Amosando publicacións coa etiqueta censo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta censo. Amosar todas as publicacións

martes, 17 de marzo de 2015

Por que non actúa a Consellería do Medio Rural e do Mar en Nebra?

Se as Comunidades de Montes manexan fondos públicos en: peches gandeiros, plantacións, limpeza do mato e antigamente coas cuadrillas contraincendios, como a Xunta non actúa de oficio cando algunha xunta reitora, como pasa coa nosa, non cumpre co seu cometido?

Tódolos anos as Comunidades temos que aprobalo censo, coas súas baixas e altas e logo o secretario, ten o deber inescusable de remitirllo á Consellería. Caso de non facelo esta ten o deber de reclámalo.

Se o último que se someteu a votación foi o 13 de maio de 2012. Por que este cómplice silencio?

Vamos camiño de 2 anos sen celebrar unha Asemblea, e sabemos que co tema do porcos presuntamente están recibindo fondos da Consellería do Medio Rural, xa venderon 2 partidas e fíxose con eles unha exaltación, na que os comuneiros e forasteiros pagamos o mesmo e logo parece que fixeron comidas privadas, que non cuestiono, porén si a onde foron parar os cartos da súa venda, xa que desde o 13 de maio, non temos constancia dos fondos que recibimos da Xunta, que beneficios xerou esa degustación e canto ingresamos polas cortas e rareas que fixeron.

Neste último suposto sei porque a Consellería non se entremete. Porén que pasa co censo e a onde van parar eses fondos públicos? Se a todo iso lle sumamos a paralice total da Comunidade, sen reunións da Xunta Reitora e sen Asembleas, aínda se entende moito menos.

Por que pola contra si intervén nas confrarías, onde non se celebraban asembleas ou eleccións? Porque esta é outra este impostor leva 2 anos ilegalmente no cargo.

La Voz de Galicia: A Garda Civil detén ao expatrón maior de Cabo de Cruz

mércores, 21 de decembro de 2011

Entraran en razón algún día?

Documento modificado do orixinal
Como poden ollar na entrada anterior, o pasado 19 de xuño aprobamos o censo de comuneiros a pesar de que cando exercín de secretario, informei a tódolos membros da xunta reitora, especialmente ao presidente, de que por lei tíñase que aprobar sempre no mes de xaneiro. Dende que me expulsou non só cumpre esta obriga, se non qué, en cada asemblea que se debate, polo xeral no mes de maio «este ano atrasouna porque primeiro eran as eleccións municipais», cando llo lembraba, non me pregunten como, pero sempre lograba que os comuneiros e comuneiras lle creesen as súas propias mentiras.

Así foi como nesta última, xa canso de falar para as paredes, nin me inscribín, nin fixen uso da palabra, como dicía Castelao, prefiro que sexan outros os que pensan que chove, cando mexan por eles. E mira que o teñen doado para saber se lles toman o pelo: esixirlle que dea lectura ao artigo 60 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro.

Artigo 60.- Informe anual.
Dos estatutos remitiranse ó Rexistro Xeral, a través da sección provincial, orixinal asinados polo presidente e secretario da xunta reitora; a composición desta, tamén se fará constar mediante certificación do libro de actas correspondente, así como certificación de que foron aprobados pola asemblea cos requisitos e formalidades legais. Ós estatutos xuntarase copia auténtica do libro rexistro de comuneiros, que se actualizará no mes de xaneiro de cada ano.

Isto é nin máis nin menos o que esta facendo unha xunta reitora, para min exemplar, como é a que rexe nestes intres a Comunidade de Montes de San Pedro de Muro.
Como cada ano, na ASEMBLEA a celebrar no mes de xaneiro, apróbase a actualización do censo de comuneiros/as. Esta actualización consiste en:

Darse de alta: aquelas persoas que queiran formar parte desta Comunidade de Montes e reúnan os requisitos establecidos nos Estatutos
Darse de baixa: aquelas persoas que queiran deixar de formar parte desta Comunidade de Montes ou deixen de reunir os requisitos establecidos nos Estatutos
Cambio de titularidade: Dentro da mesma casa, o/a comuneiro/a cédelle o cargo de representación a outro/a membro da familia.

De verse nalgunha destas situacións hai que cumprimentar a Ficha de altas, baixas e cambios de titularidade para o 2012 e facérnola chegar a calquera dos membros da directiva antes do 15 de xaneiro de 2012.

domingo, 8 de maio de 2011

Nin apostas se pode facer peor

Por terceiro ano consecutivo, o presidente, en teoría, tivo que entregar antes do 30 de abril na Consellería do Medio Rural o censo do ano en curso... que a estas alturas de maio aínda non foi sometido ante a asemblea xeral para a súa aprobación.

Levo tres anos tentando explicar como e cando se debe facer, pero porque un fato de comuneiras e comuneiros -os menos- que ven crítica onde só hai información veraz e por iso fan moito ruído, conseguen que a maioría opte por calar, aínda que teñan que comungar con rodas de muíño. A todo isto, Medio Rural tamén debe pasar de todo, porque xunto co censo a xunta reitora debe remitirlle certificación da acta da asemblea onde foi aprobado, e sempre foron entregados antes de celebrarse as asembleas. Polo que está máis que claro, que censo que non fose aprobado antes pola asemblea xeral, non debería ser admitido pola Xunta.

Para que vexan que non son gañas de mareala perdiz, fágome eco da comunicación remitida no mes de decembro, vía web, por esta comunidade veciña aos seus representados. Comunidade que como a nosa, esta na Mancomunidade de Montes de Serra do Barbanza e na Organización Galega de Comunidades de Montes, polo que descoñezo porque que uns directivos respectan máis aos seus representados, que outros.
Ábrese o prazo de actualización do censo de comuneiras e comuneiros da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de... San Pedro de Muro

Conforme ao previsto no artigo 60 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 1371989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común; no mes de xaneiro de cada ano debe actualizarse o libro de rexistro de comuneiros/as.

O impreso de altas, baixas e cambio de titularidade pode deixalo quedar na casa da cultura da nosa parroquia, de luns a venres en horario de tarde. Pasaremos a recollelos quince días antes da asemblea.
Pero é que aínda hai máis. Neses anos "enganouse" aos comuneiros e comuneiras dicíndolles que o remitiran despois de aprobalos a xunta reitora, cando se ollamos os estatutos, desmenten a súa mentira:

Art. 8º.- Corresponde a la Asamblea General:
- La ratificación o revisión de las admisiones y bajas practicadas anualmente, con caracter provisional, por la Junta Rectora.
Art. 10º.- Son funciones de la Junta Rectora:
- La elaboración anual del censo de comuneros con expresión de altas y bajas, sin perjuicio de la aprobación definitiva por la Asamblea General.

Esta vez descoñezo que desculpan van poñer, porque segundo me comentaron varios vogais, nun ano só tiveron unha reunión da xunta reitora e neste, aínda ningunha. O que os leva a incumprir outro artigo dos estatutos:

Art. 9º.- La Junta Rectora se constituirá válidamente, previa convocatoria del Presidente  o a petición del 25% de sus componentes, con la asistencia de la mitad más uno e sus miembros. Necesariamente habrá de reunirse una vez cada dos meses...

A todo isto, descoñezo se ese censo que esta exposto na porta do local é o aprobado o ano pasado, ou presuntamente o deste.

Antes dixen:
Incumprindo a Lei e os Estatutos
Incumprindo a Lei de Montes
O descoñecemento da Lei non exime do seu cumprimento

mércores, 2 de febreiro de 2011

Rexémonos pola mesma Lei?

Nesta ocasión non é preciso que teña que saír do Concello para amosarlles as distintas formas de xestionar unha comunidade. É sabido e así o reflicte a Lei de Montes, que o censo de comuneiros debe actualizarse no mes de xaneiro, aínda que o presidente cando lle reclamei ese cumprimento me tentase vacilar.

Digo que o seu quedou nun intento, aínda que en realidade os vacilados foron os comuneiros e comuneiras, porque el dispón dunha copia da lei que aportei persoalmente cando tomei posesión coma secretario e polo tanto mellor, que eles, sabía que eu non mentía. Vexan se non, o debate que recollín nesta entrada: Sen comentarios

«Francisco Calo pide que conste en acta que a lei de montes di que a actualización do censo debe facerse antes do 31 de xaneiro.

Argumenta a continuación o vicepresidente, que se decidiu actualizalo censo na primeira asemblea do 2009 (3 de maio) porque de non facelo así, a xente non podería coñecer nin aprobar as novidades de baixas e altas, e a directiva só podería publicar a relación de veciñas e veciños do ano anterior.

Engade ademais o presidente, que non sabe a que lei fai referencia o comuneiro, aínda que en calquera caso considera axustado é lóxico o exposto polo vicepresidente».

Copio e pego literalmente: Conforme ao previsto no artigo 60 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común; no mes de xaneiro de cada ano debe actualizarse o libro de rexistro de comuneiros/as.
O impreso de altas, baixas e cambio de titularidade pode deixalo quedar na casa da cultura da nosa parroquia, de luns a venres en horario de tarde. Pasaremos a recollelos quince días antes da asemblea.

Como ben sendo habitual nas nosas asembleas, tomamos lista de asistencia para verificar o quórum e poder celebrar a sesión. Malia que a asistencia sexa obrigatoria para todas aquelas persoas comuneiras que voluntariamente decidiron formar parte desta Comunidade, raramente superamos unha asistencia do 50%. Situación certamente desconcertante para os/as membros da actual directiva xa que hai a posibilidade de que, en caso de que unha persoa comuneira non poida asistir á asemblea, pode facelo o seu suplente (residente na mesma casa) e tamén, de non poder asistir ningunha destas dúas persoas, o/a comuneiro/a pode delegar a súa representación por escrito en calquera outro/a comuneiro/a da súa confianza.

Non se pode recorrer á falta de información xa que a convocatoria das asembleas publícase no taboleiro de anuncios do noso concello; envíase carta á casa de cada unha das persoas comuneiras; colócanse carteis nos establecementos da parroquia e; informase ademais a través de correo-e e desta bitácora.

Por todo isto, decidiuse por unanimidade en asemblea que, as persoas comuneiras que non asistan a tres asembleas consecutivas, perdan automaticamente a condición de comuneiro/a. Desta volta (na vindeira asemblea), deixan de formar parte desta comunidade nada menos que 35 persoas por este motivo.

Esta é unha comunidade viva, que traballa, aprende, discute, comparte, … sempre a prol do común e grazas á implicación das veciñas e veciños de San Pedro de Muro. Así debe ser; isto é comunidade!
Outra cousa na que están a anos luz é que mentres aquí o ano pasado só convocaron unha asemblea, alí celebraron tres. Ademais do aliciente de que días despois os comuneiros e comuneiras tiveron ao seu dispor un resumo da asemblea. Aquí disque no fan porque presuntamente algúns comuneiros queixáronselle. Sería na taberna, porque nas asembleas reclamóuselles ese dereito.
Febreiro, 03: Convocatoria Asemblea Xeral Ordinaria (febreiro´10)
Febreiro, 13: Resumo da Asemblea

Xuño, 26: Convocatoria Asemblea Xeral Ordinaria (xuño´10)
Xuño, 28: Resumo da Asemblea

Outubro, 31: Convocatoria Asemblea Xeral Extraordinaria (outubro’10)
Novembro, 01: Resumo da Asemblea

Xaneiro, 21: Convocatoria Asemblea Xeral Ordinaria (xaneiro´11)

venres, 21 de maio de 2010

Censo e Maquiavelo

Resumo da asemblea. Segundo punto: Actualización do censo.

Despois de dar lectura ao censo, o vicepresidente explicou que este quedaba composto por douscentos cincuenta e un comuneiros e comuneiras «251», pero errou nas porcentaxes do quórum de asistencia e notase que non coñece ou non mirou os Estatutos, todo o contrario á Lei, que si parece coñecela mellor.

Tal e como afirmou, para poder celebralas asembleas en primeira convocatoria é necesario a presenza da metade do censo máis un, cento vinteseis «126». Sen embargo trabucouse ao afirmar que para celebralas en segunda convocatoria, chegaba coa presenza de setenta e oito «78», cando a realidade é que son tres menos: 251 X 30% : 100 = 75,3. Ou o que é o mesmo, setenta e seis «76».

Onde cometeu un erro moito máis grave foi ao afirmar que para puntos irrelevantes chegaba coa presenza do 25% de asistentes, iso é o que di a Lei de Montes, pero non os Estatutos, que esixen para «cualesquiera acuerdos» sempre a presenza do 30%. Neste caso prevalecen os Estatutos sobre a Lei, outra cousa seria que rebaixasen a porcentaxe por debaixo do 25%, entón prevalecería a Lei.

Convén lembrar que cando foron aprobados o 18 de xullo de 1993, ao detectar ese e outros erros, varios comuneiros solicitamos a súa revogación avalados por máis do 20% de sinaturas do censo, pero non se nos fixo caso e por outra parte, cando formei a candidatura volvín a insistir no tema. Tanto daquela como agora estiveron a ve-las vir, polo que tócalle "tragalos", gústelles ou non.

De seguido douse o estado de contas e produciuse un debate estéril pola representación da comunidade que participou na comida homenaxe ao padre López Calo, que ascendeu a cen euros. Aínda que non dixeron os nomes dos que asistiron, nin porque na última asemblea non se informou diso, cando era sabido que dende setembro-outubro se estaba fraguando.

Ao remate volve a tomala palabra o vicepresidente para explicar que quería aclarar unha cousa, di que o censo estivo exposto todo mes de xaneiro ata mediados febreiro e que no aprobaron antes por diversas circunstancias e porque ao haber falecementos, había que sacalos nomes [sic]. Pero o que menos me esperaba era esta matización:
«digo isto por se a alguén se-lle ocorre unha idea maquiavélica».
De seguido intervén o presidente para dicir que, tanto as contas coma o censo teríao que haber presentado antes e que pedía desculpas. Isto é incrible, o vicepresidente fala de ideas maquiavélicas e o presidente, recoñece o error, tómannos por parvos?

Convén aclarar a todo isto que o presidente da unha de cal e outra de area. É certo que o censo teríao que haber aprobado en xaneiro tal e como afirmei en varias entradas, pero no tema das contas errou, porque estas dánse dentro dos seis meses ao peche do exercicio económico, ou o que é o mesmo, tiña ata o 30 de xuño de prazo.

Con respecto ao censo non serei eu quen negue se estivo exposto ou non, pero das varias veces que pasei polo local, no taboleiro e na porta de entrada non estaba. Na Igrexa tampouco me coincidiu ve-lo e non podo aseguralo mesmo nos bares, xa que non adoito entrar moito. Iso si, de habelo visto haberíalle feito unha copia.

A retranca é un don especial dalgunha xente e non vexo a estes reitores, moi proclives a posúela. Repito por enésima vez, o censo segundo o Decreto da Lei de Montes, cumpre aprobalo no mes de xaneiro e hai que entregalo en Medio rural antes do primeiro de maio. Con isto quero dicir alto e claro, que aquí os únicos maquiavélicos que hai son eles, xa que por se alguén o dubidaba, esa frase ía dirixida a min, pero non caín no erro de responderlles. A palabras necias, oídos xordos.

Por certo, a foto é o interior do forno que poden ollar na entrada precedente.

martes, 11 de maio de 2010

O descoñecemento da Lei non exime do seu cumprimento

TÍTULO III
DA ORGANIZACIÓN DAS COMUNIDADES
4. A convocatoria de Asemblea xeral farase cun mínimo de dez días de antelación, mediante notificación escrita a todos os comuneiros e coa orde do día dos asuntos a tratar, e estará exposta durante o mesmo prazo nos taboleiros de anuncios do Concello, así como nos lugares de costume da entidade onde radique a comunidade.
Por enésima vez e a pesar das veces que se-lle informou cal é a forma correcta de facelo, o presidente volve a incumprila vixente Lei de Montes e os Estatutos da Comunidade, ao entregarnos outra convocatoria fora de prazo. A Lei é ben clara, pero o único sitio onde a acata é no Concello. ¿Por qué entón esta falta de respecto a quen di representar?.

Dubido por onde comezar, pero tereino que facer polo principio. Isto máis que unha convocatoria de asemblea ordinaria, polos puntos a tratar parece máis ben unha extraordinaria á que-lle engadiu a típica nota de parvulario ás que xa nos ten acostumado, pero segue sen elaborar e presentar un presuposto anual, para poder te-las mans libres de como e onde gastalos nosos fondos. Isto significa que presuntamente 20 comuneiros/as «só catro foron reelixidos legalmente», manexan eses fondos e os restantes «sobre 250» só somos meras marionetas, cando é sabido que as asembleas naceron para facilitar a participación democrática do pobo nas decisións que podían afectarlles. Que algún partido suprimise as súas, non quere dicir que nas comunidades de montes de momento isto se poida facer.

Insiste en actualizalo censo a mediados de maio, cando sabe perfectamente que o prazo para entregalo na Consellería rematou o 30 de abril, ou iso foi o que nos dixeron no seu día. A Lei en canto a súa actualización tamén é clara: «...libro do rexistro de comuneiros, que se actualizará no mes de xaneiro de cada ano».
Supoño que se alguén intentase facer algunha pregunta, as respostas serán incongruentes como as do ano pasado, e xustificándose dicindo que xa o remitiran. Si, pero o que aprobamos o ano pasado.

A nota de parvulario
Critica por primeira vez á Consellería, todo o contrario do que fixo antes, que incluso non comunicou que nos retiraban unha subvención tralo desastre de 2006 e por último, sementa dúbidas entre os comuneiros e comuneiras, criticándonos sen dar nomes. Seremos moitos ou só vai por min?.

Non se pode estar á misa e repicalas campás
«A xulgar polo texto que publicou, parece que a Consellería busca que as comunidades Veciñais nos poñamos fóra, e subcontratemos á empresas as labouras das brigadas parroquiais: nós cremos que a veciñanza debe ser quen traballe no monte comunal, máis a asemblea determinará o que considere mellor».
Supoño que ese «texto» ao que se refire é o DOGA publicado o 12 de abril, do que me fixen eco apupando a boa nova da Consellería, pola súa rebaixa nas Has. para poder acollerse á subvención. Sigo varias blogues e a páxina da ORGACCMM, e ninguén menciona nada diso. Só nunha, tal vez por descoñecemento, aludía con certa retranca, que a Consellería confundía Galicia con Castela. Aínda que un par de días despois modificou a información e suprimiu ese comentario.

Acabo de "chuparme" toda información relativa á orde e non atopo ningún dato que faga mención ao que crítica o presidente. Pola contra si vin que o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación e nós aínda vamos debater se nos acollemos ou non, o dezaseis... co prazo rematado!!!
Polo tanto, ou presenta a documentación antes do domingo ou non valerá de nada que aprobemos o punto. Pero hai máis, para solicitala tería que axuntar: e) Certificado tomado en asemblea xeral, asinado polo secretario, conforme autorizan o solicitante a pedir subvencións á Consellería do Medio Rural, para a execución das accións obxecto da solicitude.

Sen pasar do mesmo parágrafo e supoñendo que tivese razón. Estaría chamándonos á insurrección contra Consellería?. Agardo que a xente non caia nese xogo.

«Trataremos outros moitos asuntos, importantes tamén». Se tan importantes son, o normal é que os engada nun punto, tratados fora da orde do día son irrelevantes, xa que legalmente non se pode aprobar nada, aínda que coñecendo ben, de que me estraño!!!.

Que bonito queda no papel: «invitar a todo o mundo a que fale, discuta e critique». Para iso ten que haber un presidente que poña orde e no no hai. É unha mágoa que ás asembleas non poidan acudir periodistas ou as televisións, se aos plenos do Concello os catalogan como circos, aquí non atoparían cualificativos e seguro que teriamos máis audiencia que calquera "Talk Show".

«Non beneficia á parroquia quen di só que esta directiva non serve». Persoalmente non me sinto identificado, pero si por un casual tamén estivese engadido ao paquete, estou farto "enseñar al que no sabe" e logo facer o que-lle pete. Por outra parte, coma comuneiro teño todo dereito a expresarme libremente neste blogue, sempre cando non-lle falte ao respecto a ningún reitor, xa que nas asembleas ese dereito se me restrinxe e vulnera.

domingo, 17 de maio de 2009

Sen comentarios

Despois de todo o que relatei nas entradas pasadas encol da asemblea do 3 de maio, resulta que non falei nada... ben, convén matizar que o de "non falar" é o que reflexa a acta, así como tampouco reflexa algunhas graves acusacións verquidas polos directivos contra cuadrilla de traballo do ano pasado que, inquiridos por elas nesta asemblea, alegan que non dixeron ou non lembran habela dito.

Isto é todo o que consta da miña intervención no debate e aprobación do censo e as supostas respostas recibidas:
«Francisco Calo pide que conste en acta que a lei de montes di que a actualización do censo debe facerse antes do 31 de xaneiro.
Argumenta a continuación o vicepresidente, que se decidiu actualizalo censo na primeira asemblea do 2009, porque de non facelo así, a xente non podería coñecer nin aprobar as novidades de baixas e altas, e a directiva só podería publicar a relación de veciñas e veciños do ano anterior.
Engade ademais o presidente, que non sabe a que lei fai referencia o comuneiro, aínda que en calquera caso considera axustado é lóxico o exposto polo vicepresidente».
É problema do secretario que se deixe “mangonear” e permita que lle redacte as actas un “negro”. Debería ser consciente que falsealas é un delito grave e o que fai ese "traballo" por razóns obvias, despois non vai dala cara por el.

Se o vicepresidente non dixo nin remotamente nada diso e o presidente nin abriu a boca nese punto, como é posible que faga constar esas falsidades? Isto foi o que dixo o vicepresidente Crónica da asemblea: actualización do censo

Outra cousa seria que cos mesmos argumentos, el, como secretario, emitise un informe aínda que estivese errado, pero poñer de boca de directivos ou comuneiras/os cousas que non se din nas asembleas, non é ético nin profesional.

Isto non nos pasaban dende que estiveron ao fronte da comunidade directivas de dereitas, pero volvo a insistir, pouca diferenza encontro entre aquelas i esta presidida por un nacionalista.

Como agora consta o que consta e non penso impugnala, engadir polo tanto que o presidente ben sabe que non falaba da "lei dos morosos," por poñer un exemplo, senón, da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da citada Lei.

Outra cosa é que argumentase ignorar a que artigo me refería, pero para iso somos socios da ORGACCMM, da Mancomunidade Serra do Barbanza, que o poden asesorar se non sabe.

Tamén e así como para cousas irrelevantes pediu informes á Xunta de Galicia, neste caso tamén o podía facer. Por qué no fixo? Porque ante as/os comuneiras/os veríase obrigado a darme a razón e a Xunta descubriría que o censo que lle remitiron é o do ano 2008 e non o do 200, como correspondería.

É moito mellor aproveitarse do seu "status" e facerse máis crible, contando mentiras aos que comulgan con rodas de muíño.

O curioso e que mentres lle daba lectura ao artigo 60, estaba mirando ensimesmado uns papeis, que recoñecín como a copia do Decreto da Lei de Montes (copia que engadín persoalmente ao arquivo da comunidade e que recoñezo perfectamente por un pequeno defecto).

Ao rematar de darlle lectura ao artigo que curiosamente esta recollido no citado Decreto, afirmo que non falaba nas asembleas por falar e aínda que se había dito que fora culpa da xestoría, esta negaramo, sabían que había que aprobalo en xaneiro e que o que se mandara á Xunta era o do ano pasado.

Continuara...

domingo, 3 de maio de 2009

Crónica da asemblea: actualización do censo


Sen pena nin gloria e sen que se pedise votación para aprobalo primeiro punto, pasamos ao segundo. Aclarar que segundo recollen os estatutos, as actas apróbanse coa sinatura dos comuneiros, do secretario e co Visto e Prace do presidente.

O vicepresidente da lectura ó censo e remata afirmando que fora aprobado pola xunta reitora o 30 de abril e que estivera exposto na igrexa.
Suponse que tiña que estar aprobado antes de convocala asemblea ou así se facía cando eu era o secretario e así e como procedería facelo.
Dito censo contiña algúns erros, como que unha comuneira de "toda vida" non estaba engadida, por iso alguén escribiu o seu nome cun bolígrafo. Na asemblea outro comuneiro tamén presentou alegacións por estar excluído e un foráneo que di levando un ano residindo en Nebra, pide a súa inclusión. Outra comuneira inscribiu a unha sobriña.

Un asistente oriúndo de Nebra pediu coñecelas condicións para selo. Segundo os Estatutos, que para o presidente non valen para nada, un foráneo acada a categoría de comuneiro se leva residindo un ano. Un oriúndo pola contra adquírea o día 1 do mes seguinte á súa chegada. Para non perdela condición, despois todos debemos residir como mínimo nove meses ao ano. No caso deste oriúndo, descoñezo se reside agora en Nebra ou a súa pregunta ía derivada por ten unha empresa aquí. Neste último caso houbo un empresario que non adquiriu tal condición.

O vicepresidente para rematar, di que a parte dos erros que houbo, o censo xa estaba actualizado a 30 de abril. Pido a palabra para facer dúas preguntas, pero primeiro afirmo que en xaneiro se tiña que haber convocado unha asemblea para aprobalo, mandalo á Xunta de Galicia antes de maio e que a Xestoría sabia iso.

O vicepresidente responde que xa o mandaran e pregunto como se había mandado? se aínda non se aprobara. A resposta a verdade é que no a entendo, ao dicir que agora se aprobaba unha corrección do 2009.
Insístolle en que o que se tiña que mandar era o que se aprobaba hoxe e responde, que iso era correlativo (sic).
Levoume aos Cerros de Ubeda, ao dicir que este censo non podía ir á Xunta ao haber persoas falecidas. Canso de explicacións sen sentido, explico de novo que tiña que ser aprobado en xaneiro, pero seguiu pechado nas súas e replícame que é o do ano anterior.

Resumindo, porque perdería demasiado tempo explicando todo que pasou e tampouco e cousa de aburrilos. Tódalas comunidades que nos seus estatutos non teñen ningún artigo para actualizalo censo, por Lei teñen obrigación de facelo en xaneiro. Ou o que é o mesmo, de xaneiro a xaneiro.

Isto é o que di a Lei de Montes:
Artigo 60.- Remisión de estatutos.
Dos estatutos remitiranse ó Rexistro Xeral, a través da sección provincial orixinal e copia asinados polo presidente e secretario da xunta reitora; a composición desta tamén se fará constar mediante certificación do libro de actas correspondente, así como certificación de que foron aprobados pola asemblea cos requisitos e formalidades legais. Ós estatutos xuntarase copia autentica do libro de rexistro de comuneiros, que se actualizará  no mes de xaneiro de cada ano
.
Cando un comuneiro inscrito falece neste medio tempo, faise constar no libro e engádese o herdeiro de habelo. O número para o quórum de asistencia non varia, salvo que no houbese.

É o primeiro "rifi rafe" que teño coa directiva. Os seguintes foron no estado de contas, na DISCRIMINACIÓN que pretendían levar a cabo no cuarto punto e nas faltas de respecto do presidente na miña persoa. Unha desconsideración para o cargo que representa e todo motivado ante a acusación que fixen do uso partidista do local no mitin que deu o seu partido no local, mentres o PSdeG-PSOE o tivo que dar nun bar.

Estas son outras historias que merecen as súas propias entradas.