miércoles, 17 de agosto de 2011

Todos no mesmo saco?


Dirixíame ós Chans da Serra para incorporarme á visita guiada das X Xornadas de Historia e Cultura cando a altura de Rego Pereiro, no monte de Nebra, divisei este pequeno conato de incendio en Agrelo-Porto do Son. Ás 11:23 chamei ao 085 para darlles conta da incidencia e xa me comunicaron que habían recibido outro aviso e posto en marcha o dispositivo de seguridade.

Hoxe sae publicado en La Voz de Galicia que a presunta orixe deste incendio foi unha roza que estaba a facer un veciño..., o mesmo que dou a voz de alarma en primeiro lugar ao decatarse que non era quen de sufócalo... e que foi detido. Neste caso e noutros parecidos ollase que a eficiencia da Xunta e dos investigadores é do 100%, mágoa que nos grandes incendios, eses que desbastan Galicia, non sexa como mínimo un 50%. Ao mellor outro galo nos cantaría.

Retranca a parte, coido que a Xunta e a prensa deberían saber distinguir entre detencións de incendiarios «profesionais», por denominalos dalgunha maneira, e imprudentes. Non é o mesmo prendelo lume a postas, que facelo por un descoido froito dunha queima con permiso, que outro causado sen el, ou coma neste caso, por culpa dunha chispa causada por unha desbrozadora. Dado como se as gastan uns e outros con este tema, que-lle dan a mesma publicidade a todos, hai que andar con pes de chumbo. Dende que o día de San Xoán Medio Rural suspendeu os permisos de queimas ata novo aviso, no meu caso non só abortei a queima que tiña programa para ese día, se non que ademais decidín paralas tarefas de roza que estaba efectuando, porque aínda haxa lagoas informativas neste aspecto, en tempadas de risco estas labores están prohibidas.

No hay comentarios: