Amosando publicacións coa etiqueta Punto Limpo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Punto Limpo. Amosar todas as publicacións

martes, 18 de maio de 2010

Acta 29 de novembro de 2009


Acta da asemblea xeral da C.M.V.M.V de Nebra celebrada o 29 de novembro de 2009
A orde do día para esta asemblea é:
1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
2. Informe dos traballos a realizar no monte con persoas contratadas na parroquia e aprobación, se procede.
3. Renovación da autorización á directiva para solicitar subvencións.
4. Solicitude para renovaren e reubicaren a arqueta da auga en Queiro, e aprobación, se procede.
5. Informes varios (punto limpo, parcelaria, documentación, etc.)
6. Propostas e preguntas.

Saúda o presidente e comenta que estamos facendo as xestións para que no prazo máis breve posible podamos dar de alta o Local Veciñal: por ese motivo, no final da asemblea, tomaremos todos xuntos uns pinchos.

Despois de lida a acta, pregúntaselles aos asistentes se están de acordo no que nesta consta, e ningún dos asistentes se manifesta en contra. Só intervén José Maneiro Maneiro para manifestar que se deberían exporen copias das actas nos lugares de costume, antes de celebrarmos a asemblea.
Unha de dúas, o secretario ou os comuneiros non debemos estar na mesma asemblea. Despois da intervención deste comuneiro, houbo un intenso debate e aprobouse por maioría que a xunta reitora tiña que expolas actas días despois de celebrarse a asemblea, e non o mesmo día que se celebre a seguinte. Que lóxica ten iso?, se instantes despois xa dan lectura á mesma. Non publicalas ao seu debido tempo ten a súa lóxica, quen se acorda seis meses despois do que se falou e debateu? Poucos. Desta forma é máis fácil manipulalas.
Resumindo, de que vale que tomemos acordos por abrumadora maioría, se se negan a acatalos?.
Pasamos ao segundo punto, no que o presidente informa á asemblea dos traballos que se queren facer no monte con tres persoas que pertenceron á cuadrilla de prevención. Comenta que foi un acordo que se aprobou unanimemente na última reunión da xunta reitora. En dita reunión acordouse que tres integrantes da cuadrilla de prevención continuaran facendo traballos no monte, entre os cales estaba o de cortar leña para vendela. Continua informando o presidente de que despois de varios comentarios sobre prezos, cantidade, forma de cortala e transportala, etc, decidiuse probar ata fin de ano, a ver se era rendible. Intervén Humberto Piñeiro, manifestando que esas tres persoas xa están traballando sen que o aprobara unha asemblea, e, segundo el, tódalas decisións que tome a directiva da comunidade teñen que ser necesariamente aprobadas con anterioridade nunha asemblea. A resposta do presidente é que non ten que ser necesariamente así, xa que, se fora deste xeito, moitas decisión sería imposible tomalas. Tamén lle contesta Fernando Fernández Formoso, mostrando o seu desacordo coas súas opinións, e, ao remate da intervención deste comuneiro, Francisco Calo García pregunta en que asemblea se nomeou como vogal a Fernando Fernández Formoso, solicitando que conste na acta a súa pregunta, e que se lle reposte. A resposta é que foi elixido na reunión da xunta reitora celebrada o día 17 de xuño do 2009.
Aínda que na acta se fala de tres os comuneiros beneficiados, en realidade foron catro, xa que o tractorista foi un máis. Fago este apuntamento, polo que pasou agora na asemblea.
Con respecto á miña pregunta, textualmente foi: en que asemblea «xeral» se nomeou como vogal ao señor Fernández Formoso? Non se me contestou como consta na acta, se non houbese rebatido dita ilegalidade.
Algún comuneiro ou directivo doutras comunidades entenderá ou aplicará a doutrina do noso presidente?: «...non ten que ser necesariamente así, xa que, se fora deste xeito, moitas decisións sería imposible tomalas» [sic].
Sen máis intervencións, consúltase coa asemblea se están de acordo en continuar ata fin de ano cos traballos no monte, e sen ningunha opinión en contra, damos por aprobado este punto.
Como ben dixo Humberto Piñeiro, os traballadores xa estaban traballando «dende setembro ou outubro e con contrato en vigor». De votarse en contra, estarían no seu dereito a reclamala rescisión do contrato.
No terceiro punto, explica o presidente que, para poder xestionar as posibles subvencións que ofrecen os distintos organismos, un requisito que nos esixen é unha autorización da asemblea á directiva da comunidade para poder facer estas xestións, e que non estaría de máis renovar esta autorización. Tódolos comentarios son a favor, e despois de consultar coa asemblea, apróbase este punto sen ninguén manifestarse en contra.

No cuarto punto dáse conta a unha solicitude presentada polos veciños de Queiro, para unha cesión dun terreo no monte, aproximadamente duns 200 m2, no que queren construír unha arqueta de auga e tamén pasar tubarias novas da arqueta ás casas. Aprobase unanimemente.

No quinto punto informa o presidente dos atrancos que tivo a obra do punto limpo pola parte do Concello, a causa da creba da empresa inicialmente contratada. Fanse tamén varios comentarios sobre o tema da concentración parcelaria (entrega de títulos, circunvalación de Coira, etc) e con base na proposta de Mª Jesús Rodríguez Martínez, acórdase recoller o maior número de reclamacións, para entre todos intentar que a concentración termine os diversos traballos que ten sen rematar.
É totalmente falso e aquí é onde vexo a manipulación ou a incompetencia do secretario, de que os atrancos do punto limpo fosen culpa do concello ou o que é o mesmo, do ex-alcalde, o señor Tomé do Partido Popular. A súa construción é competencia da Xunta de Galicia e cando se fixo a cesión, aínda gobernaba o bipartito «PSOE-BNG». Vexan se non o que manifestou en abril o compañeiro do presidente: o edil Xoán León pide á Xunta que axilice a obra do punto limpo. Máis claro, auga.
E cando son as 8:19, xa ca xente empezando a abandonar o local, dáse por rematada a asemblea.

Documento redactado en base as fotografías que achego

sábado, 15 de maio de 2010

Novos actos incívicos

Unha vez máis teño que denunciar neste blogue actos incívicos e perigosos levados a cabo por desalmados, non teñen outro cualificativo, no noso monte e no río de Cans.

É por que pasa isto? Na maioría dos casos porque a día de hoxe seguimos sen un Punto Limpo a pesar de que tarde, mal e arrastro, o presidente levou o tema a dúas asembleas xerais:

Petición da alcaldía para autorizarmos un PUNTO LIMPO en Cadeiras

Explicación necesaria do PUNTO LIMPO en Cadeiras, comisión encargada da negociación co concello, e aprobación se procede

Despois de aprobarse a cesión, presuntamente por esa comisión encargada, xa que o tema non volveu a pasar pola asemblea, a Xunta do bipartito non foi quen de facelo realidade e aos novos xestores tampouco se-lles ve moita presa, mentres tanto os noso montes teñen que aguantar de todo. Iso si, para os restos de obras xa hai empresas encargadas de facelo, pero iso ten un custo que algunhas empresas ou privados non están dispostos a asumir.

Antiga canteira: Arriba unha neveira dun bar, abaixo catro rodas dun camión, restos dunha cristaleira e palets, é o que podemos ollar, xusto onde está previsto instalalo Punto Limpo.
Padín: Nesta zona xa tomei unhas fotos fai ano e pico con varios monitores e de novo volveron a tirar estes. Pregúntome de novo, como é posible que fagan isto cando moito antes de chegar aquí hai contedores e sabendo que dúas veces ao mes pasan a recoller este tipo de restos, tan perigosos para o medio ambiente.
Restos procedentes doutras reformas preto dos monitores. As botellas non é que fosen tiradas agora, levan aí moitos anos e parece incrible que Tragsa fixese unha rexeneración e quedasen así á vista centos ou miles delas.
Río de Cáns: Estes restos de baldosas procedentes dunha reforma, están no río a carón da pista que vai dende Cáns á Buarza.

xoves, 26 de novembro de 2009

Politizando a comunidade... de novo

Eran as 13:00h. do domingo 22 de novembro, cando dúas comuneiras sen relación algunha coa Xunta Reitora da comunidade (que se saiba) estaban repartindo, casa por casa e no coche da comunidade, a convocatoria da próxima Asemblea Xeral Extraordinaria, a celebrar o vindeiro domingo día 29.

Como se pode comprobar, vén asinada coa data do 17 e selada no Concello o 19, o que non deixa de vulnerar novamente os Estatutos e a Lei de Montes que esixen que como mínimo, a convocatoria debe ser entregada aos comuneiros con 10 días de antelación. Agora non lle poden botala culpa a Correos.

Levamos máis de seis meses sen ser convocados e coido que tiveron tempo dabondo para facelo nos prazos estipulados pola Lei. E logo son os compañeiros os que, noutras situacións, critican a dirixentes que non son da súa cor e se fai falla, mesmo se desbanca, porque entre outras cousas, dicían que os convocaba fóra de prazo.

Por se fosen poucas as irregularidades cometidas, neste momento a dirección da Comunidade está composta só polos catro directivos elixidos o 17 de maio. Os vogais sempre se elixen nunha asemblea posterior e tal asemblea aínda non se fixo, polo que nesta convocatoria debería constar un punto máis na Orde do Día para a súa elección, salvo que os "progres" se poidan saltala Lei.

Por outra banda, vexo mal, moi mal, que dende as comunidades de montes se tente facer política barata, tal e como ocorre nesta, para exemplo, vexan se non, o comentario do presidente:
Todo o mundo está de acordo en que era necesario construír unha casa, e convén que non se esqueza que a construímos sen a axuda dos alcaldes, EXCLUSIVAMENTE, cos medios da Comunidade: Nebra aínda é a única parroquia do Concello que non ten Casa de Cultura.
Primeiro, esquecese da subvención do PRODER. Logo, descoñezo a cantos alcaldes se refire, pero se imos por orde de mandato, o último foi Manuel Tomé Piñeiro, pedíuselle algunha subvención para o local? Se así fose, onde esta nas actas, porque nas asembleas XAMAIS se tocou o tema. Pola contra, perante o mandato de Ramón Quintáns Vila, si que o tratamos nós, e tamén os anteriores xestores da comunidade.

Vexan se non na foto, borróns e engadidos efectuados polo presidente, na memoria da Casa de Cultura. Por outra parte, como pretendía acadar unha subvención do Concello, se a súa adxudicación fixoa de xeito irregular, como denunciei na anterior entrada?.

Mala memoria ten o presidente, debe ser como ben di na orde do día, que xa pasou dos vinte e tres. Se seguimos botando un ollo a mandatos de alcaldes, atopámonos unha lexislatura onde o seu partido gobernou en coalición con Quintáns, catro anos nos que non fixeron ren para que os veciños da parroquia máis grandes do Concello, non acadásemos a tan demandada Casa de Cultura ou, os nosos rapaces dun patio cuberto na escola (obra que agora por fin estase facendo grazas a insistencia dun grupo de nais e sobre todo de Irene De Resúa, mais agora serán outros os que correran a inaugurala.

Dende o meu posto de secretario loitei para que esta obra, o patio cuberto, fose unha realidade. Houbo unha oportunidade anterior para pedila, cando Quintáns, solicitouno cederlle o uso compartido da auga do lo local coa escola, dado que o pozo do que se abastecían, seca no verán. Mentres eu solicitaba iso, o resto de excompañeiros cederon, levando a cesión ante a Asemblea Xeral sen ningunha contraprestación e así se aprobou.

Ao final o Concello viuse na obriga de adquirir unha arqueta, dado que nos estatutos da comunidade de propietarios de augas prohíbese compartila pero non vendela. Iso foi o que tivo que facelo Concello, mercar unha arqueta, pero, ollo, que ata preto da escola fai un uso compartido da tubaria da comunidade gratis. Incomprensiblemente o permiso asinouno un exdirectivo da anterior lexislatura, no que, ao contrario que o uso compartido da arqueta, isto non foi debatido nin aprobado pola asemblea xeral.

Como se notou que ningún directivo tiña ou tivo fillos e fillas nesta escola, e polo que non se loitou coa forza suficiente de toda Comunidade, conseguírono catro abnegadas nais.

Pola contra temos que para o Punto Limpo si se esixiron contraprestacións (tarde, mal e arrastras), despois de que o presidente dilatase e boicotease a solicitude feita polo concello. Segundo unha nota de prensa do alcalde, en xaneiro de 2008 solicitou á comunidade a cesión da antiga canteira de Cadeiras.

Non será até primeiros de maio, cando sorprendentemente e mediante un panfleto do BNG, que os comuneiros temos constancia dos plans do Concello. Porque o presidente dou voz e voto ao seu partido, antes que aos comuneiros que di representar? Só el o sabe, pero a verdade é que foi unha lamentable e burda manipulación.

O día 1 de xuño convócanos para debatela solicitude e mentres no panfleto falase dunha contraprestación sen lóxica (xa que o polígono favorecerá a tódolos veciños do Concello, non só aos de Nebra, que máis ben, saímos prexudicados), na asemblea o presidente pechouse en banda e non dixo ren aos comuneiros, que cansos da súa burla, marcháronse agraviados.

Volve a convocarnos quince días despois Convocatoria na que non se cumpren os prazos legais e que na mesma se din cousas que non se correspondían co que pasou na asemblea anterior polo que, denuncio as súas anomalías. Nesa asemblea, á que non puiden acudir por motivos laborais, elíxese (a dedo, segundo me comentaron) a un grupo de comuneiros para tratar co alcalde o tema, acadándose varias obras aprol da Comunidade, das que hai que contextualizar certos aspectos:
  • Parque infantil: parque que os directivos querían poñer a carón da estrada á Igrexa, contravindo as normas de seguridade nos parques infantís.
  • Poñer en valor unha zona do río en Cornido.
  • Acondicionalas pasarelas na Aguieira.
  • Se legalmente fose posible, que un empregado do futuro Punto Limpo, fose un veciño, veciña de Nebra.
A citada información recibina grazas ao ex alcalde Manuel Tomé, pois o presidente xamais nos informou en asemblea que "gañamos" polos terreos.

xoves, 14 de maio de 2009

Non nos vacile, señor presidente!!!

Era raro que o presidente non mandase na última convocatoria da V Lexislatura da Comunidade, a súa particular e falsa visión do que pasou na última asemblea.
A Comunidade debe estar moi satisfeita e orgullosa pola Asemblea do 3 de maio: creo que melloramos e progresamos na relación entre nós.
Moita xente entre a que me conto, preguntámonos se nos toma por idiotas ou analfabetos. As "hostilidades" nas asembleas derivaron pola súa culpa a raíz da primeira asemblea onde se debatían os bancos da Igrexa. Punto que tivemos que debater noutras dúas, porque estaba totalmente en contra e tratou de "impor" a súa idea, cousa que ao final non logrou.
Acta do 9 de abril de 2006.- Asistentes 96: votan si 48 si, non 21, brancos 2, abstencións 4 e non presentes 21. Non se aproba por falta de quórum.

Acta do 28 de maio de 2006.- Asistentes 81. Ese dia entregara para votar cartolinas verdes para si e roxas, para non. O presidente pide votar ao mesmo tempo para si e non, sendo o primeiro e levantala roxa e conta as cartolinas ao mesmo tempo dun color e outro. O resultado segundo el era: 33 si, e 12 non. Pide abstencións e so 7 alzaron a man, os 29 restantes simplemente non votaron porque pediran voto secreto e rebotáronse contra o presidente.
Non acata o resultado e anuncia o voto en secreto. Nese momento a maioría dos comuneiros comezaron a marcharse ante a tomadura de pelo, entregándome as papeletas e un vogal, dimitiu ese dia.
O segundo reconto foi: 39 si, 27 non, 2 brancos, 3 abstencións, 1 nulo. Di que non hai quórum e suspende a asemblea.

Acta do 3 de setembro de 2006.- Asistentes 83: votan 59 si, 18 non, 2 brancos, 2 nulos e 1 abstención. Queda aprobado facelos bancos

Acta do 13 de maio de 2007, asemblea onde fun expulsado.- Asistentes 100. Votación recollida polo presidente no estado de contas, 60 si, non 11, nulos 1, brancos 5, abstención do secretario, non presentes 23. Non hai quórum no momento da votación como pasara na 1ª e 2ª cos bancos, pero aproba todo. Segue coa asemblea e tamén aproba unha subvención de 4 mil euros para o equipo de fútbol.

Algúns falamos de máis e, por momentos sen a calma precisa...
No meu caso considero que non falei de máis e agardo que conste en acta. Se non mantiven a calma precisa, e porque non estou disposto a que se mofen e burlen de min, e moito menos a aguantar os seus desplantes e xestos contra min. O primeiro que ten que facer un presidente é respectar aos comuneiros e comuneiras.
...pódese dicir que a reunión transcorreu dun xeito case modélico, exemplar.
Repito, as reunións modélicas déronse ata que saltou o tema dos bancos a partir dese dia descubriuse a súa Democracia?
A Asemblea da parroquia debe supervisar o que suceda e aprobar ou corrixir o que a xunta reitora fai en representación dela: decidira se as actividades e o rumbo determinados pola directiva son, ou non, os adecuados, e, no seu caso, rectificara a marcha como mellor lle pareza.
Pura demagoxia. Que vamos a aprobar ou a corrixir, se cando nos enteramos..., se nos enteramos, xa esta todo supostamente aprobado e feito e non podemos corrixir nada, se non queremos endebedar máis a comunidade. No caso das contratacións a dedo para que comuneiros "amigos" do presidente fixesen traballos remunerados pola comunidade, foron en contra da miña opinión, pero gañou a maioría democrática? de 3 directivos contra 1. Acordo tomado totalmente ilegal, xa que non se aprobou nas asembleas da xunta reitora.

Rectificara: Veremos esta demagoxia barata a onde o leva. O domingo a rectificación que lle vou pedir, vai ser devolver o agro de meu pai ao estado no que estaba antes de que llo dividise coa pista. Pode aducir que de 240 comuneiros do censo, 239 están a prol, pero non estamos falando dun ben comunal. O que faga cos bens comunais é problema dos comuneiros, o que fixo cos bens de meu pai, e problema noso.

Con todo se impediramos que a Asemblea actuase debidamente, e so servira para que berrásemos os uns cos outros, seria bastante unha convocatoria anual.
Dende logo hai que telos como as bolas de Loreto ou de Cela, para dicir iso. Primeiro, para ter unha soa reunión anual, como ben lle lembrei e na xestoría xa o sabían, en xaneiro había que aprobalo censo e seria nesa entón, onde ten que aprobalo estado de contas ou xa pasariamos a ter que celebrar dúas.

De aquí en diante e a vista da mellora, pensamos que se debía reunir mais frecuentemente.
Dende logo cinismo non lle falta, está dicindo claramente que o motivo de non convocarnos en 11 meses foi un castigo. Acaso foi polo menosprezo e humillación que lles fixo pasar aos comuneiros e comuneiras na asemblea do 1 de xuño de 2008, cando se negou en redondo a explicalo Punto Limpo: http://nebra-nebra.blogspot.com/2008/06/que-vergoa.html

martes, 6 de xaneiro de 2009

Quén minte?

Como dixen na entrada anterior, onte 5 de xaneiro entrevisteime co Xefe do Distrito. Entre varios temas que saíron a relucir sobre presuntas ilegalidades cometidas pola Xunta Reitora, falamos do punto limpo para o Son.

Díxenlle que a única noticia que tiña da cesión ao Concello da antiga canteira era unha noticia publicada en La Voz de Galicia, que se pode ver na entrada do 2 de novembro.

Cal seria a miña sorpresa ao dicirme que para el tamén era a única noticia, xa que a Xunta Reitora non lle había remitido ningunha documentación, como paso previo a cesión e ocupación, tal e como fixeramos noutra cesión.

Como todo son sorpresas, hoxe encóntrome con esta noticia: A obra do punto limpo sonense está adxudicada e só falta que empece a construción

Como se pode ler, o alcalde Manuel Tomé informa que a obra do punto limpo xa está adxudicada e só falta que empece a construción.

domingo, 9 de novembro de 2008

Nebra cede 2000 m. cadrados para o Punto Limpo


Hoxe saíu na prensa esta noticia: Comuneiros de Nebra ceden dous mil metros cadrados para que se habilite o punto limpo

Aquí pasa algo que non entendo ou son o único que ve cousas raras onde nonas hai.

Dende o pasado 15 de xuño non fomos convocados a unha asemblea xeral e a única referencia que temos nesa convocatoria coma 3º punto da orde do día era: Explicación necesaria do Punto Limpo en Cadeiras, comisión encargada da negociación co Concello, e aprobación, se procede.

Despois da miña expulsión de secretaria, non se expoñen as actas, polo que descoñezo que se recolleu na asemblea, pero unha de dúas: ou na reunión xa se aprobou e se demorou a cesión ao Concello por causas alleas á Comunidade ou non se aprobou nada, ou atopamonos ante unha cesión sen cumprilos Estatutos e a Lei de Montes.

Convén non esquecer que a documentación necesaria a presentar na Consellería de Medio Rural, a Comunidade ten que aportar o acta onde se aprobou a cesión, unha certificación do secretario co visto e prace do presidente, onde se recolla o acordo e as contra-prestacións obtidas pola Comunidade de habelas.

O tempo desvelaranos a verdade.

luns, 9 de xuño de 2008

Isto xa clama ao ceo

Convocatoria de Asemblea Extraordinaria sen cumprila Lei e os Estatutos


Onte apareceume na caixa do correo a convocatoria dunha Asemblea Xeral Extraordinaria. A raíz diso, remitín as seguintes preguntas á Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, da que Nebra é membro:

- Pódese convocar asembleas sen os prazos (mínimo 10 días) esixidos pola Lei e no noso caso, tamén polo estatutos?
- A nova convocatoria non tería que convocarse só cos puntos que quedaron sen debater?

Estas foron as respostas:

Esta mensaxe tamén vai dirixida a algúns membros da reitora da Organización para que corrixan os erros que poida eu comentar ou enche-los ocos.
1º.– Penso que os 10 días de prazo non son para que a reitora asine a convocatoria senón para que os comuneiros a reciban nun prazo maior deses dez días. Non hai na Lei e no Regulamenta de MVMC nada que fale de alixeira-lo prazo.
2º.- A Asemblea ordinaria ten que tratar os temas establecidos por Lei: Contas e eu diría que os Presupostos. Se se suspende a Asemblea puidera se optar por non facer Asemblea, facela para debate-los asuntos non tratados na anterior ou tamén para ver outros distintos. Que eu saiba iso non esta regulado.
Non sei se terei atinado. Se non é así dimo.
Saúde, pola Organización Galega de CMVMC: Celso Milleiro Fariñas

Como se pode comprobar, a convocatoria incumpre o prazo legal de aviso, pero é que hoxe no Concello comprobei que foi selada o día 6, fóra do horario de atención ao público. Por asuntos particulares estivera alí o venres e só estaba exposta a anterior, que tamén fora selada fora de prazo (a dia 24 de maio, sábado, entregóuseme o luns 26 e a asemblea celebrouse o 1 de xuño)

A cousa non acaba aquí, hoxe un vocal tamén me comunicou que a eles os convocaron a unha xuntanza urxente que tiveron onte, para informalos i entregarlles en man a convocatoria. O que faltaba, nin tan sequera está convocada pola Xunta Reitora, se non, mentres non se demostre o contrario, só polo presidente.

Vexan o que din os estatutos: "Con carácter extraordinario, podrá convocarse Asamblea General a iniciativa de la Junta Rectora o a petición de un mínimo del 20% de comuneros".

Sobran as palabras, como sobra toda "letania" que nos regala o presidente, que para un que non estivese presente na asemblea, dálle a entender que foron os comuneiros e comuneiras os que faltaron ao respecto á directiva, cando foi todo o contrario. Tampouco sei a conto de que ben facer referencia ao cura.

Se se celebra a asemblea e acode a maioría dos que estiveran presentes, agardo que a súa memoria non sexa tan fráxil i esixan unha rectificación pública e por escrito.

Pódese cometer nunha convocatoria tal número de despropósitos?

Nunca se saberá, pero coido que xente allea á comunidade "obrigou" a convocala.

domingo, 8 de xuño de 2008

QUE VERGOÑA !!!

O que pasou o domingo na Asemblea non ten nome, víase vir e vaia estreo que tivo o local. Mágoa que nesta ocasión os detractores non me poidan botala culpa, aínda que algúns xa me lembraron que grazas a min foi elixida esta directiva.

Aínda que na acta anterior falseouse a verdade do que aconteceu na Asemblea do 13 de decembro, ninguén dixo nada e non entendo ese cómplice silencio, tanto dos comuneiros coma dos vogais, máis ben agora entendese porque precisaban un secretario "menos díscolo" e porque me deixaron solo cando unha comuneira, de case 100 presentes, opúxose a que gravásemos os debates. Non hai interese en plasmalos en acta, por aquilo de que as palabras levas o vento.

Antes de centrarme na reunión non quixera pasar por alto as falsidades recollidas na acta, coma protesta presenteime coa lista de asistentes xa pechada e non fixen uso da palabra. Para que? Ao igual que pasou noutros tempos xa esquecidos e nos que tanto loitei, esa acta non ten nada que ver co que se debateu na Asemblea.

Ese día ao comezo da reunión estabamos presentes só 78 comuneiros, cando o quórum esixe 79. O presidente di que iso era o que dicía eu, pero non el. Nese intre como chegou un vogal e o tesoureiro, como ben digo, xa coa lista pechada, inscribiuno: Díxenlle que non era normal, pero que tampouco ía impugnalo. O curioso e que agora milagrosamente aparecen 81 (sic).

Ao remate da lectura da acta do 13 de maio, impugneina por falta de quórum, xa que no 3º punto (peche exercicio económico) na votación houbo só 78 comuneiros i en dúas asembleas nesta lexislatura, nas que se debatían os bancos da Igrexa, o presidente suspenderaas por idéntico motivo.

Nesta ocasión el saberá porque no fixo a pesar de que a cada punto que pasaba, os comuneiros ían marchándose. Vese que había "interese" en non suspendela, a pesar de que se aprobaron disposicións e cesións.

O malo de andar con "trapalladas" e que se esquecen cando se cometen. Se agora recoñecen que o quórum son 79 comuneiros, está máis que probado que esa asemblea foi ilegal, por iso "censuraron" a miña  intervención e impugnación.

Outra falsidade cometida é con respecto a quen exerceu de secretario unha vez que fun "obrigado a dimitir", Agora recollese que foi o vicepresidente, cando todo mundo sabe que foi o presidente o que se "autoproclamou" como tal. Para iso aporto estes datos: redactou a acta, de aí as súas desculpas sobre a miña queixa por usalo "mote" de meu pai en vez dos apelidos como é o normal e dou lectura a acta. Fose quen fose o que actuase coma secretario, todo o mundo sabe ou debería saber que un comuneiro non pode acaparar dous cargos.

Por último e referente ao tema da pista aberta sobre propiedades privadas, non entendo o motivo de querer implicarme "nesa desfeita". En decembro o presidente a preguntas dun comuneiro di que non sabe quen mandou abrila e agora redacta isto. Aínda supoñendo que fose eu o encargado de pedilos permisos, supoño que tería que transmitirlle se o deran ou non. Ou non contaban con esa posibilidade? Algo do que se esquecen é que nesas datas estaba traballando en Madrid.

Centrándome na Asemblea do domingo, non podo calar ante a falta de respecto que na opinión dunha maioría de comuneiros e comuneiras, algún vocal e na miña propia, sufrimos. Segundo os datos aportados polo secretario, había 115 comuneiros. Dado que dalgunha casa había máis dunha persoa, coido que pasabamos con creces dos 130 veciños e veciñas xuntos e vaia espectáculo nos "regalaron".

Dende sempre na Orde do Día, o estado de contas ía sempre acompañado de: e aprobación, se procede. Nesta ocasión non se fixo así.

É certo que era o peche do exercicio do ano 2007, que vai do 1 de xaneiro ao 31 de decembro, pero o que non entendo é que, cando un comuneiro pregunta polos fondos que había a 1 de xuño, non se lle saiba responder e se dígaselle, que si fose na véspera ao local se informábaselle (sic).

Algo que pasou desapercibido, foi o pago que se fixo a uns comuneiros que, uns directivos pola súa conta e resgo, encargaron unha tala de eucaliptos. Todo elo sen ser aprobado pola Xunta Reitora ou a Asemblea Xeral.

Con respecto ao punto limpo opino que, se o alcalde fose doutro partido máis "amigo", non pasaba o que pasou. Esta non é só a miña opinión, foi a de moitos ao saír en "estampida"do local.

Pedir coma contra-prestación a construción dun polígono industrial en Nebra, non é facernos un favor, faga onde se faga, saímos beneficiados os veciños e veciñas de todo Concello. Ía mellor encamiñado por exemplo, o comuneiro que preguntou canto cobrou o alcalde (cobrouna o Concello, na anterior lexislatura) pola licenza do local. A súa pregunta era ben intencionada, de pagarse hoxe e non cobrarnos, seria un beneficio exclusivo para Nebra.

Dado que outro comuneiro queixouse dunha xestión feita de cando estiben de secretario e na que empeñeime en que frutifícase, esixe unha explicación pola miña parte. Refírome a cesión que se fixo á empresa que depositou pedra na canteira, pedra que quedaba a disposición dos comuneiros ou para vendela a terceiros. Ademais lograrase que cedera 3 días unha pala para reparar pistas, achandar unha explanada preto da canteira para facer unha area recreativa e que nos vállase a canteira, xa que era un perigo que leva aí preto de 30 anos.

A queixa veu motivada porque a empresa marchou sen cumprir o contrato, despois de depositar varias toneladas de pedra. Sobre isto teño que dicir que na Asemblea do 13 de decembro preguntei por escrito (nota nunha entrada) ao presidente porque non se lle esixiu o seu cumprimento, pero nin se molestou en contestarme, e o que é peor, nin consta na acta a miña intervención.