Amosando publicacións coa etiqueta Manifestación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Manifestación. Amosar todas as publicacións

venres, 21 de febreiro de 2014

Manifestación convocada pola Alianza Social Galega

MANIFESTACIÓNS O DIA 27 DE FEBREIRO DE 2014

A Organización Galega de comunidades de montes (ORGACCMM), apoia as manifestacións que, convocadas pola Alianza Social Galega, vanse celebrar o dia 27 de Febreiro de 2014, en diversas localidades.

A ORGACCMM apoia estas manifestacións xa que no Manifesto, ademais de criticar o recorte das pensións, os retrocesos no ensino público, as agresións á sanidade pública, a paralización da lei de dependencia, a privatización dos servizos públicos municipais, o ataque ós dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, contempla a defensa do medio rural e maniféstase contra a privatización da xestión dos montes veciñais.

CADRO DAS MANIFESTACIÓNS

COMARCA                               HORA                                       LUGAR DE SAÍDA________
Ourense                                  19:30                                       Pavillón dos Remedios
Pontevedra                              20:00                                       Praza da Ferrería
Santiago                                  20:00                                       Alameda
Ferrol                                       20:00                                       Praza España
Coruña                                     20:00                                       Casa do Mar
Lugo                                        20:00                                       Ronda da Muralla
Vigo                                         19:30                                       Vía Norte
Arousa                                     20:00                                       Avda. Mariña
Burela                                      19:30                                       Praza do concello
Ribeira                                     20:00                                       Estación de Autobuses

A ORGACCMM, chama á veciñanza comuneira a que participe nestas manifestacións  "Por outra saída da crise".

O presidente da ORGACCMM

Xosé Alfredo Pereira Martínez

xoves, 27 de setembro de 2012

Manifestación en Santiago o 29 de setembro pola defensa dun servicio PÚBLICO de loita contra os lumes forestais


Boas, a maioría da representación dos traballadores da extinción e prevención de incendios de Galicia vimos de constituir unha plataforma aberta a todo-los ámbitos da sociedade exceptúando partidos políticos para a reclamación e defensa dun servicio de prevención e extinción de incendios único, profesionalizado e no que se rexeita a privatización do mesmo.

A día de hoxe a plataforma está constituida polos comités de empresa de Seagasa (servicios agrarios galegos s.a), CIG,UXT, CNT, APROPIGA (Asociación do persoal laboral de prevención e extinción de incendios forestais de Galicia) e APRAFOGA (Asociación de axentes forestais e medioambientais de Galicia) e estamos escomenzando a rolda de invitacións a todo-los colectivos relacionados co monte galego para que se sumen a esta iniciativa.

Creemos que só cun servicio consensuado entre todolos grupos políticos, transparente nas adxudicacións, profesionalizado e baixo un mando e contratación único poderemos dar un servicio efizaz na defensa contra os incendios, polo que convidamos á súa entidade a que se una a esta plataforma e participen connosco na manifestación que se vai celebrar este sábado día 29 dende ás 11:30, partindo da estación de tren de Santiago de Compostela.

Un saúdo.

mércores, 6 de xuño de 2012

Apoio ecoloxista á Manifestación do día 9


A relación da ORGCCMM co movemento ecoloxista galego foi descontinuo nestes últimos anos, se ben contamos co seu apoio na denuncia contra os lumes foestais, ou outras loitas puntuais, mantivéronse desencontros importantes como foi o falta de apoio ecoloxista ao borrador da Lei de Montes do goberno bipartito. Dende o IV Congreso abríronse canles de comunicación e debate chegando a colaboracións estables con ADEGA e mesmo coa integración da mesma na ALIANZA PARA UN MEDIO RURAL VIVO. Neste momento a ORGCCMM non pode más que felicitarse polo apoio recibido das entidades ambientais galegas para a manifestación do día 9. Únennos obxectivos comúns, a defensa do medio ambiente, dun monte multifuncional, dun medio rural vivo e dunha lei de montes que respecte o monte veciñal.

A FEDERACIÓN ECOLOXISTA GALEGA apoia a convocatoria de manifestación en Santiago de Compostela, realizada pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, para o día 9 de Xuño en Compostela en contra da Lei de Montes de Galicia A FEG comparte a inquietude, apoia as reivindicacións dos comuneiros e maniféstase en contra da Lei de Montes que pretende aprobar o goberno galego, por iso quere apoiar e participar na convocatoria da manifestación que, contra a Lei de Montes de Galicia, se celebrará o próximo sábado día 9 de xuño convocada pola Organización de Comunidades de Montes Veciñais en Compostela. A FEG atópase tamén seriamente preocupada pola deriva nas decisións en materia de política forestal que están a tomar os responsables da Administración Galega, sempre ao servizo das industrias máis poderosas que consumen a madeira de menor valor económico pero que se produce cun elevado e irreversible impacto ambiental. As fumigacións masivas que se que se pretenden autorizar ou a redución de presupostos na loita contra os incendios que se destinarán soamente a manter a industria do lume son, entre outros, aspectos que ensombrecen o futuro dos nosos montes. Pero a Lei de Montes de Galicia que a Consellería do Medio Rural ten elaborado e que se atopa en trámite parlamentario está destinada precisamente a consagrar o uso produtivista do monte, facilitando a actividade promovida polas grandes empresas, e esquecendo a necesidade de manter beneficios básicos do mesmo que garantan a capacidade para soster no futuro á nosa sociedade. Xa que a maioría dos ecosistemas terrestres de Galicia están encadrados dentro da denominación de monte, e polo tanto dentro do ámbito da norma, unha lei que pretenda regular a actividade forestal ten que garantir a supervivencia de ecosistemas que son fundamentais para o noso futuro como reservas de biodiversidade, como protectores e construtores de solo fértil, como fonte de recursos de interese para a humanidade, como reserva de recursos hídricos. Unha lei de montes que teña como obxectivo unha xestión sostible debe dar amparo á unha protección elemental, pero esta lei non contempla a protección de hábitats en perigo, abre a posibilidade da súa destrución para o aproveitamento madeireiro pola industria. A Lei de Montes de Galicia, tampouco limita de ningunha maneira malas prácticas que están a ser causa de degradación dos sistemas forestais provocando erosión, incremento do risco de incendio, perda de biodiversidade e destrución de recursos naturais como as que se utilizan nos monocultivos industriais co que, da aplicación desta lei, non se podería agardar máis que continuidade no empobrecemento e desaparición progresiva dos nosos sistemas forestais, entre os que se atopan os nosos ecosistemas. Chamamos xa que logo a todos a participar, o próximo sábado día 9 de xuño, ás 12 da mañá na estación de ferrocarril de Compostela na manifestación convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais contra a lei de Montes de Galicia.

Pontevedra, 5 de xuño de 2012 Benito Andrade

Federación Ecoloxista Galega

Outras entidades ecoloxistas que amosaron o seu apoio: ADEGA, dentro da ALIANZA POR UN MEDIO RURAL VIVO, e Amigos da Terra

venres, 1 de xuño de 2012

Carta de Xosé Alfredo Pereira Martínez

http://orgaccmm.blogaliza.org

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ é presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes.

O sábado dia 9 de Xuño de 2012, a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais (ORGACCMM), ten convocada, en Santiago de Compostela, unha manifestación para rexeitar a Lei de montes de Galiza que, presumíbelmente será aprobada, en solitario, polo Partido Popular no pleno do Parlamento Galego do dia 12 ou 20 de Xuño. A manifestación que arrancará da estación do ferrocarril e rematará na praza da da Quintana, conta co apoio da recentemente constituída Alianza para un medio rural galego vivo.

A veciñanza comuneira ten sobrados motivos para levar adiante esta manifestación contra a Lei de Montes de Galiza que se está a debater no Parlamento Galego. Esta Lei sitúa a estas terras comunitarias no ámbito das titularidades privadas. Arráncalle todo tipo de protección aos montes veciñais para favorecer os intereses especulativos e urbanísticos. Entrega a xestión de estas terras veciñais as empresas privadas, sobor de todo as chamadas sociedades de fomento forestal (SOFOR). Aposta somentes polo forestal e xa que logo, impide a posibilidade de acadar un monte veciñal multifuncional e sustentable, que por outra banda, é o monte veciñal con futuro. Retíralle a Administración Publica Galega a obriga de facer os deslindes dos montes veciñais. Non condona as "falsas" débedas históricas que din que teñen os montes veciñais e que están reflectidas nos convenios e nos consorcios.

E dicir, a Lei de Montes de Galiza que se está a debater no Parlamento Galego, non respecta nin a figura, nin as funcións dos montes veciñais.

Mais, se o contido da Lei de Montes de Galiza, non fosen motivos suficientes para que a veciñanza comuneira nos manifestemos, aínda hai outro motivo que podemos catalogar como de "raíces históricas". De xeito resumido, podemos afirmar que a historia do monte veciñal e a historia da loita entre os poderosos , que sempre se quixeron apropiar de estas terras comunitarias, e a veciñanza comuneira que sempre loitou por defendela. No século XIX, a ideoloxía dominante, o liberalismo burgués, puxo a venda os montes veciñais; a sociedade rural labrega, impediuno. No século XX a ditadura franquista, usurpou os montes veciñais a favor dos concellos; a sociedade rural galega, recuperounos. Polo tanto, a loita da veciñanza comuneira de séculos pasados, na defensa do monte veciñal, fixo que a veciñanza comuneira de hoxe, podamos desfrutar de estas titularidades especiais. A veciñanza comuneira do século XXI, temos que amosar o orgullo de ter a condición de veciño/a comuneiro/a e tamén coa nosa loita impedir que desaparezan os montes veciñais para que poidan ser desfrutados polas veciñanzas comuneiras futuras. Non podemos pasar a historia, por non ser quen de defender estas terras comunitarias.

Non só a veciñanza comuneira ten suficientes motivos para manifestarse; tamén os ten a sociedade galega no seu conxunto. A Lei de Montes de Galiza, que se está a debater no Parlamento Galego, permite a forestación das terras agrarias impedindo o logro de un medio rural vivo. Derroga a vixente lei de prevención e de defensa contra os lumes forestais, eliminando as distancias de seguridade e levantando a prohibición de forestar mais de 50 has continuas en réxime monoespecifico. Reducir as distancias de seguridade significa achegar o lume as persoas e aos bens. Permitir forestar, sen límite en réxime de monocultivo, significa converter o monte galego nunha inmensa leira de cultivos enerxéticos (plantar para queimar). E dicir, a Lei de Montes de Galiza que se está a debater no Parlamento Galego, planifica para o medio rural galego outra forestación salvaxe. E xa sabemos o futuro que nos trae unha forestación salvaxe: lume e abandono. Polo tanto, e unha Lei mala para o Pais.

O día 9 de Xuño en Santiago de Compostela, a veciñanza comuneira e o pobo galego compre que llo digamos alto e forte ao Partido Popular e aos intereses económicos, especulativos e urbanísticos que o monte veciñal foi noso, é noso, e será sempre noso. E o pronome noso, non vai referido somentes a veciñanza comuneira, senón a todos os galegos e galegas. Porque o monte veciñal e unha das nosas sinal de identidade, porque é outra forma de posuír que temos os galegos e as galegas.

Vémonos pois en Santiago de Compostela o día 9 de Xuño as 12 da mañá na estación do ferrocarril.

Fonte orixinal: Terra e Tempo

sábado, 12 de maio de 2012

Manifestación por unha xusta Lei de Montes


Cartaz oficial da manifestación que convoca a ORGACCMM para o día 9 de xuño en Santiago, por unha boa Lei de Montes. En quente: agora se pode, despois, as queixas a quen?

Agardo que nesta ocasión acudamos máis veciños de Nebra, porque nas poucas que houbo, andaba eu só perdido polo medio e tan importantes foran aquelas, como agora esta. Agora pódenos ir o futuro do monte e o ser ou non ser comuneiros e comuneiras.

Despois a interpretación que fagan algunhas directiva ou presidentes cando se aprobe e se adapten os estatutos, como digo hoxe aquí, xa vai na súa conciencia. Outra cousa é que uns calen e outros gritemos: NON!!!