Amosando publicacións coa etiqueta censura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta censura. Amosar todas as publicacións

martes, 10 de agosto de 2010

O que hai que escoitar!

Xa sabemos, a partires de agora queda «prohibido» falar de violacións, asasinatos, roubos, etc, para evitar contaxios. Noutros tempos a isto chamábaselle censura: Juárez reten datos de lumes para evitar "contaxios".

A verdade é que nesta bisbarra e agardando que remate así sen lumes este verán seco «xa contabilicei varias fontes que non lembro haberen secado antes», caloroso e con vento do nordés, os tres ingredientes para a proliferación de lumes, estamos tendo moita sorte, pero non se poden tirar foguetes antes de tempo. En Nebra polas festas da Balbanera ten ardido o monte moitos anos e iso que comezan o terceiro domingo de setembro.

Cando polos oitenta organizaba estas festas, foi raro o ano que non os houbo, salvo que chovese, e meu pai, tenme comentado as anécdotas que-lles pasaban con esta praga que xa sufrían tamén polos cincuenta. Estaban no baile «eran os tempos nos que cando faltaba a luz do día por Lei remataba a festa fora e abría a pista de baile que había en Nebra», cando se achegaba a Garda Civil para levalos a apagalo lume, xeralmente nas Penas de Calo. Os que podían fuxían por riba dos muros con silvas e os que non, previa toma de datos debían acompañalos. Escapaban non por non loitar contra o lume, se non porque ese día lucían as súas mellores roupas e que a maioría, estreaba ese día.

O dito, agardo que sigamos con esta boa sorte, porque na retina de moitos aínda brillan as laparadas do desastre do ano 2006.

Na imaxe a fonte de O Castrallón, seca dende fai varias semanas.

venres, 23 de abril de 2010

Erro informático

Como dixen na anterior entrada gústame ser franco e como tal, á vista do correo que me chegou hoxe do colectivo ao que facía referencia sen citalo, coido que estou obrigado a rectificar.

Nese correo explicásenos a tódolos subscritos ás novas do día, que o motivo de non recibilas é por mor dunha avaría que teñen no servidor dende o sábado día 11.

Na miña descarga teño que dicir que como as últimas novas as recibira o día 9, xusto un día despois dunha entrada onde os mencionaba,  fixen as miñas propias conxecturas. Tamén evitei anticiparme e deixei pasar un tempo prudencial para publicala nota de onte, porque non é a primeira vez que nalgunha ocasión e perante varios días non remiten nada.

Teña algo que ver agora este correo coa entrada ou non, doume por satisfeito e rectifico todo o que teña que rectificar. Fago porque eu tamén sufrín os efectos dos "diaños da rede".

xoves, 22 de abril de 2010

Censurado?

Foi publicar fai uns días un post para que un colectivo deixase de remitirme as novas do día, si foi así, síntoo, pero fai tempo que non comulgo con rodas de muíño e prefiro ser franco.

Usando unha cita dun amigo de Queiruga tamén digo: nin os de antes eran tan bos, nin os de agora son tan malos.