Amosando publicacións coa etiqueta polígono industrial. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta polígono industrial. Amosar todas as publicacións

domingo, 13 de setembro de 2009

A que xogamos?

O pasado mes de xullo, publiquei dúas entradas baixo o título de "O cinismo dun presidente" (1ª parte o 17 de xullo e a 2ª parte o 27 de xullo), á vista dunha carta publicada en La Voz de Galicia escrita polo presidente da comunidade, do seu puño e letra, na que criticaba ao goberno local, á asociación de empresarios e á ubicación do futuro polígono industrial en Cans.

Pois ben, hoxe na miña procura de noticias relacionadas con Nebra que aparezan na rede, atopeime cun xornal de carácter gratuíto do que non tiña coñecemento, Clave Informativa, que tiña un titular ben claro: Porto do Son loita por non quedar illado [PDF]. A noticia é de decembro de 2008, pero non ten desperdicio.

Na súa 3ª folla, atópome coa sorpresa de que o BNG e PSOE sonenses amosan a súa conformidade coa ubicación do polígono industrial, por boca dos seus portavoces municipais (obsérvese o detalle de que ningún fala de Cadeiras). Unha de dúas, ou a portavoz do BNG local falou sen consultar coa Asemblea Local, na que o presidente é militante (descoñezo se ocupa algún cargo) ou este busca crear polémica implicándonos aos comuneiros e comuneiras. Non se pode estar en misa e repicalas campás.

Un dato moi importante é que entre esas declaracións e a publicación da carta houbo o troco de goberno en Galiza e a pregunta podería ser, por qué mentres os "amigos" gobernaban na Xunta todo lles parecía ben e non se preocuparon dos veciños e agora si?

Coma prexudicado dáme igual que goberne PP, PSOE ou Bloque, por fin os tres tiveron a oportunidade de amosarme que poucas diferenzas hai entre uns e outros, algo que tamén parece que quedou moi claro para moitos galegos e galegas nas eleccións de marzo por moito que algúns lle queiran botar a culpa á certa prensa escrita (sic).

En maio do 2008 xa dera conta nunha entrada da manipulación desta xente. Revisándoa e lendo o folleto que publicaran, vese claramente que tamén nomean Cadeiras, nunca a Cans. Aclarar para os que non coñeza a zona, que Cadeiras é monte comunal e Cans, son montes privados.

Aínda que só se fala de Cans, os núcleos habitados que quedaremos prexudicados somos máis, na imaxe aérea vese perfectamente como nos afectará aos veciños de Quintáns e o Empalme, entre outros.

luns, 27 de xullo de 2009

O cinismo dun presidente, segunda parte

Analizando o seguinte paragrafo da noticia publicada por La Voz de Galicia: La patronal sonense solicita a la Consellería de Territorio que fije los plazos del polígono industrial:
...el Concello de Porto do Son elaboró un estudio de viabilidad en el que se indicaba que había empresas interesadas en hacerse con el 60% del terreno que se oferta en la parcela cedida por los comuneros.
Coido que aquí alguén meteu a "zoupa", ben o Consello ou a patronal, ao falar de comuneiros no canto de veciños, que non é o mesmo. Os comuneiros que eu saiba non cedemos nada para o polígono e os veciños, non creo que cédense as súas propiedades, se acaso, algúns vendesen ou as estean vendendo.
Tamén se pode dalo caso de que fose a propia La Voz de Galicia a que cometese un erro na transcrición da noticia. No seu momento a verdade terá que saír a luz.

Con respecto á carta do presidente, pregúntome como é posible faltar á verdade en tan só catro liñas e tamén estou obrigado a explicalo seu cinismo.

Non dubida en acusar ao alcalde de non vir dar explicacións, cando el é o primeiro que non as dou e por iso dixen despois dunha asemblea, que vergoña!.
Pero aínda hai máis, a día de hoxe inda non coñecemos os beneficios que a comunidade vai recibir pola cesión dos 2000 m. para o punto limpo.
Esta visto que aquí as obrigas só son para o alcalde, porque non é dos "seus".

Logo di que os terreos onde se pretende instalalo polígono son os de maior calidade e máis caros, neste caso ten toda razón, máis se cabe porque eses terreos non son comunais, son privados, polo tanto esta a tomar atribucións que non se corresponden co seu cargo, agás que tente facelo mesmo que cando un grupo de prexudicados fixaron unha reunión para recadar sinaturas en contra do polígono e non só tratou de poñerse ao fronte, se non que, amosou as súas queixas porque o papel das sinaturas estaba en castelán.
Como me comentaron algúns promotores e prexudicados, o problema non era no idioma en que ían as sinaturas, se non que o "seu problema" é que poden quedar sen as súas propiedades, cando o presidente neste caso non tiña nada que perder.
...Dende un punto de vista particular, se eu tivese unha propiedade alí, non a ían levar sen máis... Afortunadamente, xa non se poden pisar os intereses das persoas ou das comunidades.
Con este paragrafo amosa a súa verdadeira faciana e parece que administra a comuneiros de segunda e primeira. Aos de primeira por intereses que non vai a declarar, deféndeos neste caso a capa e espada; e aos de segunda, en confabulación coa antiga Consellería de Medio Rural, crúzalles, mediante unha expropiación ilegal, propiedades a varios comuneiros, entre eles, o agro de meu pai. Neste caso el si llos puido levar sen máis. Ver para crer

Parece que o de non dar explicación tampouco é exclusividade do PP, no seu paso pola Xunta de Galicia semella que o BNG, no caso deste flagrante delito, non tivo as "agallas" suficientes para darnos unha resposta a pesar de que o presidente lles remitiu dúas actas para dar validez ao acto cometido, pero que foron levantadas posteriormente, por iso Medio Rural non contesta.

Fai uns días saíu na prensa unha sentenza que obriga ao concello de Carnota a retirar un poste do alumeado publico dunha finca particular e a indemnizarlle ao propietario, un pino valorado en 482 €. Encontrámonos con similitudes moi parecidas, ademais a meu pai tamén lle derribaron varios eucaliptos.


Con respecto aos factores que sinala o presidente, non entendo porque nun punto fala da proximidade da praia, cando a súa proposta e a do Bloque (os comuneiros coma donos do terreo nunca nos pronunciamos) é facelo practicamente ao carón da mesma, tal é como se sinala na foto, que por certo, o terreo comunal non é máis que esa pedregueira que se ve e coido que non chega nin a 2 Has. Sobre os núcleos habitados afecta moito máis a zona delimitada en amarelo, proposta que apoiaba a antiga Consellería de Vivenda.

Se aos comuneiros non se nos pediu en ningunha asemblea que postura tomar ao respecto, pregúntome como pode afirmar que o seu grupo municipal, ten unha alternativa idónea. Iso ten un nome claro: manipulación.

Propiedades non terá, pero gustaríame saber de quen era amigo o veciño de Argalo (Noia) que nun claro favoritismo dentro da nosa comunidade, fixo uso das instalacións comunais con varios cabalos sen que os comuneiros fósemos informados e moito menos autorizar dita estadía.

domingo, 19 de xullo de 2009

O cinismo dun presidente, primeira parte

Terreos de Nebra nos que está previsto construílo futuro polígono industrial de O Son: en vermello, zona proposta polo BNG de O Son, en amarelo, proposta da antiga Consellería de Vivenda dependente do BNG, demais forzas políticas do Concello e a patronal.


A nota que transcribo saíu publicada o día 16 en La Voz de Galicia, asinada polo presidente da comunidade.
Cesión dunha parcela en Nebra:
Con relación á noticia publicada o 10 de xullo neste xornal sobre a cesión dunha parcela ao Concello de Porto do Son, por parte da comunidade de montes de Nebra, para a construción do polígono industrial, quero dicir que nin a asociación de empresarios, nin o goberno local se dirixiron nunca a nós para tratar da suposta cesión deste terreo o que cando menos, resulta sorprendente. Desde hai xa moitos meses, a comunidade ven convidando ás asembleas ao alcalde, verbalmente e por escrito, coa finalidade de que se nos explicase o asunto; aínda que nos xuntamos os domingos, o alcalde nunca puido asistir. Os terreos dos que falan para instalar a o presunto polígono industrial son, despois da catástrofe que tivo lugar en agosto do ano 2006, cando ardeu o 90% do monte da parroquia, os de maior calidade e seguramente os mais caros. Dende un punto de vista particular, se eu tivese unha propiedade alí, non a ían levar sen máis.

Hai outros moitos factores que non están nada claros neste asunto: a proximidade a núcleos habitados, a proximidade coa praia máis importante da zona ou a recente adxudicación dos terreos na concentración parcelaria son algúns dos exemplos máis destacados.
Por medio do grupo municipal do BNG, en repetidas ocasións ténselle proposto aos gobernos unha alternativa idónea que os executivos coñecen perfectamente e que, se cadra, están a calar. O polígono industrial é unha necesidade para o municipio de Porto do Son, e tamén para a xente que reside na parroquia de Nebra, máis non a calquera prezo, nin monetario nin de outra clase. Afortunadamente, xa non se poden pisar os intereses das persoas ou das comunidades.
Faise preciso que falemos entre todas as partes afectadas por este conflito para tratar de poñernos de acordo, nunha vía de progreso e de beneficios xerais que a comunidade de montes de Nebra desexa, pero sempre e cando se faga xustiza.
O presidente referise a esta noticia tamén publicada en La Voz de Galicia: A patronal sonense solicita á Consellería de Territorio que fixe os prazos do polígono industrial

Proel, fai xusto un ano, cando gobernaban na Xunta de Galicia os do mesmo equipo que el, vese que non "tiña motivos" para queixarse:

O PP promete que loitara polo polígono industrial
"...a portavoz municipal do BNG, Ánxela Franco Pouso, mostrouse onte convencida de que o polígono industrial de O Son vaise facer e que no entende como se está poñendo en dubida tanto dende o grupo de goberno como do maioritario da oposición (PSOE). Sobre a derrogación do anterior plan explicou que só se tratou dun trámite administrativo necesario para facer fronte a un novo proxecto, moito máis ambicioso.
Vivenda aclarou que Porto do Son será incluído no novo plan sectorial de chan empresarial cun parque adaptado ao estudo de viabilidade remitido polo Concello. O novo polígono contará cunha superficie de 370.000 metros cadrados".
Vivenda compromete inicialo polígono empresarial
Preguntas do BNG
"Pola súa parte, a portavoz municipal do BNG, Ánxela Franco, interesouse polas infraestruturas necesarias para poñer en marcha o polígono industrial como a dotación de auga, o saneamento ou a mellora das comunicacións. A concellala manifestou que tamén son necesarios informes doutras consellerías (en referencia a Política Territorial e Medio Ambiente) "que non son do Bloque" e que se se retrasan repercutirán no comezo das obras do parque empresarial".

"O polígono irá nunha zona preto do núcleo de Cans, na parroquia sonense de Nebra, e contará cunha superficie total de 340.000 metros cadrados, segundo explicou o presidente dos empresarios".
Ruín, moi ruín intentar politizar comunidades de montes, asociacións de veciños, asociacións culturais, etc, por parte de aprendices de políticos que por si solos non son capaces de "medrar" en política. Nisto da igual que sexan de dereitas, esquerda ou nacionalistas, a maioría "peca" do mesmo e non debería ser así.