viernes, 6 de julio de 2012

Contra o lume, previsión e vixilancia son primordiais

Base do que foi unha caseta de vixilancia da Forestal
Non por ilo deixaba de haber algún incendio, pero houbo uns anos nos que a Xunta subvencionaba co 80% a creación de cuadrillas para vixialo monte e de paso, efectuaban tarefas de prevención, rozando beiras de camiños, pistas e arredores das aldeas que limitaban co monte. Eran catro meses, nalgúns casos máis, de traballo para seis persoas naquelas comunidades que decidían acollerse.

A raíz do movemento solidario que se creou tralos incendios do 2006, a Xunta aproveitou o tirón para creala figura do voluntario, deixando no 2007 ou 2008 de subvencionar este tipo de cuadrillas, polo que moitas comunidades, entres eles a nosa, deixaron de crealas.Non sei como quedou ao final, pero a nós quixeron non pagarnos a do 2006, porque segundo a Xunta non había rozado as hectáreas, sen contar o desastre que tiveramos, e que mentres se apagaba o lume non se podía facer outro traballo.

Os que temos xa certa idade, lembramos que durante a Ditadura tamén había incendios, pero nada comparables cos de hoxe en día, grazas á labor dos veciños rozando o monte para a cama dos animais e a que no cumio dos montes había torres de vixilancia, como a que houbo en Nebra e que foi destruída para construír este centro de transmisión, agora abandonado.

Vista do val de Nebra desde Castro Paredes
Como se pode ollar na parte final do vídeo, o alcance visual non só atinxía a unha gran parte do Barbanza, se non que tamén ao outro lado da ría. De aí que estea de acordo coas opinións vertidas na noticia da que hoxe me fago eco: a Xunta debe de poñer máis celo na vixilancia dos montes. Ao igual que outros anos, unha boa opción é que os patrulle o exercito, aínda que haxa xente á que non lle guste porque o considera intimidatorio cando camiña polo monte. Dende logo ese non é o meu caso, porque cando pateo o monte adoito usar, aínda que non sexa obrigatorio, un chaleco.
Zona de alto risco de incendios e a posibilidade de que os medios humanos para previlos se vexan notablemente minguados. Ese é o panorama ao que se enfrontan este verán as diferentes comunidades de montes do municipio que onte mesmo se mostraban "preocupadas" pola posibilidade de que os pirómanos actúen nesta contorna. O presidente dos comuneiros de Loenzo, Daniel Abalo, sinalaba que "a preocupación sempre está aí. A nós de momento non se nos avisou de se ía haber vixilancia ou non e do que nos estamos decatando é pola prensa".

A mesma sensación de incerteza é a que se respira en Cea. Satiro Doval subliñaba que "nós estamos todas as semanas polo monte e non vemos absolutamente a ninguén, nin sequera no alto do Xiabre onde sempre había unha patrulla pero agora non hai ninguén". O seu temor é claro dado que "aínda que nós sempre tentamos ter todo en orde como veña un incendio contra o lume é difícil loitar; nós sempre defendemos que a prevención é o principal, e iso implica ter xente para vixiar, para impedir que calquera poida ir libremente ao monte e non se controla nada".

Doval manifesta que "nunha reunión que tiveramos aí atrás non Auditorio eu xa propuxen que o idóneo sería que, polo menos nesta época, se identificase a todas as persoas que van polo monte porque iso polo menos sería como unha advertencia aos que queren ir facer mal de que non van escapar tan fácil".

En Cea sinalan que "nós temos o monte limpo e temos os perímetros para cortar o incendio a punto, pero é imposible controlalo de todo se non hai xente". Neste sentido inciden en que "nós estamos pendentes, pero a vixilancia é algo que leva a Xunta e redúcense respecto de anos anteriores non sei como vai ser a cousa. Porque o tema está tranquilo ata que pasa algo e despois cando pasa é cando botamos as mans á cabeza".

O que está claro é que os comuneiros de Vilagarcía teñen aínda na mente o sucedido no ano 2006 cando a vaga de incendios arrasou por completo a masa forestal de diferentes puntos da localidade. "Non queremos que pase o mesmo porque foi terrible e por iso hai que poñer os medios oportunos para evitalo antes de que sexa demasiado tarde", subliña Satiro Doval.

Cabe lembrar que en 2006 foron os propios veciños os que, nalgún caso, tiveron que botarse ao monte para apagar as chamas.

Fonte orixinal: Diario de Arousa

No hay comentarios: