viernes, 24 de junio de 2011

Suspendidos desde hoxe os permisos para facer queimas

Como ben indica o documento que adxunto, hoxe era o último día que tiña autorización para queimar nunha propiedade, pero ollando como sopra o Nordés déuseme por indagar antes en Internet non fose a se-lo demo, como así foi. Nestes intres de facer coma moitos que fan queimas aducindo que teñen o permiso e que non escoitaron a televisión, estaría cometendo un delito, aínda que cos medios que conto (extintores e auga a carón do lume) para un posible despiste e tendo varios metros á redonda a zona despexada, prefiro respectalas normas, por aquilo de que home prevido val por dous.

Para exemplos de como se saltan tamén á toureira os Estatutos da Comunidade e a vixente Lei de Montes, xa teño aos directivos da comunidade ou á mesma Xunta, cando no seu día non respectaron a propiedade de meu pai. Neste caso eu si que podía aducir que tiña permiso, eles para atravesarlle o agro, non.

Como podemos ollar na información adxunta, o lume fai a súa entrada un ano máis en política e non é por nada, pero o ano 2006 cando o monte de Nebra se foi ao garete, habíanse -mal-gastado máis cartos nel que nunca e o resultado é de todos coñecidos. O tema dos incendios é moito máis complexo do que pensan os políticos e por oportunidade política, nos queren facer ver.
As condicións meteorolóxicas adversas, con previsión de vento norte e tempo seco, obrigaron á Xunta a suspender desde hoxe quéimalas de restos forestais ou agrícolas. Unha prohibición que afecta a todos os cidadáns, aínda que dispoñan de autorización previa de Medio Rural. A partir do 1 de xullo, día en que comeza o período de máximo risco, tampouco poderán efectuarse.

A Policía Autonómica anunciou que no que vai de ano foron detidas 48 persoas por delitos forestais, a maioría por queimas neglixentes ou que carecían da preceptiva autorización. A deputada do PSdeG Sonia Verdes culpou onte a Feijoo do incremento de incendios este ano -1.200 lumes- pola súa política de recortes e anunciou que o seu grupo presentará unha moción no pleno da próxima semana.
Fonte: La Voz de Galicia

No hay comentarios: