domingo, 13 de enero de 2013

Organización Galega de Comunidades de Montes: O común dos montes

Multifuncionalidade


O monte como superficie territorial ten un valor por si mesmo, non é necesario buscarlle un valor económico en base á produción de recursos. Un monte, aínda ermo, polo feito de estar nese lugar xeográfico, forma parte da orografía e das dinámicas naturais da comarca, do país e do planeta. Polo tanto, o seu valor ambiental está implícito. Se ademais ese monte dispón de materias primas no subsolo, olleiros e ríos, flora, fauna, etc, ademais de valores ambientais dispón de recursos naturais, explotables ou non.

Desta situación a humanidade obtivo aproveitamentos ao longo da súa historia mediante o traballo no medio. Mediante o lume e as cavadas, o home abriu o bosque atlántico orixinario dos nosos montes para gobernar espacios con destino ás actividades agro-gandeiras. Esta foi a base produtiva do noso sistema agro-gandeiro durante séculos.

Na actualidade están en regresión os valores ambientais e os recursos en todo o planeta a causa da sobreexplotación, a contaminación e o quecemento global. Xa que logo, cómpre analizar polo miúdo a potencialidade dos nosos montes para tratar de conservar os seus valores ambientais e explotar dun xeito multifuncional e sustentable os recursos naturais, sobre todo os renovables. Este é o xeito de identificar os aproveitamentos e xestionalos convenientemente.

Multifuncionalidade e sustentabilidade nun medio rural vivo

O desenvolvemento dos montes veciñais ten que acadar un equilibrio entre a defensa da terra, a conservación dos seus valores ambientais, dos seus recursos naturais e o desenvolve­mento integrado e compatible de todos os usos dos montes. A xestión do monte debe xerar rendas para a veciñanza co­muneira, mais este desenvolvemento debe levarse adiante desde a óptica da sustentabilidade ambiental e humana: social, cultural e económica. Trátase Detalle gandode que  a sociedade rural poida vivir a carón do monte nun medio rural diversificado, ambientalmente sustentable e vivo. A cuestión non radica simplemente en vivir no rural, senón en lograr un medio rural onde se poida vivir. Estas son pois as premisas do que significa un monte veciñal multifuncional e sustentable inmerso nun medio rural vivo.

Se defendemos que hai que camiñar cara un monte veciñal multifuncional, onde se deben dar todos os aproveitamentos inte­grados e compatibles, estamos a manifestar tamén que se inclúan entre os aproveitamentos os de carácter extractivo e enerxético, xa que entendemos que estes deben contar entre a diversidade de aproveitamentos do monte, mais, polo seu impacto ambiental no medio, teñen que ter unhas consideracións especiais para a súa instalación, como respectar as áreas protexidas, contemplar a avaliación de impacto ambiental e cumprir a lexislación vixente neste sentido. A consideración de “estratéxicos” que con frecuencia teñen estes aproveitamentos son a escusa perfecta para casos de corrupción, trafico de influencias e enriquecemento ilícito, segundo feitos probados.

A explotación de recursos extractivos só poderá ser instalada nos montes veciñais se está encadrada nun plan de ordenación do territorio e coa obriga da rexeneración das terras afectadas unha vez rematada a explotación. A explotación dos recursos enerxéticos só poderá ser instalada se está enmarcada nun plan de ordenación dos usos das terras. En ambos os dous casos, a decisión da instalación debe ser decidida democra­ticamente polos titulares dos montes nas súas asembleas xerais.

Multifuncionalidade e desenvolvemento rural

Os montes veciñais son un compoñente máis do medio rural, polo que a súa posta en valor debe ser un elemento máis do propio desenvolvemento rural. Para acadar este obxectivo pre­císase dunha visión integradora e multifuncional, coa finalidade de aproveitar todas as potencialidades dos montes veciñais. Non soamente de produción de madeira, senón tamén silvopastorismo, biomasa forestal, cogomelos,  apicultura, turismo rural e natural, etc. Todas esas potencialidades que se desenvolven como actividade no monte deben xerar rendas, así como os múltiples bens e servizos que se proporcionan. Ademais, estas rendas deben ser investidas na mellora do propio monte e na xeración de emprego lo­cal.

As comunidades de montes temos que lograr que todas as rendas xeradas, incluso aquelas procedentes dos aproveitamentos extractivos e enerxéticos que son as actividades máis agresivas co medio e as que xeran as rendas proporcionalmente máis cativas, fiquen na comunidade e no territorio de influencia do monte.

De xeito xeral, trátase de que os alugueiros da terra foran o resultado da seguinte fórmula: aluguer da terra = beneficio da explotación – gastos de funcionamento e beneficio empresarial. Deste xeito, estariamos acadando uns interesantes obxectivos para o logro dun monte multifuncional nun medio rural vivo e sustentable desde o punto de vista humano, contribuíndo así ao desenvolvemento rural e a defender as peculiaridades locais no mundo globalizado actual.

Os aproveitamentos dos montes veciñais, amais das rendas, deben xerar emprego para algúns veciños e veciñas comuneiros que a súa vez puideran vivir de e para o monte. Ademais de beneficios de mellora da calidade de vida para os veciños, conseguiríase garantir a supervivencia dos traballos no monte e tamén melloras sociais e ambientais para toda a sociedade. De aí que desde Iº Congreso Galego de Comunidades de Montes de 1997,  a ORGACCMM vén reclamando da administración publica galega que de xeito obrigatorio se invistan nos montes cando menos a terceira parte dos seus ingresos anuais.

No hay comentarios: