domingo, 27 de noviembre de 2011

É posible un mundo rural vivo na Galicia?


Rescato e reedito este artigo-documento de Xosé Alfredo Pereira Martinez, presidente da ORGACCMM (Organización Galega de comunidades de montes veciñais en man común). Uso nel a negrita e cursiva, para subliñar os puntos que a actual xunta reitora da nosa comunidade se toma ao pairo, tal e como veño denunciando neste blogue.

Os montes veciñais en man común, son unha propiedade de titularidade colectiva. Esta titularidade atribuíse sempre á veciñanza, independentemente de quen a formen nun momento dado.

Os montes veciñais en man común configuran unha propiedade de carácter xermánico, xa que logo sen asignación de cuotas, fora do tráfico do comercio e que non se pode transmitir individualmente.

En Galicia, a superficie catalogada como monte, ocupa os 2/3 do territorio. De esta superficie, 1/3 é monte veciñal en man común. Isto veñen sendo unha 645.000 Has. de superficie do territorio galego.

Os montes veciñais en man común, son xestionados e administrados, en moi diversos grados de organización, por 2.800 comunidades de montes, que veñan a supor aproximadamente un censo de 250.000 veciños/as comuneiros.

A decisión, a xestión e a administración dos montes veciñais en man común, correspóndelle os veciños/a comuneiros, reunidos en Asemblea Xeral. É dicir, é unha xestión democrática.

A superficie media dos montes veciñais en man común e de 250 Has., o que ven a significar unha unidade adecuada para levar adiante, os seus diversos aproveitamentos de xeito racional. Aínda que a maioría dos montes veciñais en man común sitúanse no rural galego, existen montes veciñais en man común na cidades e nas vilas costeiras.

Polas funcionalidades que deben de cumprir os montes veciñais en man común (a función social, económica e medioambiental), e polo seu tipo de propiedade singular (privada pero colectiva e sen poder transmitirse individualmente), os montes veciñais en man común, encerran en si mesmo, o concepto da sustentabilidade.

A DIVERSIDADE DAS COMUNIDADES DE MONTES

Estes datos expostos, son datos fríos. Datos que puideron significar que, cando foron recuperados polos veciños/as comuneiros, seus lexítimos titulares, outra política de montes era posible. Máis os montes veciñais en man común cando chegaron as mans dos veciños/as comuneiros (décadas do 70 e 80 do século pasado), chegaron en outras condicións.

A sociedade rural galega e os montes veciñais en man común, transformáronse radicalmente, coas consecuencias de desertización e abandono do mundo rural. A esta transformación radical, non é allea a política de montes levada adiante dende o franquismo ate o día de onte.

Nos primeiros anos do franquismo, os montes veciñais en man común, fóronlle roubados os seus lexítimos titulares, isto é os veciños/as comuneiros, a favor dos concellos. Logo os montes veciñais en man común foron repoboados por especies de crecemento rápido (piñeiros e eucaliptos).

Cando os montes veciñais en man común son recuperados polos veciños/as comuneiros, as políticas de montes desenvolvidas polos sucesivos gobernos galegos, foron de tipo forestalista, esquecéndose das outras funcións que os montes deberían cumprir. Debese ter en conta, que a política de montes estrela dos sucesivos gobernos galegos, todos do mesmo cor, foi a nefasta política de forestación de terras agrarias.

Esta política de montes, fixo que se pasase dun monte veciñal en man común asociado o sistema agrogandeiro, a un monte veciñal en man común, caracterizado polo abandono e polo monocultivo forestal case ao 50%. Este aséntesmo e este productivismo, provocou unha reconversión salvaxe de estas terras comunais.

Reconversión caracterizada por:

- Ser escasamente rendible en termos financeiros.

- Ser incapaz de consolidar un patrimonio forestal diversificado.

- Eliminar as outras funcións que deben de cumprir os montes veciñais.

- Eliminar o monte veciñal en man común como un dos medios de vida.

Esta política repoboadora, aplicada os montes veciñais en man común, acabou destinado as mellores terras, as terras axeitadas para usos gandeiros e agrícolas, mesmo para usos alternativos; ao mesmo tempo que provocou enfrontamentos cos intereses das poboacións do medio rural.

Este modelo de política de montes, promoveu masas monoespecíficas en terras de cultivo, e monte abandonado no resto. Modelo de monte planificado para favorecer os intereses de axentes privados, en contra dos intereses dos veciños/as comuneiros.

Modelo que deu como resultado:

- Unha política de montes cuestionable tanto dende o punto de vista económico como silvicultural.

- Que condenou ao monte veciñal en man común a ter pouco valor engadido.

- Que non logrou que o produto interior bruto se multiplicase e xa que logo contribuíse a economía xeral do Pais.

- Que non se desenvolvese o mundo rural.

Mais o que si logrou este modelo de política de montes, foi que os veciños/as comuneiros escomenzasen a vivir de costas os montes e non o seu carón. Máis o que si logrou este modelo de política de montes foi rachar a simbiose monte veciñal comunidade rural galega .

A este abandono dos montes veciñais en man común, tamén contribuíu o incumprimento sistemático dos sucesivos gobernos galegos da lei de montes veciñais en man común de 1989.

De xeito que:

- Non se procedeu a facer os deslindes e os que se fixeron, foran mal feitos, creando conflito entre as comunidades de montes.

- Non se velou pola integridade do monte veciñal en man común fronte as ocupacións e usurpacións.
-Púxose moitisimas trabas para a devolución dos montes veciñais en man común os seus lexítimos propietarios.

- Non se asesorou as comunidades de montes veciñais en man común.

- Considerouse os montes veciñais en man común como reservas de chan barato.

- Non se realizaron plans de aproveitamento dos montes veciñais.

- Non se cumpriron os convenios e mesmo se mantivo a figura dos consorcios que por lei, tiñan que ser eliminados.

Estes sistemáticos incumprimentos da lei de montes veciñais en man común, foron moi negativos xa que obrigou ás comunidades de montes a gastar tempo, enerxías e cartos para resolvelos por vía xudicial.

Cando moito mellor seria que este tempo, estas enerxías e estes cartos, fosen gastados en prantexar iniciativas para os diversos aproveitamentos dos montes veciñais en man común

Neste estancamento para levar adiante proxectos innovadores e a posta en valor dos montes veciñais en man común, os veciños e veciñas comuneiros, tamén tivemos a nosa parte de culpa. Sobor de todo a actitude amosada nos primeiros intres, cando houbo que por a andar as comunidades de montes. Aqueles veciños/as comuneiros que se puxeron o fronte das primeiras comunidades de montes, con m máis ánimo que coñecementos, conceptuamos os montes veciñais en man común como o viñan conceptuando os concellos que os tiñan usurpados. E dicir, como lugares onde sacar cartos para mellorar as infraestruturas e servizos dos lugares, aldeas e parroquias (se ben é certo, e así hai que dicilo, infraestruturas e servizos que, ou ben non existían, ou eran terceiromundistas).

Nestes primeiros intres, as comunidades de montes veciñais en man común actuaron como amortecedores das reivindicacións veciñais diante dos concellos e outras institucións. De todos os xeitos, o error, o inadecuado, non foi investir cartos dos montes en obras de carácter social e comunitario. O error, o inadecuado, foi que somentes se investía en obra social e comunitaria, e non se investía en melloras do propio monte. Mais tamén e certo que a día de hoxe, moitas comunidades de montes teñen xa aprobada esta asinatura.

A transformación radical da sociedade rural galega, e con ela a modificación dos montes veciñais en man común, a política de montes inadecuada, o incumprimento sistemático da lei de montes, e plantexamentos non acertados das comunidades de montes nun primeiro momento, fixeron que hoxe en día, exista unha gran diversidade de comunidades de montes.

Diversidade de características e diversos grados de organización das mesmas.

De tal xeito que a groso modo podemos distinguir:

- Comunidades de montes das cidades e das vilas costeiras (os denominados montes periurbanos), con elevado numero de veciños/as comuneiros, en moitos casos xa desvencellados co monte ao ser veciños/as de segunda residencia.

- Comunidades de montes do interior do Pais con poucos veciños/as comuneiros e mesmo con problemas de funcionamento por falla de poboación.

- Comunidades de montes con un funcionamento correcto, aínda que so sexa no nivel administrativo e burocrático.

- Comunidades de montes que somentes existen na teoría e que foron montadas por intereses económicos alleos para acollerse sobor de todo as axudas de forestación de terras agrarias. Forestación que precisamente, por non existir a comunidade de montes, hoxe están totalmente estragadas.

- Comunidades de montes somentes con produción de madeira, unhas somentes rentistas e outras que crían emprego na mellora da produción forestal.

- Comunidades de montes con usos alternativos como poden ser a produción gandeira e agrícola.

- Comunidades de montes onde os seus ingresos proveñen de recursos non "tipicamente" do monte como poden ser: industrias extractivas, parques eólicos, polígonos industriais......

- Comunidades de montes co seu monte en estado de abandono.

- Comunidades de montes que reparten entre os veciños/as todo os seus ingresos,que reparten, fan obras de carácter social e comunitario e/ou melloran o monte en distintos porcentaxes.

- Comunidades de montes que invisten case todos os seus ingresos en melloras do propio monte criando emprego local.

- Comunidades de montes xestionadas a través do convenios ou consorcios coa
Administración, onde os titulares das terras non deciden nada.

- Comunidades de montes xestionadas libremente, unhas polas propias comunidades de montes e outras con convenios con empresas onde tampouco os titulares das terras deciden nada.


- Comunidades de montes onde os veciños/as comuneiros teñen información do que se fai nos seus montes, da política de montes.

- Comunidades de montes onde se da unha desvinculación total entre os veciños/as comuneiros e as xuntas reitoras.

- Comunidades de montes organizadas en niveles superiores os da súa demarcación (a nivel de concello, de bisbarra e galego).

-Comunidades de montes con problemas de quórum para celebrar as Asembleas.

O MONTE VECIÑAL EN MAN COMÚN E O DESENVOLVEMENTO RURAL E LOCAL

O futuro do monte veciñal en man común pasa por camiñar de contado hacia un monte multifuncional, axustado en primeiro lugar ás demandas dos veciños e veciñas comuneiros, e en segundo lugar ás demandas da sociedade no seu conxunto. Máis este desenvolvemento ten que levarse adiante baixo o concepto da sustentabilidade. E os montes veciñais en man común por ser "outra forma de posuír", están en condicións de facelo.

Para acadar este futuro, para acadar este obxectivo, hai que establecer unha relación monte-veciñanza. Os veciños/as comuneiros teñen que voltar a vivir a carón do monte. Evidentemente, a sociedade cambiou e non se pode voltar atrás e partir do mesmo lugar. Non se pode lograr que o monte veciñal en man común volva a ser o soporte do complexo agrogandeiros como era daquela. Pero si se pode lograr unha nova relación monte veciñanza. Entendemos que esta nova relación ten que darse entre o monte e o desenvolvemento rural (e tamén local). Desenvolvemento rural e local que, aínda buscando a compatibilidade e a integración de todos os usos dos montes veciñais en man común, ten que basearse, ten que pivotar en algún ou en algúns usos concretos do monte. Xa sexan usos agrogandeiros, forestais, produtos agrícolas, aproveitamento da biomasa forestal, apicultura, cogomelos, turismo rural e natural, actividades extractivas, posta en valor dos restos arqueolóxicos-históricos...... E ademais, esta multifunionalidade do monte veciñal en man común, ten que producir valor engadido que cree emprego e que fixe poboación na zona de influencia do monte.

Evidentemente, con esta proposta, non estamos a inventar nada. Estamos somentes a propor novas formulas en vellos sistemas. Estamos a propor cambiar comunidade rural labrega de onte, por veciños/as comuneiros de hoxe; soporte do complexo agrogandeiro de onte por desenvolvemento rural e local de hoxe. E en ambolas dúas formas mantéñense dúas constantes: a creación de emprego e o fixamento das poboacións.

Co desenvolvemento rural (e tamén local), estamos establecendo unha relación do monte veciñal en man común co que uns chaman economía local e outros economía social. En todo caso, economía asentada no medio, que implica ás poboacións nos seus proxectos, que reforza a identidade da zona e que tamén reforza a identidade das poboacións. Para o desenvolvemento sustentable de esta nova relación monte veciñal desenvolvemento rural (e tamén local), debese ter en conta diversos aspectos como son: As características morfolóxicas do monte, a situación xeográfica e humana da zona de influencia do monte, a vocación histórica do monte. E sobor de todo, a decisión dos veciños/as comuneiros tomada democraticamente en Asemblea Xeral. Non pode existir desenvolvemento sustentable, se este non e decidido polos seus protagonistas, e dicir, polos veciños/as comuneiros.

Máis nesta nova relación monte veciñal en man común desenvolvemento rural e tamén local, seria un grave error considerar aos montes veciñais en man común como a única solución, ou mesmo a solución con maiúsculas. O desenvolvemento dos usos dos montes veciñais en man común por si só, non pode acadar tal fin, tal obxectivo. O monte veciñal en man común ten que ser unha das pezas para acadar o desenvolvemento rural e local.

Para que os montes veciñais en man común creen emprego e fixen poboación no medio, ademais do desenvolvemento de todos os usos dos mesmos, terá que ir acompañado por:

- Políticas de infraestruturas e servizos que fagan atractiva a vida no medio rural.

- Que o traballo que se críe nos montes veciñais en man común, sexa un traballo digno, e non como acontece ate o de agora que é un traballo de segunda categoría e precario. Que os traballadores e traballadores do monte teñan convenios e afiliación ao reximen xeral da seguridade social co fin de que teñan todos os dereitos: desemprego, vacacións, prestacións por baixas e maternidade......

- Que os montes veciñais en man común teñan unha fiscalidade xusta e adecuada a súa figura singular; e non como acontece nestes intres que están sometidos ao Imposto sobre sociedades como se fosen simples empresas mercantís con ánimo de lucro.

Considerar os montes veciñais en man común como suxeito pasivo do Imposto sobre Sociedades, é unha inxustiza para todas as comunidades de montes veciñais en man común. Máis para as comunidades de montes do mundo rural, onde ten sentido o reparto entre veciños/as comuneiros de parte dos ingresos dos montes veciñais en man común, xa que acadan rendas que facilitan o fixamento da poboación, é moito máis inxusto.

- Estas comunidades de montes do medio rural, do montante a repartir entre os veciños/as comuneiros, teñen que tributar a Facenda o 25%. E logo, os veciños e veciñas comuneiros que reciben as rendas, na súa declaración do IRPF, teñen que tributar sobor un 8%. A aplicación do Imposto sobre Sociedades aos montes veciñais en man común sácalle rendas ao mundo rural. E ademais, é, digamos un imposto "colonial", xa que se recada en Galicia, que é onde existen as comunidades de montes veciñais en man común e se reparte en Madrid, xa que a fiscalidade e unha competencia exclusiva do goberno central.

- Que certos usos dos montes veciñais en man común, como poden ser os extractivos e o aproveitamento de enerxía eólica, non estean sometidos a declaración de utilidade pública. O caso do aproveitamento da enerxía eólica e paradigmático. A enerxía eólica prodúcese nos montes veciñais en man común, máis os beneficiados son os promotores dos parque eólicos e as empresas do ramo. E isto é debido que, como a enerxía eólica está declarada de utilidade pública, os titulares das terras sempre teñen que negociar a baixa. Se non aceptan os cartos ofrecidos polas empresas eólicas, estas ameazan con ir á expropiación, xa que saben seguro que a obterán do goberno da Xunta de Galicia. Esta practica política significa, que no mellor dos casos, os titulares das terras, so acadaran un 4% dos beneficios xerados polos parques eólicos instalados nas súas propiedades. Enormes rentas que se van para fora e que podían significar creación de emprego e fixamento da poboación no medio rural.

- Que non se siga primando e potenciando as empresas privadas para os traballos silvícolas e para os aproveitamentos dos diversos usos dos montes veciñais en man común, como se fixo ate o de agora. Estas empresas son, digamos "empresas tipo feudal". Teñen a sede fora do medio rural (no castelo), na época das subvencións van o mundo rural e recoller o produto (a cobrar o foro), para logo voltar a súa sede na vila ou na cidade (o castelo). Este sistema sistema de empresa nin crea traballo nin fixa poboación no medio rural. Os traballos silvícolas e os diversos aproveitamentos dos montes veciñais en man común,deben levalos, na medida do posible, as propias comunidades de montes. Ou ben, comenzar a aplicar nos montes veciñais en man común o sistema de traballo cooperativista. Xa que entre as características das comunidades de montes e o sistema de traballo cooperativista, danse diversas similitudes como poden ser:

+ Identificar ao monte veciñal en man común como xerador de rendas.

+ Precisar de unha planificación para o desenvolvemento dos diversos usos do monte veciñal.

+ Xeración de traballo no mesmo lugar onde se asenta o monte veciñal e xa que logo melloraría a calidade de vida dos veciños e veciñas comuneiros e a veciñanza da zona de influencia do monte polo que tamén fixaría poboación.

+ Investimento dos rendementos económicos no lugar de actuación.

+ Os propios veciños/as comuneiros, poder ser os socios/as cooperativistas.

+ Que non se siga considerando aos montes veciñais en man común como reservas de chan barato para beneficiar intereses especulativos e económicos privados, senón que se consideren como o que realmente son, e dicir, como terras de gran valor social, económico, medioambiental, cultural, histórico, que postas en valor de xeito sustentable, poden axudar, non só a criar emprego e a fixar poboación no medio rural, se non tamén a beneficiar a economía xeral do Pais.

Os montes veciñais en man común é certo que son unha propiedade privada, pero unha propiedade privada colectiva. Son xa que logo unha propiedade "especial", son "outra forma de posuír". Xa que logo, non se pode analizar como se fose unha propiedade privada normal. Os diversos usos das funcións clásicas e tradicionais que deben cumprir todos os montes (económica, social, medioambiental), nos montes veciñais en man común desenvolvidos de xeito integrado, compatible e interrelacionado (é dicir, de xeito sustentable), por ser precisamente unha propiedade especial, xera outras importantes funcións, seguramente secundarias, pero
non depreciables, como son: mellora da calidade de vida de xeito colectivo (obras de carácter social e comunitario, potenciación das manifestacións culturais), cohesión social (melloras nas parroquias,lugares e aldeas), participación veciñal (debate asembleario), ademais de creación de emprego e fixamento da poboación no medio. Isto fai que os montes veciñais en man común adquiren unha condición de ben común, de ben social.

A decisión, a xestión e a administración dos montes veciñais en man común non se poden tomar nunha mesa familiar ou nunha mesa de un consello de administración, como se fai nos montes particulares, nos montes de propiedade privada.

A decisión, a xestión e a administración dos montes veciñais en man común hai que tomalas nas Asembleas Xerais de veciños/as comuneiros. E xa que logo unha decisión participativa e democrática. Polo tanto, non son equiparables a propiedade privada pura, coa propiedade privada colectiva que son os montes veciñais en man común, E polo tanto, as políticas a aplicar teñen que ser diferentes.

Os montes veciñais en man común, desenvolven unha función social, e sobor de todo medioambiental, da que son beneficiados a sociedade no seu conxunto. Os montes Veciñais en man común combaten o efecto invernadoiro, regulan o ciclo das augas, evitan a erosión, protexen a diversidade da flora e da fauna. E de estes servizos , os beneficiados non son somentes os veciños veciñas comuneiros. O beneficiado de estes servizos e toda a sociedade. Xa que logo, a sociedade ten que participar no mantemento de estes servizos. De aí que as axudas que reciban os montes veciñais en man común, non poden ser consideradas como subvencións; se non como inversións de carácter social e de interese público, como se fai coas estradas, colexios, hospitais......

E POSIBLE UN RURAL VIVO NA GALICIA:

A resposta é si, pero un si condicionado. É posible un mundo rural vivo na Galicia, se se producen diversos cambios, cambios nas actitudes dos veciños/as comuneiros, cambios na xestión das comunidades de montes e cambios na política de montes.

A decisión, a xestión e a administración dos montes veciñais en man común, correspóndelle única e exclusivamente os veciños/as comuneiros. Os titulares de estas terras comunais, temos que vivir ao seu carón e non de costas a elas. Debese restablecer a relación monte veciñanza, que o monte veciñal sexa útil, máis non somentes dende un punto de vista exclusivamente económicista.

A realidade é que a día de hoxe é que esta situación non se da en todo e seu concepto. A grandes rasgos pódese afirmar que danse dúas formas xenéricas de xestión, administración (e moitas veces mesmo decisión) dos montes veciñais en man común. Os xestionados coa Administración Publica a través das figuras dos convenios e dos consorcios. Os de xestión libre, dándose nestes casos dúas modalidades: os xestionados pola propia comunidade de montes, e os xestionados con contratos con empresas forestais.

Para que os montes veciñais en man común sexan xestionados e administrados polos veciños/as comuneiros, temos que sentirnos orgullosos de ter tal condición. Temos que ter a dignidade de ser veciños/as comuneiros. Somentes sentíndonos orgullosos de ter tal condición, somentes sentíndonos verdadeiros titulares de estas terras comunais de gran valor social, económico, medioambiental, histórico, podemos polas en valor. Somentes de este xeito pódense por en valor estas terras para beneficio en primeiro lugar dos veciños/as comuneiros e en segundo lugar para beneficio de toda a sociedade. Ninguén alleo os veciños/as comuneiros debe decidir, xestionar e administrar os montes veciñais en man común. Mais esta cuestión aínda non esta interiorizada nos veciños/as comuneiros. Moitos aínda pensan que os montes veciñais en man común son das xuntas reitoras.

Non é certo o que se di por aí de que os titulares de estas terras non teñen coñecementos para levalas adiante, de que non saben o que teñen nas súas mans. E dicir, de que son uns inútiles e o que cumpre é entregarlle a xestión dos montes veciñais en man común a técnicos ou a empresas forestais. Non é certo. Quizais compra aquí recordar as palabras ditas polo xa finado, o maxistrado D. Daniel García Ramos, na clausura do 1º Congreso Galego de comunidades de montes, cando, ao referirse ao intento de privatización dos montes veciñais en man común dixo "Se escoitades tales cantos de sereas, rexeitadeos. Seria a morte dos montes veciñais en man común".

Cando afirmamos que a decisión, a xestión e a administración dos montes veciñais en man común, correspóndelle única e exclusivamente os veciños/as comuneiros, non estamos a propor de xeito radical que non se contrate a técnico ou a empresas forestais para desenvolver os traballos e os diversos usos dos montes veciñais en man común. Ás veces, por ser difícil superar os atrancos que pon a Administración Publica para desenvolver os aproveitamentos dos montes veciñais en man común, para facer proxectos e estudos ou para aqueles aproveitamentos que precisan unha comercialización para por o produto no mercado (abonos, pelets, carne....), compre a contrato con empresas forestais. Máis se se opta por esa vía, a relación ten que ser puramente mercantil. E dicir, pagar polo traballo feito. A decisión de que facer nos montes veciñais en man común nunca pode quedar fora da capacidade dos veciños/as comuneiros. Os montes veciñais en man común, non son empresas no seu xusto termo. Son algo distinto.

E para que os montes veciñais en man común sigan sendo algo diferente, a decisión, a xestión e a administración dos mesmos, ten que estar nas mans dos seus lexítimos titulares. Non pode haber aproveitamento sustentable, nin lograr un mundo rural vivo na Galicia, se os titulares dos montes veciñais en man común son alleos o seu desenvolvemento.

As comunidades de montes veciñais en man común, non son senón a reunión de veciños/as comuneiros, que reunidos en Asemblea Xeral, deciden sobor os seus montes veciñais en man común. Son xa que logo, sociedade civil organizada.
De cara a buscar en vencello entre a veciñanza e o monte veciñal en man común. Un vencello que faga interesante a existencia do monte veciñal en man común. Máis isto non se pode facer por lei. Cada comunidade de montes debe descubrila por si mesma e non teñan porque ser as mesmas para todas as comunidades de montes.

O desenvolvemento do mundo rural non se pode facer ao marxe das poboacións. Estas non poden ter un papel secundario no desenvolvemento do mundo rural. Como tampouco o poden ter os outros sectores organizados do mundo rural. As poboacións teñen que ter o papel de protagonistas principais do desenvolvemento do mundo rural. Sen o protagonismo das poboacións, non se pode acadar un mundo rural vivo na Galicia.

As estratexias para o desenvolvemento do mundo rural (e tamén local), teñen que darse dende a óptica da integración. Este carácter integrador de este desenvolvemento rural e local, ten que representar a conciliación entre as necesidades manifestas de un determinado territorio, as condicións de vida das poboacións que os habita e os recursos do mesmo. Polo tanto, ten que ser a sociedade civil organizada a protagonista de este desenvolvemento. O que significa prantexar as estratexias do desenvolvemento pensando nas poboacións, o que ao mesmo tempo ven a significar que deben ser a propias poboacións as que planifiquen estratexicamente este desenvolvemento.

Porque ademais, este é o único xeito de lograr un desenvolvemento sustentable. E dicir, plantexando un desenvolvemento de xeito equilibrado, empregando respectuosamente os recursos existentes no territorio e garantindo as melloras de condición da vida das poboacións do mundo rural e tamén local. E situar unha peza máis para o logro de un mundo rural vivo na Galicia.

Para que sexa posible un mundo rural vivo na Galicia, compre o deseño de outra política de montes. Máis para a aplicación de está política de montes, os montes veciñais en man común, compre ter coñecemento da diversidade dos diversos grados de organización das comunidades de montes, xa que estas teñen que ser os axentes implicados na xestión das súas terras. Seria un erro aplicar uniformemente a política de montes a todos os montes veciñais en man común.

É evidente que a política de montes ten que ter un norte, un obxectivo común. Máis tamén debe ter certa flexibilidade na súa aplicación. O fin de esta flexibilidade non é outro que lograr que nos montes veciñais en man común se artellen modelos integrados de xestión. Pero non somentes de xestión técnica e financeira, se non tamén de xestión administrativa e social. De este xeito, conseguiríase configurar unha estratexia, onde as comunidades de montes veciñais en man común, xunto con outros entes asociativos, fosen os dinamizadores do mundo rural.

A nova política de montes necesaria para lograr un mundo rural vivo na Galicia, debería:

-Contemplar aos montes veciñais en man común como unha propiedade distinta e ao par dos montes públicos e privados.

-Posibilitar o desenvolvemento de todos os aproveitamentos dos montes veciñais en man común baixo a óptica da sustentabilidade.

-Abandonar o papel de subsidiaria das demandas de madeira de dúas ou tres especies en apoio exclusivo do mercado e xa que logo, colaborando na destrución dos aspectos multifuncionais que sempre tiveron estas terras.

-Definir unha ordenación de usos do territorio onde se defina os lugares onde debe ir cada especie de arborada.

-Elaborar planos agrogandeiros que potencien os produtos do monte como produtos de calidade (carne, mel, froitos, cogomelos.....).

Una política de montes enmarcada nunha política económico-social xeral que beneficie o Pais. Unha política que teña en conta a opinión de todos os sectores implicados, que sexa transparente e que se esforce en levar adiante o socialmente acordado. Unha política de montes que dentro do seu marco, permita a decisión soberana dos veciños/as comuneiros, para por en valor os seus montes veciñais en man común.

Un mundo rural vivo e posible na Galicia?. É posible se as comunidades de montes veciñais en man común, conxuntamente cos outros sectores organizados do medio rural son os principais protagonistas do desenvolvemento do medio rural. Un mundo rural vivo na Galicia é posible se se deseña unha política que aposte polo desenvolvemento do mundo rural. Nestas coordenadas si que é posible un mundo rural vivo na Galicia.

No hay comentarios: