sábado, 11 de junio de 2011

Vacile a outro señor presidente!

Paréceme patético que coma comuneiro teña que informarme antes no taboleiro de anuncios do Concello desta convocatoria da próxima asemblea xeral ordinaria, que de que se me entregase en man, en tempo e forma. Digo isto, porque segundo a vixente Lei de Montes, é obrigatorio entregárnola como mínimo con dez (10) días de antelación.

Nesta convocatoria, rizando o rizo, pretende que-lle aprobemos o censo logo de case seis (6) meses de atraso, e como xa dixen aquí, non é porque o diga eu, debe aprobarse por lei en xaneiro e remitilo a Medio Rural, antes do 31 de maio.

Sen saber a que ven a conto «ou si?», atopámonos con unha nova verba progresista ou nacionalista para aderezala dimisión do vicepresidente e tesoureiro como: proposta de relevo. Ao final da convocatoria, onde o señor presidente coma sempre trata de xustificalo inxustificable, podemos ler que xa ten elixidas a dedo «a que me soará isto?», ás candidatas para ocupar ditos cargos.

No sexto punto podemos ler: proxecto gandeiro. Descoñezo de que se trata, pero ollando como xa se esta a facer un uso ilegal dos peches gandeiro, refírome a que a súa cesión e uso non foi aprobado en ningunha asemblea e segundo algúns vogais, tampouco pola xunta reitora, coido que pode ir por aí o asunto.

Tampouco coido que non vou mal encamiñado, se digo que no informe das pistas, se nos vai metela dobrada as que se repararon ultimamente sen que a xunta reitora tivese coñecemento e presuntamente incluso un directivo dos que presenta a súa dimisión. Gustaríame saber cantas comunidades das que visitan esta bitácora, teñen constancia de que na súa entre un par de directivos, presuntamente en convivencia con unha empresa, fagan e desfagan ao seu antollo.

Da primeira que tiven coñecemento xa dei conta aquí.

A seguinte é esta, na zona de A Craveira. En varias etapas do seu traxecto, a empresa responsable fixo aproveitamentos de zahorra, supoño que co visto e prace dalgún directivo. Esta pista en cuestión, é a que un dos directivos descoñecía a súa reparación.

Por esta outra accedese directamente pola ladeira do Monte Iroite e na súas inmediacións, fíxose outro aproveitamento de zahorra. Descoñezo se como noutras ocasións, caso de ser preciso, minas tiña que outorgar algún tipo de permiso. Tamén descoñezo se Medio Rural ten constancia, xa que noutras ocasións, aínda sabendo que había pasado pola asemblea, chamóusenos ao orde, porque un directivo se pasou de listo.

Coma remate a construción da fachada do local, ben obrigada porque como antepuxeron o carro aos bois, a rampla de acceso e mailo pasamáns, quedaron por baixo da explanada. Iso chamase non ter cabeciña, porque estou seguro que se tivesen que pagar do seu peto este malgasto, pensaríano dúas veces.

Mentres agardo pola comunicación oficial da convocatoria, por si acaso, xa poño en coñecemento do encargado de facelo como debe de proceder. Somos comuneiros e comuneiras, non monicreques de ninguén. Rebélome a dicir que chove, cando mexan por min, o resto de comuneiros e comuneiras que digan o que-lles pete.

Aviso

O/A encargado/a de entregar nesta casa convocatoria da próxima asemblea, que faga o favor de chamar ao timbre e caso de que non haxa ninguén, que escriba na mesma a hora o día da súa entrega e o nome do responsable de deixala.

Non é nada persoal, ven isto a conto porque é obrigación inescusable da directiva comunicar e entregar a tódolos comuneiros e comuneiras a convocatoria das asembleas con 10 días de antelación.

En Nebra a día 11 de xuño de 2011. 14:00 horas.

O comuneiro responsable: Francisco Calo

1 comentario:

Casía dijo...

A seguir luchando, que no se rían