Amosando publicacións coa etiqueta Actas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Actas. Amosar todas as publicacións

domingo, 5 de novembro de 2017

A Lei de montes é ben clara: Un comuneiro un cargo... agás en Nebra

Certificado para unha subvención coas dúas sinaturas; e documento da xestoría
 xustificando a dualidade de cargo na figura de presidente e secretario
Trala miña expulsión da secretaría o presidente contradicindo a Lei e os Estatutos da Comunidade auto-proclamouse secretario, desa forma redactaba as actas ao seu gusto e como se ve as certificacións, co visto e prace da xestoría que ademais de cobrar ben cando cometía un erro ante facenda a Comunidade víase obrigada a pagala sanción oportuna.

O máis rechamante dese paisano foi que cando un ex-vicepresidente tomou a palabra para dicirlle que non podía ocupar dous cargos fíxoo calar co visto e prace dos presentes recriminándolle que el ocupara o posto de presidente sen ser elixido, algo que eu mesmo nas asembleas lle dicía cominando a convocar eleccións dado que era o único que lles facía algo de "guerra", non quixeron e cando as convocaron a xente xa cansa optou por nós, co resultado final xa coñecido porque foi saír de Guatemala para entrar en Guatepeor.

A súa crítica co que fixo el non é o mesmo nin nada parecido, xa que aquel ante a "desaparición" do presidente asumiu as rendas da Comunidade tal e como contemplaba a Lei e os Estatutos para o cargo do vicepresidente e esas críticas fanse no intre, non cando se ocupa o cargo de presidente, algo moi distinto ao que facía eu por iso me gañei tantas críticas e inimizades, polo analfabetismo da xente en canto a saber defenderse nas asembleas de individuos como ese.

La confianza mata al hombre… y embaraza a la mujer. Les Luthiers.

Se a Consellería consentiu esa cesión foi pola familiaridade entre o ex-conselleiro e o ex-presidente (curmáns), porque a citada Luisa de Medio Rural á que remite a carta a xestoría, ao ser funcionaria seguramente de carreira, non quixo pillarse as mans e obviou a incompatibilidade de cargos.

Igual esa foi a mesma artimaña usada para solicitala subvención para o local social, que xa estaba en construción cando a solicitaron (algo polo que se podía anular a subvención), cando noutras condicións e cumprindo escrupulosamente os requisitos legais fóronnos denegadas, non só a nós, se non a outras comunidades.

«Cando un minte máis do que fala cae na súa propia mentira»

Mentres á concellería por medio da xestoría engánaa mentíndolle claramente con premeditación e aleivosía isto foi o que nos dixo na asemblea, tal e como consata na acta.

Cando alguén fai unha trampa ou falcatrúa sempre se acaba sabendo por algún detalle... neste caso demasiado fragrante.

domingo, 18 de decembro de 2011

Porque o dis ti...

Canso de agardar por se a renovada xunta reitora tería a ben publicala acta da asemblea celebrada o pasado 19 de xuño, unha vez mais terei que publicala miña particular versión. Recapitulemos.

As 20:08 do serán, con oito minutos de atraso, e coa presenza de 98 comuneiros e comuneiras, 2 máis dos esixidos no quórum para segunda chamada, comezou a asemblea na que o señor presidente tentou convencernos «con bastante éxito, por certo, porque ninguén ousou levarlle a contraria», que a tardanza en convocarnos en 13 meses obedeceu a que estaba á espera de que a Xunta de Galicia se pronunciase sobre posibles subvencións e... por culpa das eleccións municipais. Toma Moreno! E quedouse tan pancho.

Despois de dar lectura a acta anterior, como é normal despois de tanto tempo, ninguén se lembrou de que o que pasou nesa asemblea pouco ten que ver co recollido na acta, algo normal, se consideramos que noutras ocasións e como menos espazo de tempo, tampouco se lembran. Outra cousa é que nesa semana se publicase a acta como se fai noutras comunidades e como facía eu, pero iso non interesa, canto mais escurantismo moito mellor.

Segundo punto: O vicepresidente da lectura ao censo e ao remate indica que se produciron algunhas baixas por falecementos e porque os seus familiares non se puxeron en contacto con eles. Tamén indica que se produciron novas incorporacións. De seguido explicou como quedaba o quórum esixible para as próximas asembleas. Para o 50%, para o 30%, ...e para o 25%. Novamente volven á faltar a verdade, porque como xa teño dito, e así llo expliquei no seu día, os nosos estatutos non contemplan esa posibilidade. É unha cuestión de léelos e saber interpretalos e non falar por falar.

Con respecto ás novas incorporacións, na primeira non me quedou ningunha dúbida, xa que o novo comuneiro xunto coa súa dona son oriúndos de Nebra, non pasa o mesmo coa incorporación producida na aldea de Calo. Ao remate da asemblea un comuneiro comunicoume que esa familia non podía ser admitida porque comprara recentemente a casa. Pois ben, como máximo responsable da comunidade o presidente debería saber isto e que os novos comuneiros, salvo os oriúndos, teñen que levar residindo un ano en Nebra antes de poder ser aceptados.

Terceiro punto: Entregouse unha copia do balance anual a todos e o tesoureiro xa pasou de explicalas contas, engadindo unha simpleza: que todo mundo sabia sumar e restar. Nada dixo de se as partidas gastadas foran debatidas e aprobadas previamente pola asemblea xeral ou pola xunta reitora.

Cuarto punto: A escusa para a dimisión do vicepresidente e tesoureiro polo visto era para que se incorporaran á directiva algunhas mulleres «sic». Teño escoitado infinidade de desculpas, pero como esta ningunha, pero se a maioría traga...

Outra cuestión é que o presidente exclúe ao resto de comuneiros e comuneiras para poder ocupar ditas vacantes, aducindo que quere xente da súa «confianza». Agora entendo porque nalgunhas administracións e asociacións entran só os amigos do alcalde, do presidente, etc.

O comuneiro Luís fai unha interpelación por este nomeamento a dedo e porque o presidente non solicita votacións. O vicepresidente dille que non era o máis indicado para intervir, xa que como seu antecesor no cargo e ante a ausencia do presidente, ocupara de xeito irregular dito cargo. Luís contéstalle que ante a ausencia do presidente, el, coma vicepresidente, era o representante legal da comunidade.

O vicepresidente respostalle que dado que o presidente ausentarase máis de tres meses, estaba obrigado estatutariamente a convocar eleccións. Luís indícalle que iso no é verdade. O presidente córtao, espetándolle: Porque o dis ti...

Así a secas, sen tan sequera darlle tempo a unha replica ou como mínimo, como debería ser, cando hai discrepancias, amosarlle en que artigo dos estatutos se baseaban para facer dita acusación, remataron coa discrepancia.

Examinada a Lei de Montes e os Estatutos, nada se fala diso. A cuestión é porque se cala cando se producen esas presuntas irregularidades e se soltan todas xuntas anos despois. Polo menos, no seu día, eu tiven a referencia de dicirlle que ante a falta de oposición regulasen esa situación.

Quinto punto: Aprobase emprender accións xudiciais contra NISSAN porque dende que se comprobou o coche da comunidade, leva rotos tres embragues. Descoñezo a que é debido este feito, pero así como coidamos como ouro en pano as nosas propiedades, tamén debemos esmerar, se cabe mais, as comunitarias. A bo entendedor...

Sexto punto: Dáse conta do acordo con un vogal-gandeiro e co presidente «non especifican cando e onde o aprobaron» polo cal farán uso dos peches gandeiros, poñendo o primeiro varias eguas e o segundo un cabalo semental e froito desa sociedade, doarán unha cría á comunidade. Outro punto que tampouco se votou, quizais para non arriscarse, xa que como denunciei aquí, xa estaban facendo uso dos peches.

Sétimo punto:
Industria do toxo.- Xa perdín a conta das ideas que xurdiron ao longo das lexislaturas polo futuro do noso monte que non levamos á práctica, que esta paréceme que leva o mesmo camiño. Quedaron en invitar a unha empresa para darnos unha charla sobre o aproveitamento do toxo para abonos e medio ano despois, parece que non atoparon día propicio.

Coñezo de primeira man como funciona este sistema gracias a Ramon Lourido, co que departín sobre o seu proxecto xunto con directivos doutras comunidades nunha comida ó remate dunha asemblea da Organización Galega de Comunidades de Montes, e pareceume unha idea a estudar. Daquela parece que a outros non.


Pistas.- Neste punto hai discrepancias dalgúns comuneiros e vogais co presidente por como se acometeu a reparación de varias pistas sen pasar pola xunta reitora ou pola asemblea pero este de novo corta toda discusión aducindo que o que interesa é que están feitas. Tamén engade que as discusións na xunta reitora non foron por ser reparadas sen ser aprobar polos vogais ou incluso por tódolos directivos, se non, por como quedaron «sic». Quédanos a dubida de saber cantos directivos, dos catro, aprobaron entón estes traballos, como o decidiron e con que presupostos contaban.

Unha vez mais o que acontece na nosa comunidade, é un calco do que pasa noutras ou mesmo concellos. Os directivos ou gobernos fan e desfán ó seu antollo. Explícao moi ben na súa conta de facebook este partido político.
“Pretenden que sexamos meros monicreques que vaiamos alí unicamente a levantar a man”, sinalan “algo que non estamos dispostos a admitir porque no Pleno é onde reside a soberanía do pobo”.
Como ben digo xa non fai falla que levantemos as mans, pero as asembleas, mentres non troque a Lei de Montes ou os Estatutos, segue a ser onde reside a soberanía dos comuneiros e comuneiras. Outra cousa é Ditadura, pura e dura.

martes, 2 de agosto de 2011

A que-lles soa?

Cando rematei de ler esta valoración dos amigos de MontePituco, por un intre a miña mente retrocedeu uns anos atrás e en menor medida, á ultima asemblea ordinaria celebrada no mes de maio.
Para non estenderme moito, que xa é longa a nota e iso que é a I parte «estou seguro que a acta como agora acontece aquí, resumirase en medio folio» só engadirei unha pequena pincelada.

Entenden agora o que significa facer asembleas de ano en ano e non publicar as actas? Queren xogar coa vosa memoria e dálles resultado. Estou por asegurar que se-lle preguntan a calquera que estivese na última asemblea, que foi o que se dixo e o que se aprobou? o único que acertará a dicir a maioría é que Jesús da Portuguesa e Luís de Simón falaron moito. Cando Jesús e Luís, coma comuneiros que son, teñen dereito a preguntar sen que ninguén os interpele, nin sequera os directivos mentres están no uso da palabra, e iso, é obrigación do presidente, moderalas asembleas e contestarlle na súa quenda, e se é preciso, presentarlle os documentos nos que se baza e non mentirlles. Porque falar de artigos que non existen nos Estatutos e nin tan sequera na Lei de Monte é MENTIR... aquí e na China.

En Nebra, como seguramente en moitas comunidades, debería haber máis MontePituco e máis aprendices de Xan Montenegro, para que dunha vez por todas, teñamos Democracia Real.
A asemblea ordinaria da Comunidade de Montes de San Xulián celebrada este domingo 31 de xullo foi un cúmulo de despropósitos, de irregularidades e unha absoluta perda de tempo para os intereses dos comuneiros e comuneiras, posto que os informes que alí se expuxeron brillaron pola falta de transparencia, de rigor e só destacaron pola improvisación e a trapallada á que nos ten acostumados a xunta rectora dende hai tempo.

A calquera directivo se lle debería caer a cara de vergoña só con escoitar a primeira frase da lectura da acta da última asemblea, que se celebrou o 27 de decembro de 2009. É dicir, case 20 meses sen dar conta ante a masa social do balance de xestión, dos gastos, dos ingresos. Nada en absoluto.

No capítulo IX “Dos órganos da Comunidade”, o punto 2 do artigo 50 di: “A Asemblea Xeral Ordinaria será convocada UNHA VEZ AO ANO, e sempre dentro dos seis meses seguintes á data do peche do exercicio económico”. O punto 4 dese mesmo artigo 50 engade: “A convocatoria da Asemblea Xeral farase cun mínimo de 10 días de antelación , mediante notificación escrita a todos os Comuneros, e coa orde do día dos asuntos que se van tratar, e estará exposta durante o mesmo prazo no tablón de anuncios do Concello”.

En todo o ano 2010 non houbo ningunha asemblea ordinaria para tratar asuntos de índole funcional nin económica. A convocatoria desta asemblea non foi notificada individualmente aos membros da comunidade e as únicas formas de dar a coñecer a súa celebración foron un cartel pegado nalgúns paneis informativos dende o domingo anterior, como moi pronto, e unha megafonía que durante o domingo pola mañá percorreu fugazmente a parroquia. Nin a carta correspondente, nin un anuncio na prensa local, e a preceptiva notificación en dependencias municipais é probable que tampouco se cumprira.

Máis incumprimentos: no mesmo capítulo IX “Dos órganos de goberno”, referido a Asemblea Xeral de Comuneros, o apartado segundo do artigo 55 apunta: “Para a aprobación da xestión e do balance do exercicio económico, aproveitamentos e actos de administración en xeral, será suficiente co voto favorable da maioría dos presentes, QUE REPRESENTE AO MENOS O 50% do Censo de Comuneiros en primeira convocatoria, e o 25% en segunda”. O presidente da Comunidade de Montes de San Xulián afirmou durante a xuntanza que no censo figuran 532 persoas. No salón de actos da Casa de Montes de San Xulián, o 31 de xullo de 2011 debía haber como moito 50 persoas no público, tendo en conta ademais que acudiran veciños e veciñas pertencentes ao mesmo núcleo familiar, dos cales só unha persoa tiña voz e voto, co cal a representatividade era moito máis reducida aínda.

Pola máis que evidente ausencia de lexitimidade da asemblea, en virtude dos estatutos, só habería un camiño para amosar a disconformidade: a IMPUGNACIÓN. O artigo 70 do capítulo XIII precisa: “Os acordos da Asemblea Xeral contrarios á Lei de Montes Veciñais en Man Común, os que infrinjan as presentes ordenanzas e os non adecuados aos intereses xerais da propia Comunidade, poderán ser recurridos por calquera comuneiro ante a propia Asemblea Xeral, cuxa resolución agotará a vía administrativa, podendo recorrerse contra a mesma, ante os tribunais de xustiza. O recurso deberá ser formulado no prazo dun mes dende a fecha do acordo, se o impugnante asistiu á reunión en que se adoptou e, noutro caso, no prazo de dous meses. A interposición de dito recurso deberá axustarse á Lei de Procedemento Administrativo”.

Sobran os motivos. Non son unicamente estes defectos de forma iniciais. Porque de canto expuxo a xunta directiva na asemblea, todo é susceptible de estar baixo sospeita, agás un dato: o da celebración da última asemblea, un 27 de decembro de 2009. Todo o demais, empezando pola propia redacción da acta anterior, está salpicado de inexactitudes, vaguedades e mentiras convertidas “por decreto” en verdade. De que se deu conta na lectura da acta da asemblea daquel aciago 27 de decembro de 2009? Informouse da renuncia “por motivos personais” da secretaria anterior e nomeouse o seu sustituto no cargo (sobriño do vicepresidente). Trala lectura da acta da asemblea precedente (a saber en que data antediluviana se debeu celebrar), quedou constancia de que Xan Montenegro amosara a súa disconformidade “co xeito no que se gastou parte do diñeiro da comunidade”. A acta da asemblea de 2009 reflicte que o presidente da directiva lle preguntou o motivo, e o secretario anotou que Montenegro negouse a contestar. Mágoa que Xan non estea xa connosco para verificar ou contradicir ese dato, porque era un comuneiro que non quedaba indiferente ante as medias verdades. Entre o público, a súa irmá exercía por primeira vez como titular dende o seu pasamento, e desempeñou un papel activo na asemblea, polo que merece parabéns, coa certeza de que Xan estaría orgulloso. Quen suscribe estas liñas lembra perfectamente o trato irrespectuoso e asoballante da directiva da Comunidade hacia a persoa de Xan Montenegro cando el erguía a voz para protestar ou discrepar dalgunha afirmación, tildándoo inmerecidamente de tolo e de boicoteador, cando o boicot provén obviamente da xunta rectora no seu intento por ridiculizar e reprimir as voces contrarias ao que os directivos queren impoñer, aproveitando que a masa social é feble, e cunha tendencia moi baixa a exercer a crítica en público.

Continúa a acta da asemblea de decembro (en castelán de Castela, non sabemos por que motivo non está normalizado o uso do galego a nivel institucional no ámbito da Comunidade de Montes): “Por parte de la junta, se exponen las cuentas a la asamblea, que fueron aprobadas por mayoría, registrándose once votos en contra de su aprobación”. Esta afirmación non pode ser máis inexacta e alonxada da realidade.

O nacemento do blogue DEFENDE O MONTE PITUCO remóntase precisamente a esas datas de finais de 2009. Quen subscribe estas liñas estivo presente nesa asemblea na que, por certo, nin sequera se sometían a votación as contas da anualidade anterior, senón dunha precedente, co cal existe un baleiro económico pendente de xustificar. Outra cousa é o que reflicten as actas, susceptibles de relatar feitos e acordos que non se axustan ao acontecido. Porque cando os comuneiros “votaron” ese balance de contas, o número de mans erguidas en contra era abrumadoramente mayoritario, ao que o presidente exclamou: “Non aprobades as contas? Alá vós!”. Agora, por arte de bilibirloque, resulta que a acta reflicte que se aprobaron por maioría e con 11 votos en contra. Desgrazadamente, na asemblea deste domingo só un comuneiro amosou a súa disconformidade, por ese motivo, á aprobación da acta anterior. E ao lembrarlle ao presidente esas palabras, este replicou que foran dirixidas aos 11 que votaran en contra. Que maneira de remendar e de envolver de veracidade unha falsidade. Acaso o motivo de dilatar tanto a celebración das asembleas sexa precisamente facer mella na memoria da veciñanza, incapaz xa de saber a estas alturas se as contas se aprobaran ou non daquela?

Tamén nos quedou claro que a visión que expón a xunta directiva nas actas responde só ao que lle interesa contar e plasmar por escrito para que trascenda unha versión da historia sesgada polo seu filtro de poder. Na asemblea de 2009 un dos comuneiros reprochoulle duramente á directiva que, con todo o que gastara na reforma dos aseos na Casa de Montes, podíase pagar a renovación de toda a fontanaría nun edificio de nonseicantas vivendas. Non foi o único en protestar e amosar o seu disgusto polos investimentos que fixera a xunta rectora, en obras, en pago de servizos xurídicos e outros conceptos vagamente expostos no resume económico que se lles entrega aos comuneiros. Sen embargo, a acta desa reunión só pon que ese comuneiro “felicita a la junta por la gestión y manifiesta su desacuerdo con la inversión en saneamiento realizada en la Casa de Montes”. E non se complica nada a vida en recoller os argumentos, como restando importancia ás queixas dos veciños e veciñas.

E que pasou coas contas do pasado 2010 e do que levamos de 2011? En que condicións se “aprobou” ese balance económico? Pois dun xeito nada serio, como cabía esperar. De maneira que un non sabe, ao saír de aí, cal foi o resultado da votación, tendo en conta que non se produciu ningunha votación como tal, no sentido estricto da palabra votación. Nesta ocasión non houbo brazos erguidos a favor, nin brazos erguidos en contra… Escoitábanse murmurios entre o público, aparentemente ningunha voz discrepante… O presidente dáballe indicacións ao secretario en función do que interpretaba cruzando a mirada con determinadas persoas do público. Está cantado que, se na acta de 2009 as contas se aprobaron -segundo a directiva- por unha “maioría” que só eles viron, na acta da asemblea desde 31 de xullo vai poñer que foron aprobadas por unanimidade. En que parte desa acta vai figurar o número de comuneiros e comuneiras que asistiron á asemblea? Que cabería entender por “unanimidade” ou por “maioría” se en ningures se especifica cantas persoas poden votar á marxe do número de asistentes? Ou o que conta é facer bulto para que semelle que os acordos teñen unha aparente lexitimidade?

Hai outras maneiras de proceder con máis honestidade, favorecendo a transparencia e actuando conforme ao regramento. Se hai convocada unha asemblea para informar do balance de xestión económica, que menos que facer un informe detallado de TODOS os gastos, posto que a xunta rectora ten a OBRIGA de molestarse UNHA VEZ AO ANO en facilitarlles aos comuneiros e comuneiras esa información. Hai paredes ben amplas no salón de actos. Que menos que imprimir un informe con copias de todas as facturas pagadas, de todos os recibos de cobro, de todos os xustificantes. En cambio, o que atopan os veciños e veciñas ao chegar ao salón de actos antes do comezo da asemblea é un simple folio fotocopiado polas dúas caras con un saldo a favor en 2009 de 22.786 euros, un resume de gastos con 19 puntos que suman 88.381 euros, un resume de ingresos que suma 88.068,53 euros (nos que destaca unha providencial cantidade de 43.349,32 euros procedentes da Xunta en concepto duns terreos expropiados) para que o saldo, a data do 26 de xullo de 2011 sexa de 22.473,90 euros. “Estamos a pre”, dixo o presidente. E quedou tan pancho.

Chegou a haber un furado de números vermellos que ascendeu a 65.594,63 euros entre 2010 e 2011, pero como chegaron mamá Xunta e papá Construcciones San José con 53.969,32 euros entre os dous, xa está, non pasou nada. Pelillos a la mar.

E se queremos saber canto custaron os carteis sinalizadores que instalaron a finais de xullo no monte Pituco? Ou que empresa os fixo? No resume non figura ese gasto por ningures. A cal dos proveedores lle correspondeu ese cobro? Para que preguntar, se a resposta, como en 2009 ía ser algo así: “Se alguén quere verificar algún dato, que se me dea aviso para vir noutro momento e amosar os libros”. Por que teñen os comuneiros que perder tempo outro día, cando o señor presidente por suposto, teña a ben, para amosar algo que debería estar exposto publicamente, como corresponde nunha asemblea de presentación de contas e saldos?

E quen elaborou este balance económico? O tesoureiro? Non, o presidente. Case de chiripa, os comuneiros entéranse -outros xa o sabían- de que o tesoureiro da xunta rectora presentara a demisión antes de decembro do ano 2010. O asunto e as razóns do abandono dese cargo tan trascendente non figuraba na orde do día nin o presidente fixo ademán, de motu propio, en toda a asemblea, de facer esa observación. Tivo que ser o propio ex-tesoureiro quen, no apartado de rogos e preguntas, ergueu a voz dende o sitio que ocupaba entre o público para dicir: “E non ides contar que presentei a demisión e os motivos?”. O presidente pega un chimpo na silla: “Perdoa, tes toda a razón do mundo” e, acto seguido, indícalle ao secretario que recolla na acta que “antes de comezar a asemblea” faga constar a demisión do tesoureiro “POR NON ESTAR DE ACORDO COAS CONTAS DO BAR”. O ex-tesoureiro indica que houbo máis motivos e o presidente retruca que “bueno, pero que eso foi o que el puxo na carta”. E cando unha comuneira pregunta quen exercera como tesoureiro, o presidente contesta que el mesmo se atribuira esa función.

E así están as cousas de turbias. En dúas actas, dúas dimisións: a secretaria “por motivos personais” e a do tesoureiro “por non estar de acordo coas contas do bar”. E sobre este último, que a todas luces é un tema ben serio, ningunha explicación máis.
Fonte orixinal: MontePituco

domingo, 12 de xuño de 2011

Sen comelas, nin bebelas

Ben o título a conto, porque sen ser responsable de que se me entregase onte fora de prazo, as nove menos cuarto do serán a convocatoria, aínda tiven máis que escoitar, e todo porque lle solicitei a responsable de entregarma que me fixese o favor de asinarme nela o día da entrega. Sinto porque se me rebotase, pero se é vogal, debería coñecelos procedementos por se algún comuneiro ten a ben pedirlle o mesmo, tal e como fixemos no seu día, cando o carteiro nos entregou unha.

A mágoa e que non tivese a mesma "valentía" para preguntarlle ao responsable de entregarllas onte, iso si que mo matizou ben, por que non llas entregou antes? Os Estatutos din claramente que, débense entregar antes de 10 días, non din 9, nin 8, e tampouco vale que o presidente a asine o día 6. Repartilas convocatorias, implica algo máis que cobrar por facelo, aínda que non está de máis dicir que non paga o presidente, págamos todos.

Xa meténdome en fonduras, hoxe aproveito para replicala parte que non se corresponde coa convocatoria en si, algo que non albisco que se faga noutras comunidades veciñas. Pero aquí Don Erre con Erre, segue na súa teima de tomarnos por...

Despois de máis dun ano sen convocarnos, ten a ben recoñecer que o fai con atraso, aínda que novamente trabucase, a asemblea xeral ordinaria pódea convocar dentro dos seis meses do peche do exercicio económico do ano. Polo tanto, até o 30 de xuño estaba en prazo, non así, para convocala que reflicte a Lei de Montes, que non é outra, que a de aprobalo censo en xaneiro.

As únicas decisións que poida tomala Xunta Reitora, son actos de administración ordinaria, en ningún intre poden aprobar obras ou inversións sen antes xuntarse a Asemblea Xeral, sempre e cando o presuposto non superen os 12.000 €, aínda que nisto temos moitas discrepancias, incluso os ex-directivos que aprobaron ese punto no seu día. Agora querer disimular ou agochar estas presuntas ilegalidades, aducindo que son proveitosas para a parroquia, é falso, e máis se como se di por aí, algún directivo dos dimisionarios non tiña coñecemento da reparación das pistas que nomeei na entrada de onte.

Xa o dixen no seu día e repito, as reunións do sábado non serven para nada, só se crearon no seu día, fun o artífice delas, para que os comuneiros e comuneiras nos comunicasen algunha incidencia que acontecese entre asemblea de vogais e xerais, como talas ilegais, presenza de gando, denunciala presenza de refugallos, etc. É tan difícil de entender isto?

O que me parece moi grave e que se diga que se fan todas estas cousas presuntamente aprobadas co axente do Distrito, cando dito funcionario ten obrigación de saber que el non pode tomar ningunha decisión pola comunidade, como máximo poder propor cousas para que sexan aprobadas ben pola xunta reitora ou pola asemblea xeral. Venme novamente á memoria cando nunha asemblea xeral aprobamos unha cesión e porque un directivo xa dera orde de facer uso de dita cesión antes de que entregásemos a documentación no Distrito, sendo nesa época o secretario chamáronme ao orden. Que pasa, que agora poden facer o que-lles pete, porque están todos metidos na "allada"?

Pouco más que engadir á dimisión dos vicepresidente e tesoureiro, na asemblea deberían explicalos motivos, e se non o fan, seguramente algúns comuneiros lles pregunten. Agora que coñezo ás "elixidas", nada que obxectar, como son maiores de idade deben ser conscientes onde se meten, sobre todo a que no seu día renunciou a sucederme no meu posto, porque Nebra aínda que sexa a parroquia máis grande do Concello, aquí todo se sabe.

Só un último apunte, cando propuxen no seu día a entrada de máis mulleres na xunta reitora, houbo algúns comentarios fora de ton, aínda que dulcificados, agora din que deben ser unha parte fundamental. Naquel intre que era? A miña proposta en si non era novidade nin nada polo estilo, era algo que recomendaba e propoñía a Organización Galega de Comunidades de Montes.

De política non vou falar, porque xa nos coñecemos todos e polo visto xa se fala bastante nas reunións da xunta reitora e igual agora se vai falar moito máis.

luns, 14 de xuño de 2010

Adxudicacións dixitais

Tal e como veño denunciando, as adxudicacións a dedo xa non son tan exclusivas da dereita máis rancia por moito que dende algúns colectivos así no lo intenten facer ver.
Tal é como dixera fai uns días aquí, a xunta reitora ademais de facer unha adxudicación ilegalmente ao non ter autorización legal da comunidade para adxudicar obras cun custo superior aos doce mil euros, fíxoo a dedo.

Pois ben, curiosamente hoxe atópome na prensa con isto.
Desde o BNG critican tamén o gasto de case 70.000 euros para este reemisor de TDT «nunha instalación para a que existen axudas públicas que nin sequera solicitaron». Ademais, din que a empresa que colocou o reemisor foi «contratada a dedo».
Eu xa non vou a tanto, xa que descoñezo se para os dous accesos ao local que poden ollar nas fotos e que supostamente custaron 19.090,00 €, nos poderíamos acoller a algún tipo de subvención ou axuda, aínda que si me ven unha cousa á memoria.

Cando se fixo a cesión ao Concello para o Punto Limpo, antes de pedila reparación das pasarelas da Aguiera, que non sei a quen se-lle ocorreu e que non só daba servizo aos veciños de Nebra, eu solicitaría esta contraprestación que favorecería máis os intereses da Comunidade, xa que esa obra por Lei era competencia do Concello, de Costas ou da Xunta de Galicia.

Iso si, tan censurable e denunciable é a suposta adxudicación a dedo no Concello de Ribeira coma na nosa Comunidade, onde como saberán, o seu alcalde e o noso presidente militan en partidos supostamente ben diferentes, ou non?

sábado, 29 de maio de 2010

As mentiras son difíciles de camuflar

Na asemblea ordinaria celebrada o 3 de maio de 2009, dérasenos conta dun pago de 24.165,37 €, que me obrigara a preguntar á directiva, en que asemblea xeral se aprobaran os traballos que motivaran ese pago?
O motivo da pregunta era vital, xa que tal é como expliquei aquí, a xunta reitora non pode adxudicar traballos que superen os 12.000 €, sen ser antes aprobados pola asemblea xeral.

Sen embargo na mesma asemblea contestaráseme que si, que foran aprobados, pero que non lembraban en que asemblea se aprobara o gasto motivo da miña pregunta. Como na seguinte asemblea non foron quen de presentala acta onde sustentala afirmación, contestaráseme que como tiveran unha subvención, consideraban que só eles eran os responsables onde investila [sic]. Na miña supina ignorancia, sempre crin que as subvencións viñan destinadas á comunidade, non á xunta reitora, pero en fin, é o que hai.

A sorte foi que nesa asemblea houbo outras intervencións como a de Humberto Piñeiro, para acusalos tamén de que estaban facendo gastos ao seu libre albedrío e José Lojo, en que era verdade, que non podían superar eses gastos. Humberto Piñeiro, insistiulles por activa e por pasiva que estaba sobrepasando ese limite e o presidente responderalle que era o que dicía el, pero que non é correcto. Foi cando afirmou que o único gasto que fixeran de 12.000 €, fora para acondicionalo arredor do local e que iso tiñan dereito a facelo.

Insiste en que os gastos teñen que contar coa aprobación dos veciños, pero Humberto Piñeiro, díxolles que iso non o facían.

Como poden comprobar no estado de contas que nos entregaron na asemblea celebrada o pasado día 16, o presidente mentiunos e parece que ninguén se decatou. Mentres o ano pasado díxonos que o único gasto que fixeran dentro dese marxe fora acondicionalo entorno do local, agora na relación de pago aportan o importe 19.090,00 €. Sete mil noventa euros a maiores do que podían adxudicar e o que é peor, sen que previamente solicitasen presupostos a outros construtores para estudala mellor oferta para os intereses da comunidade.

Adxudicar así como así, unha obra a dedo por máis de 19.000 euros non sei eu ata que punto pode ser de todo legal. Pero claro, así pasa que despois os que reclamamos nas asembleas que se cumpra a estrita legalidade, os que se aproveitan destes "chanchoullos" da xunta reitora, son os primeiros en defendela.

Aquí non se trata de quen ten máis ou menos a razón, tratase de cumprir e acatar unhas normas que están escritas e aprobadas. Así de sinxelo.
Quinto punto da orde do día aprobado na asemblea Xeral Extraordinaria, celebrada pola comunidade o día 1 de outubro de 2001.
Que se trata da autorización á xunta reitora para o pagamento de gastos menores e aprobación, se procede, dos límites do importe de dito gasto.
Onde queda aprobado pola asemblea nunha votación en furna cun total de cincuenta e catro «54» votos a favor, vinte e tres «23» en contra, catro «4» votos en branco e dous «2» votos nulos.
Autorización a facer obras e investir unha cantidade non superior a dous millóns de ptas., presentando sempre facturas e presupostos de ditas obras ou compras.
Membros da actual xunta reitora que estiveron presentes nesa asemblea. O tesoureiro, José Luís Martínez Gómez e os vogais, Ramón Bazarra Pouso, José Benito Calo Martínez, Juan Martínez Santamaría, Rosa María Castelo Torrado, José Resúa Paz e José Ramón Tomé Castiñeiras.
O bo que ten, non só gozar de boa memoria, se non de gardar todo nun arquivo e perdelo tempo en colgalo neste blogue, e que cada vez decátome máis de canta razón ten este refrán: pillase antes a un mentireiro que a un coxo.

martes, 18 de maio de 2010

Acta 29 de novembro de 2009


Acta da asemblea xeral da C.M.V.M.V de Nebra celebrada o 29 de novembro de 2009
A orde do día para esta asemblea é:
1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
2. Informe dos traballos a realizar no monte con persoas contratadas na parroquia e aprobación, se procede.
3. Renovación da autorización á directiva para solicitar subvencións.
4. Solicitude para renovaren e reubicaren a arqueta da auga en Queiro, e aprobación, se procede.
5. Informes varios (punto limpo, parcelaria, documentación, etc.)
6. Propostas e preguntas.

Saúda o presidente e comenta que estamos facendo as xestións para que no prazo máis breve posible podamos dar de alta o Local Veciñal: por ese motivo, no final da asemblea, tomaremos todos xuntos uns pinchos.

Despois de lida a acta, pregúntaselles aos asistentes se están de acordo no que nesta consta, e ningún dos asistentes se manifesta en contra. Só intervén José Maneiro Maneiro para manifestar que se deberían exporen copias das actas nos lugares de costume, antes de celebrarmos a asemblea.
Unha de dúas, o secretario ou os comuneiros non debemos estar na mesma asemblea. Despois da intervención deste comuneiro, houbo un intenso debate e aprobouse por maioría que a xunta reitora tiña que expolas actas días despois de celebrarse a asemblea, e non o mesmo día que se celebre a seguinte. Que lóxica ten iso?, se instantes despois xa dan lectura á mesma. Non publicalas ao seu debido tempo ten a súa lóxica, quen se acorda seis meses despois do que se falou e debateu? Poucos. Desta forma é máis fácil manipulalas.
Resumindo, de que vale que tomemos acordos por abrumadora maioría, se se negan a acatalos?.
Pasamos ao segundo punto, no que o presidente informa á asemblea dos traballos que se queren facer no monte con tres persoas que pertenceron á cuadrilla de prevención. Comenta que foi un acordo que se aprobou unanimemente na última reunión da xunta reitora. En dita reunión acordouse que tres integrantes da cuadrilla de prevención continuaran facendo traballos no monte, entre os cales estaba o de cortar leña para vendela. Continua informando o presidente de que despois de varios comentarios sobre prezos, cantidade, forma de cortala e transportala, etc, decidiuse probar ata fin de ano, a ver se era rendible. Intervén Humberto Piñeiro, manifestando que esas tres persoas xa están traballando sen que o aprobara unha asemblea, e, segundo el, tódalas decisións que tome a directiva da comunidade teñen que ser necesariamente aprobadas con anterioridade nunha asemblea. A resposta do presidente é que non ten que ser necesariamente así, xa que, se fora deste xeito, moitas decisión sería imposible tomalas. Tamén lle contesta Fernando Fernández Formoso, mostrando o seu desacordo coas súas opinións, e, ao remate da intervención deste comuneiro, Francisco Calo García pregunta en que asemblea se nomeou como vogal a Fernando Fernández Formoso, solicitando que conste na acta a súa pregunta, e que se lle reposte. A resposta é que foi elixido na reunión da xunta reitora celebrada o día 17 de xuño do 2009.
Aínda que na acta se fala de tres os comuneiros beneficiados, en realidade foron catro, xa que o tractorista foi un máis. Fago este apuntamento, polo que pasou agora na asemblea.
Con respecto á miña pregunta, textualmente foi: en que asemblea «xeral» se nomeou como vogal ao señor Fernández Formoso? Non se me contestou como consta na acta, se non houbese rebatido dita ilegalidade.
Algún comuneiro ou directivo doutras comunidades entenderá ou aplicará a doutrina do noso presidente?: «...non ten que ser necesariamente así, xa que, se fora deste xeito, moitas decisións sería imposible tomalas» [sic].
Sen máis intervencións, consúltase coa asemblea se están de acordo en continuar ata fin de ano cos traballos no monte, e sen ningunha opinión en contra, damos por aprobado este punto.
Como ben dixo Humberto Piñeiro, os traballadores xa estaban traballando «dende setembro ou outubro e con contrato en vigor». De votarse en contra, estarían no seu dereito a reclamala rescisión do contrato.
No terceiro punto, explica o presidente que, para poder xestionar as posibles subvencións que ofrecen os distintos organismos, un requisito que nos esixen é unha autorización da asemblea á directiva da comunidade para poder facer estas xestións, e que non estaría de máis renovar esta autorización. Tódolos comentarios son a favor, e despois de consultar coa asemblea, apróbase este punto sen ninguén manifestarse en contra.

No cuarto punto dáse conta a unha solicitude presentada polos veciños de Queiro, para unha cesión dun terreo no monte, aproximadamente duns 200 m2, no que queren construír unha arqueta de auga e tamén pasar tubarias novas da arqueta ás casas. Aprobase unanimemente.

No quinto punto informa o presidente dos atrancos que tivo a obra do punto limpo pola parte do Concello, a causa da creba da empresa inicialmente contratada. Fanse tamén varios comentarios sobre o tema da concentración parcelaria (entrega de títulos, circunvalación de Coira, etc) e con base na proposta de Mª Jesús Rodríguez Martínez, acórdase recoller o maior número de reclamacións, para entre todos intentar que a concentración termine os diversos traballos que ten sen rematar.
É totalmente falso e aquí é onde vexo a manipulación ou a incompetencia do secretario, de que os atrancos do punto limpo fosen culpa do concello ou o que é o mesmo, do ex-alcalde, o señor Tomé do Partido Popular. A súa construción é competencia da Xunta de Galicia e cando se fixo a cesión, aínda gobernaba o bipartito «PSOE-BNG». Vexan se non o que manifestou en abril o compañeiro do presidente: o edil Xoán León pide á Xunta que axilice a obra do punto limpo. Máis claro, auga.
E cando son as 8:19, xa ca xente empezando a abandonar o local, dáse por rematada a asemblea.

Documento redactado en base as fotografías que achego

domingo, 17 de maio de 2009

Sen comentarios

Despois de todo o que relatei nas entradas pasadas encol da asemblea do 3 de maio, resulta que non falei nada... ben, convén matizar que o de "non falar" é o que reflexa a acta, así como tampouco reflexa algunhas graves acusacións verquidas polos directivos contra cuadrilla de traballo do ano pasado que, inquiridos por elas nesta asemblea, alegan que non dixeron ou non lembran habela dito.

Isto é todo o que consta da miña intervención no debate e aprobación do censo e as supostas respostas recibidas:
«Francisco Calo pide que conste en acta que a lei de montes di que a actualización do censo debe facerse antes do 31 de xaneiro.
Argumenta a continuación o vicepresidente, que se decidiu actualizalo censo na primeira asemblea do 2009, porque de non facelo así, a xente non podería coñecer nin aprobar as novidades de baixas e altas, e a directiva só podería publicar a relación de veciñas e veciños do ano anterior.
Engade ademais o presidente, que non sabe a que lei fai referencia o comuneiro, aínda que en calquera caso considera axustado é lóxico o exposto polo vicepresidente».
É problema do secretario que se deixe “mangonear” e permita que lle redacte as actas un “negro”. Debería ser consciente que falsealas é un delito grave e o que fai ese "traballo" por razóns obvias, despois non vai dala cara por el.

Se o vicepresidente non dixo nin remotamente nada diso e o presidente nin abriu a boca nese punto, como é posible que faga constar esas falsidades? Isto foi o que dixo o vicepresidente Crónica da asemblea: actualización do censo

Outra cousa seria que cos mesmos argumentos, el, como secretario, emitise un informe aínda que estivese errado, pero poñer de boca de directivos ou comuneiras/os cousas que non se din nas asembleas, non é ético nin profesional.

Isto non nos pasaban dende que estiveron ao fronte da comunidade directivas de dereitas, pero volvo a insistir, pouca diferenza encontro entre aquelas i esta presidida por un nacionalista.

Como agora consta o que consta e non penso impugnala, engadir polo tanto que o presidente ben sabe que non falaba da "lei dos morosos," por poñer un exemplo, senón, da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da citada Lei.

Outra cosa é que argumentase ignorar a que artigo me refería, pero para iso somos socios da ORGACCMM, da Mancomunidade Serra do Barbanza, que o poden asesorar se non sabe.

Tamén e así como para cousas irrelevantes pediu informes á Xunta de Galicia, neste caso tamén o podía facer. Por qué no fixo? Porque ante as/os comuneiras/os veríase obrigado a darme a razón e a Xunta descubriría que o censo que lle remitiron é o do ano 2008 e non o do 200, como correspondería.

É moito mellor aproveitarse do seu "status" e facerse máis crible, contando mentiras aos que comulgan con rodas de muíño.

O curioso e que mentres lle daba lectura ao artigo 60, estaba mirando ensimesmado uns papeis, que recoñecín como a copia do Decreto da Lei de Montes (copia que engadín persoalmente ao arquivo da comunidade e que recoñezo perfectamente por un pequeno defecto).

Ao rematar de darlle lectura ao artigo que curiosamente esta recollido no citado Decreto, afirmo que non falaba nas asembleas por falar e aínda que se había dito que fora culpa da xestoría, esta negaramo, sabían que había que aprobalo en xaneiro e que o que se mandara á Xunta era o do ano pasado.

Continuara...