miércoles, 6 de junio de 2012

Apoio ecoloxista á Manifestación do día 9


A relación da ORGCCMM co movemento ecoloxista galego foi descontinuo nestes últimos anos, se ben contamos co seu apoio na denuncia contra os lumes foestais, ou outras loitas puntuais, mantivéronse desencontros importantes como foi o falta de apoio ecoloxista ao borrador da Lei de Montes do goberno bipartito. Dende o IV Congreso abríronse canles de comunicación e debate chegando a colaboracións estables con ADEGA e mesmo coa integración da mesma na ALIANZA PARA UN MEDIO RURAL VIVO. Neste momento a ORGCCMM non pode más que felicitarse polo apoio recibido das entidades ambientais galegas para a manifestación do día 9. Únennos obxectivos comúns, a defensa do medio ambiente, dun monte multifuncional, dun medio rural vivo e dunha lei de montes que respecte o monte veciñal.

A FEDERACIÓN ECOLOXISTA GALEGA apoia a convocatoria de manifestación en Santiago de Compostela, realizada pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, para o día 9 de Xuño en Compostela en contra da Lei de Montes de Galicia A FEG comparte a inquietude, apoia as reivindicacións dos comuneiros e maniféstase en contra da Lei de Montes que pretende aprobar o goberno galego, por iso quere apoiar e participar na convocatoria da manifestación que, contra a Lei de Montes de Galicia, se celebrará o próximo sábado día 9 de xuño convocada pola Organización de Comunidades de Montes Veciñais en Compostela. A FEG atópase tamén seriamente preocupada pola deriva nas decisións en materia de política forestal que están a tomar os responsables da Administración Galega, sempre ao servizo das industrias máis poderosas que consumen a madeira de menor valor económico pero que se produce cun elevado e irreversible impacto ambiental. As fumigacións masivas que se que se pretenden autorizar ou a redución de presupostos na loita contra os incendios que se destinarán soamente a manter a industria do lume son, entre outros, aspectos que ensombrecen o futuro dos nosos montes. Pero a Lei de Montes de Galicia que a Consellería do Medio Rural ten elaborado e que se atopa en trámite parlamentario está destinada precisamente a consagrar o uso produtivista do monte, facilitando a actividade promovida polas grandes empresas, e esquecendo a necesidade de manter beneficios básicos do mesmo que garantan a capacidade para soster no futuro á nosa sociedade. Xa que a maioría dos ecosistemas terrestres de Galicia están encadrados dentro da denominación de monte, e polo tanto dentro do ámbito da norma, unha lei que pretenda regular a actividade forestal ten que garantir a supervivencia de ecosistemas que son fundamentais para o noso futuro como reservas de biodiversidade, como protectores e construtores de solo fértil, como fonte de recursos de interese para a humanidade, como reserva de recursos hídricos. Unha lei de montes que teña como obxectivo unha xestión sostible debe dar amparo á unha protección elemental, pero esta lei non contempla a protección de hábitats en perigo, abre a posibilidade da súa destrución para o aproveitamento madeireiro pola industria. A Lei de Montes de Galicia, tampouco limita de ningunha maneira malas prácticas que están a ser causa de degradación dos sistemas forestais provocando erosión, incremento do risco de incendio, perda de biodiversidade e destrución de recursos naturais como as que se utilizan nos monocultivos industriais co que, da aplicación desta lei, non se podería agardar máis que continuidade no empobrecemento e desaparición progresiva dos nosos sistemas forestais, entre os que se atopan os nosos ecosistemas. Chamamos xa que logo a todos a participar, o próximo sábado día 9 de xuño, ás 12 da mañá na estación de ferrocarril de Compostela na manifestación convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais contra a lei de Montes de Galicia.

Pontevedra, 5 de xuño de 2012 Benito Andrade

Federación Ecoloxista Galega

Outras entidades ecoloxistas que amosaron o seu apoio: ADEGA, dentro da ALIANZA POR UN MEDIO RURAL VIVO, e Amigos da Terra

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.