Amosando publicacións coa etiqueta Secretario. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Secretario. Amosar todas as publicacións

domingo, 5 de novembro de 2017

A Lei de montes é ben clara: Un comuneiro un cargo... agás en Nebra

Certificado para unha subvención coas dúas sinaturas; e documento da xestoría
 xustificando a dualidade de cargo na figura de presidente e secretario
Trala miña expulsión da secretaría o presidente contradicindo a Lei e os Estatutos da Comunidade auto-proclamouse secretario, desa forma redactaba as actas ao seu gusto e como se ve as certificacións, co visto e prace da xestoría que ademais de cobrar ben cando cometía un erro ante facenda a Comunidade víase obrigada a pagala sanción oportuna.

O máis rechamante dese paisano foi que cando un ex-vicepresidente tomou a palabra para dicirlle que non podía ocupar dous cargos fíxoo calar co visto e prace dos presentes recriminándolle que el ocupara o posto de presidente sen ser elixido, algo que eu mesmo nas asembleas lle dicía cominando a convocar eleccións dado que era o único que lles facía algo de "guerra", non quixeron e cando as convocaron a xente xa cansa optou por nós, co resultado final xa coñecido porque foi saír de Guatemala para entrar en Guatepeor.

A súa crítica co que fixo el non é o mesmo nin nada parecido, xa que aquel ante a "desaparición" do presidente asumiu as rendas da Comunidade tal e como contemplaba a Lei e os Estatutos para o cargo do vicepresidente e esas críticas fanse no intre, non cando se ocupa o cargo de presidente, algo moi distinto ao que facía eu por iso me gañei tantas críticas e inimizades, polo analfabetismo da xente en canto a saber defenderse nas asembleas de individuos como ese.

La confianza mata al hombre… y embaraza a la mujer. Les Luthiers.

Se a Consellería consentiu esa cesión foi pola familiaridade entre o ex-conselleiro e o ex-presidente (curmáns), porque a citada Luisa de Medio Rural á que remite a carta a xestoría, ao ser funcionaria seguramente de carreira, non quixo pillarse as mans e obviou a incompatibilidade de cargos.

Igual esa foi a mesma artimaña usada para solicitala subvención para o local social, que xa estaba en construción cando a solicitaron (algo polo que se podía anular a subvención), cando noutras condicións e cumprindo escrupulosamente os requisitos legais fóronnos denegadas, non só a nós, se non a outras comunidades.

«Cando un minte máis do que fala cae na súa propia mentira»

Mentres á concellería por medio da xestoría engánaa mentíndolle claramente con premeditación e aleivosía isto foi o que nos dixo na asemblea, tal e como consata na acta.

Cando alguén fai unha trampa ou falcatrúa sempre se acaba sabendo por algún detalle... neste caso demasiado fragrante.

domingo, 13 de decembro de 2009

Carta aberta ao secretario

"Homines amplius oculis quam auribus credunt"

Señor secretario, desculpe por dirixirme a vostede por este medio pero é que se isto llo dixera na pasada asemblea, ao igual que vén sucedendo dende que tomou posición do cargo, non ía constar en acta. Vou obviar tódalas intervencións que fixen na asemblea do 17 de maio que non fixo constar en acta, salvo cando dei lectura ao parágrafo que remarco aquí en verde.

Dita lectura fíxena obrigado polas circunstancias e porque descoñecían a que artigo me refería cando protestei o 3 de maio por non actualizalo censo de comuneiros en xaneiro. Censurarme totalmente esa intervención obedece única e exclusivamente a que os comuneiros non saiban a verdade e porque vostedes xogan con que seis meses despois de celebrarse as asembleas, ninguén se lembra do que alí se falou.

Aí temos unha explicación do porque agora non expoñen as actas como facía eu, non interesa que os que comuneiros se dean conta do doado que é falsificalas. Pola miña parte non vou recorrer ao "teatro" que fan algúns edís nacionalistas presentándose nos nos plenos cunha mordaza, simplemente non volverei a intervir nas asembleas mentres os comuneiros nos teñamos voz, voto e sexamos os que dirixamos o destino da comunidade, tal e como acontece en Darbo.

Por certo, non quedaron de volver a expolas despois da intervención do comuneiro J.M.? Porque motivo aínda non esta? Non só se deben expor, se non que, ademais na primeira asemblea que se celebra débese dar conta dos acordos adoptados pola Xunta Reitora aos comuneiros, algo que tampouco se fai. Vese que o señor presidente despois de chamar a moitas portas e recibir negativas, dou con alguén coas "suficientes barbas" para levarlle a secretaría.

Xa afastándome do tema, o que me máis me sorprendeu na súa primeira asemblea coma secretario, foi dicirme que non estaba de acordo que se gravasen as asembleas para redactalas actas. Estrañoume, e moito, porque nos dous anos que estiven de secretario e vostede de vogal, nunca dixo nada. Auga pasada non move muíños, pero tamén podería dicir que mentres uns comuneiros tentaban defendela comunidade nas asembleas, outros só acudían a elas cando ían para pillar unha axuda.

Mire a diferenza que hai entre redactalas gravándoas ou non, e expolas. Grazas a esas gravacións que tanto parece que lle molestan agora, puiden amosarlle aos comuneiros de Resúa quen  fora os que trataron de enganalos. Como ben sabe, a raíz dunhas infortunadas intervencións do presidente na súa contra nunha reunión da xunta reitora, que fixen constar en acta, pedíronlle as oportunas explicacións ao léela.

Lembra como seguiu o conto? Para negalos feitos achegouse á taberna da aldea na compaña do vicepresidente, tesoureiro e o garda forestal coma testemuñas (non sei que pintaba, xa que non é comuneiro nin estivera na asemblea).

Poñer verbas en boca dos comuneiros que non se dixeron aconteceu noutra lexislatura, eu xamais o fixen, aínda que si se me pediu non reflectir algunhas intervencións. Como nese caso tiña a conciencia tranquila e xa por Resúa corrían algunhas críticas na miña contra (antes de escoitarme), vinme na obriga de amosarlle as probas. Os alí presentes escoitaron o que dixera o presidente e máis o tesoureiro, respecto a outro comentario que fixera contra os anteriores párrocos.

Ao final e como lembrará, víronse obrigados a pedirlles perdón aos veciños, iso si, aducindo que non quixeron dicir o que dixeron, pero, que acontecería se non dispuxese desa gravación?

Só me queda dicirlle que o noso coeficiente intelectual non da para escribir o que aparentemente redactou na acta. Coma veciño e compañeiro de escola, non esperaba iso de vostede e lembre, o cargo non significan que un teña máis dereitos que o resto de comuneiros.

PD. "Os homes dan maior creto ao que ven que ao que escoitan" (Lucio Anneo Séneca).