domingo, 23 de febrero de 2014

Cal será diferenza en que a Xunta do PP, presuntamente tente roubarnos o monte, e o que nos roubou a nós o bipartito (PSOE-BNG)?

Pregunta dirixida aos membros da Organización Galega de Comunidades de Montes, entre eles, ao noso presidente que de xeito irregular ocupa dito cargo desde o ano pasado.

É raro que NUNCA se pronunciaran, como si fixeron noutros casos a pesar de remitirlles no seu día varios correos. Manterían o mesmo SILENCIO, se este roubo no lo inflixise o PP? Cal é a diferenza?

No ámbito privado son moitos os comuneiros e incluso vogais, que opinan que o monte debería pasar a mans da Xunta. A miña postura dende logo é a contraria, mais enténdoos, porque nunca tivemos uns reitores exemplares na comunidade, e nestes intres está «secuestrada» polos actuais.
Faro de Vigo: Os comuneiros alertan de ´movementos´ para que o monte veciñal acabe en mans privadas

A Xunta de Galicia pretende acabar coa propiedade veciñal dos montes en mancomún, para entregalos a xestores privados. Denúnciao a Organización Galega de Comunidades de Montes e pon como exemplo a recente reapertura do expediente de recalificación dos montes de Noalla, resolta por sentenza fai dez anos en beneficio dos veciños desta parroquia de Sanxenxo. O presidente da organización, Xosé Alfredo Pereira e o titular da Mancomunidade de Castrove-O Salnés e da Comunidade de Montes de Combarro, Claudio Quintillán, afirmaron onte que a Administración autonómica "dispara á liña de flotación" das comunidades de montes, con reformas normativas que teñen como propósito acabar con esta institución histórica.

O obxectivo é -afirman Pereira e Quintillán- favorecer actividades especulativas, como as plantas de biomasa ou a plantación de determinadas especies "máis produtivas", fronte ao traballo de recuperación do bosque tradicional e a posta en valor dos seus recursos, polo que apostan as comunidades de montes asociadas a esta organización.

Os seus portavoces foron claros ao denunciar os movementos que se están producindo en determinados sectores privados, co amparo da Administración autonómica, para "cambiar de mans" o monte veciñal. E neste sentido apuntaron o caso "insólito" dos montes de Noalla, en Sanxenxo, reclamados novamente polo Concello do Grove, cando a cuestión fora resolta polo Xurado Provincial de Montes, que depende da consellería. "Abre un perigoso precedente; moitas outras comunidades con lindes poucos claros poderían ser cuestionadas e a súa titularidade veciñal posta en perigo", advertiu o portavoz da organización de comuneiros.

Eleccións europeas

Ante esta situación, a asemblea da Organización Galega de Comunidades de Montes acordou na súa reunión do pasado día 9, en Lugo, instar a todos os partidos políticos galegos a incluír nos seus programas electorais a defensa do monte comunal, a través dunha lexislación específica que garanta a súa titularidade veciñal. O BNG xa respondeu positivamente a este requirimento. "Esperemos que o resto de partidos políticos galegos sexan sensibles a esta demanda, que supón a defensa dunha dos acenos de identidade deste país", apuntou Pereira. Unhas 250.000 hectáreas de monte comunal en Galicia podería pasar a mans privadas, alertou.

Diario de Pontevedra: As Comunidades de Montes acusan á Xunta de querer roubarlles os seus terreos

Representantes da Organización galega de Comunidades de Montes denuncian que a Xunta de Galicia está a adoptar medidas que van en contra da figura do monte veciñal coa intención de beneficiar ás empresas forestais privadas, o que consideran un "roubo".

O presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira, afirmou que a Xunta persegue retirar aos veciños a súa responsabilidade histórica sobre a xestión destes bens naturais.

Entre outros argumentos, explican que a función pública que cumpren as comunidades de montes en moitas zonas de Galicia está limitada pola nova lexislación que establece que esas entidades deben destinar a investimentos en plans de mellora o 40 por cento dos seus ingresos. Isto suporá unha rebaixa outro tipo de achegas nas zonas rurais, onde as comunidades de montes suplen a ausencia de investimentos por parte das administracións públicas.

O presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes criticou esta obrigatoriedade que impón a Lei de Montes de Galicia de 2012, porque non distingue as singularidades dalgunhas comunidades, en canto a ingresos, xa que algunhas recadan fondos coa venda de madeira, mentres que outras teñen explotacións mineiras ou parques eólicos.

Ademais, desde esta organización, instan os grupos políticos galegos que trasladen aos foros da Unión Europea o recoñecemento á propiedade veciñal dos montes galegos ante o temor de que desde a administración autonómica póidase terminar por trasladar 250.000 hectáreas de terreos á xestión privada.

Segundo denunciou Xosé Alfredo Pereira, están a desenvolverse situacións tan insólitas como que o Xurado provincial de Montes de Pontevedra volveu a iniciar o expediente relacionado coa Comunidade de Montes de Noalla a petición do Concello do Grove despois de que hai dez anos unha sentenza declarase eses terreos como propiedade dos veciños da parroquia de Sanxenxo.

Desde as Comunidades de Montes consideran que esta decisión senta un precedente moi perigoso e, segundo José Alfredo Pereira, puiden supor o "roubo do monte veciñal". En concreto, cre que así se busca favorecer determinadas actividades especulativas relacionadas con biomasa ou plantación de determinadas especies arbóreas.

A xuízo da Organización Galega de Comunidades de Montes, "esta Xunta ten como obxectivo terminar con este tipo de propiedade".

No hay comentarios: