Amosando publicacións coa etiqueta Convocatoria. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Convocatoria. Amosar todas as publicacións

domingo, 18 de decembro de 2011

Porque o dis ti...

Canso de agardar por se a renovada xunta reitora tería a ben publicala acta da asemblea celebrada o pasado 19 de xuño, unha vez mais terei que publicala miña particular versión. Recapitulemos.

As 20:08 do serán, con oito minutos de atraso, e coa presenza de 98 comuneiros e comuneiras, 2 máis dos esixidos no quórum para segunda chamada, comezou a asemblea na que o señor presidente tentou convencernos «con bastante éxito, por certo, porque ninguén ousou levarlle a contraria», que a tardanza en convocarnos en 13 meses obedeceu a que estaba á espera de que a Xunta de Galicia se pronunciase sobre posibles subvencións e... por culpa das eleccións municipais. Toma Moreno! E quedouse tan pancho.

Despois de dar lectura a acta anterior, como é normal despois de tanto tempo, ninguén se lembrou de que o que pasou nesa asemblea pouco ten que ver co recollido na acta, algo normal, se consideramos que noutras ocasións e como menos espazo de tempo, tampouco se lembran. Outra cousa é que nesa semana se publicase a acta como se fai noutras comunidades e como facía eu, pero iso non interesa, canto mais escurantismo moito mellor.

Segundo punto: O vicepresidente da lectura ao censo e ao remate indica que se produciron algunhas baixas por falecementos e porque os seus familiares non se puxeron en contacto con eles. Tamén indica que se produciron novas incorporacións. De seguido explicou como quedaba o quórum esixible para as próximas asembleas. Para o 50%, para o 30%, ...e para o 25%. Novamente volven á faltar a verdade, porque como xa teño dito, e así llo expliquei no seu día, os nosos estatutos non contemplan esa posibilidade. É unha cuestión de léelos e saber interpretalos e non falar por falar.

Con respecto ás novas incorporacións, na primeira non me quedou ningunha dúbida, xa que o novo comuneiro xunto coa súa dona son oriúndos de Nebra, non pasa o mesmo coa incorporación producida na aldea de Calo. Ao remate da asemblea un comuneiro comunicoume que esa familia non podía ser admitida porque comprara recentemente a casa. Pois ben, como máximo responsable da comunidade o presidente debería saber isto e que os novos comuneiros, salvo os oriúndos, teñen que levar residindo un ano en Nebra antes de poder ser aceptados.

Terceiro punto: Entregouse unha copia do balance anual a todos e o tesoureiro xa pasou de explicalas contas, engadindo unha simpleza: que todo mundo sabia sumar e restar. Nada dixo de se as partidas gastadas foran debatidas e aprobadas previamente pola asemblea xeral ou pola xunta reitora.

Cuarto punto: A escusa para a dimisión do vicepresidente e tesoureiro polo visto era para que se incorporaran á directiva algunhas mulleres «sic». Teño escoitado infinidade de desculpas, pero como esta ningunha, pero se a maioría traga...

Outra cuestión é que o presidente exclúe ao resto de comuneiros e comuneiras para poder ocupar ditas vacantes, aducindo que quere xente da súa «confianza». Agora entendo porque nalgunhas administracións e asociacións entran só os amigos do alcalde, do presidente, etc.

O comuneiro Luís fai unha interpelación por este nomeamento a dedo e porque o presidente non solicita votacións. O vicepresidente dille que non era o máis indicado para intervir, xa que como seu antecesor no cargo e ante a ausencia do presidente, ocupara de xeito irregular dito cargo. Luís contéstalle que ante a ausencia do presidente, el, coma vicepresidente, era o representante legal da comunidade.

O vicepresidente respostalle que dado que o presidente ausentarase máis de tres meses, estaba obrigado estatutariamente a convocar eleccións. Luís indícalle que iso no é verdade. O presidente córtao, espetándolle: Porque o dis ti...

Así a secas, sen tan sequera darlle tempo a unha replica ou como mínimo, como debería ser, cando hai discrepancias, amosarlle en que artigo dos estatutos se baseaban para facer dita acusación, remataron coa discrepancia.

Examinada a Lei de Montes e os Estatutos, nada se fala diso. A cuestión é porque se cala cando se producen esas presuntas irregularidades e se soltan todas xuntas anos despois. Polo menos, no seu día, eu tiven a referencia de dicirlle que ante a falta de oposición regulasen esa situación.

Quinto punto: Aprobase emprender accións xudiciais contra NISSAN porque dende que se comprobou o coche da comunidade, leva rotos tres embragues. Descoñezo a que é debido este feito, pero así como coidamos como ouro en pano as nosas propiedades, tamén debemos esmerar, se cabe mais, as comunitarias. A bo entendedor...

Sexto punto: Dáse conta do acordo con un vogal-gandeiro e co presidente «non especifican cando e onde o aprobaron» polo cal farán uso dos peches gandeiros, poñendo o primeiro varias eguas e o segundo un cabalo semental e froito desa sociedade, doarán unha cría á comunidade. Outro punto que tampouco se votou, quizais para non arriscarse, xa que como denunciei aquí, xa estaban facendo uso dos peches.

Sétimo punto:
Industria do toxo.- Xa perdín a conta das ideas que xurdiron ao longo das lexislaturas polo futuro do noso monte que non levamos á práctica, que esta paréceme que leva o mesmo camiño. Quedaron en invitar a unha empresa para darnos unha charla sobre o aproveitamento do toxo para abonos e medio ano despois, parece que non atoparon día propicio.

Coñezo de primeira man como funciona este sistema gracias a Ramon Lourido, co que departín sobre o seu proxecto xunto con directivos doutras comunidades nunha comida ó remate dunha asemblea da Organización Galega de Comunidades de Montes, e pareceume unha idea a estudar. Daquela parece que a outros non.


Pistas.- Neste punto hai discrepancias dalgúns comuneiros e vogais co presidente por como se acometeu a reparación de varias pistas sen pasar pola xunta reitora ou pola asemblea pero este de novo corta toda discusión aducindo que o que interesa é que están feitas. Tamén engade que as discusións na xunta reitora non foron por ser reparadas sen ser aprobar polos vogais ou incluso por tódolos directivos, se non, por como quedaron «sic». Quédanos a dubida de saber cantos directivos, dos catro, aprobaron entón estes traballos, como o decidiron e con que presupostos contaban.

Unha vez mais o que acontece na nosa comunidade, é un calco do que pasa noutras ou mesmo concellos. Os directivos ou gobernos fan e desfán ó seu antollo. Explícao moi ben na súa conta de facebook este partido político.
“Pretenden que sexamos meros monicreques que vaiamos alí unicamente a levantar a man”, sinalan “algo que non estamos dispostos a admitir porque no Pleno é onde reside a soberanía do pobo”.
Como ben digo xa non fai falla que levantemos as mans, pero as asembleas, mentres non troque a Lei de Montes ou os Estatutos, segue a ser onde reside a soberanía dos comuneiros e comuneiras. Outra cousa é Ditadura, pura e dura.

domingo, 12 de xuño de 2011

Sen comelas, nin bebelas

Ben o título a conto, porque sen ser responsable de que se me entregase onte fora de prazo, as nove menos cuarto do serán a convocatoria, aínda tiven máis que escoitar, e todo porque lle solicitei a responsable de entregarma que me fixese o favor de asinarme nela o día da entrega. Sinto porque se me rebotase, pero se é vogal, debería coñecelos procedementos por se algún comuneiro ten a ben pedirlle o mesmo, tal e como fixemos no seu día, cando o carteiro nos entregou unha.

A mágoa e que non tivese a mesma "valentía" para preguntarlle ao responsable de entregarllas onte, iso si que mo matizou ben, por que non llas entregou antes? Os Estatutos din claramente que, débense entregar antes de 10 días, non din 9, nin 8, e tampouco vale que o presidente a asine o día 6. Repartilas convocatorias, implica algo máis que cobrar por facelo, aínda que non está de máis dicir que non paga o presidente, págamos todos.

Xa meténdome en fonduras, hoxe aproveito para replicala parte que non se corresponde coa convocatoria en si, algo que non albisco que se faga noutras comunidades veciñas. Pero aquí Don Erre con Erre, segue na súa teima de tomarnos por...

Despois de máis dun ano sen convocarnos, ten a ben recoñecer que o fai con atraso, aínda que novamente trabucase, a asemblea xeral ordinaria pódea convocar dentro dos seis meses do peche do exercicio económico do ano. Polo tanto, até o 30 de xuño estaba en prazo, non así, para convocala que reflicte a Lei de Montes, que non é outra, que a de aprobalo censo en xaneiro.

As únicas decisións que poida tomala Xunta Reitora, son actos de administración ordinaria, en ningún intre poden aprobar obras ou inversións sen antes xuntarse a Asemblea Xeral, sempre e cando o presuposto non superen os 12.000 €, aínda que nisto temos moitas discrepancias, incluso os ex-directivos que aprobaron ese punto no seu día. Agora querer disimular ou agochar estas presuntas ilegalidades, aducindo que son proveitosas para a parroquia, é falso, e máis se como se di por aí, algún directivo dos dimisionarios non tiña coñecemento da reparación das pistas que nomeei na entrada de onte.

Xa o dixen no seu día e repito, as reunións do sábado non serven para nada, só se crearon no seu día, fun o artífice delas, para que os comuneiros e comuneiras nos comunicasen algunha incidencia que acontecese entre asemblea de vogais e xerais, como talas ilegais, presenza de gando, denunciala presenza de refugallos, etc. É tan difícil de entender isto?

O que me parece moi grave e que se diga que se fan todas estas cousas presuntamente aprobadas co axente do Distrito, cando dito funcionario ten obrigación de saber que el non pode tomar ningunha decisión pola comunidade, como máximo poder propor cousas para que sexan aprobadas ben pola xunta reitora ou pola asemblea xeral. Venme novamente á memoria cando nunha asemblea xeral aprobamos unha cesión e porque un directivo xa dera orde de facer uso de dita cesión antes de que entregásemos a documentación no Distrito, sendo nesa época o secretario chamáronme ao orden. Que pasa, que agora poden facer o que-lles pete, porque están todos metidos na "allada"?

Pouco más que engadir á dimisión dos vicepresidente e tesoureiro, na asemblea deberían explicalos motivos, e se non o fan, seguramente algúns comuneiros lles pregunten. Agora que coñezo ás "elixidas", nada que obxectar, como son maiores de idade deben ser conscientes onde se meten, sobre todo a que no seu día renunciou a sucederme no meu posto, porque Nebra aínda que sexa a parroquia máis grande do Concello, aquí todo se sabe.

Só un último apunte, cando propuxen no seu día a entrada de máis mulleres na xunta reitora, houbo algúns comentarios fora de ton, aínda que dulcificados, agora din que deben ser unha parte fundamental. Naquel intre que era? A miña proposta en si non era novidade nin nada polo estilo, era algo que recomendaba e propoñía a Organización Galega de Comunidades de Montes.

De política non vou falar, porque xa nos coñecemos todos e polo visto xa se fala bastante nas reunións da xunta reitora e igual agora se vai falar moito máis.

sábado, 11 de xuño de 2011

Vacile a outro señor presidente!

Paréceme patético que coma comuneiro teña que informarme antes no taboleiro de anuncios do Concello desta convocatoria da próxima asemblea xeral ordinaria, que de que se me entregase en man, en tempo e forma. Digo isto, porque segundo a vixente Lei de Montes, é obrigatorio entregárnola como mínimo con dez (10) días de antelación.

Nesta convocatoria, rizando o rizo, pretende que-lle aprobemos o censo logo de case seis (6) meses de atraso, e como xa dixen aquí, non é porque o diga eu, debe aprobarse por lei en xaneiro e remitilo a Medio Rural, antes do 31 de maio.

Sen saber a que ven a conto «ou si?», atopámonos con unha nova verba progresista ou nacionalista para aderezala dimisión do vicepresidente e tesoureiro como: proposta de relevo. Ao final da convocatoria, onde o señor presidente coma sempre trata de xustificalo inxustificable, podemos ler que xa ten elixidas a dedo «a que me soará isto?», ás candidatas para ocupar ditos cargos.

No sexto punto podemos ler: proxecto gandeiro. Descoñezo de que se trata, pero ollando como xa se esta a facer un uso ilegal dos peches gandeiro, refírome a que a súa cesión e uso non foi aprobado en ningunha asemblea e segundo algúns vogais, tampouco pola xunta reitora, coido que pode ir por aí o asunto.

Tampouco coido que non vou mal encamiñado, se digo que no informe das pistas, se nos vai metela dobrada as que se repararon ultimamente sen que a xunta reitora tivese coñecemento e presuntamente incluso un directivo dos que presenta a súa dimisión. Gustaríame saber cantas comunidades das que visitan esta bitácora, teñen constancia de que na súa entre un par de directivos, presuntamente en convivencia con unha empresa, fagan e desfagan ao seu antollo.

Da primeira que tiven coñecemento xa dei conta aquí.

A seguinte é esta, na zona de A Craveira. En varias etapas do seu traxecto, a empresa responsable fixo aproveitamentos de zahorra, supoño que co visto e prace dalgún directivo. Esta pista en cuestión, é a que un dos directivos descoñecía a súa reparación.

Por esta outra accedese directamente pola ladeira do Monte Iroite e na súas inmediacións, fíxose outro aproveitamento de zahorra. Descoñezo se como noutras ocasións, caso de ser preciso, minas tiña que outorgar algún tipo de permiso. Tamén descoñezo se Medio Rural ten constancia, xa que noutras ocasións, aínda sabendo que había pasado pola asemblea, chamóusenos ao orde, porque un directivo se pasou de listo.

Coma remate a construción da fachada do local, ben obrigada porque como antepuxeron o carro aos bois, a rampla de acceso e mailo pasamáns, quedaron por baixo da explanada. Iso chamase non ter cabeciña, porque estou seguro que se tivesen que pagar do seu peto este malgasto, pensaríano dúas veces.

Mentres agardo pola comunicación oficial da convocatoria, por si acaso, xa poño en coñecemento do encargado de facelo como debe de proceder. Somos comuneiros e comuneiras, non monicreques de ninguén. Rebélome a dicir que chove, cando mexan por min, o resto de comuneiros e comuneiras que digan o que-lles pete.

Aviso

O/A encargado/a de entregar nesta casa convocatoria da próxima asemblea, que faga o favor de chamar ao timbre e caso de que non haxa ninguén, que escriba na mesma a hora o día da súa entrega e o nome do responsable de deixala.

Non é nada persoal, ven isto a conto porque é obrigación inescusable da directiva comunicar e entregar a tódolos comuneiros e comuneiras a convocatoria das asembleas con 10 días de antelación.

En Nebra a día 11 de xuño de 2011. 14:00 horas.

O comuneiro responsable: Francisco Calo

mércores, 2 de febreiro de 2011

Rexémonos pola mesma Lei?

Nesta ocasión non é preciso que teña que saír do Concello para amosarlles as distintas formas de xestionar unha comunidade. É sabido e así o reflicte a Lei de Montes, que o censo de comuneiros debe actualizarse no mes de xaneiro, aínda que o presidente cando lle reclamei ese cumprimento me tentase vacilar.

Digo que o seu quedou nun intento, aínda que en realidade os vacilados foron os comuneiros e comuneiras, porque el dispón dunha copia da lei que aportei persoalmente cando tomei posesión coma secretario e polo tanto mellor, que eles, sabía que eu non mentía. Vexan se non, o debate que recollín nesta entrada: Sen comentarios

«Francisco Calo pide que conste en acta que a lei de montes di que a actualización do censo debe facerse antes do 31 de xaneiro.

Argumenta a continuación o vicepresidente, que se decidiu actualizalo censo na primeira asemblea do 2009 (3 de maio) porque de non facelo así, a xente non podería coñecer nin aprobar as novidades de baixas e altas, e a directiva só podería publicar a relación de veciñas e veciños do ano anterior.

Engade ademais o presidente, que non sabe a que lei fai referencia o comuneiro, aínda que en calquera caso considera axustado é lóxico o exposto polo vicepresidente».

Copio e pego literalmente: Conforme ao previsto no artigo 60 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común; no mes de xaneiro de cada ano debe actualizarse o libro de rexistro de comuneiros/as.
O impreso de altas, baixas e cambio de titularidade pode deixalo quedar na casa da cultura da nosa parroquia, de luns a venres en horario de tarde. Pasaremos a recollelos quince días antes da asemblea.

Como ben sendo habitual nas nosas asembleas, tomamos lista de asistencia para verificar o quórum e poder celebrar a sesión. Malia que a asistencia sexa obrigatoria para todas aquelas persoas comuneiras que voluntariamente decidiron formar parte desta Comunidade, raramente superamos unha asistencia do 50%. Situación certamente desconcertante para os/as membros da actual directiva xa que hai a posibilidade de que, en caso de que unha persoa comuneira non poida asistir á asemblea, pode facelo o seu suplente (residente na mesma casa) e tamén, de non poder asistir ningunha destas dúas persoas, o/a comuneiro/a pode delegar a súa representación por escrito en calquera outro/a comuneiro/a da súa confianza.

Non se pode recorrer á falta de información xa que a convocatoria das asembleas publícase no taboleiro de anuncios do noso concello; envíase carta á casa de cada unha das persoas comuneiras; colócanse carteis nos establecementos da parroquia e; informase ademais a través de correo-e e desta bitácora.

Por todo isto, decidiuse por unanimidade en asemblea que, as persoas comuneiras que non asistan a tres asembleas consecutivas, perdan automaticamente a condición de comuneiro/a. Desta volta (na vindeira asemblea), deixan de formar parte desta comunidade nada menos que 35 persoas por este motivo.

Esta é unha comunidade viva, que traballa, aprende, discute, comparte, … sempre a prol do común e grazas á implicación das veciñas e veciños de San Pedro de Muro. Así debe ser; isto é comunidade!
Outra cousa na que están a anos luz é que mentres aquí o ano pasado só convocaron unha asemblea, alí celebraron tres. Ademais do aliciente de que días despois os comuneiros e comuneiras tiveron ao seu dispor un resumo da asemblea. Aquí disque no fan porque presuntamente algúns comuneiros queixáronselle. Sería na taberna, porque nas asembleas reclamóuselles ese dereito.
Febreiro, 03: Convocatoria Asemblea Xeral Ordinaria (febreiro´10)
Febreiro, 13: Resumo da Asemblea

Xuño, 26: Convocatoria Asemblea Xeral Ordinaria (xuño´10)
Xuño, 28: Resumo da Asemblea

Outubro, 31: Convocatoria Asemblea Xeral Extraordinaria (outubro’10)
Novembro, 01: Resumo da Asemblea

Xaneiro, 21: Convocatoria Asemblea Xeral Ordinaria (xaneiro´11)

martes, 1 de febreiro de 2011

Mentireiros compulsivos

Convocatoria 6 de maio de 2009
A raíz da «sempiterna nota agarimosa» que o presidente nos engadira na convocatoria de arriba, pedinlle nunha entrada que non nos vacilase e non ía moi desencamiñado. Obsérvese se non o que para min non deixa de ser unha burla e vacile aos comuneiros e comuneiras, xa que non só non cumpre o que di nas asembleas, se non que incluso cando o promete por escrito: «De aquí en adiante e á vista da mellora, pensamos que se debía reunir máis frecuentemente a asemblea de Nebra, mais queremos insistir en que tódalas semanas hai cousas que falar, para perseverarmos nesta melloría, e para axudarmos á directiva a equivocarse menos e acertar máis»
Convocatoria 16 de maio de 2010
Se o presidente entende que convocarnos unha vez ao ano, vexase a única convocatoria do 2010,  é reunirnos máis frecuentemente, apaga e vamos. Estou seguro que o presidente dos comuneiros e comuneiras de Cabral non prometeu tantas, pero aí esta convocando asembleas claves para sacar adiante á Comunidade.
Dúas asembleas claves en menos de medio ano

Co litixio de Aena recentemente pechado e só pendentes algúns flocos sobre a contía final da indemnización, os comuneiros de Cabral acudirán ás urnas o próximo 19 de xuño para decidir quen presidirá a Comunidade o tres próximos anos.

Antes desa data, e para "evitar unha sobrecarga de asembleas", o 16 de abril os veciños terán que votar os orzamentos do ano 2011. Neles irán incluídos os primeiros gastos dos 7,2 millóns de euros pagos por Aena e a redacción do plan de investimentos a 15 ó 20 anos.
Mentireiros compulsivosO actual presidente, Luís Rodríguez, confirmou onte que pretende presentarse á reelección xunto con todo o seu equipo. "Teño pensado presentarme exactamente coa mesma xente", explicou onte. O período para a presentación de candidaturas abrirase en maio.
Fonte: Faro de Vigo

martes, 11 de maio de 2010

O descoñecemento da Lei non exime do seu cumprimento

TÍTULO III
DA ORGANIZACIÓN DAS COMUNIDADES
4. A convocatoria de Asemblea xeral farase cun mínimo de dez días de antelación, mediante notificación escrita a todos os comuneiros e coa orde do día dos asuntos a tratar, e estará exposta durante o mesmo prazo nos taboleiros de anuncios do Concello, así como nos lugares de costume da entidade onde radique a comunidade.
Por enésima vez e a pesar das veces que se-lle informou cal é a forma correcta de facelo, o presidente volve a incumprila vixente Lei de Montes e os Estatutos da Comunidade, ao entregarnos outra convocatoria fora de prazo. A Lei é ben clara, pero o único sitio onde a acata é no Concello. ¿Por qué entón esta falta de respecto a quen di representar?.

Dubido por onde comezar, pero tereino que facer polo principio. Isto máis que unha convocatoria de asemblea ordinaria, polos puntos a tratar parece máis ben unha extraordinaria á que-lle engadiu a típica nota de parvulario ás que xa nos ten acostumado, pero segue sen elaborar e presentar un presuposto anual, para poder te-las mans libres de como e onde gastalos nosos fondos. Isto significa que presuntamente 20 comuneiros/as «só catro foron reelixidos legalmente», manexan eses fondos e os restantes «sobre 250» só somos meras marionetas, cando é sabido que as asembleas naceron para facilitar a participación democrática do pobo nas decisións que podían afectarlles. Que algún partido suprimise as súas, non quere dicir que nas comunidades de montes de momento isto se poida facer.

Insiste en actualizalo censo a mediados de maio, cando sabe perfectamente que o prazo para entregalo na Consellería rematou o 30 de abril, ou iso foi o que nos dixeron no seu día. A Lei en canto a súa actualización tamén é clara: «...libro do rexistro de comuneiros, que se actualizará no mes de xaneiro de cada ano».
Supoño que se alguén intentase facer algunha pregunta, as respostas serán incongruentes como as do ano pasado, e xustificándose dicindo que xa o remitiran. Si, pero o que aprobamos o ano pasado.

A nota de parvulario
Critica por primeira vez á Consellería, todo o contrario do que fixo antes, que incluso non comunicou que nos retiraban unha subvención tralo desastre de 2006 e por último, sementa dúbidas entre os comuneiros e comuneiras, criticándonos sen dar nomes. Seremos moitos ou só vai por min?.

Non se pode estar á misa e repicalas campás
«A xulgar polo texto que publicou, parece que a Consellería busca que as comunidades Veciñais nos poñamos fóra, e subcontratemos á empresas as labouras das brigadas parroquiais: nós cremos que a veciñanza debe ser quen traballe no monte comunal, máis a asemblea determinará o que considere mellor».
Supoño que ese «texto» ao que se refire é o DOGA publicado o 12 de abril, do que me fixen eco apupando a boa nova da Consellería, pola súa rebaixa nas Has. para poder acollerse á subvención. Sigo varias blogues e a páxina da ORGACCMM, e ninguén menciona nada diso. Só nunha, tal vez por descoñecemento, aludía con certa retranca, que a Consellería confundía Galicia con Castela. Aínda que un par de días despois modificou a información e suprimiu ese comentario.

Acabo de "chuparme" toda información relativa á orde e non atopo ningún dato que faga mención ao que crítica o presidente. Pola contra si vin que o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación e nós aínda vamos debater se nos acollemos ou non, o dezaseis... co prazo rematado!!!
Polo tanto, ou presenta a documentación antes do domingo ou non valerá de nada que aprobemos o punto. Pero hai máis, para solicitala tería que axuntar: e) Certificado tomado en asemblea xeral, asinado polo secretario, conforme autorizan o solicitante a pedir subvencións á Consellería do Medio Rural, para a execución das accións obxecto da solicitude.

Sen pasar do mesmo parágrafo e supoñendo que tivese razón. Estaría chamándonos á insurrección contra Consellería?. Agardo que a xente non caia nese xogo.

«Trataremos outros moitos asuntos, importantes tamén». Se tan importantes son, o normal é que os engada nun punto, tratados fora da orde do día son irrelevantes, xa que legalmente non se pode aprobar nada, aínda que coñecendo ben, de que me estraño!!!.

Que bonito queda no papel: «invitar a todo o mundo a que fale, discuta e critique». Para iso ten que haber un presidente que poña orde e no no hai. É unha mágoa que ás asembleas non poidan acudir periodistas ou as televisións, se aos plenos do Concello os catalogan como circos, aquí non atoparían cualificativos e seguro que teriamos máis audiencia que calquera "Talk Show".

«Non beneficia á parroquia quen di só que esta directiva non serve». Persoalmente non me sinto identificado, pero si por un casual tamén estivese engadido ao paquete, estou farto "enseñar al que no sabe" e logo facer o que-lle pete. Por outra parte, coma comuneiro teño todo dereito a expresarme libremente neste blogue, sempre cando non-lle falte ao respecto a ningún reitor, xa que nas asembleas ese dereito se me restrinxe e vulnera.

xoves, 26 de novembro de 2009

Politizando a comunidade... de novo

Eran as 13:00h. do domingo 22 de novembro, cando dúas comuneiras sen relación algunha coa Xunta Reitora da comunidade (que se saiba) estaban repartindo, casa por casa e no coche da comunidade, a convocatoria da próxima Asemblea Xeral Extraordinaria, a celebrar o vindeiro domingo día 29.

Como se pode comprobar, vén asinada coa data do 17 e selada no Concello o 19, o que non deixa de vulnerar novamente os Estatutos e a Lei de Montes que esixen que como mínimo, a convocatoria debe ser entregada aos comuneiros con 10 días de antelación. Agora non lle poden botala culpa a Correos.

Levamos máis de seis meses sen ser convocados e coido que tiveron tempo dabondo para facelo nos prazos estipulados pola Lei. E logo son os compañeiros os que, noutras situacións, critican a dirixentes que non son da súa cor e se fai falla, mesmo se desbanca, porque entre outras cousas, dicían que os convocaba fóra de prazo.

Por se fosen poucas as irregularidades cometidas, neste momento a dirección da Comunidade está composta só polos catro directivos elixidos o 17 de maio. Os vogais sempre se elixen nunha asemblea posterior e tal asemblea aínda non se fixo, polo que nesta convocatoria debería constar un punto máis na Orde do Día para a súa elección, salvo que os "progres" se poidan saltala Lei.

Por outra banda, vexo mal, moi mal, que dende as comunidades de montes se tente facer política barata, tal e como ocorre nesta, para exemplo, vexan se non, o comentario do presidente:
Todo o mundo está de acordo en que era necesario construír unha casa, e convén que non se esqueza que a construímos sen a axuda dos alcaldes, EXCLUSIVAMENTE, cos medios da Comunidade: Nebra aínda é a única parroquia do Concello que non ten Casa de Cultura.
Primeiro, esquecese da subvención do PRODER. Logo, descoñezo a cantos alcaldes se refire, pero se imos por orde de mandato, o último foi Manuel Tomé Piñeiro, pedíuselle algunha subvención para o local? Se así fose, onde esta nas actas, porque nas asembleas XAMAIS se tocou o tema. Pola contra, perante o mandato de Ramón Quintáns Vila, si que o tratamos nós, e tamén os anteriores xestores da comunidade.

Vexan se non na foto, borróns e engadidos efectuados polo presidente, na memoria da Casa de Cultura. Por outra parte, como pretendía acadar unha subvención do Concello, se a súa adxudicación fixoa de xeito irregular, como denunciei na anterior entrada?.

Mala memoria ten o presidente, debe ser como ben di na orde do día, que xa pasou dos vinte e tres. Se seguimos botando un ollo a mandatos de alcaldes, atopámonos unha lexislatura onde o seu partido gobernou en coalición con Quintáns, catro anos nos que non fixeron ren para que os veciños da parroquia máis grandes do Concello, non acadásemos a tan demandada Casa de Cultura ou, os nosos rapaces dun patio cuberto na escola (obra que agora por fin estase facendo grazas a insistencia dun grupo de nais e sobre todo de Irene De Resúa, mais agora serán outros os que correran a inaugurala.

Dende o meu posto de secretario loitei para que esta obra, o patio cuberto, fose unha realidade. Houbo unha oportunidade anterior para pedila, cando Quintáns, solicitouno cederlle o uso compartido da auga do lo local coa escola, dado que o pozo do que se abastecían, seca no verán. Mentres eu solicitaba iso, o resto de excompañeiros cederon, levando a cesión ante a Asemblea Xeral sen ningunha contraprestación e así se aprobou.

Ao final o Concello viuse na obriga de adquirir unha arqueta, dado que nos estatutos da comunidade de propietarios de augas prohíbese compartila pero non vendela. Iso foi o que tivo que facelo Concello, mercar unha arqueta, pero, ollo, que ata preto da escola fai un uso compartido da tubaria da comunidade gratis. Incomprensiblemente o permiso asinouno un exdirectivo da anterior lexislatura, no que, ao contrario que o uso compartido da arqueta, isto non foi debatido nin aprobado pola asemblea xeral.

Como se notou que ningún directivo tiña ou tivo fillos e fillas nesta escola, e polo que non se loitou coa forza suficiente de toda Comunidade, conseguírono catro abnegadas nais.

Pola contra temos que para o Punto Limpo si se esixiron contraprestacións (tarde, mal e arrastras), despois de que o presidente dilatase e boicotease a solicitude feita polo concello. Segundo unha nota de prensa do alcalde, en xaneiro de 2008 solicitou á comunidade a cesión da antiga canteira de Cadeiras.

Non será até primeiros de maio, cando sorprendentemente e mediante un panfleto do BNG, que os comuneiros temos constancia dos plans do Concello. Porque o presidente dou voz e voto ao seu partido, antes que aos comuneiros que di representar? Só el o sabe, pero a verdade é que foi unha lamentable e burda manipulación.

O día 1 de xuño convócanos para debatela solicitude e mentres no panfleto falase dunha contraprestación sen lóxica (xa que o polígono favorecerá a tódolos veciños do Concello, non só aos de Nebra, que máis ben, saímos prexudicados), na asemblea o presidente pechouse en banda e non dixo ren aos comuneiros, que cansos da súa burla, marcháronse agraviados.

Volve a convocarnos quince días despois Convocatoria na que non se cumpren os prazos legais e que na mesma se din cousas que non se correspondían co que pasou na asemblea anterior polo que, denuncio as súas anomalías. Nesa asemblea, á que non puiden acudir por motivos laborais, elíxese (a dedo, segundo me comentaron) a un grupo de comuneiros para tratar co alcalde o tema, acadándose varias obras aprol da Comunidade, das que hai que contextualizar certos aspectos:
  • Parque infantil: parque que os directivos querían poñer a carón da estrada á Igrexa, contravindo as normas de seguridade nos parques infantís.
  • Poñer en valor unha zona do río en Cornido.
  • Acondicionalas pasarelas na Aguieira.
  • Se legalmente fose posible, que un empregado do futuro Punto Limpo, fose un veciño, veciña de Nebra.
A citada información recibina grazas ao ex alcalde Manuel Tomé, pois o presidente xamais nos informou en asemblea que "gañamos" polos terreos.

xoves, 14 de maio de 2009

Non nos vacile, señor presidente!!!

Era raro que o presidente non mandase na última convocatoria da V Lexislatura da Comunidade, a súa particular e falsa visión do que pasou na última asemblea.
A Comunidade debe estar moi satisfeita e orgullosa pola Asemblea do 3 de maio: creo que melloramos e progresamos na relación entre nós.
Moita xente entre a que me conto, preguntámonos se nos toma por idiotas ou analfabetos. As "hostilidades" nas asembleas derivaron pola súa culpa a raíz da primeira asemblea onde se debatían os bancos da Igrexa. Punto que tivemos que debater noutras dúas, porque estaba totalmente en contra e tratou de "impor" a súa idea, cousa que ao final non logrou.
Acta do 9 de abril de 2006.- Asistentes 96: votan si 48 si, non 21, brancos 2, abstencións 4 e non presentes 21. Non se aproba por falta de quórum.

Acta do 28 de maio de 2006.- Asistentes 81. Ese dia entregara para votar cartolinas verdes para si e roxas, para non. O presidente pide votar ao mesmo tempo para si e non, sendo o primeiro e levantala roxa e conta as cartolinas ao mesmo tempo dun color e outro. O resultado segundo el era: 33 si, e 12 non. Pide abstencións e so 7 alzaron a man, os 29 restantes simplemente non votaron porque pediran voto secreto e rebotáronse contra o presidente.
Non acata o resultado e anuncia o voto en secreto. Nese momento a maioría dos comuneiros comezaron a marcharse ante a tomadura de pelo, entregándome as papeletas e un vogal, dimitiu ese dia.
O segundo reconto foi: 39 si, 27 non, 2 brancos, 3 abstencións, 1 nulo. Di que non hai quórum e suspende a asemblea.

Acta do 3 de setembro de 2006.- Asistentes 83: votan 59 si, 18 non, 2 brancos, 2 nulos e 1 abstención. Queda aprobado facelos bancos

Acta do 13 de maio de 2007, asemblea onde fun expulsado.- Asistentes 100. Votación recollida polo presidente no estado de contas, 60 si, non 11, nulos 1, brancos 5, abstención do secretario, non presentes 23. Non hai quórum no momento da votación como pasara na 1ª e 2ª cos bancos, pero aproba todo. Segue coa asemblea e tamén aproba unha subvención de 4 mil euros para o equipo de fútbol.

Algúns falamos de máis e, por momentos sen a calma precisa...
No meu caso considero que non falei de máis e agardo que conste en acta. Se non mantiven a calma precisa, e porque non estou disposto a que se mofen e burlen de min, e moito menos a aguantar os seus desplantes e xestos contra min. O primeiro que ten que facer un presidente é respectar aos comuneiros e comuneiras.
...pódese dicir que a reunión transcorreu dun xeito case modélico, exemplar.
Repito, as reunións modélicas déronse ata que saltou o tema dos bancos a partir dese dia descubriuse a súa Democracia?
A Asemblea da parroquia debe supervisar o que suceda e aprobar ou corrixir o que a xunta reitora fai en representación dela: decidira se as actividades e o rumbo determinados pola directiva son, ou non, os adecuados, e, no seu caso, rectificara a marcha como mellor lle pareza.
Pura demagoxia. Que vamos a aprobar ou a corrixir, se cando nos enteramos..., se nos enteramos, xa esta todo supostamente aprobado e feito e non podemos corrixir nada, se non queremos endebedar máis a comunidade. No caso das contratacións a dedo para que comuneiros "amigos" do presidente fixesen traballos remunerados pola comunidade, foron en contra da miña opinión, pero gañou a maioría democrática? de 3 directivos contra 1. Acordo tomado totalmente ilegal, xa que non se aprobou nas asembleas da xunta reitora.

Rectificara: Veremos esta demagoxia barata a onde o leva. O domingo a rectificación que lle vou pedir, vai ser devolver o agro de meu pai ao estado no que estaba antes de que llo dividise coa pista. Pode aducir que de 240 comuneiros do censo, 239 están a prol, pero non estamos falando dun ben comunal. O que faga cos bens comunais é problema dos comuneiros, o que fixo cos bens de meu pai, e problema noso.

Con todo se impediramos que a Asemblea actuase debidamente, e so servira para que berrásemos os uns cos outros, seria bastante unha convocatoria anual.
Dende logo hai que telos como as bolas de Loreto ou de Cela, para dicir iso. Primeiro, para ter unha soa reunión anual, como ben lle lembrei e na xestoría xa o sabían, en xaneiro había que aprobalo censo e seria nesa entón, onde ten que aprobalo estado de contas ou xa pasariamos a ter que celebrar dúas.

De aquí en diante e a vista da mellora, pensamos que se debía reunir mais frecuentemente.
Dende logo cinismo non lle falta, está dicindo claramente que o motivo de non convocarnos en 11 meses foi un castigo. Acaso foi polo menosprezo e humillación que lles fixo pasar aos comuneiros e comuneiras na asemblea do 1 de xuño de 2008, cando se negou en redondo a explicalo Punto Limpo: http://nebra-nebra.blogspot.com/2008/06/que-vergoa.html

domingo, 3 de maio de 2009

Crónica da asemblea: actualización do censo


Sen pena nin gloria e sen que se pedise votación para aprobalo primeiro punto, pasamos ao segundo. Aclarar que segundo recollen os estatutos, as actas apróbanse coa sinatura dos comuneiros, do secretario e co Visto e Prace do presidente.

O vicepresidente da lectura ó censo e remata afirmando que fora aprobado pola xunta reitora o 30 de abril e que estivera exposto na igrexa.
Suponse que tiña que estar aprobado antes de convocala asemblea ou así se facía cando eu era o secretario e así e como procedería facelo.
Dito censo contiña algúns erros, como que unha comuneira de "toda vida" non estaba engadida, por iso alguén escribiu o seu nome cun bolígrafo. Na asemblea outro comuneiro tamén presentou alegacións por estar excluído e un foráneo que di levando un ano residindo en Nebra, pide a súa inclusión. Outra comuneira inscribiu a unha sobriña.

Un asistente oriúndo de Nebra pediu coñecelas condicións para selo. Segundo os Estatutos, que para o presidente non valen para nada, un foráneo acada a categoría de comuneiro se leva residindo un ano. Un oriúndo pola contra adquírea o día 1 do mes seguinte á súa chegada. Para non perdela condición, despois todos debemos residir como mínimo nove meses ao ano. No caso deste oriúndo, descoñezo se reside agora en Nebra ou a súa pregunta ía derivada por ten unha empresa aquí. Neste último caso houbo un empresario que non adquiriu tal condición.

O vicepresidente para rematar, di que a parte dos erros que houbo, o censo xa estaba actualizado a 30 de abril. Pido a palabra para facer dúas preguntas, pero primeiro afirmo que en xaneiro se tiña que haber convocado unha asemblea para aprobalo, mandalo á Xunta de Galicia antes de maio e que a Xestoría sabia iso.

O vicepresidente responde que xa o mandaran e pregunto como se había mandado? se aínda non se aprobara. A resposta a verdade é que no a entendo, ao dicir que agora se aprobaba unha corrección do 2009.
Insístolle en que o que se tiña que mandar era o que se aprobaba hoxe e responde, que iso era correlativo (sic).
Levoume aos Cerros de Ubeda, ao dicir que este censo non podía ir á Xunta ao haber persoas falecidas. Canso de explicacións sen sentido, explico de novo que tiña que ser aprobado en xaneiro, pero seguiu pechado nas súas e replícame que é o do ano anterior.

Resumindo, porque perdería demasiado tempo explicando todo que pasou e tampouco e cousa de aburrilos. Tódalas comunidades que nos seus estatutos non teñen ningún artigo para actualizalo censo, por Lei teñen obrigación de facelo en xaneiro. Ou o que é o mesmo, de xaneiro a xaneiro.

Isto é o que di a Lei de Montes:
Artigo 60.- Remisión de estatutos.
Dos estatutos remitiranse ó Rexistro Xeral, a través da sección provincial orixinal e copia asinados polo presidente e secretario da xunta reitora; a composición desta tamén se fará constar mediante certificación do libro de actas correspondente, así como certificación de que foron aprobados pola asemblea cos requisitos e formalidades legais. Ós estatutos xuntarase copia autentica do libro de rexistro de comuneiros, que se actualizará  no mes de xaneiro de cada ano
.
Cando un comuneiro inscrito falece neste medio tempo, faise constar no libro e engádese o herdeiro de habelo. O número para o quórum de asistencia non varia, salvo que no houbese.

É o primeiro "rifi rafe" que teño coa directiva. Os seguintes foron no estado de contas, na DISCRIMINACIÓN que pretendían levar a cabo no cuarto punto e nas faltas de respecto do presidente na miña persoa. Unha desconsideración para o cargo que representa e todo motivado ante a acusación que fixen do uso partidista do local no mitin que deu o seu partido no local, mentres o PSdeG-PSOE o tivo que dar nun bar.

Estas son outras historias que merecen as súas propias entradas.

luns, 9 de xuño de 2008

Isto xa clama ao ceo

Convocatoria de Asemblea Extraordinaria sen cumprila Lei e os Estatutos


Onte apareceume na caixa do correo a convocatoria dunha Asemblea Xeral Extraordinaria. A raíz diso, remitín as seguintes preguntas á Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, da que Nebra é membro:

- Pódese convocar asembleas sen os prazos (mínimo 10 días) esixidos pola Lei e no noso caso, tamén polo estatutos?
- A nova convocatoria non tería que convocarse só cos puntos que quedaron sen debater?

Estas foron as respostas:

Esta mensaxe tamén vai dirixida a algúns membros da reitora da Organización para que corrixan os erros que poida eu comentar ou enche-los ocos.
1º.– Penso que os 10 días de prazo non son para que a reitora asine a convocatoria senón para que os comuneiros a reciban nun prazo maior deses dez días. Non hai na Lei e no Regulamenta de MVMC nada que fale de alixeira-lo prazo.
2º.- A Asemblea ordinaria ten que tratar os temas establecidos por Lei: Contas e eu diría que os Presupostos. Se se suspende a Asemblea puidera se optar por non facer Asemblea, facela para debate-los asuntos non tratados na anterior ou tamén para ver outros distintos. Que eu saiba iso non esta regulado.
Non sei se terei atinado. Se non é así dimo.
Saúde, pola Organización Galega de CMVMC: Celso Milleiro Fariñas

Como se pode comprobar, a convocatoria incumpre o prazo legal de aviso, pero é que hoxe no Concello comprobei que foi selada o día 6, fóra do horario de atención ao público. Por asuntos particulares estivera alí o venres e só estaba exposta a anterior, que tamén fora selada fora de prazo (a dia 24 de maio, sábado, entregóuseme o luns 26 e a asemblea celebrouse o 1 de xuño)

A cousa non acaba aquí, hoxe un vocal tamén me comunicou que a eles os convocaron a unha xuntanza urxente que tiveron onte, para informalos i entregarlles en man a convocatoria. O que faltaba, nin tan sequera está convocada pola Xunta Reitora, se non, mentres non se demostre o contrario, só polo presidente.

Vexan o que din os estatutos: "Con carácter extraordinario, podrá convocarse Asamblea General a iniciativa de la Junta Rectora o a petición de un mínimo del 20% de comuneros".

Sobran as palabras, como sobra toda "letania" que nos regala o presidente, que para un que non estivese presente na asemblea, dálle a entender que foron os comuneiros e comuneiras os que faltaron ao respecto á directiva, cando foi todo o contrario. Tampouco sei a conto de que ben facer referencia ao cura.

Se se celebra a asemblea e acode a maioría dos que estiveran presentes, agardo que a súa memoria non sexa tan fráxil i esixan unha rectificación pública e por escrito.

Pódese cometer nunha convocatoria tal número de despropósitos?

Nunca se saberá, pero coido que xente allea á comunidade "obrigou" a convocala.

mércores, 28 de maio de 2008

Xa temos convocatoria para o 1 de xuño


Lamento dicir que a convocatoria máis que unha orde do día, parece unha reprimenda aos comuneiros e comuneiras e o que é máis importante, enriba de que está mal planteada, ao contrario de cando eu era o secretario, non se abre o local nos dez días previos a asemblea, para que os comuneiros ou comuneiras poidamos ollala documentación tal é como di a Lei de Montes.

Obviando que no segundo, terceiro e cuarto punto se omite o requisito imprescindible de: aprobación se procede, encontrámonos cun quinto punto que é un verdadeiro galimatías.

Vexamos:
Estou totalmente de acordo que os informes da mancomunidade, parcelaria e o polígono, só son iso, información sobre eses asuntos, polo que nada teño que dicir.

Cuadrilla: Isto é distinto, se entende que ao igual que outros anos se vai creala, polo que obrigatoriamente tiña que ir nun único punto, salvo que se pretenda informar que este ano non se vai crear.

Edición do libro: Descoñezo de que se trata, salvo que sexa un novo libro que pretende editar un ex-presidente con fondos comunitarios. Neste caso, tamén tería que ir nun único punto.

Non teño nada que dicir á edición dese libro, pero pregúntome cal é o motivo de que a min me sigan negando os cartos que me custou recuperar no Xulgado o soar para comunidade, e grazas ao cal, hoxe podemos telo local.
Gastos que por Lei me corresponden e que incluso aínda que non fose necesario, me foron aprobados fai anos nunha asemblea e porque ante ese caso, todos preferiron agachala orella antes que pedir responsabilidades.

Pasemos á reprimenda aos comuneiros e comuneiras.

- As asembleas non valen sen a xente bastante (quórum), pero Nebra non vai avante se non facemos algo tódolos dias.
Está visto que o quórum aplicase cando interesa. Como o presidente non estaba de acordo en que a comunidade sufragase parte dos bancos da Igrexa, aproveitou por 2 veces a falta de quórum para suspendelas asembleas, sen embargo cando se auto proclamou secretario, tampouco houbo quórum, pero fixo valer a súa.
Para que Nebra vaia avante é necesario presentar plans de aproveitamentos e alternativas aos comuneiros. A raíz dos incendios de 2006, os comuneiros decidimos menos que nunca sobre o noso monte.

-Esta confundido quen crea que unha Comunidade Veciñal só funciona e actua nas asembleas.
A verdade é que non sei por onde empezar, ata o de agora sabía que as comunidades só funcionaban por medio da Xunta Reitora e Asembleas Xerais, descoñezo onde sacaron esa presunta norma.

- Unha asemblea debe coñecer o que se fixo e o que se fará.
Totalmente de acordo, sempre que o que se fixo e fará, fose previamente aprobada pola Xunta Reitora ou de ser preciso, pola Asemblea Xeral, nunca a dedo ou exclusivamente por algún directivo como se deron varios casos.

- Endereitando o que non se fixo ben.
Cómo se pode endereitalo atropelo que presuntamente se fixo coa pista aberta en propiedades privadas e sen permiso ou consentimento dos seus lexítimos donos?

-Discutindo o que se vai facer.
Será falando o que se vai facer. Isto calquera comuneiro o sabe, salvo polo visto eles, posto que son moitos os temas que non se presentan para poder debatelos nas asembleas, e sen embargo, despois encontrámonos con cousas feitas sen saber se foron aprobadas pola Xunta Reitora, a Xunta de Galicia ou algún directivo.

- Máis unha discusión interesante e produtiva non se pode realizar nun grupo numeroso de persoas.
Isto da en pensar que se puidesen facer o mesmo que fan os partidos políticos, obrigaríannos a delegar a 10 ou 15 comuneiros nun só, porque se non, non se entenden isto.
Saben que estatutariamente e como non podía ser menos, así o recoñecen, que para poder celebrar as asembleas, debemos estar presentes o 30% do censo de comuneiros, que anda polos 79 asistentes.

- Así, as reunións da Asemblea, que debemos facer áxiles.
Non fai falla que diga quen é o único culpable de que as asembleas non sexa áxiles e que duren preto de 3 horas con só 3 ou 4 puntos, algúns de mero trámite.

-Máis é fundamental que a Asemblea decida e organice os labores diarios.
Na teórica todo moi ben, na practica como todos saben, nada de nada.

- Hai que saber que, oficialmente, ORDINARIAMENTE, é obrigatorio facer unha asemblea ao ano.
Coido que calquera comuneiro sabe isto perfectamente e penso que é unha falta -na miña apreciación- á nosa intelixencia.

- EXTRAORDINARIAMENTE, é posible convocar outras, aínda que non é NECESARIO.
Se non fosen necesario, por qué se contemplan na Lei e nos Estatutos?
As Asembleas Extraordinarias son necesarias sempre e cando se dan unha serie de requisitos, e son o medio de información aos comuneiros, nunca o foi un panfleto político como se fixo por parte do BNG e do que é militante o presidente. Isto e algo que ata o de agora ninguén fixo.

- Para que a xente, quen queira, sinale o rumbo connosco. Nesa reunión concretamos os encargos dos veciños, e aí os veciños son fundamentais.
Esas reunións son unha toma de contacto, a efectos legais non existen nin na Lei nin nos Estatutos e non serven para decidir ou aprobar actos comunitarios que obrigatoriamente deben pasar pola Xunta Reitora ou se é o caso, pola Asemblea Xeral.

Non quixera pasar por alto que despois de alcanzar vellas reivindicacións por parte dos comuneiros que se deron mentres fun o secretario, como era a publicación de toda información susceptible de publicar nos lugares de costume e no único taboleiro de anuncios pertecente á comunidade, se deixase de facer, agas os balances de contas.

- Por qué motivo despois de varios anos facéndose, non se expón o censo que se vai aprobar?
- Por qué se deixou de expolas actas?