poder actuar sobre a totalidade dos incendios que se dan en Galicia, e fronte á necesidade de realizar unha avaliación dos seus impactos ecolóxicos para adoptar medidas de rexeneración e de conservación, cumpriría seleccionar aquelas zonas onde o perigo sexa máximo. Para isto, considérase da maior importancia a elaboración dun mapa de riscos dos impactos ecolóxicos dos incendios forestais". Feito, non si? Outra: "Dende o punto de vista ecolóxico deberían reorientarse as accións de loita contra os incendios cara medidas preventivas (...)". Esta directiva reitera o xa enunciado nun dos obxectivos cardinais, pero, como ninguén escoita ... non estará de sobro insistir eiquí -como insistía, por adiantado, aquela comisión parlamentar.
Paro. Mais non sen informarvos de que o dictame, dispois da serie de directrices, aínda dedica unha última sección a tracexar todo un "Plan de accións imediatas". Ao relelas daríame a risa -se non fose tráxico. Relembro o espranzado entusiasmo con que tántos e tántas traballaramos, na comisión e fora dela, nas xornadas técnicas, nos medios políticos e no tecido social. Teño á vista outro documento, aprobado cando do tripartito tamén, á volta de aquel vran de inferno no que a "oposición conservadora" alcumara de "incinerador" (sic) a Farruco Sineiro, conselleiro de agricultura. Senta as bases para a intervención da Xunta na corta e comercialización da madeira queimada, e para abordar plans piloto "de urxente recuperación ecolóxica e repoboación forestal" dos montes queimados -os PLURER, chamámolos. Mais non teño espazo para contárvolo- se cadra outro día. Aprobárase en setembro do 1989. Aínda deu tempo para aprobar a Lei de montes viciñais - que por certo, preceptuaba a tutela da Xunta sobre as comunidades que non desen funcionado a xeito. Foi o "canto do cisne" do tripartito. Porque, néstas, chegou Godot, o de Becket, polo que sempre se estivera a agardar. E acabáronse os problemas. Nada se aplicou: nen o dictame da comisión, nen os PLURER, nen a lei de montes viciñais. Non facía falla: os montes deixaran de arder, a política forestal estaba de sobra, os ecosistemas rexeneráranse sós, por intimidación. Nada volveu arder nunca máis. Até este ano.
Tanto foi así que a até caiu no esquecemento o labor feito polo parlamento dos cidadáns galegos en tempos remotos, antes da era fraguiana. Mais eu, teimoso como son, pregunto aos dirixentes e deputados que hoxe reclaman unha comisión parlamentar sobre os incendios, pregúntolles, eu, cidadán do común: ¿en qué mundo viven vostedes?, ¿de cál Parlamento son membros? ¿Ou é que a desmemoria é o único escape para eludiren as culpas de dazaseis anos de incumplimento das directrices parlamentares? Pois non son eu quen acusa: éo a palabra escrita e silenciada da cámara de representantes dos cidadáns deste país de hai casi vinte anos. Amén
No hay comentarios:
Publicar un comentario