Amosando publicacións coa etiqueta estado de contas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta estado de contas. Amosar todas as publicacións

martes, 17 de marzo de 2015

Por que non actúa a Consellería do Medio Rural e do Mar en Nebra?

Se as Comunidades de Montes manexan fondos públicos en: peches gandeiros, plantacións, limpeza do mato e antigamente coas cuadrillas contraincendios, como a Xunta non actúa de oficio cando algunha xunta reitora, como pasa coa nosa, non cumpre co seu cometido?

Tódolos anos as Comunidades temos que aprobalo censo, coas súas baixas e altas e logo o secretario, ten o deber inescusable de remitirllo á Consellería. Caso de non facelo esta ten o deber de reclámalo.

Se o último que se someteu a votación foi o 13 de maio de 2012. Por que este cómplice silencio?

Vamos camiño de 2 anos sen celebrar unha Asemblea, e sabemos que co tema do porcos presuntamente están recibindo fondos da Consellería do Medio Rural, xa venderon 2 partidas e fíxose con eles unha exaltación, na que os comuneiros e forasteiros pagamos o mesmo e logo parece que fixeron comidas privadas, que non cuestiono, porén si a onde foron parar os cartos da súa venda, xa que desde o 13 de maio, non temos constancia dos fondos que recibimos da Xunta, que beneficios xerou esa degustación e canto ingresamos polas cortas e rareas que fixeron.

Neste último suposto sei porque a Consellería non se entremete. Porén que pasa co censo e a onde van parar eses fondos públicos? Se a todo iso lle sumamos a paralice total da Comunidade, sen reunións da Xunta Reitora e sen Asembleas, aínda se entende moito menos.

Por que pola contra si intervén nas confrarías, onde non se celebraban asembleas ou eleccións? Porque esta é outra este impostor leva 2 anos ilegalmente no cargo.

La Voz de Galicia: A Garda Civil detén ao expatrón maior de Cabo de Cruz

sábado, 29 de maio de 2010

As mentiras son difíciles de camuflar

Na asemblea ordinaria celebrada o 3 de maio de 2009, dérasenos conta dun pago de 24.165,37 €, que me obrigara a preguntar á directiva, en que asemblea xeral se aprobaran os traballos que motivaran ese pago?
O motivo da pregunta era vital, xa que tal é como expliquei aquí, a xunta reitora non pode adxudicar traballos que superen os 12.000 €, sen ser antes aprobados pola asemblea xeral.

Sen embargo na mesma asemblea contestaráseme que si, que foran aprobados, pero que non lembraban en que asemblea se aprobara o gasto motivo da miña pregunta. Como na seguinte asemblea non foron quen de presentala acta onde sustentala afirmación, contestaráseme que como tiveran unha subvención, consideraban que só eles eran os responsables onde investila [sic]. Na miña supina ignorancia, sempre crin que as subvencións viñan destinadas á comunidade, non á xunta reitora, pero en fin, é o que hai.

A sorte foi que nesa asemblea houbo outras intervencións como a de Humberto Piñeiro, para acusalos tamén de que estaban facendo gastos ao seu libre albedrío e José Lojo, en que era verdade, que non podían superar eses gastos. Humberto Piñeiro, insistiulles por activa e por pasiva que estaba sobrepasando ese limite e o presidente responderalle que era o que dicía el, pero que non é correcto. Foi cando afirmou que o único gasto que fixeran de 12.000 €, fora para acondicionalo arredor do local e que iso tiñan dereito a facelo.

Insiste en que os gastos teñen que contar coa aprobación dos veciños, pero Humberto Piñeiro, díxolles que iso non o facían.

Como poden comprobar no estado de contas que nos entregaron na asemblea celebrada o pasado día 16, o presidente mentiunos e parece que ninguén se decatou. Mentres o ano pasado díxonos que o único gasto que fixeran dentro dese marxe fora acondicionalo entorno do local, agora na relación de pago aportan o importe 19.090,00 €. Sete mil noventa euros a maiores do que podían adxudicar e o que é peor, sen que previamente solicitasen presupostos a outros construtores para estudala mellor oferta para os intereses da comunidade.

Adxudicar así como así, unha obra a dedo por máis de 19.000 euros non sei eu ata que punto pode ser de todo legal. Pero claro, así pasa que despois os que reclamamos nas asembleas que se cumpra a estrita legalidade, os que se aproveitan destes "chanchoullos" da xunta reitora, son os primeiros en defendela.

Aquí non se trata de quen ten máis ou menos a razón, tratase de cumprir e acatar unhas normas que están escritas e aprobadas. Así de sinxelo.
Quinto punto da orde do día aprobado na asemblea Xeral Extraordinaria, celebrada pola comunidade o día 1 de outubro de 2001.
Que se trata da autorización á xunta reitora para o pagamento de gastos menores e aprobación, se procede, dos límites do importe de dito gasto.
Onde queda aprobado pola asemblea nunha votación en furna cun total de cincuenta e catro «54» votos a favor, vinte e tres «23» en contra, catro «4» votos en branco e dous «2» votos nulos.
Autorización a facer obras e investir unha cantidade non superior a dous millóns de ptas., presentando sempre facturas e presupostos de ditas obras ou compras.
Membros da actual xunta reitora que estiveron presentes nesa asemblea. O tesoureiro, José Luís Martínez Gómez e os vogais, Ramón Bazarra Pouso, José Benito Calo Martínez, Juan Martínez Santamaría, Rosa María Castelo Torrado, José Resúa Paz e José Ramón Tomé Castiñeiras.
O bo que ten, non só gozar de boa memoria, se non de gardar todo nun arquivo e perdelo tempo en colgalo neste blogue, e que cada vez decátome máis de canta razón ten este refrán: pillase antes a un mentireiro que a un coxo.

luns, 24 de maio de 2010

Estado de contas... e contos

Comeza o tesoureiro dicindo que ía da-lo estado de contas de xeito resumido, iso era: gastos e ingresos totais. Humberto Piñeiro afirma que o normal é que se diga detalladamente en que consistiron eses gastos e de onde procederon os ingresos. Isto non gustou ao tesoureiro e produciuse un pequeno debate entre os dous, para pasar a dalo tal e como lle solicitara o comuneiro, pero encarándose cara a el, polo que de novo o recrimina pedíndolle que o dese dirixíndose a todos.

Con todo iso foi igual un resumo, xa que non se separaron detalles coma por exemplo, canto nos custou a aventura de contratar aos tres traballadores, sen pasar antes pola asemblea?. Todo foi mesturado en nóminas e seguros, pero unha cousa foron os contratos avalados pola asemblea, e outros os subscritos de xeito irregular pola xunta reitora.

Cando rematou tamén dixo que agora non van poñela documentación nos bares, porque ao parecer foron criticados por facelo [sic]. Dixo que foi un acordo de todos e que o facían en base a que agora había un local que antes non había. Síntoo de novo levarlles a contraria, pero antes tamén o había aínda que fose alugado. Nel tódolos sábados e os dez días preceptivos á celebracións das asembleas, coma secretario estaba ao dispor dos comuneiros e comuneiras que quixesen ve-la documentación do arquivo ou dos asuntos a debater. É con todo iso, tal e como demandan os Estatutos, colocaba igualmente a documentación nos taboleiros e ninguén veu a queixárseme por facer iso. Só mostraron a súa desconformidade os meus propios compañeiros, para que agora traten de colgarse o mérito de que están tódolos sábados ao noso dispor.

Xa sen que nada tivese coas contas, pasouse a falar sobre as plantacións realizadas e o presidente dixo que ao mellor outra xente pensa o contrario, pero que hai moitas zonas onde os montes se están rexenerando en por eles. Esa foi unha teima miña neste blogue e denunciando plantacións de piñeiros, onde se habían rexenerado e como agora cos tractores de cadeas, incluso levaron por diante os plantados e quedaron os rexenerados. Xa digo, outra cousa seria que se repoboase con especies nobres, pero facelo con piñeiros foi gastalos cartos, beneficiar a empresa que os plantou, que os vendeu e quedarnos con cara de parvos. Porque ese é outra, as subvencións que veñen para plantar, traen consigo detrás outras para limpeza, rarea e poda, que cobra case directamente a empresa que xestiona todo.

Véxase no centro da foto un piñeiro plantado e ao seu carón, moito máis grandes, os ventureiros.

De seguido saltase con outro tema, quizais o máis candente da asemblea. O presidente dixo que «o experimento ese» que fixeron coa leña en catro meses, que fora un absoluto fracaso. Admite que foi un erro pola súa parte, pero matizando que ao mellor foi algo que non se fixo ben, pero que saíu moi mal. Tamén dixo que se venderan vintecinco viaxes de leña e que iso se podía discutir e mirar, pero que eles tamén tiñan as súas opinións e que habería opinións para tódolos gustos.

Humberto Piñeiro pregunta directamente se dou perda. O presidente e o tesoureiro dinlle que si e Humberto afirmou que os responsables eran os catro. Insistiu en que só foran eles os que aprobaron iso e non os comuneiros. O tesoureiro dille que ao mellor tiña razón cando o dixo novembro, e córtao dicíndolle «acabouse o debate». Humberto insiste en que si se aprobase pola asemblea, esta sería a responsable, pero ao ser só eles os culpables, tamén serian os responsables de pagar. O presidente matiza que iso si que non.

Novamente Humberto insiste en que as cousas deben de facerse aquí [nas asembleas] e non aí [na xunta reitora], pero o presidente dille que si se fixeron aquí. Humberto replícalle que non, porque xa estaba todo en marcha cando se dou a coñecer á parroquia, preguntadolles se non se acordaban. O presidente dille que estaba feito coma moitas outras cousas e o secretario, que eles só eran responsables antes de aprobarse pola asemblea [sic]. Humberto dando por rematado o tema di que dou perdidas, pero como vai aos fondos da parroquia, aquí non pasou nada.

Alguén di que os vogais [que non abriron a boca para nada] tamén son culpables e que tamén terían que pagar. Humberto só lles di que iso era para que se desen de conta que as cousas deben ser aprobadas polos comuneiros e non só polos eles.

Ao final o debate rematou nun cruce de reproches, acusacións e descualificación contra Humberto. Primeiro intervén Juan Pouso para preguntarlle si era perfecto. De todos os presentes era o menos indicado para facela pregunta, xa que se beneficiou desa irregularidade, ao facelos viaxes da leña no seu tractor. Ao mellor entendese esa defensa numantina aprol dos reitores, unha porque o sogro é vogal e polo visto aprobouse por unanimidade e porque no seu día se-lle adxudicou directamente o segundo proxecto do local. De aí que manteña que este tipo de actos deben ser erradicados en tódolos eidos, para evitar "deber" este tipo de favores.

Pero quen foi a máis no seu ataque sen razón, foi Juan Lema [coido que vogal] que o inquiriu polo cemiterio e acusándoo de facer alí un "pombal", para rematar faltándolle ao respecto.

É incrible, cando no ano 1993 Humberto fixo a urbanización do cemiterio, Lema non só non dixo nada, se non que estivo en contra dos que considerabamos que non só estaba mal planeado, se non que o peor, era que non cubría as necesidades da parroquia. Dicir a todo isto, que por aquel entón os dous eran vogais, polo que aínda se entende menos o reproche e coma proba, aí están as actas onde se pode comprobar que nunca mencionou que alí se estaba facendo un pombal, para dicilo agora dezasete anos despois. Terei tódolos defectos, pero iso si, non agardo tantos anos para dicilas cousas, e tampouco permitiría que outros o fixesen para tapar un erro meu.

Pero aínda ten máis gracia que na última reunión á que asistín coma secretario, amoseille a tódolos reitores un pago de cen mil ptas., feito curiosamente por esa mesma directiva na que estiveron os dous, para denunciarme cando era membro do sector crítico e Lema, foi un dos que me dixo que non quería remexer en temas pasados. Por que aquel día non, e agora si?

Só unha pequena aclaración do porque amosei ese documento. Existe unha acta na que a xunta reitora aproba por maioría denunciarme e dado que realizaron o pago e nunca tramitaran a denuncia, entendo que non tiñan razón, polo tanto máis que a comunidade buscase recuperar eses cartos, quería que se anulase ese acordo, pero xa non me deron tempo a máis ao cesarme fulminantemente. Non lles interesa que se descubra que coma crítico sempre busquei o mellor para a comunidade, mentres moitos deles estaban na súa casa agardando tempos mellores.


luns, 4 de maio de 2009

Estado de contas: 1 + 1 = 2

O tesoureiro pasou a dalo estado de contas, que non fai falla ser moi listo para facelas cadrar como tiven que explicarlle aos directivos.

Os investimentos ou gastos que non superen os 12.020,24 €, poden ser aprobados pola xunta reitora sen necesidade de que sexa aprobado pola asemblea xeral, en base a unha aprobación polémica da anterior directiva, xa que non especificaron se esa cantidade era para todo exercicio económico do ano ou para cada presuposto.
A diferenza é notable, xa que non é o mesmo que poidan gastar nun ano 12.000 € ao seu libre albedrío, que pola contra adxudicar 10 presupostos por esa mesma cantidade. Neste caso xa estaríamos a falar de que vinte comuneiros, decidan como e onde gastar 120.000 €, e o resto calen ou asintan.

Pero o máis grave e que algúns gastos mesmo sexan aprobados supostamente polos catro directivos. Cando eu era o secretario, xa se deran casos deses aprobados só por un ou polos tres e iso é o grave.

Todo gasto ou inversión na comunidade que supere os 12.020,24 euros, ten que ser APROBADO pola asemblea xeral. Outros gastos como poden ser subvencións, aínda sendo menor cantidade tamén teñen que ser aprobado pola asemblea.

No estado de contas pasáronnos un pago a un empresario por un valor de 24.165,37 euros por reparación de pistas. Revisando as convocatorias, non atopo ningunha que levase un punto no que aprobásemos, se procedía, efectuar eses supostos traballos.
Solicito a directiva que se me informase en que acta consta que os comuneiros aprobásemos eses traballos. Din que si, que foron aprobados. Pois ben, que falen as actas.

Intervén José Lojo, apoiando a miña iniciativa e lembra que nos anteriores estatutos, as directivas para mover máis de 5.000 ptas tiña que ser aprobado pola asemblea.

O tesoureiro levantando a voz, diríxese aos comuneiros para dicirlles que sei perfectamente que están todo los sábados no local para ir miralas contas e acúsame de ir a asemblea a armar escándalo. Isto facía tempo que no escoitaba de boca duns directivos, que facían o mesmo para esquivalas preguntas.
Tomo a palabra para explicarlle que teño dereito a esixir esa información na asemblea e que por mor do meu traballo, no estou na parroquia sábados ou domingos.
Humberto Piñeiro, diríxese a directiva para dicirlles que están facendo gastos ao seu aire. O presidente di que é xusto o que digo eu e José Lojo, e que é verdade que non poden superar eses gastos, pero Humberto Piñeiro, di que si o están facendo. O presidente respóndelle que é o que di el, pero que non é correcto.

Afirma que o único gasto que fixeron de acordo con eses 12.000 euros, foi acondicionalo arredor do local e que iso tiñan dereito a facelo. Di que non lembra en que asemblea se aprobou o gasto motivo da miña pregunta.
Insiste en que os gastos teñen que contar coa aprobación dos veciños e Humberto Piñeiro, dille que non se fixo. O presidente eludindo a aseveración, di que as pistas están executadas.

Meu pai interpélao sobre a pista que lle abriu no agro e lémbralle que o fixo sen pedirlle permiso, que a fixeron pola súa conta e que nin tivo a decencia de facerlle un acceso. Resposta que iso non era así, e que o que se discute, é que eles pensaban que si había permiso (sic).

Insiste que así está recollido (non sei a que se refire, xa que non hai ningunha acta ou asemblea onde se aprobase abrila) e que pensaron que tiñan o permisos dos propietarios. Meu pai dille que a el non se lle pediu e respóndelle, que eles contaban que si o dera. Meu pai tamén lle lembra que a algún veciño foran pedirlle o permiso despois de abrila pista.

Neste momento o presidente xa pasa as mentiras ao dicir que esta recollido en acta e que eu quedara de pedilos permisos. REPITO, non hai ningunha acta onde se reflexa iso, como que non existe ningunha acta onde se aprobase a pista. O presidente segue nas súas e insisten en que pensaron que si había permisos, que non van a discutilo outra vez e que xa está todo falado.

Dóusenos conta dunha axuda de 4.000 € ao equipo de fútbol. Se na asemblea digo algo seguro que tal e como me sucedeu despois, os presidente tentaría por aos comuneiros na miña contra, aducindo que estou en contra dos rapaces que xogan ao fútbol. Non sei cantos comuneiros son agora socios do equipo, pero á ultima asemblea a que fun só acudín eu e tres directivos, pero este non é o tema, como tampouco explicar porque me dei de baixa.

A cuestión é que para aprobalos bancos da Igrexa onde hoxe se sentan tanto os que aprobaron dita inversión, coma os que estaba na súa contra, tivemos que facelo en tres asembleas, porque o presidente non acatou o resultado das dúas primeiras, xa que o seu posicionamento era votar en contra. Aínda que ao final non lle quedou máis remedio que "achantar".

Segundo explicou o presidente a un comuneiro, a comunidade tamén aprobou a edición do libro que denuncie nunha entrada anterior. Subvención tampouco aprobamos os comuneiros.

O balance anual dou un resultado de 110.158,49 € gastados, e 69.676,39 ingresados.

Non se solicitou a aprobación das contas e tampouco se podía facer, ao non presentala directiva antes a acta de referencia, para sustentalo gasto dos 24.165,37 €.

O meu voto seria negativo, xa que hai moitas partidas económicas que presuntamente nin foron aprobadas con anterioridade polos vocais.