domingo, 7 de junio de 2009

Parabéns aos comuneiros de Darbo

A Comunidade de Montes de Darbo (Cangas) ben de inaugurar as obras realizadas nos últimos anos, mentres en Nebra seguimos agardando para levar a cabo algunhas aprobadas fai máis de 3 anos.

Comuneiros de Darbo culminan a conversión do antigo vertedoiro de Varalonga nun "pulmón verde"

Lendo a nota de prensa só coincidimos nunha cousa: o verán do 2006 foi nefasto para as dúas comunidades, pero mentres Darbo quixo renacer das súas cinzas, aquí coido que primaron outros intereses.

Estas son as 3 diferenzas.
Darbo:
Culminaron a conversión do antigo vertedoiro de Varalonga nun "pulmón verde".
Recuperaron o lavadoiro de Gorgollón, con máis de cen anos de antigüidade.
Fixeron desbroces e plantaron frondosas.

Nebra:
Non culminamos a conversión do antigo vertedoiro de Padín-Cadeiras nun soto ou carballeira e un merendeiro. Iso a pesar de que tiñamos asinado un contrato coa empresa que depositou pedra na antiga canteira polo cal se comprometía a aplanarnos a zona, pero os nosos xestores deixárona marcharse de rositas.
Non rehabilitamos o único lavadoiro e as tres fontes que tiñamos previsto e que aprobamos na xunta reitora.
Plantaron piñeiros en zonas que por si sola se rexeneraron e non me parecería un gasto superfluo, se se plantasen arbores máis autóctonas e frondosas aproveitando que por culpa do lume non quedou nada.
Din que unha imaxe vale máis que mil palabras. Nas fotos que aporto tomadas un día despois de rareala zona, poden comprobalo que digo: en marco azul os piñeiros plantados e en verde, os ventureiros. Saquen as súas conclusións.

Resulta curioso que a recuperación do lavadoiro a tivesen que sufragar integramente con fondos da Comunidade ao serlle denegadas, por falta de presuposto, as subvencións solicitadas á Xunta e á Deputación. Do Concello di o seu presidente que seguen esperando resposta.

Digo que resulta curioso en canto a que a nós a Xunta "agasallounos" cunha subvención ao 100% para que directivos sen escrúpulos e sen autorización da asemblea xeral, cruzasen varias propiedades privadas cunha pista tal e como denunciei en anteriores entradas.

Como non hai 2 sen 3, a Deputación "claudicou con outras subvencións que non procedían" para facelos peches gandeiros que tampouco aprobamos en asemblea e dos que se benefician persoas alleas á Comunidade.

Unha cousa pola que tanto loitei e non conseguín, era contar cunha cuadrilla profesional como teñen algunhas comunidades do entorno. Vese que Darbo tamén conta con unha que colaborou para que os proxectos visen a luz.

Aquí xa se sabe, os traballos "organízaos" unha empresa allea á Comunidade e cando non é así, contratase a dedo ao persoal "amigo" sexa xubilado ou non e pagáselle relixiosamente, aínda que digan que non é un pago, se non que é unha contra-prestación polos "servizos prestados".
Iso si, por si acaso non existe un contrato vinculante e todo se fai de común acordo para non pillarse os dedos uns e outros.

Pensan que tódolos comuneiros seguimos chupándonos o dedo?

Os comuneiros de Darbo restauran un pilón centenario que aflorou con lume

No hay comentarios: